Esta semana fixen unha tirada en bici e 71 km
correndo, entre eles houbo un día con intento de series (6x1000 en 4.10´´:
4.05´´; 4.04´´; 4.00´´; 3.55´´; 3.50´´). Teño que seguir buscando as sensacións
na series (a velocidade e a resistencia chegarán algún día). O venres descasei
pois, repasando os meus apuntamentos, vin que desde o 2004 (1ª participación)
non mellorara o crono a Carreira a Pé de Lira (7.350 metros). O sábado era o
día da proba mais tamén o día que a miña irmá decidiu celebrar un inventado “Patrón”
en Louro. E como celebramos as cousas en Galicia?: con callos, xamón asado e
sobremesas para un rexemento. Pois co bandullo ben cheo funme para Lira.
Oportunidade de tirar unas fotos para
Iniciarte e saudar aos amigos da temporada de verán, como xa fixera na proba de
Vimianzo e farei na de Carnota. Como vou só desde Louro teño tempo dabondo de
facer o quecemento e comprobar, como fago sempre, como é a costa de asfalto
duns 600 metros que hai no quilómetro 5-6.
A primeira sorpresa veu da man de Blas,
regresado das súas montañas e con el a
fotógrafa máis guapa das carreira: Raquel.
A segunda é que teño un club de fans máis numeroso da competición. Os
comensais (chegáramos a pasar do trinta) tras a longa sobremesa decidiron darse
un paseo ata Lira. Non sabían que terían que esperar 90 minutos pola foto da
entrega de trofeos… (mentres picaron pementos e cervexas)
O ambiente magnífico, como sempre. O número
de participantes en aumento.
Na saída a xente nova empeza con moita présa.
Adiántanme moitos. A saída en subida e polo piñeiral é estreita e duns 300
metros. Cando remato o primeiro quilómetros case teño a miña posición natural.
Adiante a moita xente. No segundo quilómetro pásanme dous atletas, un deles da
miña categoría. Vou detrás deles polos camiños de terra e con pedras soltas.
Vou incómodo pero consigo que non se me marchen. Dous quilómetros máis tarde,
aumento o ritmo e pásoos (o da miña categoría ficaría lesionado nun xemelgo e
tería que abandonar) Ao dar a volta, tras pasar a Praia de Ximprón (lembraredes o seu nome
pola desfeita do Prestige) noto que vou pagar o esforzo realizado con/contra os
dous atletas. Levo uns quince segundos de marxe sobre o grupiño que ven detrás
onde hai unha persoa da miña categoría. Ao iniciar a subida, fágoo con malos
presentimentos mais vou con calma. Ao pouco de rematar a subida voume
recuperando e mesmo son quen de facer uns últimos minutos con forza e impedir
que ninguén me pase na baixa final, tal e como acontecerá nalgunha outra
ocasión. Comprobo o cronómetro e vexo que é posible mellorar a marca pero…
esquecín paralo na meta.
Entrei, co apoio do club de fans, de 12 na
xeral e de 1º na categoría.
Esta feito un campeon......unha makina... e pensar qe eu donde millor me atopie foi en ese camiños cheos de pedrs...porque sera.....?
ResponderEliminarPois porque a cabra tira ao monte... Vémonos en Carnota.
ResponderEliminar