25/11/18

VII Media Maratón de Vilagarcía: correndo en pelotón



Hai xa tres meses que adestro, e sen molestias. Tempo dabondo para probar como o corpiño vai asimilando os quilómetros nunha media maratona. Ademais desde había demasiados meses que non gozaba no asfalto desta marabillosa distancia. As lembranzas das últimas participación están asociadas á lesión (media de Porto en setembro 2016, ou a dos 21 do Camiño de xuño do 2016, as dúas cunha marca de 1.32´). A cabeciña e o corpo estaban rabeando por regresar a esta distancia.


Levando de taxista a Luís e con Nati e Jesús tamén en Vilagarcía, tomamos un café e fixemos algo, pouco, quecemento. Atopeime con Jose, un veciño recén atrapado polo asfalto que ía estrearse na media. Tempo húmido e frío (6 graos). 
Pequeno quecementos para matar a friaxe

O obxectivo era coñecer o estado de forma e buscar, de novo, sensacións, tratando de baixar de 1.27´ aínda que buscaría de saída o ritmo de 4´/km, é dicir por baixo de 1.25´. Tempo para saudar a amigos do asfalto, Bernardo, Moncho de Pelegrino, Baltasar... Que ledicia volver velos.

Luís, que leva unhas semanas sen atoparse moi ben, decide que tamén tratará de aproveitar a lebre que dispón a organización para 1.24´. Pequeno incidente antes de saír: un compañeiro ten un mareo e foi retirado en ambulancia (parece que todo está ben). Saímos lonxe do globo que nos marcaría o ritmo, imos por el, facendo o primeiro quilómetro en 3.51´´. 
A douscentos metros da saída

Fórmase un pelotón realmente numeroso, en torno a trinta atletas. Faremos case todos os quilómetros entre 3.51 e 3.58´´. No quilómetro cinco, nun cambio de sentido en Vilaxoán, vemos a Nati e Jesús moi diante, mesmo por baixo do globo de 1.30. Son quilómetros pegados á costa. Imos cara a Carril, regresando por Vilagarcía onde hai bastante xente animando. 

Rodamos en pelotón, eu bastante atrás pensando que hai anos iría sempre diante, dando a cara e agora, vou conservando, tapándome do escaso vento, aproveitándome do ritmo moi constante da lebre. Comprobando constantemente o ritmo de cada quilómetro. Cousas da idade.

Ata este primeiro paso  por Vilagarcía teño a sensación que vou alto de pulsacións de máis pero vou cómodo tratando de prepararen a cabeciña para cando teña que sufrir pois sei que haberá que sufrir. 
Primeiro paso por Vilagarcia. Á cola do numeroso pelotón


Luís que xa me adiantara que non ía cómodo, a partir do dez quere quedarse. Descólgome do pelotón e ofrézolle compartir o xel que levaba. Pídeme que regrese con grupo e déixoo detrás.

O pelotón vai minguando en número de unidades. Pero aínda vou cómodo con eles. Sempre detrás. Cando damos a segunda volta en Vilaxoán vou convencido de entrar con ese globo. Vou dando ordes á cabeciña de que hai que aguantar. Vexo aínda moi preto a Luís. Berro de ánimo. Vou pensando en positivo. Pensando nos meses parado e que hoxe estou de novo gozando dos quilómetros.

A medida que nos imos achegando a Vilagarcía vou caendo ata a cola do grupo. Téñoo a man pero xa vou a dous metros de quen pecha o reducido grupo (seis-oito). Na tirada ata Carril non deixo que o grupo se me marche e engánchome a outro descolgado. A pesar de todo o quilómetro 15 sae en 3.53´´, o 16 en 4.02´´ pero de novo o 17 e o 18 por baixo dos catro minutos. O xemelgo dereito vaise cargando e noto estrana a pisada dese pé. O 19 fáiseme logo de máis e vou en solitario (4.02´´). En solitario pero moi contento porque vou facendo uns ritmos que cría non poder ter. Os metros ata chegar ao km 20 fánseme realmente longos (4.02´´) e desde entón trato de subir ritmo, coller de novo ao compañeiro co que fixera os últimos quilómetros e achegarme case ata o globo. Último quilómetro en 3.54´´.

Entro en meta cunha tremenda cara de felicidade ou de estupidez.



Quédome na barreira de meta para animar a Bernardo e sobre todo a Luís. Vou trotando en sentido contrario á carreira para animar desde lonxe a Nati. Foi perdendo postos na clasificación de mulleres, para entrar en meta de 5ª pero subindo ao caixón por categoría.

Resultado: 102 de 407, 3º de categoría 1.24.11 a 3.59´´. Cando chegamos á meta a organización publicou uns resultados sendo 5º de categoría. Championchip publica 3º. Pero non hai trofeo que substitúa a felicidade por regresar a esta distancia.

Regreso con outro taxista. Jose (estrea fantástica na distancia, parabéns)

11/11/18

II Carreira Solidaria polo Párkinson. O Burgo



Semana de tan so 44 km (a anterior foran 51) e con pouca calidade de adestramentos. O domingo participación na II Carreira Solidaria polo Párkinson na Ría do Burgo.

Cun quecemento de tres quilómetros o trío de Montrove preparámonos para unha nova proba. Tempo para saudar especialmente a “Lon” ou Alonso despois de moitísimo anos sen coincidir. A saída con Julio foi sen incidente por pouco (curva na que piso nun lugar inapropiado). 





Primeiro quilómetro algo máis rápido do previsto (3.45 ´´) e tirando. Os do CAS formamos un pelotón duns sete atletas, deixando a outros tantos que se nos foran por diante (vamos, que eran máis rápidos ca nós) Son tres quilómetros con ritmos constantes de 3.52´´. Chegamos ata a Ponte da Pasaxe e controlamos como van as mulleres. Noemí vai con outra de primeiras, e a unha ducia de metros a Pilar. En dirección ao Burgo facemos outro quilómetro a 3.53´´.

Na pequena subidiña, o grupo estírase e eu quedo na cola. Julio continúa tirando. Nos seguintes dous quilómetros vou na cola pero sempre dentro do grupo.

Ao rematar a primeira volta, collo, de novo, a cabeceira do grupo formándose unha ringleira de a un e, pouco a pouco, imos quedando menos. Julio ben pegado e logo outro rapaz. Son outros tres quilómetros a 3.56´´. Na volta que damos debaixo da Ponte da Pasaxe, Julio parece que necesita afrouxar un pouco. Anímoo pero no seguinte quilómetro parece que as forzas vanlle a menos por problemas nunha perna e reduzo ritmo, son tres quilómetros a 4.00. O rapaz que viña con nós, cóllenos uns metros. Trato de Julio non aminore moito. Forzamos nos últimos metros e entramos da man en 43.18.

Durante a proba estiven algo despitado co ritmo por non controlar aínda axeitadamente o novo Garmin.

Tras cruzar a meta vemos que vén Noemí de segunda, reincorpórome á carreira e trato de animala para ir pola primeira. Pero non da máis de si. Fenomenal, de segunda. E logo, fago outros metros coa nosa Pilar que fai meta de terceira absoluta.

Contento pola acumulación de quilómetros e de continuar afinando ritmo pois nesta proba, que teoricamente era de 10 km pero na práctica de 11, xa debería estar por baixo dos 3.55´´.

Resultados: 8 e 9 (de 177 chegados á meta) en 43.18´´. Noemí de 22 na absoluta e 2ª muller, e Pilar de 24 e 3ª muller.

Agasallo final: no sorteo celebrado tras a entrega de trofeos, tocoume unha noite de hotel nun Tryp de Galicia.

1/11/18

V Carreira Aspronaga: que fago collendo trofeo?



Rematei outubro con 208 km, algún menos ca en setembro porque houbo días para descansar do asfalto. Iniciei novembro participando, case por imposición (que non home, non) de Julio na V Carreira Popular centro “Ricardo Baró” Aspronaga. Proba solidaria organizada por uns bos amigos e amigas e que conta co apoio, en persoal e infraestruturas do Club Atletismo Sada. Uns días antes, Pili, tamén obrigada a participar (que non home, non) e máis eu trotamos polo percorrido para que ela fora consciente das subidas.

Tan pouco afeito estou a isto das carreiras (que se nos perderá correndo sen sentido polo asfalto?) que saín da casa sen o chip. Pero como a proba faise a dous quilómetros da casa, non houbo problema (mágoa Julián que ti o esqueceras…)

Pouco quecemento e tempo para continuar saudando a corredores que había tempo que non vía. Fíxome especial ilusión charlar, xa sen o micrófono, con Jabalí do Sacho, míster speaker dos trails e de canta proba solidaria exista. Que grande eres Pedro!!!


Saída rápida pois era en baixada a un ritmo alto. O primeiro km  a 3.26´.  
Foto de Jorge Valdés

Sorprendentemente non me pasa ninguén na rápida baixada. Achégome a Julio e tiro onda cun segundo km a 3.49´´. Vemos como Luís vai tirando cos mellores. Tamén ven Robert. Iniciamos a subida de case mil metros. Xa non lle aguanto a Julio e cólleme uns metros.

Na parte final vou recuperando de novo e pola Ferrala case vou pagado a el. Iniciamos baixada por camiño de terra. Voulle collendo metros ao noso triatleta. Vouno tratando de animar para que non deixe de tirar pero cando chegamos á estrada para iren dirección meta xa vou en paralelo a el e pásoo antes de entrar en Aspronaga. Trato de animalo. 

 Fotos en carreira de JM Ríos


Foto de Jorge Valdés

Nos últimos metros levo a Julián moi preto. Bérrolle para que force dicíndolle que vou tras el. No sprint final son adianto por un colega do CAS.
Entrando na meta depois do Julián, o primeiro da categoría.




Resultados: de 21 (de 237 chegados á meta) en 21.30´´ 1º cat.  seguido de Julio a 5 segundos. Saíronme 5.600 metros a unha media de 3.49´´. Ben lembro como hai tres anos ao enfrearse os isquios coxeaba. Agardo que todas esas molestias sexan cousas do pasado. So hai futuro por correr.

Compartindo podium coas compañeiras, Julio e Alfonso

A proba tivo varias sorpresas. A primeiras pasarlle a Julio. Non contaba con iso pois está adestrando moi forte e cuns ritmos mellores cos meus. A segunda foi que o primeiro da categoría, Julián que entrou por diante de min, esqueceu o chip na casa e non foi incluído nos resultados. Pero nós sabemos que el foi o mellor na nosa categoría.

As mulleres impresionantes, Nati de 2ª e Pili de 3ª na clasificación absoluta.