14/12/19

V Carreira Nocturna de Sada: actualizando


Desde A Coruña-10 as cousas non foron ben. As novas zapatillas causaron tres graves problemas nas unllas das dedas dos pes.  Un músculo pequeno e ben raro (o plantar) na parte traseira do xeonllo esquerdo inflámase con moita facilidade. Un catarro dunha semana. Unha lumbalxia doutra. Vamos que teño a sensación de que cada quince días volvo comezar a temporada.

En agosto, tratando de comprobar que os músculos estaban ben, rodei 235 km, en setembro 160, en outubro 220 pero en novembro só 134.

Case por compromiso participei na V Nocturna de Sada (participara no 2015 na súa primeira edición a un ritmo de 3.42´´/km) As previsións climatolóxica era bastante negativas: moito vento e alta probalidades de chuvia. Como xa non estou afeio a isto de ir ás carreiras, saín da casa cunha bolsa chea de roupa de todo tipo: camisetas térmica, sen mangas, con mangas, chuvasqueiro, polar…

Fixen o quecemento todo vestido e abrigado cos compañeiros de adestramentos (Noe, Inés, Antonio, Fernando...) no INEF. Pasei calor polo que decidín correr só coa camiseta de competición.

Na liña de saída charla coa panda de veteranos cheos de doenzas e recuperacións (Segis… Toni…)

Saída con prudencia pois o chan estaba mollado e ligamos varias curvas seguidas. Deixo que me pasen por todos lados. En progresión, paso a Nati e a Lina. Rematando o primeiro quilómetro comezo a pasar xente, tamén a Inés. O primeiro km saíu a 3.49´´. Penso que non está mal despois de tanta prudencia en todas as curvas (a única caída que tiven en competición fora nunha nocturna de Ferrol, tamén co chan mollado).

Despois collo a Noelia. De cando en vez paso a alguén. O segundo km sae a 3.51´´ igual que o terceiro. Vou contento. Manteño o ritmo. Non lembraba que tiñamos que facer outra pequena volta cara a atrás pero trato de non desmotivarme. Coma sempre, animo aos coñecidos e coñecidas así como a os voluntarios e voluntarias que coidan de nós. Desde o segundo quilómetro noto unhas respiracións pegadas ás miñas costas. Adiantaranme no inicio do último quilómetro, onde o ritmo baixa a 3.59´´. Non forzo demasiado nos últimos metros porque non vexo a ninguén por detrás aínda que Juan Carlos case me colle.

Resultados: 20.38´´ nos 5.250 metros a 3.55´´, de 43 sobre 244 chegados á meta e de 8º na categoría (+45), Remato contento. Sei que é cuestión de constancia, de traballo con series. Mentres o corpo aguante a cabeciña ordea non parar.

E ao rematar a foto (sen posado, segundo Noe):

Sobre a organización: non serei parcial. O Club Atletismo Sada é moito máis ca un club. É unha familia cun altísimo grado de conciencia social, solidariedade e voluntariado. Todo un exemplo. Grazas.

6/10/19

XIII Coruña-10: versión 2019



Despois da Carreira da Auga, a parte posterior dun xeonllo protestou. Sería de novo o músculo plantar?. O martes fixen o adestramento con calma e o mércores xa fixen unha boa rodaxe. Xoves 10x1000 a ritmos controlados. E o domingo, regreso ao asfalto coruñés para a Coruña-10.

Chego tarde á foto do club. Quecemento con sorpresa pois atopei con Alexandre. Catros anos desde a nosa Media Maratona doPorto. Saúdos a colegas do club e amigos. Non levo chip.

No caixón de saída saúdame Carlos, excompañeiro de traballo. Son minutos moi agradábeis. En Noia o km saía a 4.11´´. En Sada a 4.06´´. E, segundo a experiencia do ano pasado, tocaría baixar dos 4´´. Tardo 15 segundos en cruzar a liña de saída (isto de non estar en forma estame acostumando a saíren bastante máis atrás do que era habitual en min)

Saída pola corda máis longa do circuíto para iren en progresión pouco a pouco. Saída en subida polo estadio de Riazor (xa non é estadio, non hai pistas de atletismo). Vou adiantando xente sen présa. Baixada con sentidiño. Adianto a Nati e Jesús.

Primeiro quilómetro a 3.50´´. Penso que o segundo será máis lento pois toca subir ata o Milenium pero sae a 3.53´´. Paso xente. Vou saúdando aos coñecidos e animando aos que veñen en dirección contraria tras dobrar polo Milenium.

Baixada cara a Riazor. Adiántame un rapaz (noviño sen experiencia e sen saber como debe facelo) Será un dos poucos que me adianten. Non máis de seis e nos derradeiros quilómetros.
Foto de Ramón Villar

Toca iren por Riazor. Ao chegaren ao Orzán comeza a suave subida. O asfalto aínda está mollado e vou convencido de que estas Saucony Iso-2 non agarran ben en mollado. O quinto quilómetro sae algo máis lento do esperado (4.05´´) Non vou moi cómodo, con pulsacións altas. Non sei se gozo desta sensación: falta de costume, falta de series, canso de correr… Continúo pasando xente e subindo cara á Torre pero o seguinte km xa é de 4.03´´. Convénzome de que ten que ser o máis lento, de que logo haberá que ir forzando pouco a pouco.

Antes da rotonda da Torre saúdo a Iago e Borja. Véxoos cómodos, sorrindo. A maratón de Valencia para eles ten boa pinta.

Despois desta rotonda sae un mal quilómetro (4.06´´) e trato de convencerme que é pola pequena subida. Os dous últimos quilómetros sufro coas dedas dos pes. Desde hai un mes teño serias molestias en tres dedas.

Toca tratar de aumentar o ritmo, de forzar, de mellorar posicións. Quilómetro 9 a 3.46´´ e o derradeiro, coa súa subidiña, a 3.49´´. Cando o Garmin marca o km 10 paro o crono. Aínda faltan uns metros para a meta.
Foto de Ramón Villar


Tras cruzar a liña só saúdos a Iago e Borja que fixeron un tempo mellor do esperado por eles, non por min. Parabéns.

Como non levei chip calculo que debería entar en torno ao posto:  250 (en meta 2.300) pois parei o crono en 39.21´´ a 3.56´´. O ano pasado saíra a 3.54´´ pero setembro fora un mellor mes de adestramentos e na proba fora acompañado varios quilómetros.

29/9/19

IX Carreira da Auga de Sada: con chuvia e vento



Despois da carreira de Noia iniciei os adestramento do club en Inef. Na segunda semana deste mes padecín una lumbalxia que me obrigou a parar case dez días. Polo tanto, setembro é un mes con poucos quilómetros (160) e poucos adestramentos de calidade (costas e series) Maila a todo había que participar nunha das probas que organiza o club: a Carreira da Auga.

Chego a Sada un par de horas antes da proba para botar unha pequena man na montaxe da proba. Vento e chuvia montando os arcos da liña de meta. Un café e pouco quecemento con amigos. Con Iago e Fer comento que o obxectivo era xa rodar por baixo do ritmo de Noia (4.11´´)  o que suporía baixar dos 42 minutos.

Saio con Iago e Fer pero ao ver o ritmo do primeiro km (3.54´´) déixoos ir. Tras os primeiros dous mil metros as posición están moi estabilizadas. Pasaranme un cinco atletas e eu adiantarei a algún máis. A final do quilómetro dous xa comeza a subida na que trato de que o ritmo non sexa desastroso. Son quilómetros en que o ritmo baixou ata os 4.38´´.

O novo percorrido lévanos a rodear o colexio de Mondego pero pensei que non tocaría subir tanto. O asfalto está moi mollado, pois non deixa de chover, e as novas zapatillas non agarran tan ben como anunciaban.


Moitos voluntarios do CAS en cada cruce e no avituallamento. Son un heroes, aguantan baixo a chuvia para que outros gocemos da carreira. Grazas.

Rematando a baixada. Foto de Jorge V. "O Grich". Grazas, meu

Rematando o km 7 iniciamos a baixada e os ritmos volven estar en torno aos 4.00´´. Paso xente, alguén pretende adiantarme mais defendo a posición comentándolle que se pegue ás miñas costas e que me adiante no sprint (cousa que fará).

Fotos do "noso" Fran. Grazas

Imos pasando aos últimos da nova carreira de 5 quilómetros. Moita muller do CAS. Que bravas!!!

A parte supeiror do xemelgo esquerdo (o plantar de novo?) comenza a cargarse. O derradeiro quilómetro non se me fixo tan longo coma noutros anos pero tomei as curvas cunha certa precaución pois están todas con bastante auga.

Tirada para casa a ducharse pois estamos mollados coma pitos.

Apuntar que a proba está organizada cun cariño tan grande que case supera á profesionalidade coa que se fai. Parabéns club.


Resultado: 41.00´´ a 4.06´´, de 39 sobre 418 chegados á meta. Case detrás da nosa atleta internacional Solange Pereira. 2º categoría.
Quen falta no podium?. Foto de Víctor Hugo

Hai problemas coa web de championchip e cando me enteiro do resultado xa non chego a Sada a recoller o trofeo. Mágoa.

O regreso xa está en camiño.


1/9/19

XXIII Nocturna de Noia: na procura do ritmo perdido



Remato agosto con máis de 230 kms. Xa son quilómetros.  Hai once meses que non facía tantos. Parece que todo vai ben. Agora toca ir aos adestramentos do club, facer costas e series.

Tras o regreso ás probas populares na Carreira das Areas de Carnota, os meus colegas de adestramento deixáronme so para participar na  XXIII Nocturna de Noia. De escusas van sobrados.

A idea era correr xa alto de pulsacións e comprobar o ritmo ao que se pode iniciar a temporada despois de tres meses de trote. Nunha mensaxe dese día dicíalle a Pilar que buscaba un ritmo entre 4.10 e 4.15´´ por km. Imposible pensar na situación do 2014 cando o ritmo fora de 3.44´´.

Asemade ía comprobar o resultado das novas zapas unhas Saucony ISO-2, suposta-mente algo máis eficientes cas New Balance 880.

Ao chegar a Noia comprobo que Emesport luce o poderío da súa carpa e do seu camión-pantalla.

Pouco quecemento. Saúdo a Diego do CAS. Suar algo sen cansar demasiado. Non me sitúo demasiado atrás, fronte ao realizado en Carnota.

O primeiro quilómetro iníciase en leve subida. Moita xente me adianta. Suave baixada e regreso cara ao centro. Primeiro km en 3.56´´. Reduzo algo a velocidade. Continúa pasándome xente. Cando vexo o ritmo do segundo km (4.30´´) penso que baixara demasiado o ritmo e volvo coller velocidade. Desde o terceiro quilómetro xa non me pasa ninguén. Son quilómetros entre 4.07 e 4.13 ´´. 
Primeiro paso por meta. So quen estivo demasiados meses sen correr pode levar esa cara de felicidade no medio dunha carreira

Trato de que non baixe o ritmo a pesares de ter a sensación de ir a menos mais comprobo que sempre vou adiantando compañeiros. Isto dáme máis folgos e convénceme da acertada táctica empregada (sempre ir gardando algo) Vou cómodo a ese ritmo. Nas pequenas subidas cústame algo máis pero ninguén me pasa. Con bastantes  atletas teño palabras de ánimo especialmente cando só restan dous quilómetros. Nos últimos mil metros collo a un de Outes e case obrígoo a que me siga e xa na recta de meta animo a quen levo diante para que force e non o pase (custoume non adiantalo)
Entrada en meta sen adiantar...

O percorrido foi mudado desde o 2014. Agora é moito máis polas principais rúas do casco histórico. Desde xeito hai moito máis público (amolaba un pouco ver  xente tomando cervexas, racións e ti correndo). A organización coidou moito o circuíto pois onde non había luz puxeron un xerador cun potente foco e onde había chanzos puxeron unas rampla de madeira.

Foron dúas voltas duns 3700 metros. Loxicamente non se chegou aos oito quilóemtros anunciados.

Volvo gozar do asfalto. Dos adestramentos acompañado ou en solitario.

Resultado: 31.07´´ a 4.11´´/km. De 94 na clasificación absoluta (sobre un total de 319 chegados a meta) e de 8º na categoría.

19/8/19

XXVIII Carreira das Areas en Carnota: grazas

No que levamos de mes levo uns 120 km trotatados a pesares de que os seis primeiros días estiveron gardados para a marcha ciclo-turista a Ferrol-terra.

Sen dúbida o mellor de facer deporte ao aire libre é poder compartir tempo, quilómetros, espectativas e ilusións con amigos e amigas e diso teño poucos pero ben bos. Os primeiros quilómetros de mes foron con dona Pilar (admiración pura) e o últimos, xa en Louro, con Iago (agradecemento eterno). Tamén moi agradecido á xentiña do Club de Atletismo Sada que con sorprendente interese preguntaron pola miña progresión. E aínda máis, como non agradecer o agasallo de Fer (dous maillots do Gran Fondo Andorra)? Grazas.

Visto o estado de forma e de quilómetros, decidín, tras nove meses, poñer un dorsal e participar na XXVIII edición da Carreira das Areas de Carnota. A miña preferida, por ser unha das miñas primeiras carreiras  e que máis veces fixen.

Iago decidiu facela comigo e eu comentei que a idea era facela de menos a máis saíndo case de último para gozar da proba. Correr con Iago é coma correr cun irmán pequeno que día a día faite ser consciente de que ti es o maior mentres que el día a día vai sendo mellor deportista.
O trío de Louro


Tras ver a saía e a chegada da carreira dos tres quilómetros onde dona Laura corre o que non adestra, preparámonos, cun quecemento comedido, xuntos, para a miña primeira competición en nove meses.

Saímos atrás e costa arriba pasando xente sen présa. 

Ao iniciar a baixada cara á praia, aumentamos algo o ritmo (4.26´´ o primeiro km) e case sen decatarnos facemos o segundo aínda máis rápido (4.13´´). Dígolle ao colega que podemos ir máis lento, gardando, gardando. Xa á altura da pasarela á praia aparece un dron (de quen será?) que vainos acompañar en bastantes momentos.





Desde a saída imos adiantando xente. Na praia, en dirección Maceiras, imos pendente tanto da liña a seguir (área máis dura ou camiño máis curto?) como das persoas que adiantamos que, loxicamente, cada vez son menos. Imos con vento a favor a 4.20´´-4.22´´. No xiro para cambiar o sentido da marcha comprobo a ollo en que posición vou na categoría (+50). Calculo que irei de 5 para miña, agradábel, sorpresa.

Ao dar a volta, danos o vento na cara cunha forza que non sospeitábamos cando o levábamos a favor. Pídolle a Iago que me adiante, que para algo lle pago, e póñome ao seu rebufo. 



Continuamos adiantando xente (tan so dúas persoas nos pasaron en toda a proba e foron dos adiantados na segunda metade) e dicíndolles que se pegaran ás nosas costas. Iago vai facendo de líder do reducido pelotón. Creo que pasamos a dous compañeiros da miña categoría.

O dron perséguenos. Na metade da volta o club de fans anima e tira algunhas fotos.
Iago marcando o ritmo do noso pelotón


Na segunda parte da tirada cara Boca do Río teño que dicirlle a Iago que baixe o ritmo nun par de ocasións ademais. Ista rapaz vai coma unha moto. É a parte onde hai máis pozas, auga e a área está en peores condicións. 4.29´´ e 4.52´´.


Ao dar a volta en Boca do Río notamos, de novo, o vento a favor. O ritmo sobe a 4.37´´ e 4.35´´. 

Saímos da praia e continuamos pasando xente. 

No asfalto tratamos de forzar un pouco máis a pesares de que imos subindo. 





Saudando á xente importante


Adiantamos e defendemos as nosas posicións. Toca sofrir, subir pulsacións, levar ao corpo ata a agonía. O ritmo do derradeiro km está moi preto do 4.10´´.

Facemos meta tratando de que Iago pase diante. Entramos da man.











Resultado: 44.26´´ a 4.28 km. De 45 e de 46 na clasificación absoluta sobre un total de 266 chegados. Moi contento e moi agradecido a Iago. Sorprendentemente 3º da categoría. É o meu peor ritmo nesta proba pero feliz de poder participar e máis detrás de todo un maratoniano como é Iago.



4/8/19

XXII Marcha Cicloturista a Ferrolterra: de todo un pouco


Tras un problemiña en Málaga, a mediados de abril collín de novo a bici. Tamén continuei mirando que diaños lle pasa á parte inferior da perna esquerda. O novo diagnóstico é “inflamación do músculo plantar”. Novo tratamento e lenta melloría. Comezo de novo a trotar. En xuño corrín 100 kms e en xullo 146.

A ilusión coa bici era poder chegar á nova edición do Gran Fondo Ézaro. Por falta de quilómetros decido inscribirme na de 82 km. O día anterior recollo dorsal e, xa en Muros, comprobo que teño mal unha cuberta. Non hai solución. Cabreado marcha para casa.

A solución para curar o cabreo foi inscribirme na XXII Marcha Cicloturista Ferrolterra.

Quedo con Barca no aparcamento da Malata para recoller os dorsais. Ela vén de facer o día anterior a cronoescalada ao Xalo. 1ª muller. Esta rapaza ten máis pódiums ca eu canas.
Na saída. Barca lucindo o sue novo maillot do Monte Xalo

Comentamos, os dous somos bastante inexpertos, que trataremos de gardar forzas ata Cedeira para no km 39 tirar o que se poida. Debo dicir que a probar era a ritmo controlado (media de 25 km/hora, jaja) e só na subida á Garita de Herbeira (600 metros de altitude) o ritmo era libre e ademais había premios para os primeiros en facer cume.

Vamos rodando en pelotón, moi pendentes dos frenazos e dos conseguintes lategazos. O percorrido é un permanente quebra-pernas.  Na primeira media hora ponse a chover con gañas durante uns quince minutos. Nun cambio de prato, a Barca sáeselle a cadea. Paramos. Mentres a amaña pásanos todo o pelotón e o grupo de vehículos acompañantes. Para chegar os compañeiros rodamos con alegría e case parecemos que estamos nunha gran volta, rodando detrás dos automóbiles e adiantando un a a un. 

Tras pasar Valdoviño, a miña bici, a “xeitosiña” fai os seus primeiros dez mil quilómetros en vinteseis meses. Estase portanto.

Ao chegar a Cedeira imos gañando posicións no pelotón coa intención de achegarnos á cabeceira. Dígolle á compañeira que hora de tomar o primeiro xel. Deixo a Barca no escomenzo do porto no grupo dianteiro. Eu poño una marcha cómoda (quero dicir que pasoume medio pelotón no primeiro quilómetro) No quilómetro tres adianto, por fin, ao primeiro compañeiro. Son adiantado por un rapaz que debe sobre-pasar os cen quilos. Non me deprimo. No km 5 da subida ese rapaz que vai tirando dunha grupeta de catro (eu son o último) cae contra o monte. Os dous que van detrás del continúan a marcha. Eu quedo para axudarlle a incorporarse e poñer ben a cadea. Cando se lle achega un coñecido (uns minutos despois) retomo a marcha.

Debo ir na posición natural pois case non hai cambios de posición no resto da subida. Preciosa, por certo, cunhas curvas… mi madriña e cun arreón final, entre cabalos, vacas, sendeiristas e aeroxeneradores que fan una subida espectacular. Cincuenta minutos de subida.

O primeiro quilómetro de baixada é rapidísimo, tanto que levo un susto nunha curva. Hai néboa. Baixo seguindo a varios compañeiros e somos adiantados por outros varios.

Chegada a Cariño. Avituallamento. Un plátano, dous pasteis e repoño o bidón. Tiramos esta foto.

De novo na ruta, outra subida por una boa estrada e con pouca pendente. Son quilómetros rápidos a pesares do vento e da pendente (10 kms ao 3%). Rematando a subida, Barca báixeseme uns metros  e xa non teño forma de collela. Ela fai un grupo e eu outro máis atrás. Chegamos a Cerdido.

Nun cruce, con dous persoas da organización, tiramos recto. De quen será o despiste? O pelotón fórase por outra estrada. No avituallamento líquido de Moeche vemos que ven o pelotón e reincorporámonos.

Son quilómetros de rodaxe conxunta a un bo ritmo, polo menos para min. Vou facendo unha media máis alta da esperada. Barca e eu entramos en territorio descoñecido, por riba dos cen quilómetros.

Non km 111, nunha curva moi pechada, tropezo co de diante e voume ao chan. Comprobo que o casco está para algo. Cadea saída, raspazo no cóbado (sangra) e golpe no xeonllo. Barca vai diante. Non se entera. Pásanme todos, ata o coche-vasoira. Doume un calentón de carallo para tratar de chegar onde o grupo. Outro compañeiro ven por detrás e dígolle de tirar xuntos. Pásannos as ambulancias. Nunha rotonda, con moto da organización e garda civil, non nos indican a saída, pasámonos e temos que facela toda de novo.

Iniciamos a subida á Bailadora, a última da xornada. Imos recollendo aos últimos do pelotón. O isquio dereito quere darme algún tirón. Non lle deixo porque ben podo subir cunha perna soa. Adiantamos aos vehículos da organización, incluídas as tres ambulancias. Ensino o cóbado sangrando. “Ostiá”, di o copiloto dunha ambulancia. Baixada perigosa e o derradeiro cruce mal indicado. Varios ciclistas teñen que parar por pasalo. Meta.

Charla con Barca. Visita á ambulancia. Limpeza do sangue e dous apósitos. Xa non quedo nin para ducharme nin para o xantar como estaba previsto.

Son novato nisto do cicloturismo. Teño moito que aprender. Gocei moito.

121.32 km, 4.45.14´´, gañancia en altura 2.187 metros, velocidade media en movemento 26.7 km/h.

6/3/19

Volvendo ás andadas



Tres meses sen actualizar esta bitácora. E logo?

Pois lembraredes que na Media Maratón de Vilagarcía notara unhas molestias na perna dereita. Cinco días despois, adestrando notei como íanse cargando os sóleos ou xemelos da esquerda. Á semana seguinte fun ao fisio e… un parón de tres meses. As molestias eran no sóleo esquerdo. Moita masaxes, repouso. Logo máis e máis masaxes, estiramentos, exercicios de tonificación e fortalecemento…

Ademais retomo a bicicleta pois traballando con ela non había molestias, ximnasio e algo de natación.

A finais de febreiro iníciome de novo no trote, alternando carreira con camiñar. As molestias ían a menos e, agora, a inicios de marzo, xa estou a trotar en días alternos e sen présa.

Futuro? Sen agobios. Adestrar e xa veremos o que se pode facer.