O teu sorriso é a nosa esperanza. Forza Vanessa.
19/4/16
17/4/16
Quen dixo medo? Coruña-10
Tras a
Vig-Bay esta semana foi de recuperación. Sesión, imprevista, de masaxe
relaxante. Intento de rodar o martes (só 8 km), intentos de series o xoves (das
catorce de 500 previstas so fixen sete). Houbo dúas sesión de ximnasio e trote o venres con Pili. En total
saíron 42 quilómetros, incluíndo a participación no dez mil da Coruña que se
fixo en paralelo á Maratón Atlántica.
A
salientar que esta semana, Iago e Borja invitáronnos a xantar a Pili e a min a
cambio de aguantarlles todo o seu rollo da primeira maratón, a de París. Canta ilusión vimos nos seus ollos. Aínda tiñan o sorriso na cara. Que grandes.
Benvidos, maratonianos.
Dous homes felices: dous maratonianos
Nos
días previos falara con Julio de facela xuntos tratando de acadar o 39´. Chego
a tempo para a foto co club e charlar cos que van participar na maratón. Que
emoción… despois de tantos anos aínda me emociono nas maratóns. Bea
super-ilusionada. Jesús super-responsable como lebre. Que club: tres das lebres
son do CAS.
25 chegados á meta na maratón e 63 no 10.000. Un gran club
O tempo, coma a semana pasada, volveu darnos unha alegría: sería unha proba en seco. Tras un
quecemento suave, coloqueime con Julio, Alberto e o seu grupo de triatletas.
Vemos preto de nós a Abel Antón ao carón do “meu” Pedro.
Julio sae moi rápido e tardo en collelo. Vou pola zona máis aberta para non molestar e/ou poder avanzar para tratar de collera o meu grupo. Aos cincocentos metros xa estou onda eles. Pero case sen decatarme voume colocando por diante, tanto que ao rematar o primeiro quilómetro comprobo as posicións e decido frearme para agardar polo grupo.
Julio sae moi rápido e tardo en collelo. Vou pola zona máis aberta para non molestar e/ou poder avanzar para tratar de collera o meu grupo. Aos cincocentos metros xa estou onda eles. Pero case sen decatarme voume colocando por diante, tanto que ao rematar o primeiro quilómetro comprobo as posicións e decido frearme para agardar polo grupo.
Tiramos
polos Cantóns, pola Mariña, Montoto. É un pracer correr polo centro da cidade
sen coches. Pode haber un lugar mellor?
Imos
cara ao Paseo Marítimo, os tres ben xuntos. Temos moita xente por detrás e
collemos a alguén do CAS. Imos ao ritmo esperado 3.52´´/km. Tras deixar o
Castelo de san Antón, temos a primeira subida, a do Oceanográfico. Julio vai
primeiro, logo Alberto e eu máis aberto. Baixamos o ritmo. Tiramos polo Paseo e eu, como sempre,
tratando de facer o percorrido o máis curto posible. Cando subimos cara a
Adormideiras parece que os tres nos custa moito pero na rotonda onde
habitualmente facemos un xiro, nesta proba tocaba aba continuar subindo. É o
intre no que Alberto se nos queda e irá perdendo tempo (en meta un minuto é
medio). Pasamos o km 5 en 19.33´´, moi ben pois xa non quedan practicamente
subidas. Despois de deixar de subir, recupero ben e atópome cómodo no ritmo.
Agora
comezamos a cruzarnos cos que levamos diante e cos que veñen por detrás. Vexo
especialmente ben ao Edgar (baixou de
37´, moi ben crack), Toni non vai moi lonxe (38.35´´) Pero sobre todo faime
moita ilusión ver ás damas do club. Inés vai diante, con dúas máis, e pegadiña
a elas Karina (esta dúas donas farían 1ª e 2ª, entrando da man e Karina mellorando
a súa MMP) Continúo animando a canto amigo/a vexo.
Toca xa
iniciar o regreso cunha pequena subida cara á rotonda da Torre. Julio quédaseme
un chisco.
Por
diante levo a Juan Carlos Brandón. Cando iniciamos a baixada desde
Adormideiras, cólloo e dígolle que se pegue pois vou ir con el. Por suposto, el
dime que non o espere e que tire. Tirar? Forzas as xustas. Falo con el para
animalo (animarme). Temos a outro corredor con nós sen dar relevo. Tiramos,
tiramos, tiramos.
Dígolle
que quero entrar con el na meta. Faltando cincocentos metros tratamos de subir
o ritmo, a pesar do cal, somos adiantados por dous corredores.
Grazas pola foto, Félix
Entramos
na meta collidos da man. Non é fantástico ir facendo amigos? Nas probas non
teño competidores, teño amigos e futuros amigos.
Da man e ao fondo... Abel Antón
Resultado: 39.12 de 70 (sobre un total de1555 chegados á meta) e 3º na categoría a un
ritmo de 3.55´´ Juan Carlos Brandón. E 7 segundos por diante de Abel Antón,
Julio entrou a dez segundos, Alberto en minuto e medio despois.
Saudando ao dúas veces campión do mundo de maratón na súa chegada a meta
Charlo
un pouco con Brandón, Lucía e especialmente coas primeiras mulleres na meta:
Inés e Karina. Saúdo ao maratoniano Iago e Pedro tíranos unha foto con Abel
Antón.
Despois
tocou animar un pouco aos/ás maratonianos/as. Danme, aínda, tanta envexa, que
tan só me quedo unha media hora para animalos. Pasei a mañá pendente do seus
resultados.
Non hai
molestias. Ben
Na casa
comprobo que quedei 3º na categoría. Outro premio sen foto no pódium!!!
11/4/16
XVII Vig-Bay: empeorando é xerundio
Nesta
semana adestrei catro días (e a
competición do domingo) pero sen atoparme ben, con poucas gañas e con
molestias estomacais. A parte positiva e que as pernas están aguantando e non
protestan. O domingo participei na..
XVII Vig Bay
Inicialmente estaba previsto que acompañaría a Laura para
acadar o 1.45´pero ao ter doenzas na semana previa imposibilitaron a súa presenza na
proba o que me obrigou a facela en solitario a un ritmo aceptable. Ben
lembro que o sufrín o ano pasado a pesar de facer 1.26´ e que era naquel
momento a miña peor marca en moitos anos. Esta temporada, tras tres semanas sen molestias nas
pernas, trataría de non empeorar a marca.
Ademais da compaña obrigada de Raúl, e como dona Laura non puido vir, tivemos a sorte da compaña das nosas donas, as que para non
aburrirse moito en Baiona, fixeron un percorrido completísimo polas súas tendas,
pois todas estaban abertas. Esa si que foi unha maratona, tanto para os seus
pes coma para as súas tarxetas.
As previsións climáticas eran desastrosas pero como íamos
estreando coche, case nin nos decatamos da viaxe ata Samil (sen deixar de
chover). Non fixemos quecemento pois agardamos á hora da saída nunha marquesiña
pois chovía, chovía, chovía. Cinco minutos da hora de saída, varios miles de
atletas apareceron repentinamente para colocarse na estrada de Samil. Dous
minutos antes das 10.30 deixou de chover pero o vento... iso si que foi ventar.
Saín tranquilo, buscando facer o quecemento e tratando de
coller temperatura. O primeiro km en 4.00´´. Teño a sensación de que son
adiantado por varios centos de corredores. Visualmente trato de situar a outros
corredores para testar o meu ritmo. Nas subidas quédome algo. No quilómetro
nove a cabeciña envía mensaxes negativas (non hai velocidade no corpo, non
fondo... vai ser un desastre). Tomo o xel (que vicio) logo a auga do km 10 que
paso en 41.21´´ e na posición 232. Sei que pasei o peor en canto ao perfil
agora toca aguantar. Empezo ir mellor, mesmo atopándome, de novo, cómodo. Teño
varios atletas de referencia.
Baixada a Praia América e, coma todos os anos, son adiantado
por un bo feixe de atletas, e, mesmo, por dúas rapazas (non sabía que eran as
dúas primeiras). Tras marchar en dirección Vigo e logo de volver coller a dirección cara a Baiona e antes de entrar en Praia América, digo en voz alta que debemos formar
un pelotón para protexernos do vento. Durante case dous quilómetros imos moi
agrupados. Saíndo de praia América quédase unha rapaza e no 15 non son quen de
coller auga pero levaba ao meu carón a Eladio dos Taninos quen, amablemente,
pásame a súa botella. A outra rapaza, e a súa lebre, cóllenme uns metros. Manteño o ritmo a
4.08´´ e vou na posición 244.
Iniciamos o percurso por Monte Lourido (non me gusta o
novo percorrido da proba). Posicións moi
estabilizadas. Volvo falar en alto para tratar de facer grupo con outros tres
corredores. Anímoos que se me enganchen pois parece que ían peor ca min. Algún confésame que leva toda a proba detrás de min. Enganchando a estrada que nos
leva á Ramallosa teño diante a Edu, tamén dos Taninos e con quen teño
coincidido nas maratonas de Madrid e Barcelona. Dígolle que se me pegue pois
parece que perde ritmo. Mesmo reduzo a miña marcha para que se enganche pero non
pode. Pois a tirar.
Fotos de Pe pe, con Edu e Juan detrás.
Na Ramallosa desato a bandeira republicana. Póñoa no
pantalón. É un xeito irracional de buscar forzas para tramo máis feo, a entrada en Baiona. Uns dous
quilómetros despois comprobo que non a levo. Penso que cando vaia a por Raúl
terei que estar atento para atopala.
Nos tres últimos quilómetros teño enganchado a Juan Legaspi.
Falo con el para motivarnos. Levo eu o ritmo. Faltando quilómetro e medio deixo
que tire el para afrontar xuntos o derradeiro quilómetro. Foi o máis rápido a
3.50´´ e ninguén nos pasou. Dígolle que non vou esprintar e que entremos xuntos da man. Así o
fixemos.
Tras cruzar a meta dime que fixo a súa mellor marca e
móstrase sinceramente moi agradecido. Dígolle que é a miña peor marca...
Uns intres despois, Edu entrégame a bandeira que vira como
me caera. Grazas, campión.
Como un plátano. Collo a bolsa que deixo onde as nosas rapazas e... troto en dirección contraria a ritmo de 5.30´´. Vou animado moito os corredores e mesmo interesándome pola situación de Pablo, Félix, Lucía, Ana... Moitos fican alucinados ou abraiados ao verme trotar en sentido contrario.
A bandeira entrando en meta. Grazas Edu
Como un plátano. Collo a bolsa que deixo onde as nosas rapazas e... troto en dirección contraria a ritmo de 5.30´´. Vou animado moito os corredores e mesmo interesándome pola situación de Pablo, Félix, Lucía, Ana... Moitos fican alucinados ou abraiados ao verme trotar en sentido contrario.
No km 18 vexo a Raúl. Póñome diante del e empezo a marcarlle
o ritmo. Protesta axiña. Debo ir máis lento. Dende aí ata meta adiantou a 125
corredores con tan só unha pequena axuda motivadora que, por suposto, tamén fun
repartindo entre os adiantados.
Fotos con Raúl de R R Running
Resultado: 1.26.53´´ a 4.08´´ na posición 233 dun total de
4.037 e de 5º na categoría.
Tras a ducha, unha cervexa reparadora, tamén con Pepe e Eva
e logo xantar no Paco Durán con vistas ás Cíes.
Outra Vig-Bay no peto e xa van... nove.
3/4/16
VI Carreira da Torre de Hércules: "Canción triste de Montrove"
Os que
xa temos algún anos, lembramos unha mítica serie de televisión que a TVE chamou
“Canción triste de Hill Street”, pois ocórreseme para frasear o título para
resumir os tres últimos meses e para actualizar o blog.
Cambiando
algunha cousa esta crónica tamén podería servir para a miña compaña habitual
(ou non? Pili)
Pasei
por varías mans que diagnosticaron que:
-os
músculos da perna esquerda están febles e teño que fortalecelos antes de trotar
con intensidade;
-as fascias que protexen os músculos están
contraídas de máis e de debo acadar que se estiren e fortalezan;
-os
puntos de amortiguación están contraídos e debo fortalecelos.
En
resume, algo de trote, estiramentos e exercicios na casa e fortalecemento
muscular no ximnasio.
Rematei
xaneiro con 209 kms, febreiro con 118 e marzo con 225. Houbo poucas sesións
de series pois sempre acababa
resentíndome.
Para
comprobar o estado das pernas e sobre todo para saber se aguantaban un ritmo
“alegre” participei, no seu, xa, habitual horario nocturno, na VI Carreira
Popular da Torre de Hércules.
Acompañado pola nova estrela deportiva da familia,
Laura, que ía facer unha serie longa pensando na súa segunda Vig-Bay. Terei a honra
de acompañala para axudarlle en acadar unha nova MMP na distancia dentro dunha
semana (será a miña peor MM)
Foi un
pracer compartir o tempo previo á carreira entre amigos e amigas que se
interesaban polo meu estado ao tempo que eu facía un inquérito polos seu
próximos obxectivos, en especial por Coruña-42.
Saudei a moita xente pero son sempre especiais, para min, as donas do
CAS. Un pracer velas de novo. Como tamén foi especial saudar a Paula Mayobre
despois do seu regreso á competición internacional.
Foto de: La Opinión
Sorprendentemente
vinme situado demasiado adiante na liña de saída polo que cando comezamos
correr abrinme todo o posible para non estorbar e deixar pasar á xente máis
rápida. O primeiro quilómetro era en baixada e saíu 3.27´´. Rápido de máis pero penso que a velocidade foi acadada
pola baixada e non polo meu esforzo. No segundo xa tivemos a dura subida de
Adormideiras a pesar do cal saíu en
3.52´´. Creo que non debo forzar. Vou ao carón de Edu, do meu club. Alégrome
velo tan ben. E digo en voz alta que nunca entrara diante de min nunha carreira
para animalo. Levo diante a Juan Carlos, quen anda a afinar para C-42. Non debe
forzar e véxoo cun ritmo moi regular.
Aproveitando
o percorrido con tendencia a baixar fixen o terceiro quilómetro en 3.54´´, con
pulsacións xa non tan altas. Cando imos rematando a volta, vemos os que xan van
cara á meta. Animo especialmente á nosa Vanessa. Damos a volta no Instituto
Oceanográfico. Iniciamos a subida. Trato
de animar a todos os coñecidos e coñecidas que van cara ao Castelo ao tempo que
vou pendente de ver a Laura. Cando a vexo paréceme que vai moi cómoda pero
lenta de máis. Dígolle que “pode correr cando queira”. Non obstante vou comprobando que vai en moi
boa posición pois leva detrás a uns dous terzos dos participantes.
O
seguinte quilómetro, xa en subida, foi a 3.58´´. Tras os primeiros cincocentos
metros de subida voume atopando mellor e creo que terei forzas para non baixar
o ritmo. Rematando a subida collo a Edu e a Juan Carlos. Trato de animalos e
que se enganchen. Juan Carlos faino pero a Edu cóstalle máis. Juan Carlos dime que me vaia pero faltando menos de dous
quilómetros prefiro compartilos e non comprobar ata onde aguantarían os
xemelgos. Vou algo freado. Juan Carlos
aguántame, pero Edu vaise quedando. Juan Carlos insiste en que me marche. Non
aumento o ritmo nin forzo na subida á Torre. Vou pendente da chegada para
entrar da man de Juan Carlos pero a meta nin está sinalizada nin está
iluminada.
A
salientar os constantes ánimos da xente do CAS, tanto da rapazada coma dos
adultos que non participaron na proba
Resultado:
68 dun total de 1.147 cun tempo de 26.44´´ a un ritmo (polo Garmin) de 3.55´´, 5º
na categoría. Laura entrou na meta de 441 baixando dos 5´por quilómetro.
Remato
a semana trotando 20 km con Pili. Un domingo sen eses quilómetros con ela non é
domingo. Toda a semana os nosos pensamento van para Iago e Borja e a súa estra
nunha maratón, a de París.
31/1/16
XIII Lugo Monumental: Crónica dun parón anunciado
Remato xaneiro con 209 km. Pero na segunda quincena tan so saíron 30 km. Os problemas non deixan de xurdir nos isquios e xemelgos. Nin cambio de zapas (a Adidas Boston) nin os tratamentos con fisio e quiropráctica semellan dar resultado. Houbo un día que tan so puiden trotar setecentos metros, varios tan so 3 ou 5 quilómetros sen molestias. Vamos que todo vai fenomenal.
Como o grupo de Montrove ia xantar nas terras luguesas participei na XIII Lugo Monumental, unha das probas que máis me gustan (tempos aqueles de baixar dos 37´). A idea era rodar e comprobar se o isquio esquerdo aguantaría ata a meta e senón … abandonar pois esta é unha proba realmente cómoda para facelo.
Saín practicamente de último ao carón de Raúl. De feito tardamos case un minuto e medio en cruzar o arco de saída (nunca tal cousa me acontecera). Paseniño, paseniño fun collendo algo de ritmo e adiantando xente. Fíxoseme realmente raro ter que ir pola corda máis ampla do percorrido cando habitualmente fágoo pola máis curta pero non queda outra se desexaba mellorar o ritmo. Fago os dous primeiros quilómetros en case 10 minutos.
Na primeira volta
A medida que ía pasando xente fun charlando cos amigos e amigas que adiantaba, con Chema, con Teresa Corrales e con toda a xentiña do CAS (que grande familia) No km 2 paso de 642 no 5,700 de 398. O quilómetro 5 pasárao en 22´. Continuo mellorando pero o isquio vaise cargando. Trato de non forzalo pois non quero coñecer o seu límite antes de que se bloque.
Na segunda volta
Vou vendo diante a Óscar Souto, tamén do club. Cando o alcanzo decido falar con el para saber se quere compañía pois deste xeito obrigaríame a baixar o ritmo e chegar tranquilo á meta. Serán tres quilómetros nos que non deixo de animalo, de motivalo para tratar de mellorar algo o seu ritmo e de pasar xente. De feito pasaríamos a máis de medio cento de atletas. Motívoo nas subidas da muralla, nas zonas planas e nas baixadas. Facemos meta xuntos.
Foto de Anxel Xade
Resultado. Nesta ocasión non nada significativo pois o importante foi que non rachei nin abandonei. Fago meta de 307 sobre un total de 1.240. Na categoría de 61, cun tempo neto de 42.43´´ a 4.17´´.
Xantar xeneroso e paseo polo fermoso rio Loio.
NOTA FINAL: como estou farto de case todo menos do asfalto, esta semana toca fisio e logo vou deixar as zapas (durante cantos días? Boa pregunta). Tratarei de ir ao ximnasio e buscar a comodidade das pernas.
Esta claro que sen Pili non son ná de ná.
18/1/16
XVIII Meia Maratona Manuela Machado. Viana do Castelo
Rematei
2015 cunha contratura nun isquio. Un día de repouso e progresivamente trote ata
facer 157 km na primeira quincena de 2016.
Os primeiros dez días adestramos (inclúo a Pilar) moito e ben (a ela as
series saíronlle fenomenal). O domingo dez, o isquio volveu protestar. Nestas
dúas semanas fun a un fisio novo que, coma non podía ser doutro xeito, fixo un
diagnóstico novidoso, aínda que nalgunhas causas coincide con cousas xa
sabidas. Basicamente os meus problemas musculares dos últimos cinco meses son
causados por empregar zapatillas pronadoras (recomendadas por outro fisio).
Teño que regresar ás neutras pero sen plantillas (que tamén as tivera
recomendadas por dous podólogos distintos). Ademais o diagnóstico foi feito
xusto despois de estrear unhas pronadoras novas… Que lle imos facer. Pola súa recomendación merquei as Adidas Boost Boston. Lixeiras, rápidas pero, polo de
agora, ocasiónanme molestias na parte dianteira do pé… Imos seguir unhas cantas
sesións máis con novo fisio…
O
domingo 17, oitos membros do Club Atletismo Sada participamos na Media Maratona
Manuela Machado de Viana do Castelo. A motivación dos adestramentos desde a
media de Ferrol era acadar unha mínima melloría nesta proba. Os veteranos que
xa a temos corrido, témoslle un especial cariño…
Con
puntualidade británica a expedición do CAS partiu do Burgo ás 7.30 horas dunha
tirada ata Viana. Tempo para aparcar moi
preto da saída/meta, a retirada de dorsais e un café. Fixemos un breve
quecemento a pesar do tempo frío e a ameaza de chuvia. Pilar e máis eu puidemos
saudar ao noso colega de Coruña-42, Jorge Lamas. A megafonía anuncia a
participación de 3.500 atletas polo que colocámonos ben cedo no lugar da saída.
Como case sempre, saímos moi atrás, agás Vanessa. Tardamos case trinta segundos en cruzar a
liña de partida. Saio con Jesús, temos que subir pola beirarrúa pois é
imposible ir pola estrada. Aos cincocentos metros deixo que se marche e non
trato de forzar pois el vai facer unha tirada de 1.20´. O primeiro quilómetro
saíu en 3.59´´ pero no segundo xa foi a 3.52´´.
Vou
cómodo, pasando xente. Teño a sensación ata o quilómetro 4 de ir mellorando
posicións. Tras subir pola autovía, iniciamos a parte máis lenta da proba pois
serán case catro quilómetros picando en subida. Continuo cómodo. A ritmos por
baixo de 4´/km. Vou contento pois ese era o ritmo que non atopaba dende había
catorce meses. A partir do quilómetro oito noto que volvo mellorar posicións. No nove tomo o xel (un vicio collido nos meses de baixón) Xa
comezaba ver aos primeiros que deran a volta. Vou contando cantas mulleres pasan
para saber que tal vai a nosa Vanessa. Vai de 7ª, doulle un berro de ánimo con
verbas non reproducibles por indecentes. Non vexo a Jesús.
Paso o
km 10 por baixo de 39´. Que ben, penso porque ademais queda a parte máis rápida
por seren en baixada. Agora toca ver a
xente que ven por detrás. Saúdo a Inés que vai fenomenal, logo a Juan, a Pili,
non vexo a Eliseo pero si a dona Marisa
(tremenda atleta é esta muller, o seu si que ten mérito) Os primeiros
quilómetros do regreso teñen algunha subida, non me importa. Vou ben e sigo
mellorando posicións.
Non km
13, no inicio da zona de baixadas o isquio esquerdo volve protestar (parece que
dúas sesións de fisio non lle chegaron) Non queda outra que estudar a que ritmo
me deixa correr. Baixo a velocidade un pouco e uns centos de metros para volver
aumentala pero o isquio ameza seriamente con darme un desgusto. Hai que reducir
a marchar e minimizar os danos.
O ceo
deixar caer, de cando en vez, pingas ben frías de auga.
Calculo
que sería adiantado por uns cincuenta compañeiros e unha galeguiña do Bueu, perdendo máis de dous minutos. Fixen un par de intentos de volver recuperar o ritmo pero as ameazas de
problema serio reproducíanse polo que tocou aguantar ata meta.
O
resultado foi mellor do esperado 1.24.40. Creo que o ritmo para baixar de
1.23´ xa está nas pernas.
Resultados:
Tempo oficial 1.25.01´´, na posición 300 sobre 2.776 chegados a meta, de 23 na
categoría, de 67º galego e de 3º na categoría dos galegos. Todos e todas do CAS
ficamos contentos: Vanessa 7ª absoluta e 2ª galega (cos cartos do premio pagou
o xantar), Jesús fixo unha proba cómoda pensado na maratona de Sevilla, Inés
continúa na súa progresión ao igual que Pili. Juan gozando da distancia coma
Eliseo e dona Marisa baixando das dúas horas.
Foto en carreira de Erik.
5/1/16
1/1/16
VI San Silvestre da Coruña
Adestrei
todo o mes sen molestias e saíron un total de 328 km. É unha boa colleita de
quilómetros pero non de ritmos. Remato o ano con 2.870 km. Tampouco está mal.
Igualmente é moito máis ca aceptable o número total de probas nas que
participei pois foron un total de 26 carreiras con 12 podiums. Gardo con
especial cariño a primeira Vig-Bay de Laura e o Coruña-42 ao carón de Pili
(grande honra). Pero en conxunto, non considero que este fora un bo ano
atlético. Mestres o último trimestre o 2014 fora magnífico neste 2015 nunca corrín co bos
ritmos e tiven reiteradas pequenas molestias. E como non podía ser menos, despois deste semestre
desastroso, remato o ano cunha forte contractura. Para
rematar o ano participei na
San Silvestre da Coruña
O
quecemento no foi moi profesional e mesmo tivemos tempo para que Juan Carlos
fixera algunhas fotos.
Coloquei diante na saída con Edgar, Toni e Julio.
Deixamos a Jesús uns centímetros por diante nosa. O spearker estivo
inconmensurable… tomaríase algo?
Decido
tratar de facer a carreira con este rapaces (canto anos lle levarei a Edgar?)
Aos douscentos metros da saída, na curva de Xoana de Vega vimos a Manute no
chan. Mala curva. Saímos rápidos (3.35´´) no primeiro quilómetro pero é o que
toca nas probas curtas, forzar desde o principio.
Hai
moita xente no asfalto, imos rápido pero hai atletas que nos adiantan. Nalgún
momento por Riazor, Borja adiantounos. No Paseo Marítimo vou ben, cómodo a
pesares de que é imposible facer o percorrido máis curto xa que constantemente
hai movementos nas posicións. Tras pasar a Casa do Home, iniciamos a subida
cara á Torre de Hércules. O meu grupiño váiseme uns metros polo que decido
abrirme e coller un carril libre e tiro por eles. Cando chego ao seu carón,
quilómetro 3, noto unha forte molestia no isquio esquerdo. Agardo uns segundos
e comprobo que vai a máis. Como teño a nefasta experiencia do Coruña-10, aviso
a Julio de que me vou apartar e paro.
Trato
de estirarlo algo. Vexo que son centos de atletas os que me adiantan. As ideas
que pasan pola miña cabeciña non son reproducibles nin por educación nin para
que ninguén entre en profunda depresión.Tras un minuto apartado, reincorporeime para ver
o estado da perna. Vou con molestias pero inicio de novo a carreira. Pouco a
pouco vou tratando de coller o ritmo e vou pasando corredores. Á altura do
Breogán póñome ao carón da primeira rapaza da proba, a nosa atleta Raquel
Sánchez con quen comparto adestramentos dous días por semana.
Con ela
inicio unha nova proba. Nunca corrín con ela. Pero tratarei de axudala a manter
o seu fantástico ritmo. Baixamos por Adormideiras, subimos. Iniciamos a baixada
cara á Hípica. Vou tratando de animala, de motivala (sería necesario?) Decátome que aínda non é moi constante no seu ritmo pero ten unha fortaleza interior que tira dela cuns folgos incríbles. Entramos
na Cidade Vella. Tempo para que Alberto nos tire unha foto e de saudar ao
mestre Bernardo (o que tivo que loitar este home para que a proba pasara diante
do seu traballo… como es benquerido). Antes de entrar en María Pita, a
presidenta do meu club de fans, tíranos unha ducia de fotos (grazas Marisa).
Na
chegada á meta, quédome un pouco e sepárome de Raquel para que poda cruzar a
meta como triunfadora. Bravo.
Son
momentos de compartir cos amigos e amigas, de buscar a Pili e a Laura, de
abrigarnos e desexar a canto coñecido vemos un feliz aninovo. Pili fixo
primeira de categoría e Julio, segundo. Despedímonos e con Laura colle o coche
pero… tras pagar e saír do parquin, Laura dime que temos que regresar pois
entrei de terceiro na categoría. Menuda sorpresa. Lesionado e terceiro, já, já.
Pois nada, regresamos e agardamos pola entregar de trofeos onde o speaker (eres un fenómeno, Andrés Prieto) por
segundo ano consecutivo tivo a ben loubar este blog, ademais de lembrar os
trunfos de Pili.
Como
sempre as mulleres do CAS arrasaron. Parabéns Raquel, Noelia, Inés, Pili e
María. Javier e Eduardo tamén subiron ao podium.
Resultados:
29.27´´ (un minuto máis ca Julio) entro de 96 sobre un total de 2.699 e de 3º
na categoría a un ritmo de 3.53´´.
20/12/15
I Carreira Nocturna Sada 2015-Cruz Vermella
Despois
da Media da Volta á Ría descansei uns días pois un xemelgo estivo protestando.
O venres, despois dunha sesión dunha hora no ximnasio de fitpower, participei na I Carreira Nocturna de Sada.
Dous feitos a salientar: a capacidade do club de mobilizar a tantas familias
(espectacular ver aos cativos e cativas facendo deporte) e a marabillosa visión
de rúas ateigadas de mulleres facendo o quecemento previo a unha carreira. Sen
dúbida froito do traballo e da motivación das fantásticas adestradoras María e
Raquel. Por certo, ao rematar a proba o presi comentaba que probablemente sexa
a primeira proba mixta na que a porcentaxe de mulleres participante moi
semellante á dos homes. Todo (TODO) o recadado foi para á Cruz Vermella, case
2.000 euros.
A
proba... como todas ultimamente. Saio ben, corro ben pero fago malos tempos.
Vin correr diante miña a moitos amigos que habitualmente non o fan. Mesmo Julio
deixoume a uns metros da meta acadando el o terceiro posto na categoría pero a
miña “vinganza” foi a de recoller a medalla do segundo (grande Alfonso) e
subirme ao caixón con Pili. A carreira fíxena moi regular soportando moi ben
que me foran pasando outros corredores. A ventaxe de correr na casa é que foron permanentes os ánimos dos membros do club que non participaron na proba.
Resultados: fago meta de 33 (de
261) e 4º cat. con 18.33´´ a 3.42´´ o quilómetro.
Sábado:
cea do club con outras 130 persoas. Como medrou a gran familia do CAS en tan so
cinco anos. Xa somos máis de 1.200. Impresionante. Xa van máis de 30.000
entregados a ONGs para causas solidarias. Debe ser que alguén está a facer as
cousas ben.
Domingo
regresamos á normalidade, 22 km con Pili. Total de quilómetros semanais: 50.
13/12/15
XXX Volta á Ría. Ferrol: Como son as nosas compañeiras
Terceira
semana consecutiva sen molestias con 50, 73 e 70 km respectivamente. Como os
nosos gandeiros decidiron ocupar as rúas Lugo en defensa das súas xustas
reivindicacións, Pili e máis eu decidímonos a participar na Media de Ferrol coa
idea de comprobar o nosos penosos estados de forma e ter unha referencia sobre
a que ir mellorando mes a mes. Para min correr en Ferrolterra é coma correr na casa posto que é facelo entre moitos amigos.
Acompañounos
Jesús na viaxe. Chegamos con algo máis dunha hora de antelación pensando en ter
tempo de retirar os dorsais, tomar un café e facer o quecemento. Mais non foi
posible. Coma no ano anterior perdemos moito tempo na retirada de dorsais e
case non tivemos tempo para o quecemento. Jesús tiña que atopar a Vanessa para
tratar de acompañala e de poñerlle un bo ritmo. A nosa “fuguilla” non daba
aparecido. Non tivemos tempo para entrar na foto do club.
Na liña
de saída estou con Toni. Decide vir comigo (pobre rapaz… non sabe que o avó xa
non está nin para facer de lebre)
O
retraso na saída debeu ser de só uns cinco minutos. Fixemos un primeiro
quilómetro moi por baixo dos 4 minutos pero xa a primeira costa obrigounos a
baixar o ritmo.
Pronto collemos ritmos sobre os 4.00´´-4.05´´, a non ser que as
permanentes subidas nos obrigaran a baixalos. Díxenlle varias veces a Toni que
se marchara que eu non tiña ritmo pero decidiu quedar comigo todo o tempo que o
asfalto nos permitira. Imos cómodos pola Estrada de Castela, subindo e baixando.
Despois
da gran subida na saída de Xubia e chegado o km 10, dígolle ao meu colega que
vamos para entrar xa en 1.26´. A idea que manteño na cabeza é de tratar de
forzar algo nas baixadas e mellorar as funestas previsións. Baixamos por Fene,
cruzamos a ponte das Pías. Creo que paga a pena facer esta proba tan só por
gozar destes dous quilómetros sobre a ría.
Na saída da ponte atópase o km 15 e a subida da que gardaba mala lembranza do ano pasado. Segundo o cruzamos ese punto quilométrico e a pesar dos ánimos de Toni, a quen continuei insistindo para que se fora…, empezo a quedarme. Non creo que Toni se fora senón que fun eu o que se quedou. Agora tocáballe traballar á cabeciña e fíxoo ben. Paso dous quilómetros malos (4.15´´) pero no derradeiro teño folgos para subir o ritmo (3.51´´) e forzar.
Tras
cruzar a meta vexo á muller máis feliz do mundo, a superwoman Vanessa: na súa
primeira media xa fixo 1.20.55´´, gañando a proba.
Resultados:
Pili entra en 1.36.38´´, na súa zona de confort. Eu fago meta en 1.26.28´´, empeorando
o tempo da pasada VIg-Bay. De 86 sobre 962 e de 11 na categoría. Entrei sen molestias, coas pernas cansas pero
volvendo a esnaquizar o crono por baixo. Agardo que de aquí só se pode mellorar
pois gañas e asfalto aínda non me faltan.
Parágrafo
aparte merecen as donas do club. Son a “caña”. Entre as oito primeiras, catro
do CAS e as catro pódiums nas súas categorías. É unha honra adestrar con todas
elas.
Foto en carreira de JMDobarro e de Lobeiras.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)















































