16/6/13

III Carreira Popular 10 km Concello de Carballo: que empanada!!!


Outra semana e outra competición. 

A semana foi coma as anteriores, un total de 59 km en cinco días (deberei pensar en só saír catro por aquilo da prudencia) a unha media de 12 km diarios. Xa van case tres semanas sen facer unha tirada longa. So un día fixen tres series de mil entre 4.07 e 3.53´´. A destacar que o martes acompañei a Elisa (ata onde se deixou) e a Inés (perdón polo forte ritmo). Fixen un só día de ximnasio con abdominais e pesas. 

Coma estaba previsto (xa que o sábado non puiden acomparñar a Raul á noctuna de Valencia), o domingo participei na III Carreira Popular 10 km Concello de Carballo. Ao igual que na de Ordes da semana pasada, tamén a fixera hai un ano mentres estaba saíndo da lesión padecida no nocello esquerdo. Tamén hoxe a idea era non sufrir na proba e ir na procura de boas sensación e se melloraba o tempo de hai doce meses (39.11´´) mellor ca mellor. 

Na praza de Galicia xuntámonos medio Club de Atletismo de Sada (a outra metade está xa en repouso ou estaba na competición de Riveira) Na hora sinalada iniciamos a proba. Saio con Roberto e aos douscentos metros xa se me vai separando. Non me importa, non teño présa. Os dous primeiros quilómetros son de buscar a posición natural da proba entre os case setecentos participantes. Unha vez estabilizadas as posicións comprobo que o meu ritmo é bo (tal vez a 3.49´´ o quilómetro. Trato de non forzar e reservar algo de forzas. 

Nos catro primeiros quilómetros Roberto sácame uns cen metros, mais chegando ao remate da primeira volta noto como me vou achegando ata telo case a uns vinte. No inicio da segunda volta, na subida, curta, que me fixera sufrir tanto o ano pasado, vexo como o grupo de Roberto váiseme e especialmente el (logo confirmaríame isto). Para a miña sorpresa teño preto a J.M. Rguez Tajes, un fenomenal atleta da miña categoría. Oa chegar ao oito xa vou detrás del e ao pasar o nove e medio adiántoo dicíndolle que non se preocupe que eu non teño esprín. Efectivamente a douscentos metros da meta hai unha subida e váiseme de novo (tres segundo na meta) e a pesares dos berros da miña rabudiña ("corre, corre") outro atleta pásame na liña de meta. 

Resultados: entro na meta en 38.50´´ (mellor ca hai un ano) na posición 44 sobre un total de 620 e de 7º na categoría. Como na edición anterior, os atletas confirman que a distancia é case uns trescentos metros maior ca sinalada polo que o meu ritmo por quilómetro sería: 3.47´´ o que significa que vou mellorando. 

Outros membros do CAS entraron cos seguintes tempos: José A.: 36.10; Roberto: 38.39; Alberto 40.20; Manuel: 44.06; Juan 44.15; Raul 45.23; Karina 45.49; Inés 46.27; Montse 47.17; Bea 50.54; Juan Carlos 51.16; Carmen 53.00; Begoña 54.44; Lina 54.57 e Bea 1.06.20. Parabén a todos e todas. 

Ao rematar a proba e ao verse tanta concentración do noso club o programa da TVG e da Federación Galega, Citius, altius, fortius, entrevistaron ás nosas rapazas e tiraron algunhas fotos. 

Mais agora debo facer un parágrafo especial. Veredes. Todos temos amigos e amigas. Mais eu teño a fortuna de coñecer a unha Rabudiña, a dona Mademoiselle Sandrillana que tivo a ben acelerar o seu regreso a Carballo para saudarme e tirarme as fotos que vedes a continuación; darme ánimos durante a proba e acompañarme na meta. E non só iso… agasallarme cunha extraordinaria empanada de bacallau con pasas, a miña preferida. Non sei que fixen para que me trate tan ben.
Entrada na meta no minuto 9.30´´

2 comentarios:

  1. Ser.... Nom encontro adxetivo.... Compañeiro fenomenal!!

    ResponderEliminar
  2. Non só eres o "George Clooney" do circuito galego, eres un Champion coa C maiuscula de Clase cos varios significados da palabra:
    - orden: só hai que ver cantos deixas atrás correndo e entran detrás de ti na meta.
    - elegancia e distinción
    - lección
    E a iso quería chegar. Es o meu "profe" de tantas cousas nas que me motivache a meterme, o meu profe de bibli, logo profe de blog e mentor para correr!´
    Como para non quererte e que non merezas unha empanada de Carballo (ollo, as mellores!) e moito +!
    Bisous

    ResponderEliminar

Grazas por deixarme a túa opinión