15/11/15

XXXIX San Martiño: Nous sommes tous Paris

Dúas semanas sen queixarme. Non me doe nada, adestrei ben e mesmo fixen unha tirada longa (20 km) con Pili. Que máis podo pedir?  Nesta primeira quincena de novembro xa levo 139 km case os mesmos que en todo outubro. Para comprobar o estado de forma e facer o test de inicio de temporada fun á:

XXXIX San Martiño

Coma nos vellos tempo, no coche íamos cinco persoas (que digo persoas, atletas) e como pensei que a circunstancia ben o merecía puxen música dos vellos roqueiros:

Chegamos con tempo para un café e ir dúas veces a baleirar líquido. Tempo de fotos para os cinco magníficos e para a xentiña do CAS.



Saudei a moitos amigos/as mais fíxome especial ilusión atoparme con Jorge Lamas, compañeiro de moitos quilómetros na Coruña-42 de abril deste ano. Laura leva instrucións dabondo para facer unha carreira con cabeciña.

Agardo no caixón con Juan Carlos Diéguez e Edgar (vou achegándome, meu) Foi emocionante o minuto de silenzo que se gardou en memoria das vítimas dos atentados do venres en París. Realmente emocionante. Non deixei de lembrarme da miña queridiña Rabuda que estaba no estadio de fútbol (quérote, campioa)

Saio con calma. Ponte sobre o Miño, subida, primeiro quilómetro en 4.00. Ben. Case desde o primeiro metro teño a sensación de que non para de pasarme xente (comprobarei logo que non foi así desde o km 5 polo menos). O segundo km vai en baixada e subo comodamente o ritmo. Non son quen de facer grupo con ninguén, todos se me van. 

Lembro ben que a proba non ten un perfil doado ata o km 5. Pásoo en 20.16´´ e  dígome que hai que apretar e tratar de subir o ritmo.


Recibo ánimos da gran Teresa Corrales desde a beirarrúa. A segunda metade da proba saíu algo máis rápida que a primeira, aínda así nos dous derradeiros quilómetros perdín 11 posicións.

Resultados: entro na posición 477 sobre un total de 4.538 atletas  e de 20 na categoría cun tempo de 39.52´´, é dicir 2.40´´ máis ca o pasado ano, mais entro ledo pois non me doeu nada, non hai molestias. So resta traballar para ir mellorado. Do lugar onde estou so podo mellorar e a iso nos adicaremos.

Segundo entro en meta fago o percurso á inversa para atoparme con Laura. Crúzome con Chema, vai fenomenal. Collo á campioa no seu derradeiro quilómetro. Atópoa ben, sube algo o ritmo, fálolle moito para animala. Fai unha marca magnífica pensando que ademais nos últimos quince días so adestrara unha vez. Vai aprendendo a correr, foi a ritmo de 4,57´´ de xeito moi constante polo non lle tocou sufrir. 

Alberto vai collendo a forma, Chema é todo un superheróe e Raúl correu sempre por diante do seu globo. Fantástico.

Mentres agardamos por Raúl, tiven tempo de saudar ao mestre Xosé Carrera. Sempre é unha alegría ver ao meu maratoniano do sur preferido.

Axiña iniciamos a segundo tempo da San Martiño nas termas de Outariz con pouco de Moët Chandon cortesía de Raúl e rematamos o día xantando na Casa Lolo as súas anguías. 

A música de regreso foi máis suave para non molestar á sesta dos grandes do asfalto, co mestre Roy Orbinso e o Bruce:

2 comentarios:

  1. Un pracer volver a saudarte. Ti si que es un mestre!! Grazas polas túas verbas cara miña persoa non son digno de tal honra.
    Saúde e qulómetros

    ResponderEliminar

Grazas por deixarme a túa opinión