3/10/21

Coruña-10: o mellor está por vir

 


Case dous anos se poñer un dorsal no peito pois as bicis o levan no manillar.

Dous anos cheos de problemas físicos que só coa paciencia e bo saber de Álvaro e Iago Vázquez conseguimos superar. Desde xuño xa non hai molestias pero ata mediados de xullo non comecei a trotar, alternado coas saídas en bicicleta (a miña salvación).

En agosto o trote é prudente con tiradas curtas e en progresión. En setembro collo un plan para facer Coruña 10 (xa van 12 ou 13 participacións?). Plan ao que tamén se suma a miña compañeira de desgrazas, adestramentos e alegrías, Pilar. É un plan prudente, con poucos quilómetros á semana (en torno a 50) que tratamos de seguir en canto a distancias e series e empregar os ritmos sinalados como referencia.


En xuño fixen 33 kms, en xullo 93, en agosto 181 e en setembro 223 quilómetros.

Uns días antes da proba recibimos a nova de que teríamos que facer un test de antíxenos. Foi unha chapuza espectacular, un malgaste de cartos públicos vergoñento pois antes de facelo xa tiñas un certificado na man sen nome; sen control de identidade; se deras positivo ninguén sabería o teu nome e poderías ter o certificado cun resultado negativo… En fin, boas intencións pesimamente xestionadas.

Tamén somos informados que imos saír en grupos de cen atletas cada dez minutos. Isto supón que imos correr, na práctica, sós, cando ademais tanto Pilar coma eu non estamos nas marcas coas que nos inscribimos.

Para colmo, as previsións climatolóxicas eran de abundantes choivas pola noite e posibilidades durante a proba.

Pois a pesares de todo iso, o trío de Montrove (Julio, Pilar e máis eu) alá nos presentamos na saída, cheos de ilusión e coa sorpresa dun sol de outono espléndido. Julio para baixar de 40.00, Pili para facer menos de 45.00 e eu coa idea de facer 42.30 a 4.15´´ por quilómetro (a miña peor marca na distancia e nesta proba). 



Gañas de probar o novo percorrido (moi plano pero sen público):


Facemos pouco quecemento con Iago (como está esta locomotora…) e achegámonos á saída para darlle un berro de ánimo a Julio pois sae dez minutos antes ca nós. Axiña nos colocamos na cámara de chamada e tratamos de continuar movéndonos. Teño ao meu carón a Toni (cantas probas xuntos, meu) e deséxolle sorte a el, a Pili, Nati e Iago.

Na saída tiña claro que non debería ir rápido pero a pesares diso o primeiro km saíu a 3.58´´ polo que decido baixar o ritmo. Seguro que a cumpable foi Laura, a miña sobriña veloz, que estaba agardando por nós para tirar algunhas fotos (grazas) e dar uns berros de ánimo (“que se note que es un Martínez”). O segundo km xa foi a 4.11 e adiántame a única persoa que o fará en todo o percorrido.


A sensación é de ir trotando só pois levo por diante a unha persoa que me vai collendo metros (20, 50, 100). Non teño a ninguén de referencia. É un xeito distinto de competir. Nas maratonas, aínda que adoitaba ir so, sempre te adiantaba alguén ou eu adiantaba a algún. Por detrás ven Nati, outra muller e logo Pili. 

O terceiro quilómetro volve ser rápido (4.02´´) e cuarto case igual (4.10´´) Estamos polo porto de Oza. Territorio tan feo e plano coma coñecido. Estes tempos non coinciden co inicialmente pensado. Comezo a ter medo de que rematen as forzas. Trato de concentrarme en non iren tan rápido, tratar de aproximarme ao obxectivo  adestrado (4.15´´) e forzar nos últimos quilómetros. 

Despois de tantos anos sobre o asfalto, é unha sensación novidosa: tratar de correr, sen sufrir moito, apurar pero sen cansarme... Semella que esquecín o que era participar en carreiras.

Por vez primeira entramos e corremos polo porto. Seguen sendo quilómetros en solitario. Saúdos aos coñecidos cos que me cruzo pois xa deron a volta á altura da Praza de Ourense. Son quilómetros máis lentos, entre 4.14´´ e 4.22´´. Creo que non teño forzas ou xa non sei sufrir coma hai anos. As pulsacións nun soben.

Mentres, a xentiña do CAS non falla. Son o mellor club animadoras/es que pode existir. Ademais doutra xente que me animaba polo nome e da que xa non me lembraba. Grazas.


Fotos de dona Laura

A partir do 8 trato de estar moi concentrado e tratar de ir subindo o ritmo, así fago o 8 a 4.12” e o 9, a 4.16”. 


Fotos de Fran

Nos últimos anos sempre tiña forzas gardadas para os últimos mil metros. Semella que é cousa do pasado aínda que trato de ir, pouco a pouco, subindo o ritmo. Adianto a tres atletas nos últimos cincocentos metros. E así sae que o derradeiro quilómetro foi a 3.54´ e os últimos 140 metros a 3.46´´. Parecen que se notan os adestramentos de series curtas...

Fico na meta agardando por Nati e por Pilar.

Resultados: Tempo oficial 42.11", tempo neto 42.06" polo meu Garmin a 4.09´´ os 10.140 metros. Na xeral de 256 (de 1054 chegados á meta) e na categoría de 5º.

Pilar e máis acadamos os obxectivos (baixar de 4.30” e de 4.15”) e Julio quedou a segundos de baixar dos 4.00”. Polo tanto contentos. Ademais Pilar fai 1ª da categoría. Esta muller nunca nos falla. Pero...

O mellor estaba por vir.  Tras agardar por Pilar na meta e ao saír do recinto pechado, alguén me chama. Non o podo crer. É Vanessa (a miña Vanessa). Dámonos unha aperta que me pareceu longuísima. Tanto tempo, tanta dor, tanto traballo. E dime que vai correr, que vai participar. Esta muller non sabe o que é a derrota. Non hai fracturas que podan con ela nin malos augurios de profesionais da medicina.

O mellor sempre está por vir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión