13/7/21

Gran Fondo Ézaro 2021: u-lo muro?

Hai que escribir algo pois xa vai máis dun ano e medio sen facelo. Case o mesmo tempo que non piso o ximnasio para facer as rutinas de fortalecemento e estiramentos. 

Reiteradamente estivéronse repetindo os problemas na zona do xemelo esquerdo: plantar?, poplíteo? Roturas fibrilares reproducidas no mesmo lugar? Semanas de trote, semanas de parón. Semella que agora está todo polo bo camiño. 

Farto deses problemas en febreiro regresei á bici. Máis ca nada pola deseperación de non poder trotar. Os quilómetros feitos nestes últimos meses foron: febreiro, 66; marzo, 660; abril, 468; maio, 792 e xuño 397. 

Con esta pouca bagaxe decidín inscribirme no Gran Fondo Ézaro. O sábado anterior Julio e Pili achegáronse ata Muros. Ceamos hidratos acompañado de lumbrigante e de godello nunha paisaxe paradisíaca.


 O domingo chegamos ata O Pindo con puntualidade británica. Vento de máis, nubes cubrindo A Moa e Fisterra e temperatura máis baixa da agardada. Xa no Ézaro tiramos unhas fotos e agardamos no caixón de saída con xente do Triatlón Coruña e de Barca. 




Debemos estar situados bastante adiante. Saída con dous minutos de retraso e… patada “pa” riba a subir Gures. Os primeiros quilómetros son de estar moi concentrados no numeroso pelotón e de ter localizado a Julio. Nesta subida a Gures trato de non irme demasiado para atrás pero é moita a xente que me pasa. Perigosa baixada por Ameixenda (por que non iremos pola estrada xeral?) Velocidade controlada (alta para min). Tráfico pechado polo que podemos iren polos dous carrís. Trato de non perder posicións porque sei que na saída de Cee volvei ser moi adiantado, feito que realmente ficou confirmado. 

Cando deixamos a estrada A Coruña-Cee para dirixírmonos a Muxía comeza, para min, a verdadeira marcha. É un percorrido novo, con máis quilómetros e desnivel acumulado que a marcha de hai tres anos. Tras deixar a o desvío á praia de Nemiña, a estrada vólvese unha constante subida e baixada, pero sempre gañando altura e ás veces con importantes desniveis (tiñamos que saudar aos aeroxeneradores) 

Comprobo que a pila do contaquilómetros chegou á fin dos seus días. Vou por sensacións, non teño referencia de velocidade (algo fundamental para un novato coma min porque desexaba non forzar moito na primeira metade da marcha). Son quilómetros cun grupo dunha ducia de ciclistas que nos imos indo adiantando máis teño a sensación que hai grupos moi numerosos que en cada subida van deixándome atrás. Cando por fin deixamos de subir, a baixada parécemos realmente perigosa: estrada moi estreita, asfalto saltarín, curvas moi pechadas. Lévome dous sustos ao ter que frear moito na estrada en dúas curvas. Baixo máis tranquilo. Moita xente me pasa. Trazan as curvas coma profesionais. Nalgunha subida miro para atrás e case non vexo a ninguén. 

Son quilómetros nos que se pode observar o cabo Touriñán e o novo Parador de Muxía engánchome a un grupiño e tiro con eles ata Muxía. Evacúo líquido. Tiven sempre a sensación de iren rápido de máis polo que case non me atrevía a beber nin a comer, fágoo. Paso, sen parar e como podo, polo avituallamento. Ben lembraba que na saída de Muxía tocaba subir e subir. Paciencia e subir piñóns e tomar o primeiro xel. 

Comezo a coincidir cunha persoa do Triatlón Coruña (na meta fomos presentados: grazas Carlos por compartir eses quilómetros) coa que me animo a falar e comentarlle algo do percorrido. Tratamos de iren xuntos aínda que nas subidas (e basicamente todo é subir) quédome uns metros. Continúan adiantándome/adiantándonos compañeiros e algunha que outra ciclista. A sensación é que teño que ir moi atrás na clasificación. Malas sensacións no isquio da perna dereita. Tras cruzar, de novo, a estrada A Coruña-Cee, imos cara a Dumbría onde a estrada é máis cómoda. Voulle comentando a Carlos as subidiñas que nos restan pois tres días antes montara por alí para, máis ca nada, comprobar a baixada do porto que íamos comezar a subir. En Dumbría comezamos subir o porto de terceira categoría: moi tendido e de tres quilómetros. Case semella o máis cómodo desde que deixáramos Cee. Hai tres anos nesta subida adiantara a moita xente (que logo me pasarían na baixada). Neste ano tan so pasei a cinco persoas e outras tantas adiantáronme. Como non levo contaquilómetros pregúntolle a Carlos a media realizada ata entón: 25 km/hora. Contento pois quédannos oito quilómetros en baixada. Dígolle ao meu compañeiro que na baixada marche sen agardar por min. Dúas veces respóndeme que tiraremos xuntos pero cando iniciamos a baixada, de xeito natural, vaise alonxado. Nesta baixada hai unha fermosísima igrexa pero tan so pódese observar o remate da súa torre deseñada por Domingos de Andrade. Para a miña tranquilidade a estrada está cortada polo que baixo con menos tensión. Nunha das curvas máis pechadas hai unha ambulancia (un ciclista fixera un “recto” e na meta enterámonos que non tivo nada de importancia). Fun adiantando por uns seis compañeiros. 

Tras chegaren a Brens, novo quilómetros en subida que trato de tomarme con calma. Tomar un xel, beber e comprobar o estado das pernas. Hai xente que me pasa, trato de engancharme. Algún rapaz inicia unha conversa. Subimos xuntos a Gures. Na baixada cara a Ézaro aparecen os primeiros coches. Deberon de abrir a estrada á circulación. Ata ese momento estivera pechada e realmente fora unha tranquilidade rodar sen automóbiles ou tan so os da asistencia técnica, os da organización ou os de Tráfico. Precisamente baixando vou detrás dalgún coche. Non me atrevo a adiantalo, cousa que si fan, e polo dous lados, outros ciclistas. 



Cruce cara á fervenza. Deixo de dar pedales. Bebo, baleiro os bidóns. Coloco os lentes no maillot. Paciencia, convencemento e subir piñóns. Chega o muro. Con todo metido (34x28) inicio a subida. Tras o duro choque coa realidade (a estrada está empinada de carallo) vou subindo pulsacións, tratando de colleren un ritmo que me permita gardar algo de forza. Paso as primeiras curvas. Fago bromas co pouco público que hai (teoricamente estaba pechado ao público) Recibo moitos folgos. Nas cunetas vannos indicando cantos centos de metros faltan. Xusto antes de ver o muro e tras ver a Carlos parado, o isquiotibial dereito comeza a darme cambras. Teño que baixarme da bici. Estiro. Volvo subirme pero tras dez metros as cambras reaparecen. Subo camiñando. Paso o muro o a durísima rampla seguinte. Cando faltan uns seiscentos metros, volvo subirme á bici. Consigo entrar na meta cun gran sorriso. Non hai sensación de derrota. Sei o que adestrei e sei que facer meta é todo un logro. Contento. No avituallamento quédome con Julio (parabéns por ese tempo e por ese primeiro posto de categoría) e un ratiño con Barca (parabéns, campioa). 

Resultado: 153 de 324, 3.39.56; subida muro: 22:58´´ posición categoría: 7º de 13.

1 comentario:

  1. Rematar é unha victoria e gracias por "liarme", e xa sabes..... LUMEEEEEEEEEE

    ResponderEliminar

Grazas por deixarme a túa opinión