5/6/22

XXX Desafío Lagos: Aúpa

 


Esta entrada vai dedicada ás dúas persoas que me ensinaron a amar e practicar o ciclismo, Antonio Moreno e Claudio Montiel. Con eles hai máis de vinte anos subimos a Lagos de Covadonga, no meu caso cunha bicicleta grande de talla e cuns desarrollos da época 52/37 2 10/24.

Hai meses que decidín non correr e regresar por unha temporada longa ás dúas rodas cunha nova fraquiña. Nos últimos tres meses non fixen demasiados quilómetros (822, 828 e 938) pero contento coa nova montura, máis cómoda.

Sen pensalo moito inscribinme na edición XXX do Desafío Lagos de Covadonga posto que ao Gran Fondo Ézaro non teño garantido a asistencia. Ao igual que vinte tantos anos atrás collemos hotel en Arriondas (non había nada máis preto da saída en Cangas de Onís)



Na viaxe cáenos unha tremenda treboada no alto do Fiouco coma unha ameaza para o serán seguinte. Reitada de dorsal sen visitar a feira do ciclista posto que non había onde aparcar e Isa ficou no coche. Aconséllanme que o día da proba deixe o coche en Arriondas e me achegue á liña de saída xa coa bicicleta. Isabel levoume ás 7 da mañá ata entrada de Cangas e aforroume os quilómetros de quecemento.

Cea con pratos típicos asturianos acompañados de sidra.



Ás previsións climatolóxicas non eran especialmente boas: posibilidades de chuvia desde as 12 horas e treboadas desde as 13. Mil dúbidas de novato coa equipación. Decidinme, finalmente, por levar protectores para o calzado e o chuvasqueiro no peto do maillot, deixando a chaqueta térmica na maleta. Poño as gafas con cristais de auga. Na saída comprobo que practicamente ninguén leva os protectores nas zapas.



Ao entrar en Cangas tiro a foto típica e vou para a liña de saída a onde chego con case trinta minutos de adianto pero xa teño uns mil ciclistas diante. Momentos para gardar calma. Non estou nervioso (isto non é unha unha maratona…) Informan desde a organización que a provincia con máis participantes é Madrid, seguidas das vascas, a asturiana e as galegas. Tras os discursos de rigor e o Asturies patria querida coa gaita dáse o inicio á proba. Tardo varios minutos en cruzar a saída e axiña comprobo a velocidade que colle a xente.



A miña idea inicial era tratar de iren o máis gardado e tranquilo nalgunha grupeta ata o primeiro avituallamento, case no km 50, pois era un perfil basicamente plano. Pero foime imposible. Centos de ciclistas pásanme por todos lados e decido non seguir o plan previsto e aumentar a velocidade tratando de ir a rebufo dos pelotóns que me adiantan. E así cando me adianta algún grupo póñome á cola ata que me vou descolgando para engancharme ao seguinte. 



No km 10 a media xa está en 37 km/hora. A cabeciña dime que free pero as pernas continúan tirando. No km 20 (Ribadesella co primeiro calentón na subida á estación) sigo a 37 km/h. Son quilómetros en lixeiro descenso por unha estrada ancha e moi ben asfaltada. Non hai grupeta que me dure máis de cinco quilómetros. Trato de estaren concentrado en beber cada 25 minutos.

Do 20 ao 35 km imos gañando altura e baixando a media a 34 km/hora. Son medias que o meu Garmin non coñecía.

Do 30 ao km 50 (Purrua) a media xa foi de 29 km/hora. Xa xente vai moi tranquila, moitos falando. Son quilómetros que fago cunha grupeta onde hai catro rapazas e os seus acompañentes. Vou tratando de xantar a primeira barriña pero non estou afeito a facelo a tanta velocidade o que me xenera un certo nerviosismo.

No primeiro avituallamento decídome a parar pois comprobo que é realmente grande e  moi ben organizado. Meto auga no bidón e como un plátano. Evacúo líquido. Pararía uns cinco minutos. Cheguei a este punto con case vinte minutos de adianto sobre as miñas previsións. En Parres, no km 50 a miña posición foi a 1046.

Tras Purrua comeza o primeiro porto e establezo conversa cun do C.C. de Padrón que me di que é a súa décima participación consecutiva e que a partires dese momento el vai ir tranquilo. Pois efectivamente no km 52 comeza de verdade a proba. Saúdo a dous do C.C. Muros. Decido, moi ben aconsellado, deixar de forzar e buscar en todas as subidas un ritmo cómodo (o meu) e a medida que a pendente ascende tamén ascenden os número de piñóns.

O Alto de la Tornería  (cume a 468 metros de altitude) tiña unha pinta de cómodo ao principio e duro ao final. Sen dúbida foi fermosísimo, espectacular pero duro, duro. Os tres últimos quilómetros case ao 10% de media con ramplas do 15%. As vistas son insuperables. Tomo o primeiro xel. Non teño frío. As gotas de suor caen sobre o cadro da bici.  Comezo a pasar por riba de bosta das vaques. (Moita pisei na marcha) Subo o porto en 25 minutos. Trato de non pensar o que será subir os once quilómetros dos Lagos a máis do 10%. Fago cume na posición 1143 (perdín case 100 postos) e na cronoescalada a posición foi 1592.



Nesta subida comprobo que me adianta moitísima máis xente da que eu paso. Pero non hai problema, a cabeciña está ben amoblada, forxada nunhas cantas maratonas. No inicio do descenso caen unha pingas de auga durante uns minutos. Descenso perigoso durante uns cinco quilómetros pero moi ben sinalizado, moitísimos voluntarios antes de cada curva. A estrada pouco húmida (menos mal) Grupo moi estirado poucos adiantamentos e todos bastantes tranquilos e prudentes.

Durante outros cinco quilómetros hai unha tendencia suavemente descendente. Outra barriña para o bandullo. A baixada saíu a 36 km/hora.

Comezamos a aproximación ao segundo porto (Riensena cume a 450 metros de altitude) con suave pendente, uns cinco quilómetros ao 2% pero aínda así a unha media de 22 km/h. 

Alguén con bicicleta eléctrica adiántanos a unha velocidade que debería estar prohibida. Tres quilómetros que me pareceron máis duros do que reflicten as porcentaxes e unha vez que chegamos a Riensena e tras un aviso de curva perigosa hai un agasallo doutra subida duns seis minutos. Fago cume na posición 1126 (mellorei 23 posicións)




Descenso de catro quilómetros a 31 km/h. Pelotón tan estirado que vou adiantando xente (sorpresa, eu adiantando na baixada). Pásanos unha ambulancia (a segunda), posto que vemos que rapaz saíuse nunha curva. Non parecía grave. Estrada estreita, moi fermosa entre ríos e fragas. Vou detrás de dous ciclistas amigos que non para de charlar. Aínda con algún repeito, ímonos achegando ao segundo avituallamento en Soto de Cangas. Na rotunda de cambio de estrada por fin hai moita xente animado, case me emociono pois ata o momento só cando pasábamos por algunha pequena poboación alguén botaba algún berro de ánimo. Pero desde aquí ata a meta a cousa cambia. O berro é sempre o mesmo, aupa. Na cuneta so hai vascos e vascas animado. Impresionante.

Avituallamento de bebida e medio plátano. Volvo evacuar líquido. Gardo os manguiños. Con calma inicio a aproximación a Covadonga. Teño a sensación de que todos imos algo máis lentos. Aínda co prato de 50 dentes ao tempo que a pendente vai subindo ata case o 3%.

Ben lembro como hai máis de vinte anos fixen a chegada á basílica e ás primeiras curvas. Curvas onde hai moita xente. Aúpa. Fago o que facía nas probas de atletismo, achegarme ata a xente de chocarlles a man para agradecerlles os folgos. Grazas. Estou na basílica con case vintecinco minutos de adianto sobre as miñas previsións. Contento. Sei que agora trátase de tomalo con calma e aguantar. Por Covadonga paso na posición 1075 (melloría de 51 posicións) Os meus cálculos eran que tardaría 1.15´en subir para facelo, finalmente, en 1.16´´ (cachisss).

Primeiro xel con cafeína. Subo piñóns. Escoitamos a treboada por riba de nós. A pendente supera nos primeiros quilómetros o 10% e moitos metros o 12-13%. Calma, sen présa. Trátase de manter o pensamento positivo. Haberá tempo para sufrir pero nunca para a derrota.

Xa hai xente que xa están baixando, que fixeron meta hai máis dunha hora. Busco motivación pensando que a todos lles levos varias ducias de anos.

Os primeiros quilómetros de subida van por baixo de 9 km/h. A media subida hai nubes tan baixas que mollan. 



Pola Huesera a velocidade baixa ao 8, 7, 6 km/h. Pásame xente pero eu tamén comezo a pasar ciclistas. Sei que vou perdendo posicións pero cada cen metros que pasan perdo menos. Aguantando e sen forzar nunca. Esforzo continuado, sen trompicóns, sen calentóns, gardando.

Pasada La Huesera o a velocidade mellora. Perdo a visión do Garmin, entre que vai mollado e eu non quero andar tocándoo, perdo as referencias que me ofrecía. Subimos pendentes dos que están baixando pois aínda que o fan con coidado ás veces cruzámonos moi preto. Compañeiros van subindo camiñando. Eu non me baixo da bici ata cruzar meta.



Descenso perigoso polo Lago Enol e derradeira subida ao Ercina. Meta nun repeito interesante e media volta inmediata ata o aparcamento onde se atopa o avituallamento. Fago meta na posición 1129 (so perdín 54 posición na subida a Lagos) e na cronoescalada a posición foi a 1232.



Foto. Chuvasqueiro. Primeiros centos de metros en subida e baixada con sentidiño. Chove con gañas durante uns cinco quilómetros, contento por levar os protectores de calzado. Vou adiantando xente. Tras Covadonga, en dirección Cangas vou cun grupiño que aínda pensa que está na proba pois imos a máis de 30 km/h. Sae o sol.

A organización, impecable.

Para xantar… cachopo e arroz con leite.





Resultados: Distancia 110,72, km. Desnivel positivo, 2.408. Tempo, 5 horas e 7 minutos. Pero tempo real incluíndo as paradas foi de 5.17.16´´ na posición de 1.129.

Galería de fotos de El Comercio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión