Rematei
abril con 314 km. Despois da marabillosa experiencia de Coruña-42, iniciei a
recuperación das pernas con catro saídas na semana seguinte (43 km a ritmos moi
suaves coa panda de Montrove e Pili). Na última semana de abril regresei ao
ximnasio (tarefa para o mes de maio) e fixen un trote de 9 km (con 8x500 entre
1.47´´ e 1.42´´)
Debino
a circunstancias familiares que non son para comentar públicamente, o venres
pola tarde participei na
II
Carreira Pedestre Popular Concello de Frades
Tiven
que aparcar realmente lonxe da saída e comprobei a dureza dos dous primeiros
quilómetros. A participación do CAS, coma sempre, numerosa. Quecemento
suficiente e saída con retraso. Saio con Luís Pinedo. As douscentos primeiros
metros son case plano e a partir de aí, tres quilómetros picando para arriba.
Luís váiseme xa no primeiro quilómetro, que paso en 3.50´´. O segundo foi a
4.00´´. Desde o quilómetro 1 xa non me pasa ninguén e eu pasaría a uns cinco
atletas ata o quilómetro 4.
Despois
da longa subida, uns quilómetros mais o menos planos para logo facer outra
subidiña na que collo a Luís. Tiramos xuntos
uns dous quilómetros e cando comeza a longa baixada vaime collendo
metros. Vexo que non temos ninguén por diante a quen poidamos coller e que por
detrás tampouco ninguén se nos achega. Son quilómetros nos que me sorprendo o
rápido que tiramos, costa a baixo, iso si: 3.40´´, 3.30´´.
Resultados:
32.11´´ a un ritmo de 3.44´´ (que o diría), de 29º sobre 164 chegados á meta.
De 2º na categoría. Sorprendido polo ritmo. O CAS acaparou premios: tres
masculinos e catro femininos (tres individuais e outro polo mellor equipo). O equipo de homes é tan malo que non pasamos, supoñemos, do 4º posto.
Teño
que recoñecer que foi un pracer ir ata Frades pola ilusión, cariño e esforzo
que a organización puxo para o desenvolvemento da proba. Da gusto correr así.
Esta
crónica e esta proba dedicámola ao noso Presi, a don Francisco Martínez.
Os
amigos sempre están onde deben estar, onde teñen que estar.Os amigos están nos
corazóns. Tamén poden estar noutros lugares pero só os mellores están
no corazón.
En
febreiro asumín definitivamente que non podería adestrar ao meu gusto para a
maratona da Coruña. Pero, coa axuda dunha pantasma, xurdiu unha idea: proporlle
a Pili facela xuntos. Esta distancia debíanos unha a Pili e a min.
Desde
setembro de 2010 esta parelliña de veteráns acordáramos preparar a maratona de Barcelona que se desenvolvería no marzo seguinte. Moitos quilómetros xuntos coa
ilusión dela de baixar de 3.20´e a miña das 3 horas. Pero non puido ser: da case a desesparación á ilusión por poder estar no asfalto de novo. Esta distancia
debíanos unha… e a maratona Atlántica foi o intre de saldar a débeda.
Non
adestramos moito. Ela só tres días por semana. Eu en xaneiro fixen 190 km, en
febreiro 128 para subir ata os 344 en marzo. Ata o 14 de abril levaba 156 km. Desde
finais de febreiro tratamos de facer varios adestramentos xuntos, especialmente
as tiradas longas para practicar, sobre todo, o beber correndo e a inxesta de
xeles (canto nos deu de si este tema) entre a Torre e o Milenium. A
contrapartida ao escaso adestramento foi a ausencia de presión. Adestramos
tranquilos e confiados en facer todo o que puideramos.
Por
obxectivo a acadar, ademais de chegar á meta, pensamos en baixar das 3.30´ pero
saíndo a ritmo de 3.25´. E iso por varias razóns, en primeiro lugar as
obxectivas: Pili estaba capacitada para conseguilo (Coruña-10: 43.44´´
Coruña-21: 1.34.27´´), en segundo lugar polas afectivas: na súa primeira
maratón (Mapoma 2008) xa fixera 3.30´ e na súa segunda (Mapoma 2009) fixera
3.26.12´´… E, ademais, o pantasma andaba
a lembrar que neste temporada ela acadara o primeiro posto da categoría tanto en
Coruña-10 como en Coruña-21, faltando Coruña-42.
NOTA DE
RESPONSABILIDADE: o sábado anterior á proba, esta parelliña saíu trotar uns
escasos quilómetros. Foi unha media hora na que aproveitamos para poñernos de
acordo en toda a intendencia da maratón (horarios de recollidas, aparcamentos,
duchas…) Mais xurdiu unha dúbida á hora de falar do ritmo de saída e durante a
proba: déixame toda a responsabilidade, que tire ao ritmo que considere… Que
farei? Tirarei para ir pola súa MMP ou deberei ser prudente e marcar un ritmo
de 5´/km?
Chegamos
con tempo para tirar a fotos cos maratonianos e maratonianas do CAS e de pasar
polo control de chamada. Non facemos quecemento. Con puntualidade deuse a
saída. O tempo foi estupendo: fresco e cuberto. Saimos xuntos pero aparentemente demasiado rápido, mesmo adiantamos ao
globo de 3.15´ porque era moi numeroso e incordiábanos para correr. Cando
vemos o paso polo km 1 (4.25´´) decidimos irnos deixando caer detrás globo.
Axiña cruzámonos por vez primeira con Juan á altura da Fábrica de Tabacos.
Creo
que é de xustiza facer xa un apuntamento sobre a xente que animaba. En primeiro
lugar, agradecer a Juan o seu cariño e perseveranza en seguirnos durante toda a
proba. Foi un apoio constante. Ben sabe el canto Pili e eu o botamos de menos nas
tiradas dos venres. Non son iguais.
En
segundo lugar, os membros do Club de Atletismo Sada que non participaron na
proba e que foron A CAÑA. Sempre, sempre, sempre, constantemente berrando os nosos
nomes, con tanta ilusión por nós… GRAZAS DESDE O CORAZÓN, COMPAS.
Non sei
en que momento un compañeiro do Car Marisqueiro sumóusenos. Foi unha compaña
moi agradábel. Unha mágoa que alá polo km 30 os isquios non o respectaran
porque tíñase merecido entrar con nós na meta. Grazas pola compaña Jorge Lamas.
Xa
desde o km 2 voulle comentando a Pili que imos rápidos de máis pois son
quilómetros 4.41´´, 4.42´´, 4.37´´. Díxenlle unha e mil veces que debíamos ir
máis lento. Pero ela atopábase moi ben polo que decidimos tirar tratando de
manternos entre 4.40´´ e 4.50´´ e a agardar que pasaran os quilómetros.
Pasamos
polo túnel, pola rotonda de Lonzas (en todas as pequenas subidas díxenlle que
non había que forzar), por Ministerios. No km 9 tomamos o primeiro xel, segundo
o previsto. No km 10 bebemos, ou iso intentamos. Imos cara a Oza. Imos na
posición 372. Cómodos, cómodos, charlando, non moito pero relaxados.
Continúamos coa compaña de Jesús do CAR Marisqueiro. En cada cruce cos coñecidos
animámonos mutuamente. Así da gusto correr. Imos a ata a Praza de Mina para
rematar a primeira volta. Na segunda mantemos o ritmo fenomenal. Vou convencido
de que Pili non vai fallar. Non vai aparecer o muro porque… para iso vou eu.
Desde o
primeiro momento temos a sensación de que non deixan de pasarnos corredores.
Dígolle que se somos constantes, desde a media, seremos nós os que adiantemos
xente.
Acompañados por Jorge, iniciando a segunda volta.
Na
segunda volta, e despois de tomar o segundo xel (km 19) destacar que no
avituallamento de Oza estaba a miña alumna Noa. Foi moi graciosa a súa
reacción. Pasamos a Media Maratón en 1.38.57, na posición 385, cando o previsto era en 1.42´ e a un ritmo inferior a 4.42´´. Seríamos uns inconscientes?
Cando
chegamos a Riazor xorden os berros da pantasma dando ánimos. Que bozarrón. No km
25 xa imos de 368. Mantemos moi ben o ritmo e pasamos xente. É o territorio por
onde temos adestrado moito e esa é a nosa forza. Coñecemos cada subida, cada
baixada, onde hai que forzar e onde non. Temos as cabeciñas preparadas para o cansanzo e o sufrimento.
Imos
acumulando quilómetros pero a cabeza non envía sinais de esgotamento. No km 29
tomamos o terceiro xel, no meu caso é o primeiro con cafeína. Seguimos
fenomenal. Esta muller non deixa de sorprenderme. Subimos ata a rotonda da
Torre, facémolo con forza. Subimos ritmo na baixada. Tiramos ata Riazor. Sabemos que cada vez falta menos. Estamos lembrando sensacións dos adestramentos. Nada pode fallar. Imos convencidos de que a meta xa está agardando por nós.
É o meu
momento. Para algo me paga. Comezo a falarlle moito. Ata ese intre non o fixera excesivamente. Trato de que non pense.
Unha perna tras outra. Unha perna tras outra. Na subida ata a Casa da Auga non
forzamos pero recuperamos moito na baixada. Juan continúa ao seu, grabando. Comezamos pasar corredores que
van pola primeira volta. Pasamos a Natalia e a Marisa (son unas auténticas
heroínas estas ironwomen). Dígolle a Pili que na subida ata san Roque que non force.
Pasamos o km 33,1 na posición 348. Sabemos que a cada quilómetro que pase, menos xente temos diante. Sempre en positivo.
Comeza
a ir cansa. Pero seguimos con ritmos por baixo de 5´. Tiñamos comentado que
esta última volta sería fantástico poder manter o ritmo de 5´. Pero nós… coma
foguetes. No km 34 tomo o último xel, Pili non o quere. Facemos Riazor, pasamos
a fonte dos Surfistas e Pili da os primeiros síntomas serios de esgotamento. Muda
a faciana, xa non vai relaxada, semella que deixou de suar, que leva frío.
Coñecémonos
moi ben. Ela sabe que sinais debe transmitirme e eu, creo, seille responder.
Déixolle que faga a subida a ata a rotonda da Torre como queira, sen presión. É o momento no
que somos adiantados por Juan e Fernando. Dobramos a rotonda e baixamos. Tarda en
recuperar. Son os únicos tres quilómetros que superamos o ritmo de 5´ (de
5.10´´ a 5.02´´) Á altura do Surfistas recupera. Hai moita xente na beirarrúas.
Os ánimos do público danlle novas forzas. Melloramos ritmos. Estamos rematando.
Vou convencido de que vai facer Mellor Marca Persoal. É tempo de insultala e tirarlle
gabanzas (agardo que máis o segundo co primeiro). Cámbialle a cara. Volve
sorrir.
No km 40. Caras de ledicia
Praza
de Pontevedra, km 41. Fenomenal. Tiramos. Tramos de forzar aínda máis. Cantóns:
todos os berros de ánimo son para ela. Pásannos dous asturianos no Obelisco e…
oh marabilla: Rúa Real ateigada de xente. Berros, de ánimo por doquier. Trato
de que force pero non creo que me poida escoitar con tanta xente. Baixada para
Rego da Auga e… María Pita.
Collémonos da man.
Que
grande.
Resultados:
3.22.16´´, de 340 e 341 sobre un total de 1073. Ela fai 5ª muller na absoluta e
1ª na súa categoría. Eu de 22. Media de 4.48”/km.
Ficamos
abraiados polos premios acadados: 2ª absoluta no Campionato Galego de Maratón. 3ª
muller galega, 1ª na categoría e 1ª na categoría do Campionato Galego. E, como
colofón, as mulleres do CAS, primeiras.
Os
quilómetros semanais xa van a menos. Coruña-42 é o vindeiro domingo. Esta
semana foron 67, con dúas sesións de series 2x4000 e 2x5000 (con Pili), a
anterior, 75, e a de finais de marzo, 92. O domingo non fixen a tirada que
tocaba pois participei no
Campionato
Galego de Milla de Veteráns en Sada
Teño
dito moitas veces que non sei como se corre unha milla. Ben é certo que
tampouco adestro velocidade. Tocoume saír no grupo de máis de 45 anos. Nos
primeiros cincuenta metros as posición xa están marcadas. Non me pasará
ninguén. Convénzome de que fixen boa saída, nin moi rápido nin moi lento. Os
grupos de diante vánseme marchando ata os cincocentos primeiros metros. Desde
entón vou achegándome aos atletas que me preceden. Antes da rotonda que marca a
metade da proba, adianto a un, e ao saír dela estou con presidente do club. Por
ser quen é, dígolle que se me pegue ata que faga o sprint. Dame ánimo para que
tire. De aí a meta: a fume de carozo. Creo que vou subindo o ritmo mesmo nos
derradeiros metros. Vou pendente de Fernando para entrar con el.
Resultados:
5.30´´. Non é boa marca pero fixen 3º da categoría.
Xa non
estou afeito a darlle tanta caña ao corpo. Saín seis días.O martes fixen 10x400
m. entre 1.34´´ e 1.20´´. O sábado caeron 17 km con Pili pero, a última hora,
fun á carreira da Torre, algo co que non contaba pola mañá e o domingo fixen
28 km tamén con Pili polo Paseo Marítimo da Coruña, entre o Milenium e a Torre
de Hércules, pensando nos quilómetros finais da Maratón da Coruña. Por suposto,
non estivemos sós. Moitos amigos tamén andiveron trotando por alí.
V
Carreira Popular Torre de Hércules
Pois,
efectivamente, e co tempo xusto para retirar o dorsal, participei na proba da
Torre. Creo que tan só a disputara nunha ocasión xa que en outras dúas
oportunidades acompañara a Pili (2010) e a Inés (2014). Charla cos amigos e
amigas do Club cos que había meses que non coincidira. Puxémonos ao día das
nosas inquedanzas/problemas deportivos.
A saída
foi xusto coa posta do Sol, ás 19.50. Nos instante previos comparto ese tempo
con Toni e con Julián (compañeiro de categoría)
Saímos
diante mais xa desde o primeiro instante son adiantado por moitos corredores.
Non me importa, non quero forzar o ritmo ata a saída de Adormideiras. Baixamos
ao polígono residencial de Adormideiras. Na subida cólleme Álvaro. Cando
iniciamos a baixa cara ao Castelo de san Antón, trato de aumentar o ritmo.
Pouco a pouco noto como non me pasan máis corredores. Chegando ao final da
volta, adianto á gran Barca Toba (2ª muller en meta)
Cando
damos a volta e iniciamos a subida vou tratando de animar aos compañeiras e
compañeiros do club que aínda van baixando. No paso de control polo quilómetro
3 vou de 92. De agora a meta irei pasando xente. Toca subir, subir e subir.
Primeiro polo Paseo Marítimo, despois ven a baixada a Adormideiras (non son
adiantado por ninguén, que sorpresa) Controlo ben a subida de saída do
polígono.
Só resta a subida á Torre. Faise eterna. Comprobo que entro
practicamente xusto detrás de Julián (3º de categoría), a tan só cinco
segundos.
Resultados:
entro en 26.09´´ de 78, sobre un total de 2.609 e de 4º na categoría. Carlos tírame esta foto.
Xa de
regreso ao coche, e tras felicitar ao gran número de atletas do club que
fixeron pódium, vou para o coche. Paro uns intres para falar con Paula Mayobre,
primeira muller. Gran atleta e mellor persoa.Despois camiño (ou troto) con Borja.
Terceira semana de adestramentos: 82 km. So un día con 6x1000 entre 4.04 e 3.49´´. Domingo participación , por oitava vez, na
XVI VIG-BAY: se non se adestra non se corre
Coa motivación de facilitarlle a Laura a súa estrea na distancia e acompañado por Raúl, iniciamos a viaxe a Vigo. Críamos que chegábamos con tempo pero a recollida da roupa para Baiona pechaba cedo de máis polo que tivemos que contar coa axuda de Jesús A. Chinchilla (grazas, mestre) para poder arranxalo.
Pouco quecemento. Deséxolle moita sorte a Laura e á súa compaña (Raúl e Sergio) e agardo pola saída con Jesús e Félix practicamente na liña de saída. As expectativas non son boas pero creo que poderei manter o ritmo de 4´/km. Vou con Jesús no primeiro quilómetro pero intranquilo porque xa non controlo os ritmos… cando vexo o paso polo km 1 (3.37´´) despídome de Jesús e baixo o ritmo. Pásame Pablo.
Na saída, por detrás de Jesús e diante de Félix e Pablo
Trato de coller o ritmo desexado de 4´/km e de volver gozar deste fermosísimo percorrido. Saímos das praias e iniciamos as subidas. Como estivera moi preto da liña de saída son constantemente adiantado por outros corredores. Foi unha sensación que me acompañou practicamente toda a carreira, agás do km 10 ao 11 e na derradeira subida. Fago ben a longa subida (km 3-6), na baixada cara a Praia América tamén vou ben pero sendo adiantado. Os ánimo son para Sara Pérez (meta en 1.26.48´´, terceira muller na absoluta) que ven por detrás e me adianta pero consigo repoñerme e tirar con ela ata que facemos a dura baixada cara á Praia, onde se me vai un grupo moi numeroso.
No km 10 paso a 4.02´´ nun tempo 40.14´´ na posición 245. Busco a motivación positiva pensando que xa pasáramos o peor, a longa subida. A partir de Praia América vexo que perdo ritmo. Que se no km 9 non me decidirá a tomar o xel que levaba ao mellor podería tómalo no 14 pero tampouco o fago.
En Praia América vexo un letreiro que dicía “Sorría para a foto. A cervexa é gratis”. Cervexa de balde? Pois collín un vaso e dinlle dous grolos que me sentaron fenomenal. No 14 continuo a 4.02 o quilometro (56.28´´) paréceme incrible pois as sensacións son realmente malas. Vou na posición 254. Saio mal dos dous quilómetros desta praia.
Iniciamos a subida polo monte Loureiro. Lémbroa ben do ano pasado cando ía con dona Inés (a progresión desta muller comeza a dar medo). Por fin creo que vou mellorando, que recupero posición, mesmo paso a Sara. Cando deixamos o monte e baixamos cara á Ramallosa trato de motivarme pensado que sempre me gustara este quilómetro mais vou canso. Desatou a miña bandeira republicana para paseala pola Ramallosa. Despois, póñoa no pantalón.
Restan os quilómetros máis feos e duros (do 18 a meta). O ritmo vai notoriamente a menos. Trato de non perder demasiadas posicións. No derradeiro quilómetro vou pendente da familia e das fotos que poidan tirar. Levanto de novo a bandeira e tirar ata meta.
Resultados: 1.26.15´´ a 4.06 de 261 sobre un total de 4.788 chegados a meta. Na categoría fago 16. Mal resultado pois son cinco minutos máis comparado coa última vez que a disputara ou un minuto máis sobre a primeira media na maratona de Porto do novembro pasado.
Entro tan mal que non sei moi ben que facer. Bebo, como un plátano, repouso e… por fin decídome tratar de axudarlle a Laura. Vou onda Jaime e Tere, déixolles a miña bolsa e, mal que ben, inicio o percorrido ao revés en busca da primeiriza. Cólloa cando lle debe faltar uns 1.500 metros.
Trae mala cara pero despois de estar un anaco con ela, anímoa para que aumente o ritmo e baixa de 1.57´. Impresionante. Duchas, viaxe ata Vigo e xantar no Durán. Fermoso xeito de inaugurar a primavera.
Moitas grazas aos fotógrafos (Jaime Erikalfonso...) polo seu traballo.
Nos
oitos primeiros días do mes fixen 98 km en seis saídas e con unha tirada de 17
e outra de 25. Ía sendo hora de aceptar algún reto e de tratar, de verdade, a
busca da posta a punto. As culpables? As mulleres. En primeiro, lugar aceptar o
reto de levar á Vig-Bay a dona Laura, na que será a súa primeira media. En
segundo lugar, e visto que non chegarei en condicións óptimas á maratona da
Coruña, propúxenlle á miña colega de quilómetros acompañala en C-42 para un
obxectivo en torno a 3.30´.
Na
segunda semana do mes (64 km), as cousas torcéronse un pouco e estiven varios días sen
poder trotar. O xoves saíron 15 km, o venres fixemos a tirada longa (23 km), o
sábado 13 de recuperación e o domingo 13, incluíndo a participación no I Trail
da Coruña (mentres seis fenómenos do CAS facían a Marató de Barcelona e moitos outros compoñentes do club a súa tirada longa semanal)
I Trail cidade da Coruña
Non sei
como Pili aínda se deixa lear… Chegamos con moito tempo para recoller dorsais e
facer o quecemento tratando de coñecer o percorrido e as súas subidas. Só
debemos acertar no primeiro quilómetro e medio (durísima subida despois de
deixar o castro de Elviña) pois axiña baixamos ata o lugar de saída. Tempo de
saudar a amigos e coñecidos e trotar aínda un pouco máis.
Saída
puntual e, para miña sorpresa, nos primeiros cen metros véxome moi adiante. Na
seguinte centuria, e antes de iniciar a primeira subida, calculo a miña
posición: 17-20. Cando pica para arriba
trato de non forzar e seren conservador (como se fai iso?).
Aguanto ben a
posición e na durísima subida, que fixera con Pili, vexo que o experto que
levaba diante deixa de trotar e ponse a camiñar. Pois me digo, se os expertos
camiñan, eu tamén. Segundo deixamos de subir, adianto posicións pero
inmediatamente viña outra subida, cortiña pero dura. Na baixada, por camiños
estreitos e de terra, a xente que levo diante impedíame ver ben o percorrido
polo que decido adiantalos en canto me foi posible, mesmo a tres dunha tacada
nun cambio de ritmo que parecía máis ben de pista. Xurde algo de lama.
Rematando a primeira volta,
alguén da organización, canta as posicións: 7 e 8, dinnos aos dous que íamos
xuntos. Rematando a primeira volta, por diante da facultade de Dereito, saúdo a
varios cativos, a Miguel e a outros coñecidos (que farán aquí?, a quen virían
animar?)
No
inicio da segunda volta, comprobo que calculara mal as miñas forzas e que saía
rápido de máis. Manteño a posición no primeiro quilómetro pero na subida dura e
longa, que fago practicamente camiñando, son adiantado por tres compañeiros. Na
seguinte subida, pásame outro máis. Pero na baixa comezo a atoparme mellor, a
recuperar e a pensar e ir a polos de diante. Pouco a pouco voume achegando onda
eles pero… na derradeira subida, no remate do derradeiro quilómetro, vánseme.
Na entrada en meta fago unha pequena homenaxe ao club:
Resultados: tardo en facer os case 11 quilómetros 52.14´´ (de 13 na absoluta sobre un total de 259 chegados e de 2º na categoría 45-54) Recoñezo que sufrín moito por non calcular
ben as forzas (é o que ten estar moitas semanas sen competir) e tamén sufrín
polos, agardados comentarios negativos de Pili. Pero… a ela encantoulle e
ademais rematou de 1ª muller. Agardar polos trofeos… ben acompañado e pasando
frío.
Cara onde estaría mirando? Ao caixón máis alto?
Segundo
trail rematado. Molestias nunha deda. Fotos da Voz de Galicia, Runningplus, Pichyaxesta e de Meizudo. Rematando a primeira volta (grazas Runningplus)
Mes ben
pobre: 128 km en once saídas e sen competir. Ademais con tan só unha tirada longa: 21 km para
coñecer o novo percurso da Media da Coruña acompañando a Pili. Cantos menos
quilómetros fago menos gañas teño de facelos e máis me custa saír.
A parte
positiva foi unha viaxe absolutamente museística e arqueolóxica por Grecia (en
especial polo Peloponeso) onde puiden visitar varios estadios (Atenas,
Epidauro, Olimpia e a gran sorpresa de Mesenia) e trotar polo “mítico” de
Olimpia.
Na
semana do 5 de xaneiro non trotei nada por mor dun catarro contundente. Na
seguinte fixen cinco saídas das que catro foron de 10-11 km porque non había
forzas para máis. O domingo participei na Meia Maratona Manuela Machado deViana do Castelo.
Había
tres anos que participara nesta proba e ficara namorado da mesma, do ambiente e
da cidade. Pois acompañado por Pepe, Eva e Isa decidimos regresar. Ademais
do club tamén ía o meu colega Jesús.
Que contar? Pois
unha experiencia curiosa, chea de dúbidas constantemente. A primeira foi sobre o
estado de forma. Hai tres anos tamén viña dunha gripe e decidirá saír con
calma, como no km 10 atopárame ben, forzara a marcha para rematar en 1.25´. Como
estaría hoxe?. Aguantaría o ritmo de 4´/km?
O
sábado chegamos ao xantar á Fortaleza. Logo en Viana recollemos o dorsal,
tiramos unha foto con Jesús Bernal, degustamos a pastelería de Viana e
camiñamos, entrando en moitas tendas, de regreso ao hotel posto que como non
paraba de chover decidíramos facer uso do SPA.
Boa
sesión de relaxación. A auga continúa a caer polo que xa ceamos no hotel. Pola
tarde chegou Jesús, recolleu o seu dorsal, tomou una piza e, tamén para o
hotel. Pequeno almorzo contundente. Ledicia por atoparme cos amigos do Praia de
Carnota Runners (tes que darme algo Quique) Tirada ata a liña de saída para atoparme con Jesús. Foto.
Pouco
quecemento posto que non hai caixóns de saída e hai moitísima xente xa detrás
da liña de saída.
Cun
mínimo retraso iniciamos a proba. Estamos moi atrás. É difícil pasar xente.
Vexo como Jesús vai pola beirarrúa, axiña tamén fago o mesmo e incluso cambio
de carril. A pesar de todo o meu primeiro quilómetro non saíu demasiado mal:
4.15´´.
No
segundo quilómetro, con moita auga na estrada, fun saudando aos amigos que ía
adiantando (o pelotón dos Taninos con Edu e Rama, entre outros, a Félix…) Estes
mil metros xa saíron por baixo dos catro minutos. Noto que unha zapatilla vai
frouxa de máis. Sería posible que se volvera desatar? Outra vez? Pasarei varios
quilómetros moi pendente dela mais como o pé foise hinchando esqueceríame de posible
problema.
Sigo pasando xente pero co convencemento que íame custar moito manter
o ritmo. Cando iniciamos a/s subida/a, xurde outra dúbida: terei demasiado
gastadas as solas das zapatillas? Noto falta de agarre no asfalto. Sei que estas
zapas están no remate da súa vida (850 km) pero hoxe non era día de estrear as
novas.
Polo quilómetro 4
Son
quilómetros en subida nos que me defendo ben pero xa me van adiantando
bastantes colegas. Non consigo facer grupo pero case nunca vou so. Tras pasar o
km 9 crúzome con Jesús. Creo que non vai moi ben pois calculo que so me leva
dous minutos. Paso o km 10 con poucos segundos por riba dos 40´. Non está mal posto que foran uns
quilómetros con moita subida.
Iniciamos
o regreso. Desde que chegara a Viana, e polo frío, tiña a vexiga sensible de máis. Hai algunha molestias. Terei que parar a evacuar líquido? Trato de manter a cabeza ocupada para que o cansazo non a derrote.
Creo que baixo algo o ritmo. No km 12, dous colegas de Vigo adiántame cada un
por un lado. Falo con eles. Trato de aumentar o ritmo e tirar con eles. Fago
medio quilómetro por baixo do ritmo desexado mais axiña iranme collendo uns
metros. Intento que non se me vaian moito e que me sirvan coma referencia. No
km 15, chégame o cansazo e noto como un xemelgo ameaza con cargarse. Danme gañas de afrouxar pero sorpréndome a min mesmo
porque non o fago. E tiro, tiro, tiro.
Imos
baixando cara a Viana. Posicións moi estabilizadas. Agora creo que paso a máis
xente da que me adianta. Vou canso pero contento. Non me creo que o corpo me
aguante o ritmo que quere marcar a cabeza. Jesús avisárame de que os tres
derradeiros quilómetros faríanse moi longo (é un novo percorrido para min; hai
tres anos era outro). Cabeciña ben amoblada. Toca sufrir.
No km 19 o xemelgo esquerdo comeza a molestar seriamente. Outra dúbida: terei que parar?
Iniciando o derradeiro quilómetro
Cando collo a alguén
anímoo para que tire. Fágoo especialmente no último quilómetro. Tanto animei
aos que adiantaba que acabarán pasándome nos últimos metros.
Resultados: Jesús fai meta con 1.20.34´´ de 131 na absoluta e de 21 na categoría. Eu entro en 1.24.34´´ de 241 de 26 na categoría. Fixeron meta 2.365 atletas. Saúdo e aperta con Jesús. Que grande. Como
son os vascos, carallo.
Busco á
familia e a roupa seca. Non deixou de chover en toda a tirada. Estamos
empapados. Outra media máis no peto. Toca recuperar e iniciar, agardo que esta
vez si, a preparación dunha nova temporada.
Outro
ano máis fóra… e sen cambiar de categoría atlética… Foron un total de 2.586
quilómetros en 11 meses, a unha media de 236. Fixen una maratón (MMP), seis
medias maratóns e case trinta probas máis. Remato o ano ben de pernas coa
sensación de estar iniciando una nova temporada.
San
Silvestre A Coruña 2014
Acompañado
por dona Laura, xa toda unha veterana, chegamos con tempo de máis á saída para
aparcar ben e comprobar os últimos metros da proba posto que cambiaran o
percorrido. Vemos que é unha baixada moi pronunciada que remata nunha curva
pecha para dar entrada á praza de María Pita (o nosa ”viúva negra” pois sabedes
a canto maridos sobreviviu?)
Estamos
un rato longo con amigos e amigas. Temos tempo para tirar fotos con algúns do
Club de Atletismo Sada pois outros andaban pensando na maratón de Sevilla
(verdade Jesús?)
Con non
moito quecemento, e desde o caixón dianteiro, iniciamos a carreira. Metros
rápidos pero xa son adiantado por moitos corredores.
Na primeira subida polo
Oceanográfico adiántame Jesús, tamén Pablo Anllo, despois de cruzar unhas
verbas. Xa non haberá grandes cambios nas posicións.
Convénzome que despois do
primeiro quilómetro xa non me pasarán moitos máis compañeiros. Na subida por
Adormideiras atópome ben e na súa baixa xa non me pasa ninguén (cousa rara) Na
subida cara á Torre xa vou pasando xente e cando iniciamos a baixada polo Paseo
Marítimo cara á Hípica trato de forzar pois queda a parte máis rápida. Vou
mellorando algunha posición e achegando a un atleta que podería seren da miña
categoría. O ritmo vai a máis ata que… noto que unha zapatilla empeza a
afloxarse. Non pode ser. Os nos estaban ben e foran repasados. Pois nada, toca
apartase e atala. Adiántame uns dez compañeiros e entre eles Borja, quen me
anima. Reincorpórome con rabia. Recupero algunha posición. Collo a Borja e
dígolle que se me pegue pois case non queda nada.
Pequena
subida pola Hípica e xa descenso a María Pita.
Foto de César Quián
Sen
quedarme a descansar, regreso polos meus pasos en busca de Laura. Cólloa cando
lle falta o derradeiro quilómetro (algún corredor alucinaba cando me vía trotar
en dirección contraria). Vén un pouco cansa mais trato de que force algo o
ritmo. Entra en meta cansa pero feliz.
Resultados:
Laura, na súa segunda carreira, fai 32.56´´, de 694 (sobre un total de 2.125) e
de 9ª na categoría a un ritmo de 4.55´´. Eu fago 24.18´´ de 36 na xeral e 2º na
categoría por detrás de Higinio Rodríguez e por diante de Francisco Soto, a un
ritmo de 3.38´´ na distancia de 6.700.