10/5/15

IX Carreira Pedestre Concello da Laracha


Semana con 57 km semanas e dúas sesión de ximnasio. Continúo nese chamado “período de descarga”, reducindo o volume e intensidade dos adestramentos en asfalto e aumento o tempo de ximnasio.

Cando algunha persoa benquerida te invita a correr no seu concello, facéndote a pelota para coñecer previamente un misterio (Soandres) con orixe no século IX e igrexa de feitura románica e cabeceira gótica, indo ademais acompañado por Pili… que facer? Pois cumprir.

Efectivamente, e con tempo suficiente para tirar unhas fotos en Soandres, partimos desde Montrove o vello trío. Non sen discusión para decidir onde aparcar, retiramos dorsais, toma un café (invitados polo lugareño) e fixemos algo de quecemento. Intres para compartir coa ducia de membros do CAS presentes na proba. Oportunidade para tirar unha foto do grupo (non estamos todos pero si somos todos os que estabamos) e para lembrar por onde anda-andivo a xentiña do club: no Trail do Río Lor (valentes, abofé) e no campionato da Estrada.

Na liña de saída comparto uns minutos con Jorge, do Castro de Lobariz, para poñérmonos ao día (esquezo activar o GPS). O percorrido son dúas voltas para facer 9,5 km.Trato de non saír moi rápido. Saúdo a Mario e fillos de Manuel Ferreira (menudo club de fans temos) e axiña cólleme Luis Hermida, do club, que cando pasamos o quilómetro dous dime que imos a 3.40´´ polo que decido baixar o ritmo. 



Sei que se non se adestra non se pode correr e que se mantivera ese ritmo o final seríame realmente duro. Pequena subida e na longa e pronunciada baixada, quédome so.


Desde o quilómetro tres, máis o menos, non me adiante ninguén e paso a un par de corredores. Vexo ao lonxe á xente da miña quinta (José Manuel e Julián). Vánse marchado. Falo da “quinta” posto que a categoría confeccionárona a partir de 40 anos… Subida en dirección ao núcleo da poboación. Fotos dos Mestre.

Iniciamos a segunda volta. Sempre so. Baixada, subida, baixada e subida final. Antes de iniciar a recta de meta comprobo como o club de fans encheu o asfalto cos nomes da xente de club. Estes rapaces son tremendos. Grazas.

Vexo cada vez máis preto a José Manuel e a Julián pero non son quen de collelos… sei que para facelo teño que estar “realmente fino”.



Resultados: Pili 40.45´´ de 104 e 1º na categoría a 4.18´´. Eu 36.49´´ (3.53´´) 38 de 391, 10 na categoría de m+40.

Fotos de Juan  e de Suka.

3/5/15

XII Carreira P.P. concello de O Pino


E para rematar este fin de semana, terceira proba en tres días “XII Carreira Pedestre Popular concello de O Pino”. Ben lembro como foi a do ano pasado e con que re-gusto amargo quedárame. Levamos tres días con previsións meteorolóxicas de moita auga mais venres e sábado non nos molláramos nada durante as probas atléticas. Hoxe semellaba imposible. Toda a noite chovendo mesmo ata que cheguei a Pedrouzo (O Pino) non deixou caer auga. So cando restaban uns quince minutos para o inicio da proba o ceo decidiu pechar as billas.

Fago pouco quecemento pois notaba as pernas realmente cansas. Saímos con algo de retraso e en dirección contraria ao ano pasado. Son uns centenares de metros costa abaixo onde moita xente me pasa. Cando iniciamos a primeira subida recupero algunhas posicións e axiña nos metemos polo Camiño de Santiago: fermoso traxecto pero… cheo de lama. Os corredores aínda imos moi agrupados polo que faise difícil escoller o mellor lugar onde pousar as zapas. Saímos todos realmente enlamados. Baixamos, subimos, asfalto e lama. O percorrido gústame un montón. 

Iniciando a segunda volta. Grazas pola foto, Florentino

Cambio moi pouco de posicións. Ao inicio da segunda volta dous rapaces (xa todos parécenme rapaces) pásanme pero na baixada enlamada os adianto. Pásame algún outro corredor pero tamén adianto algunhas posicións. A segunda volta fáiseme longa e dura.

Resultados:  31.51´´ e de 46 na xeral (280 en meta) e de 5º na categoría. O ano pasado fixera 31.35´´. A parte positiva é que tanto venres como o domingo entrei diante dalgunha persoa coa que tiña malas experiencias. Debo recoñecer que competir tres días seguidos non é bo: o venres o ritmo foi de 3.44´´, o sábado de 3.49´´ e o domingo de 3.56´´. Pero había que aproveitar a oportunidade.

Agora toca descansar e facer poucos quilómetros no mes de maio.

2/5/15

IV Carreira Solidaria: corre con Implicadas


Creo que é a primeira vez que compito dous días consecutivos pero as circunstancias son as que son e, neste caso, era, ademais unha acción solidaria pois A recadación resultante de cada inscrición irá destinada a apoiar e dar continuidade aos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que Implicadas No Desenvolvemento ten na India: “ERRADICACIÓN DO INFANTICIDIO FEMININO” en Salem e “EMPODERAMENTO DE MULLERES II” en Tiruchy. Máis información: www.implicadas.net

Foi tamén a ocasión de compartir sensacións con grupo de mulleres de María e Raquel, moitas delas estrenándose unha carreira. É impresionante ese grupo de mulleres. Parabéns a todas.

O percorrido é por onde adestro moitas veces. Saída rápida e subindo ata As Galeras. Nos primeiros metros pásame moita xente pero xa á altura do INEF (500 metros) recupero posición. No primeiro quilómetro creo que debe ir de 15 aprox. Posición que case non modifico ata o remate (creo que so fago un adiantamento. Na primeira volta fago unha baixada ata Bastiagueiro rápida e cómoda con quilómetros por baixo de 3.50´´.
Rematando a primeira volta

Na segunda volta teño a sensación de que non fago a subida tan cómodo nin tampouco tan rápida a baixada… mais o datos contradinme.
Rematando a segunda volta

Resultados: 19,34´´, de 12 na xeral e de 2º na categoría (volveume gañar Fernando Pérez –oito anos máis novo ca min- que xa o fixera no Trail da Coruña).

O CAS volveu facer varios pódiums.

Grazas polas fotos Raquel e Alberto.

II Carreira P.P. Concello de Frades

Rematei abril con 314 km. Despois da marabillosa experiencia de Coruña-42, iniciei a recuperación das pernas con catro saídas na semana seguinte (43 km a ritmos moi suaves coa panda de Montrove e Pili). Na última semana de abril regresei ao ximnasio (tarefa para o mes de maio) e fixen un trote de 9 km (con 8x500 entre 1.47´´ e 1.42´´)

Debino a circunstancias familiares que non son para comentar públicamente, o venres pola tarde participei na

II Carreira Pedestre Popular Concello de Frades

Tiven que aparcar realmente lonxe da saída e comprobei a dureza dos dous primeiros quilómetros. A participación do CAS, coma sempre, numerosa. Quecemento suficiente e saída con retraso. Saio con Luís Pinedo. As douscentos primeiros metros son case plano e a partir de aí, tres quilómetros picando para arriba. Luís váiseme xa no primeiro quilómetro, que paso en 3.50´´. O segundo foi a 4.00´´. Desde o quilómetro 1 xa non me pasa ninguén e eu pasaría a uns cinco atletas ata o quilómetro 4.

Despois da longa subida, uns quilómetros mais o menos planos para logo facer outra subidiña na que collo a Luís. Tiramos xuntos  uns dous quilómetros e cando comeza a longa baixada vaime collendo metros. Vexo que non temos ninguén por diante a quen poidamos coller e que por detrás tampouco ninguén se nos achega. Son quilómetros nos que me sorprendo o rápido que tiramos, costa a baixo, iso si: 3.40´´, 3.30´´.



Resultados: 32.11´´ a un ritmo de 3.44´´ (que o diría), de 29º sobre 164 chegados á meta. De 2º na categoría. Sorprendido polo ritmo. O CAS acaparou premios: tres masculinos e catro femininos (tres individuais e outro polo mellor equipo). O equipo de homes é tan malo que non pasamos, supoñemos, do 4º posto.


Teño que recoñecer que foi un pracer ir ata Frades pola ilusión, cariño e esforzo que a organización puxo para o desenvolvemento da proba. Da gusto correr así.

19/4/15

Maratón Atlántica Coruña-42: débeda saldada

Esta crónica e esta proba dedicámola ao noso Presi, a don Francisco Martínez.

Os amigos sempre están onde deben estar, onde teñen que estar.Os amigos están nos corazóns. Tamén poden estar noutros lugares pero só os mellores están no corazón.

En febreiro asumín definitivamente que non podería adestrar ao meu gusto para a maratona da Coruña. Pero, coa axuda dunha pantasma, xurdiu unha idea: proporlle a Pili facela xuntos. Esta distancia debíanos unha a Pili e a min.

Desde setembro de 2010 esta parelliña de veteráns acordáramos preparar a maratona de Barcelona que se desenvolvería no marzo seguinte. Moitos quilómetros xuntos coa ilusión dela de baixar de 3.20´e a miña das 3 horas. Pero non puido ser: da case a desesparación á ilusión por poder estar no asfalto de novo. Esta distancia debíanos unha… e a maratona Atlántica foi o intre de saldar a débeda.

Non adestramos moito. Ela só tres días por semana. Eu en xaneiro fixen 190 km, en febreiro 128 para subir ata os 344 en marzo. Ata o 14 de abril levaba 156 km. Desde finais de febreiro tratamos de facer varios adestramentos xuntos, especialmente as tiradas longas para practicar, sobre todo, o beber correndo e a inxesta de xeles (canto nos deu de si este tema) entre a Torre e o Milenium. A contrapartida ao escaso adestramento foi a ausencia de presión. Adestramos tranquilos e confiados en facer todo o que puideramos.

Por obxectivo a acadar, ademais de chegar á meta, pensamos en baixar das 3.30´ pero saíndo a ritmo de 3.25´. E iso por varias razóns, en primeiro lugar as obxectivas: Pili estaba capacitada para conseguilo (Coruña-10: 43.44´´ Coruña-21: 1.34.27´´), en segundo lugar polas afectivas: na súa primeira maratón (Mapoma 2008) xa fixera 3.30´ e na súa segunda (Mapoma 2009) fixera 3.26.12´´… E, ademais, o pantasma  andaba a lembrar que neste temporada ela acadara o primeiro posto da categoría tanto en Coruña-10 como en Coruña-21, faltando Coruña-42.

NOTA DE RESPONSABILIDADE: o sábado anterior á proba, esta parelliña saíu trotar uns escasos quilómetros. Foi unha media hora na que aproveitamos para poñernos de acordo en toda a intendencia da maratón (horarios de recollidas, aparcamentos, duchas…) Mais xurdiu unha dúbida á hora de falar do ritmo de saída e durante a proba: déixame toda a responsabilidade, que tire ao ritmo que considere… Que farei? Tirarei para ir pola súa MMP ou deberei ser prudente e marcar un ritmo de 5´/km?


Chegamos con tempo para tirar a fotos cos maratonianos e maratonianas do CAS e de pasar polo control de chamada. Non facemos quecemento. Con puntualidade deuse a saída. O tempo foi estupendo: fresco e cuberto. Saimos xuntos pero aparentemente demasiado rápido, mesmo adiantamos ao globo de 3.15´ porque era moi numeroso e incordiábanos para correr. Cando vemos o paso polo km 1 (4.25´´) decidimos irnos deixando caer detrás globo. 

Axiña cruzámonos por vez primeira con Juan á altura da Fábrica de Tabacos.

Creo que é de xustiza facer xa un apuntamento sobre a xente que animaba. En primeiro lugar, agradecer a Juan o seu cariño e perseveranza en seguirnos durante toda a proba. Foi un apoio constante. Ben sabe el canto Pili e eu o botamos de menos nas tiradas dos venres. Non son iguais.

En segundo lugar, os membros do Club de Atletismo Sada que non participaron na proba e que foron A CAÑA. Sempre, sempre, sempre, constantemente berrando os nosos nomes, con tanta ilusión por nós… GRAZAS DESDE O CORAZÓN, COMPAS.

Non sei en que momento un compañeiro do Car Marisqueiro sumóusenos. Foi unha compaña moi agradábel. Unha mágoa que alá polo km 30 os isquios non o respectaran porque tíñase merecido entrar con nós na meta. Grazas pola compaña Jorge Lamas.

Xa desde o km 2 voulle comentando a Pili que imos rápidos de máis pois son quilómetros 4.41´´, 4.42´´, 4.37´´. Díxenlle unha e mil veces que debíamos ir máis lento. Pero ela atopábase moi ben polo que decidimos tirar tratando de manternos entre 4.40´´ e 4.50´´ e a agardar que pasaran os quilómetros.

Pasamos polo túnel, pola rotonda de Lonzas (en todas as pequenas subidas díxenlle que non había que forzar), por Ministerios. No km 9 tomamos o primeiro xel, segundo o previsto. No km 10 bebemos, ou iso intentamos. Imos cara a Oza. Imos na posición 372. Cómodos, cómodos, charlando, non moito pero relaxados. Continúamos coa compaña de Jesús do CAR Marisqueiro. En cada cruce cos coñecidos animámonos mutuamente. Así da gusto correr. Imos a ata a Praza de Mina para rematar a primeira volta. Na segunda mantemos o ritmo fenomenal. Vou convencido de que Pili non vai fallar. Non vai aparecer o muro porque… para iso vou eu.

Desde o primeiro momento temos a sensación de que non deixan de pasarnos corredores. Dígolle que se somos constantes, desde a media, seremos nós os que adiantemos xente.


Acompañados por Jorge, iniciando a segunda volta.

Na segunda volta, e despois de tomar o segundo xel (km 19) destacar que no avituallamento de Oza estaba a miña alumna Noa. Foi moi graciosa a súa reacción. Pasamos a Media Maratón en 1.38.57, na posición 385, cando o previsto era en 1.42´ e a un ritmo inferior a 4.42´´. Seríamos uns inconscientes?

Cando chegamos a Riazor xorden os berros da pantasma dando ánimos. Que bozarrón. No km 25 xa imos de 368. Mantemos moi ben o ritmo e pasamos xente. É o territorio por onde temos adestrado moito e esa é a nosa forza. Coñecemos cada subida, cada baixada, onde hai que forzar e onde non. Temos as cabeciñas preparadas para o cansanzo e o sufrimento.

Imos acumulando quilómetros pero a cabeza non envía sinais de esgotamento. No km 29 tomamos o terceiro xel, no meu caso é o primeiro con cafeína. Seguimos fenomenal. Esta muller non deixa de sorprenderme. Subimos ata a rotonda da Torre, facémolo con forza. Subimos ritmo na baixada. Tiramos ata Riazor. Sabemos que cada vez falta menos. Estamos lembrando sensacións dos adestramentos. Nada pode fallar. Imos convencidos de que a meta xa está agardando por nós.

É o meu momento. Para algo me paga. Comezo a falarlle moito. Ata ese intre non o fixera excesivamente. Trato de que non pense. Unha perna tras outra. Unha perna tras outra. Na subida ata a Casa da Auga non forzamos pero recuperamos moito na baixada. Juan continúa ao seu, grabando. Comezamos pasar corredores que van pola primeira volta. Pasamos a Natalia e a Marisa (son unas auténticas heroínas estas ironwomen). Dígolle a Pili que na subida ata san Roque que non force. Pasamos o km 33,1 na posición 348. Sabemos que a cada quilómetro que pase, menos xente temos diante. Sempre en positivo.

Comeza a ir cansa. Pero seguimos con ritmos por baixo de 5´. Tiñamos comentado que esta última volta sería fantástico poder manter o ritmo de 5´. Pero nós… coma foguetes. No km 34 tomo o último xel, Pili non o quere. Facemos Riazor, pasamos a fonte dos Surfistas e Pili da os primeiros síntomas serios de esgotamento. Muda a faciana, xa non vai relaxada, semella que deixou de suar, que leva frío.

Coñecémonos moi ben. Ela sabe que sinais debe transmitirme e eu, creo, seille responder. Déixolle que faga a subida a ata a rotonda da Torre como queira, sen presión. É o momento no que somos adiantados por Juan e Fernando. Dobramos a rotonda e baixamos. Tarda en recuperar. Son os únicos tres quilómetros que superamos o ritmo de 5´ (de 5.10´´ a 5.02´´) Á altura do Surfistas recupera. Hai moita xente na beirarrúas. Os ánimos do público danlle novas forzas. Melloramos ritmos. Estamos rematando. Vou convencido de que vai facer Mellor Marca Persoal. É tempo de insultala e tirarlle gabanzas (agardo que máis o segundo co primeiro). Cámbialle a cara. Volve sorrir.
No km 40. Caras de ledicia

Praza de Pontevedra, km 41. Fenomenal. Tiramos. Tramos de forzar aínda máis. Cantóns: todos os berros de ánimo son para ela. Pásannos dous asturianos no Obelisco e… oh marabilla: Rúa Real ateigada de xente. Berros, de ánimo por doquier. Trato de que force pero non creo que me poida escoitar con tanta xente. Baixada para Rego da Auga e… María Pita. 


Collémonos da man.



Que grande.

Resultados: 3.22.16´´, de 340 e 341 sobre un total de 1073. Ela fai 5ª muller na absoluta e 1ª na súa categoría. Eu de 22. Media de 4.48”/km.


Ficamos abraiados polos premios acadados: 2ª absoluta no Campionato Galego de Maratón. 3ª muller galega, 1ª na categoría e 1ª na categoría do Campionato Galego. E, como colofón, as mulleres do CAS, primeiras.

12/4/15

Campionato galego da Milla

Os quilómetros semanais xa van a menos. Coruña-42 é o vindeiro domingo. Esta semana foron 67, con dúas sesións de series 2x4000 e 2x5000 (con Pili), a anterior, 75, e a de finais de marzo, 92. O domingo non fixen a tirada que tocaba pois participei no

Campionato Galego de Milla de Veteráns en Sada

Teño dito moitas veces que non sei como se corre unha milla. Ben é certo que tampouco adestro velocidade. Tocoume saír no grupo de máis de 45 anos. Nos primeiros cincuenta metros as posición xa están marcadas. Non me pasará ninguén. Convénzome de que fixen boa saída, nin moi rápido nin moi lento. Os grupos de diante vánseme marchando ata os cincocentos primeiros metros. Desde entón vou achegándome aos atletas que me preceden. Antes da rotonda que marca a metade da proba, adianto a un, e ao saír dela estou con presidente do club. Por ser quen é, dígolle que se me pegue ata que faga o sprint. Dame ánimo para que tire. De aí a meta: a fume de carozo. Creo que vou subindo o ritmo mesmo nos derradeiros metros. Vou pendente de Fernando para entrar con el.



Resultados: 5.30´´. Non é boa marca pero fixen 3º da categoría.

29/3/15

V Carreira Popular Torre de Hércules

Semana agotadora: 93 km

Xa non estou afeito a darlle tanta caña ao corpo. Saín seis días.O martes fixen 10x400 m. entre 1.34´´ e 1.20´´. O sábado caeron 17 km con Pili pero, a última hora, fun á carreira da Torre, algo co que non contaba pola mañá e o domingo fixen 28 km tamén con Pili polo Paseo Marítimo da Coruña, entre o Milenium e a Torre de Hércules, pensando nos quilómetros finais da Maratón da Coruña. Por suposto, non estivemos sós. Moitos amigos tamén andiveron trotando por alí.

V Carreira Popular Torre de Hércules

Pois, efectivamente, e co tempo xusto para retirar o dorsal, participei na proba da Torre. Creo que tan só a disputara nunha ocasión xa que en outras dúas oportunidades acompañara a Pili (2010) e a Inés (2014). Charla cos amigos e amigas do Club cos que había meses que non coincidira. Puxémonos ao día das nosas inquedanzas/problemas deportivos.

A saída foi xusto coa posta do Sol, ás 19.50. Nos instante previos comparto ese tempo con Toni e con Julián (compañeiro de categoría)

Saímos diante mais xa desde o primeiro instante son adiantado por moitos corredores. Non me importa, non quero forzar o ritmo ata a saída de Adormideiras. Baixamos ao polígono residencial de Adormideiras. Na subida cólleme Álvaro. Cando iniciamos a baixa cara ao Castelo de san Antón, trato de aumentar o ritmo. Pouco a pouco noto como non me pasan máis corredores. Chegando ao final da volta, adianto á gran Barca Toba (2ª muller en meta)

Cando damos a volta e iniciamos a subida vou tratando de animar aos compañeiras e compañeiros do club que aínda van baixando. No paso de control polo quilómetro 3 vou de 92. De agora a meta irei pasando xente. Toca subir, subir e subir. Primeiro polo Paseo Marítimo, despois ven a baixada a Adormideiras (non son adiantado por ninguén, que sorpresa) Controlo ben a subida de saída do polígono. 



Só resta a subida á Torre. Faise eterna. Comprobo que entro practicamente xusto detrás de Julián (3º de categoría), a tan só cinco segundos.

Resultados: entro en 26.09´´ de 78, sobre un total de 2.609 e de 4º na categoría.  Carlos tírame esta foto.

Xa de regreso ao coche, e tras felicitar ao gran número de atletas do club que fixeron pódium, vou para o coche. Paro uns intres para falar con Paula Mayobre, primeira muller. Gran atleta e mellor persoa.  Despois camiño (ou troto) con Borja.

Fotos de JMdoBarro e Carlos (RunningPlus)

23/3/15

XVI Vig-Bay: se non se adestra non se corre

Terceira semana de adestramentos: 82 km. So un día con 6x1000 entre 4.04 e 3.49´´. Domingo participación , por oitava vez, na 

XVI VIG-BAY: se non se adestra non se corre

Coa motivación de facilitarlle a Laura a súa estrea na distancia e acompañado por Raúl, iniciamos a viaxe a Vigo. Críamos que chegábamos con tempo pero a recollida da roupa para Baiona pechaba cedo de máis polo que tivemos que contar coa axuda de Jesús A. Chinchilla (grazas, mestre) para poder arranxalo. 

Pouco quecemento. Deséxolle moita sorte a Laura e á súa compaña (Raúl e Sergio) e agardo pola saída con Jesús e Félix practicamente na liña de saída. As expectativas non son boas pero creo que poderei manter o ritmo de 4´/km. Vou con Jesús no primeiro quilómetro pero intranquilo porque xa non controlo os ritmos… cando vexo o paso polo km 1 (3.37´´) despídome de Jesús e baixo o ritmo. Pásame Pablo. 

Na saída, por detrás de Jesús e diante de Félix e Pablo

Trato de coller o ritmo desexado de 4´/km e de volver gozar deste fermosísimo percorrido. Saímos das praias e iniciamos as subidas. Como estivera moi preto da liña de saída son constantemente adiantado por outros corredores. Foi unha sensación que me acompañou practicamente toda a carreira, agás do km 10 ao 11 e na derradeira subida. Fago ben a longa subida (km 3-6), na baixada cara a Praia América tamén vou ben pero sendo adiantado. Os ánimo son para Sara Pérez (meta en 1.26.48´´, terceira muller na absoluta) que ven por detrás e me adianta pero consigo repoñerme e tirar con ela ata que facemos a dura baixada cara á Praia, onde se me vai un grupo moi numeroso. 


No km 10 paso a 4.02´´ nun tempo 40.14´´ na posición 245. Busco a motivación positiva pensando que xa pasáramos o peor, a longa subida. A partir de Praia América vexo que perdo ritmo. Que se no km 9 non me decidirá a tomar o xel que levaba ao mellor podería tómalo no 14 pero tampouco o fago. En Praia América vexo un letreiro que dicía “Sorría para a foto. A cervexa é gratis”. Cervexa de balde? Pois collín un vaso e dinlle dous grolos que me sentaron fenomenal. No 14 continuo a 4.02 o quilometro (56.28´´) paréceme incrible pois as sensacións son realmente malas. Vou na posición 254. Saio mal dos dous quilómetros desta praia. 

Iniciamos a subida polo monte Loureiro. Lémbroa ben do ano pasado cando ía con dona Inés (a progresión desta muller comeza a dar medo). Por fin creo que vou mellorando, que recupero posición, mesmo paso a Sara. Cando deixamos o monte e baixamos cara á Ramallosa trato de motivarme pensado que sempre me gustara este quilómetro mais vou canso. Desatou a miña bandeira republicana para paseala pola Ramallosa. Despois, póñoa no pantalón. 


Restan os quilómetros máis feos e duros (do 18 a meta). O ritmo vai notoriamente a menos. Trato de non perder demasiadas posicións. No derradeiro quilómetro vou pendente da familia e das fotos que poidan tirar. Levanto de novo a bandeira e tirar ata meta.


Resultados: 1.26.15´´ a 4.06 de 261 sobre un total de 4.788 chegados a meta. Na categoría fago 16. Mal resultado pois son cinco minutos máis comparado coa última vez que a disputara ou un minuto máis sobre a primeira media na maratona de Porto do novembro pasado. Entro tan mal que non sei moi ben que facer. Bebo, como un plátano, repouso e… por fin decídome tratar de axudarlle a Laura. Vou onda Jaime e Tere, déixolles a miña bolsa e, mal que ben, inicio o percorrido ao revés en busca da primeiriza. Cólloa cando lle debe faltar uns 1.500 metros. 



Trae mala cara pero despois de estar un anaco con ela, anímoa para que aumente o ritmo e baixa de 1.57´. Impresionante. Duchas, viaxe ata Vigo e xantar no Durán. Fermoso xeito de inaugurar a primavera.

Moitas grazas aos fotógrafos (Jaime Erikalfonso...) polo seu traballo.

15/3/15

I Trail cidade da Coruña

Nos oitos primeiros días do mes fixen 98 km en seis saídas e con unha tirada de 17 e outra de 25. Ía sendo hora de aceptar algún reto e de tratar, de verdade, a busca da posta a punto. As culpables? As mulleres. En primeiro, lugar aceptar o reto de levar á Vig-Bay a dona Laura, na que será a súa primeira media. En segundo lugar, e visto que non chegarei en condicións óptimas á maratona da Coruña, propúxenlle á miña colega de quilómetros acompañala en C-42 para un obxectivo en torno a 3.30´.

Na segunda semana do mes (64 km), as cousas torcéronse un pouco e estiven varios días sen poder trotar. O xoves saíron 15 km, o venres fixemos a tirada longa (23 km), o sábado 13 de recuperación e o domingo 13, incluíndo a participación no I Trail da Coruña (mentres seis fenómenos do CAS facían a Marató de Barcelona e moitos outros compoñentes do club a súa tirada longa semanal)

I Trail cidade da Coruña

Non sei como Pili aínda se deixa lear… Chegamos con moito tempo para recoller dorsais e facer o quecemento tratando de coñecer o percorrido e as súas subidas. Só debemos acertar no primeiro quilómetro e medio (durísima subida despois de deixar o castro de Elviña) pois axiña baixamos ata o lugar de saída. Tempo de saudar a amigos e coñecidos e trotar aínda un pouco máis.




Saída puntual e, para miña sorpresa, nos primeiros cen metros véxome moi adiante. Na seguinte centuria, e antes de iniciar a primeira subida, calculo a miña posición: 17-20.  Cando pica para arriba trato de non forzar e seren conservador (como se fai iso?). 

Aguanto ben a posición e na durísima subida, que fixera con Pili, vexo que o experto que levaba diante deixa de trotar e ponse a camiñar. Pois me digo, se os expertos camiñan, eu tamén. Segundo deixamos de subir, adianto posicións pero inmediatamente viña outra subida, cortiña pero dura. Na baixada, por camiños estreitos e de terra, a xente que levo diante impedíame ver ben o percorrido polo que decido adiantalos en canto me foi posible, mesmo a tres dunha tacada nun cambio de ritmo que parecía máis ben de pista. Xurde algo de lama.

Rematando a primeira volta, alguén da organización, canta as posicións: 7 e 8, dinnos aos dous que íamos xuntos. Rematando a primeira volta, por diante da facultade de Dereito, saúdo a varios cativos, a Miguel e a outros coñecidos (que farán aquí?, a quen virían animar?)

No inicio da segunda volta, comprobo que calculara mal as miñas forzas e que saía rápido de máis. Manteño a posición no primeiro quilómetro pero na subida dura e longa, que fago practicamente camiñando, son adiantado por tres compañeiros. Na seguinte subida, pásame outro máis. Pero na baixa comezo a atoparme mellor, a recuperar e a pensar e ir a polos de diante. Pouco a pouco voume achegando onda eles pero… na derradeira subida, no remate do derradeiro quilómetro, vánseme.


Na entrada en meta fago unha pequena homenaxe ao club:

Resultados: tardo en facer os case 11 quilómetros 52.14´´ (de 13 na absoluta sobre un total de 259 chegados e de 2º na categoría 45-54) Recoñezo que sufrín moito por non calcular ben as forzas (é o que ten estar moitas semanas sen competir) e tamén sufrín polos, agardados comentarios negativos de Pili. Pero… a ela encantoulle e ademais rematou de 1ª muller. Agardar polos trofeos… ben acompañado e pasando frío.
Cara onde estaría mirando? Ao caixón máis alto?


Segundo trail rematado. Molestias nunha deda.
Fotos da Voz de Galicia, Runningplus, Pichyaxesta e de Meizudo.

Rematando a primeira volta (grazas Runningplus)

1/3/15

Febreiro 2015: un mes pobre pero olímpico

Mes ben pobre: 128 km en once saídas e sen competir. Ademais con tan só unha tirada longa: 21 km para coñecer o novo percurso da Media da Coruña acompañando a Pili. Cantos menos quilómetros fago menos gañas teño de facelos e máis me custa saír.


A parte positiva foi unha viaxe absolutamente museística e arqueolóxica por Grecia (en especial polo Peloponeso) onde puiden visitar varios estadios (Atenas, Epidauro, Olimpia e a gran sorpresa de Mesenia) e trotar polo “mítico” de Olimpia.