9/8/15

XXII Carreira a pé de Lira

Rematei xullo con 274 km e xa sen as molestias estomacais. Son moitos quilómetros pois estiven unha semana facendo a dura vida do turista sen zapatillas para trotar. Comecei agosto en moi boa compaña, facendo tiradas por Louro. Como tirada longa so houbo unha de 15 km, mais polo monte. Tocará axiña iniciar as sesións de series polo Burgo. Nesta semana saíron un total de 79 km.

O sábado pola tarde participei na tradicional

 

Esta é unha desas probas realmente popular: sen chip, dáse a saída a viva voz e cando se pode (non cando estaba previsto), hai sardiñada ao rematar… Vamos todo un luxo. Hai que recoñecer o bo traballo da A.C. A Canle de Lira.

No período de quecemento é tempo de saudar aos amigos, especialmente aos que vexo só no verán. Tamén é o momento de “recuperar” a medalla acreditativa do 3º posto da carreira das Areas de Carnota de agosto de 2014. Todo un ano no coche do gran Quique (o meu heroe pois este ano fixo a Transvulcania). Uns minutos co club de fans (a familia ao completo) e xa listos para iniciar a subida. Igualmente hai que tirar fotos coa xentiña de Louro: Ángel, David, Guille, José Luis, Mar…

A proba ten un percorrido moi peculiar pois sáese nun piñeiral costa arriba sobre un chan de área e arume, logo veñen uns metros en asfalto con curvas perigosas e escaleiras que case non son visibles e despois uns quilómetros moi fermosos en paralelo á costa. Mais este ano a visión foi triste… alá, sobre o horizonte víase lume sobre o faro de Corrubedo. O percorrido remata regresando polo asfalto a Lira e un quebra-pernas absoluto pola aldea ata baixar á Praia de Mar de Lira, punto de saída.

Na liña de saída coloqueime diante posto que había moitos fotógrafos da familia. Tamén fixen os primeiros metros ben rápidos para darlles traballo. Unha vez que deixamos de subir, toda a rapazada da proba empeñouse en adiantarme. Paso o primeiro quilómetro a 4.02´´ (imaxinade a dureza dos primeiros metros). A mediados do segundo quilómetro aínda me pasan dous corredores. Cando imos polo camiño de terra, á beira do mar, vou detrás dun grupo numeroso. Estou uns centos de metros collendo ben o ritmo e pensando se me deixo caer para ir máis segundo sabendo ben onde pisar ou ben forzar e pasalos. Que credes que fixen? Pois claro, nun calentón pasei a cinco de golpe.

No momento de dar a volta, collín auga (creo que nunca o fixera) e comprobo a situación da carreira. Teño detrás a un grupo numeroso e, fíxome, especialmente, en Baltasar. Cólleme as costas nestes metros de terra. Probablemente sexan os metros máis fermosos polos que se poida correr: o mar á esquerda, o monte á dereita e, alá no horizonte o sol deixándose caer sobre Fisterra…

No asfalto Baltasar vai pegado, especialmente cando comeza a subida duns cincocentos metros. Baixamos o ritmo pero ninguén nos pasa. Ao rematar a subida, o muradán ponse diante e anímame a tirar. Aguanto detrás del malamente pero insiste en irmos xuntos. Por fin, e ante a miña insistencia, márchase coma un foguete.

É case un quilómetro por Lira, subindo, baixando, con curvas moi pechadas. Unha tolemia. Entrando no derradeiro quilómetro, cólleme a primeira rapaza (Rocío) Cóntolle como son os metros que faltan e no momento que se inicia a dura baixada, dígolle que force. Por detrás teño a un rapaz moi novo que é moi animado polo veciños. Sorprendentemente na baixada non é quen de adiantarme.


Resultado (provisionais): 29.37´´ a 4.02´´ nos 7.360 metros, facendo meta na posición 21 (coma o ano pasado pero con vinte segundos menos) e na categoría, creo, de 2º detrás de José Suárez.

12/7/15

III Carreira Popular Ventorrillo 2015

Semana con 78 km. Vou atopándome mellor pero só fago trote. As series ou cambios de ritmo terán que esperar a finais de mes. O domingo participei na III Carreira Popular Ventorrillo, do circuíto Coruña Corre.

Ben lembro o percorrido do ano pasado. Consiste en dúas voltas a dous circuítos. O primeiro circuíto é polo Ventorrillo con 300 metros de dura  baixada e 700 de suave subida. Logo outras dúas voltas pola Silva e Pena Moa algo máis chan pero tamén cunha dura subida e unha dura baixada.

Fago o quecemento (suave trote) moi ben acompañado.



Saio ben colocado pero fico abraiado pola cantidade de xente que me adiante na primeira baixada (máis de cen?) e mesmo observo que xente coa que andaba á par cólleme moitos metros. Tardo case un quilómetro, rematando a primeira subida, en comezar a recuperar posicións. Na segunda baixada tamén continúo pasando xente.
Primeiro paso pola Silva

Na Silva forzo un pouco para evitar un pelotón grande pois a rúa é estreita. Na primeira subida case non paso a ninguén, creo que só á primeira muller (Sofía Fernández, meta en 20.30´´). Nos seguintes metros, antes da baixada, manteño a posición e antes de iniciar a derradeira subida paso a un trío de atletas e achégome bastante aos que teño diante.
Segundo paso pola Silva, dobrando colegas

 Pero rematando a subida, adiántame a Rocío e outro colega e na posterior baixada, antes da meta, volvo ser adiantado por outro atleta. Son metros que compartimos cos atletas que van na súa primeira volta. Ten o seu encanto compartir eses metros con eles aínda que tamén nos dificultan algo manter o noso ritmo.

Se nos intres previos á saída non estaba cómodo, recoñezo que durante a proba funme atopando mellor.

Pasei o primeiro control na posición 86, o segundo na 58 o terceiro na 51.

Resultados: 20.36´´ a 4.05´´, de 55 (639 en meta) e de 4º na clasificación da categoría. Fixen 45´´ máis ca o ano pasado. Felicito aos coñecidos que me gañaron, da gusto ver o seu estado de forma.
Grazas polas fotos José Manuel, María e Dieta e Deporte.

5/7/15

II C. Solidaria Parque Oleiros

Semana con 47 quilómetros pero xa con mellores sensacións. Houbo menos días de adestramento, tamén fisio e spa. O domingo participei na

II Carreira Solidaria Parque Oleiros

Outro día con calor. Fixen o quecemento buscando as boas sensacións e lembrando como era o derradeiro quilómetro pois o ano pasado tamén participara na proba e lembraba ben o circuíto pero desexaba ter controlandos os derradeiros metros. 

Unha boa chea de amigos estiveron por aquí (alguén na liña de saída preguntou se en Sada regalaban camisetas), outra boa marcharan a Ponteceso e logo están as cabras do monte. Pero esa é outro tipo de xente.

Saída xa non tan sorprendente coma o ano pasado (baixar polo aparcamento) e xa comezamos subir ata case enlazar coa dura, pero curta, subida principal do circuíto. Aos cincocentos metros calculo que vou na posición 18. Vou, por fin cómodo. O primeiro quilómetro (aparcamento e subidas) saíu en 4.02´´ pero os seguintes todos por baixo de 3.50´´. Na segunda volta e polo km 2,5 paso a catro corredores, mesmo animo a algún para se enganche.

Buscamos xa o longa recta final, onde paso a outros dous. Pero xa non teño forzas para aumentar o ritmo.

Resultados: 18.22´´ (case 20´´ máis ca o pasado ano) a 3.47´´ entrando de 12 (200 en meta) na absoluta e de 4º na categoría.

Despois de entrar na meta vou para Montrove a trotar con Pili. Fixemos algo máis de 12 km a ritmo moderado.

Fotos de don Carlos.

28/6/15

II Carreira Pedestre Concello de Cee 2015: grazas Manu

Continúan as malas sensacións. Semana con 60 km. Remateina con algo de piscina, trote por Louro con Iago (un pracer que repetiremos nas vindeiras semanas) e un paseo coa canoa. O sábado achegueime ata Cee para participar na

II CARREIRA PEDESTRE CONCELLO DE CEE 2015

Como facía demasiada calor case non fixen quecemento. Tiven tempo de saudar e charlar con moitos amigos e mesmo a gran Manu Mariño.


Non eramos moitos os participantes e pero semellaba haber un bo nivel masculino. Primeiro quilómetro picando para arriba a 3.46´´ o segundo tamén por baixo dos catro minutos, terceiro e cuarto a 4-4.05´´. O percurso consistía en tres voltas a un circuíto para facer 10.200 metros con dúas zonas picando ben para arriba. As posicións quedan moi estables en toda a carreira. Zonas de vento a favor e  outras onde o nordés facía estragos. Basicamente fun só, agás na terceira volta que case a fixen cun colega ata os douscentos metros finais.

En cada paso por meta, Manu ou Juan Carlos tiraron as seguintes fotos:


Como me está a acontecer nos dous últimos meses, atopeime mellor na segunda parte da proba.

Paso o km 3,6 a 3.49´´ e o km 6,8 a 3.55´´.

Resultados: 40.19´´ a 3.58´´, entro en meta de 25 sobre un total de 129 e de 3º na categoría detrás José Suárez e de José Río. Despois da ducha, Manu tira as fotos de rigor, tanto no podio como con Abdelkader Bouguerroudj, campión absoluto da proba.

21/6/15

10 km de Carballo-2015

Continúo con malas sensacións. As molestias estomacais non remiten no adestramentos das tardes. Na primeira quincena de xuño saíron 122 km na terceira semana 51 cun día de 6x500 entre 1.58´´ e 1.47´´. O domingo Pili (tampouco ten boas sensacións estas semanas) participou na carreira de Carballo acompañada polas dúas parellas, a atlética e a oficial xa que participamos nos

10 km Carballo

Chegamos con tempo para a retirada de dorsais. Vai tanta calor que fixemos pouco quecemento. A temperatura non nos motiva nada para competir. A pesares de haber moita xente do CAS non tiramos a foto oficial. Este anos modificaron o percorrido, quitando a dura subida que ficou convertida en case un quilómetro suave en ascenso. 

Fago a saída acompañado por Luís e Toni. No primeiro quilómetro xa se me foron. Falo con Raquel (hoxe vai cómoda pois competira na noite pasada). O segundo quilómetro é en baixada (ritmo moi rápido) e pola sombra. Cando chegamos á zona de sol rato de coller o ritmo que me permita sufrir dun xeito controlado e sen mirar o cronómetro. De cando en vez paso a algún atleta. Vou non grupiño duns seis corredores.

No paso polo quilómetro cinco estamos de novo na liña de saída. Toca volver subir… Vou mal e mesmo, outra vez, trato de vencer aos pensamentos negativos para non abandonar. Na subida non forzo e, sorprendentemente, non me pasa ninguén. Vou moi a desgusto. Non gozo destes quilómetros.
No inicio da segunda volta

No inicio da baixada cólleme un rapaz e farei con el mil metros ata que se me quede (entraría moi preto de min na meta). Como confirmación do mal que ía, o cronómetro dime que o primeiro quilómetro de subida fíxeno en 4.02´´ e na segunda volta saíume en 4.23´´, metres que o segundo (3.33´´) e o sexto (3.39´´) xa se parecen máis posto que comecei a atoparme algo mellor.
Polo km 8 antes de coller a Vanessa e ao seu grupo

Tras a baixada viña unha zona de sol e na que adianto á primeira muller, Vanessa. Agora toca pensar en positivo… se adianto a esta rapaza, que é das boas, quere dicir que xa non vou tan mal. No quilómetro oito collo a outro trío de corredores. Fago con eles case un quilometro pero ao iniciarse o derradeiro vánseme quedando a pesares dos meus ánimos. Teño a poucos segundos a Luís. Doulle un berro de ánimo para que force. Cando faltan cincocentos metros collo a outro atleta a quen tamén animo para que se me pegue… pero tampouco o consigue. Sorprendentemente non me pasa ninguén nos derradeiros metros.


Resultados: Pili e Julio fixeron 44.27´´ (1ª de categoría  e de 257 na xeral) Eu entrei en meta en 39.31´´ a 3.58´´ de 62 na xeral (fixeron meta 826) e de 4º na categoría (parabéns José, Emilio e Julián)

7/6/15

IV Carreira pola Ría do Burgo: grazas Juan

A pesar de facer 55 km na semana as sensacións son pésimas. Nos adestramos síntome moi pesado, coas pernas realmente cansas, mesmo dous días regresei a casa camiñado e nunha ocasión so fixen 5 km. O sábado trotei con Pili e o domingo participamos na

IV Carreira pola Ría do Burgo

Día moi caloroso (25 graos ás 11 horas). Son dúas voltas a un percorrido que facemos de xeito cotián para facer 13,720 metros. Por fin íamos participar nesta proba. Trato de non saír rápido pero o primeiro quilómetro foi 3.46´´. No segundo charlo con Diego Álvarez, colega na Maratona de Porto. Vén con forza e fai grupo. Váiseme pouco a pouco. Ata o km 5 continúo por baixo de 4´pero a menos (3.46´´; 3.52´´; 3.55´´; 3.57´´).

Chegamos ata a Ponte do Burgo e na volta comprobo a posición de Pili. Son momentos nos que sufro un montón mesmo plantéxome abandonar cando pasemos polo punto de partida. Se non o fago considero que será unha vitoria. Vou mal. Polo km5 adiántame Toni e polo km 7 cólleme Juan.

Teño  que facer un apuntamento sobre este home: onte fixera 90 km en bici; hoxe, antes da carreira fixera outras dúas horas en bici. Ten o ironman das Pontes en tres semanas. Está fenomenal. Moita sorte.

Trato de engancharme. Vou detrás del uns dous quilómetros. O ritmo de 4.05´´. Vou mellor e comezamos a darnos relevos. Baixo pulsacións e comezo a deixar de sufrir. Tiramos xuntos ata meta e entramos da man.

Son consciente que o resultado de hoxe é todo mérito de Juan.

Os ánimos do público son sempre moi queridos e máis cando veñen de todo un mestre coma Bernardo.


Resultados: Pili de 103 e 2ª na absoluta feminina con 1.00.32´´ (bruto) sendo 1ª na categoría. Eu fago 54.36´´ entrando de 34 (528 en meta) e de 3º na categoría. O ritmo, finalmente foi a 3.59´´. Os dous temos algunhas molestias nos pes. O CAS tivo catro pódiums na proba de adultos.

Fotos: Carlos de Running Plus e de Florentino.

31/5/15

Carreira P.P. A Silva 2015

Remato o mes con 237 e xa traballando en dúas sesións semanais no ximnasio. Na última semana de maio so fixen 37 km. O domingo participei na

XI Carreira  Popular Pedestre A Silva

Chegada con tempo para café compartido con Pili, Karina e Jose. Tempo para tirar unha foto coa xente do Club.

Quecemento polos últimos metros da proba pois queríamos lembrar a dureza do asfalto. O obxectivo era tratar de mellorar o resultado de anos pasados (2013: 41.30´´; 2014: 40.11´´) Saída puntual e a correr. Rematando o primeiro quilómetro xa me pasa un rapaz. No segundo outros dous. No terceiro un máis e polo cuarto, a primeira rapaza (Raquel Suárez). Logo outro máis e nos últimos trescentos outro.

A proba consiste, basicamente en baixar e logo subir, como podedes comprobar neste perfil.
Desde o quilómetro cinco noto molestias no isquiotibial dereito. Desde que regresei ao ximnasio non paro de queixarme destes músculos pois o traballo co cabrón de Toni fainos fortalecer pero, polo de agora, están cargados de máis. Nas duras subidas non me pasa ninguén pero fánseme moi duras. Teño o corazón con gañas de saír pola boca.

Na meta agardo por Pili e saúdos a algúns membros do CAS pois as obrigas familiares fanme regresar inmediatamente.


Resultados: Pili entra de 67, de 3ª muller na absoluta e 1ª na categoría. Eu entre de 31 con 40.45´´ a 4.04´´ ao quilómetro (ritmo patético) e de 3º de categoría detrás dos grandes José Suárez e Emilio Martínez. Non podemos agardar polos trofeos.
Fotos en carreira de Xesús Rodríguez.

17/5/15

I Carreira Pedestre Terra de Iria


O sábado pola parte, compartindo vehículo coa familia Papín,fomos ata Rois para participar na “I Carreira pedestre Terra de Iria” entre Dodro e Rois. O argumento para a participación eran uns excelentes callos que poderíamos degustar no postcarreira cun percorrido algo superior aos 14 km e cun perfil interesante:


Estas probas populares na súa primeira edición teñen o encanto do agarimo que pon a organización así como as peculiaridades típicas dun estreo: ausencias de baños na saída, atraso no inicio, cruces sen cortar, coches polo circuíto e entrega de trofeos na porta dunha igrexa… Nada que non se poda solucionar nas vindeiras edicións. Pero, insisto, o cariño da organización fai que estas “peculiaridades” sexan meras anécdotas.

Chegamos a Rois con tempo (outros non pois adiantaron uns minutos as probas dos cativos), retirada de dorsais e traslado en autobús ata Dodro onde ficamos abandonados nunhas brañas. Sería aquí a saída? Fago pouco quecemento. Mentres evacúo líquido observo preocupado o animal dun 15 centímetros e alongado que teño baixo os pes. Temos que agardar pola chegada dun segundo autobús así como, uns vinte minutos, pola ambulancia preceptiva. Son minutos de trote lixeiro e de estar sentado, cousa que nunca fixera antes dunha proba.

Xa tiña decido saír amodo pois noto as pernas moi cansas. Efectivamente saio atrás coas nosas rapazas, pouco a pouco vou collendo ritmo. Fago o primeiro km en 4.04 o cal debe ser unha das miñas saídas máis lentas. Ben. Collo un grupo numeroso coa primeira muller. Teño a sensación que se me pegan por detrás. Antes do quilómetro dous póllome á par de Paco Sanmarco (que grande e en proceso de recuperación). Facemos xuntos outro quilómetro.

Hai moito sol e tamén moito vento. Comezo a ir so. Alguén ben por detrás e me pasa pero nunha das subidas se me queda. Tiramos cara Padrón. Máis vento e sol. Continúo so a ritmo de 4.05´´ Desde o primeiro quilometro xa non son adiantado por ninguén , vaia alguén me pasa pero adiantareino logo. Son as vantaxes de saír lento.

Tras deixar Padrón, síntome algo mellor, parece que vou collendo ritmo e baixando pulsacións. Os que teño diante cada metro semellan estar máis preto. Irei pasando a uns catro atestas aos que, seguindo co meu costume, animo para que se me enganchen. Despois de pasar o km 10  tiñamos que subir ata meta. Pero as duras subidas non aparecen. É unha pendente suave pero constante. Sorpréndome a min mesmo adiantando xente pois creo que vou canso e a ritmos superiores a 4.15´´.

Resultados: Distancia 14.210 metros, tempo 59.24´´, de 25 na xeral de 3º na categoría, a un ritmo de 4.11´´

Ducha con auga quente e entrega de trofeos. Debe ser a cerimonia no que mellor o pasei (non a máis emocionante pero si a máis divertida) O Club Atletismo Sada, literalmente, arrasou. Creo que subimos unha ducia de veces aos podio. E subimos todas e todos e en moitas categorías (algunha para esquecer, non si Montse). A salientar que fomos o club con máis participantes e que acadamos o segundo posto por club.


Non houbo callos. Directiva dimisión.

Fotos en carreira: Moses.

10/5/15

IX Carreira Pedestre Concello da Laracha


Semana con 57 km semanas e dúas sesión de ximnasio. Continúo nese chamado “período de descarga”, reducindo o volume e intensidade dos adestramentos en asfalto e aumento o tempo de ximnasio.

Cando algunha persoa benquerida te invita a correr no seu concello, facéndote a pelota para coñecer previamente un misterio (Soandres) con orixe no século IX e igrexa de feitura románica e cabeceira gótica, indo ademais acompañado por Pili… que facer? Pois cumprir.

Efectivamente, e con tempo suficiente para tirar unhas fotos en Soandres, partimos desde Montrove o vello trío. Non sen discusión para decidir onde aparcar, retiramos dorsais, toma un café (invitados polo lugareño) e fixemos algo de quecemento. Intres para compartir coa ducia de membros do CAS presentes na proba. Oportunidade para tirar unha foto do grupo (non estamos todos pero si somos todos os que estabamos) e para lembrar por onde anda-andivo a xentiña do club: no Trail do Río Lor (valentes, abofé) e no campionato da Estrada.

Na liña de saída comparto uns minutos con Jorge, do Castro de Lobariz, para poñérmonos ao día (esquezo activar o GPS). O percorrido son dúas voltas para facer 9,5 km.Trato de non saír moi rápido. Saúdo a Mario e fillos de Manuel Ferreira (menudo club de fans temos) e axiña cólleme Luis Hermida, do club, que cando pasamos o quilómetro dous dime que imos a 3.40´´ polo que decido baixar o ritmo. 



Sei que se non se adestra non se pode correr e que se mantivera ese ritmo o final seríame realmente duro. Pequena subida e na longa e pronunciada baixada, quédome so.


Desde o quilómetro tres, máis o menos, non me adiante ninguén e paso a un par de corredores. Vexo ao lonxe á xente da miña quinta (José Manuel e Julián). Vánse marchado. Falo da “quinta” posto que a categoría confeccionárona a partir de 40 anos… Subida en dirección ao núcleo da poboación. Fotos dos Mestre.

Iniciamos a segunda volta. Sempre so. Baixada, subida, baixada e subida final. Antes de iniciar a recta de meta comprobo como o club de fans encheu o asfalto cos nomes da xente de club. Estes rapaces son tremendos. Grazas.

Vexo cada vez máis preto a José Manuel e a Julián pero non son quen de collelos… sei que para facelo teño que estar “realmente fino”.



Resultados: Pili 40.45´´ de 104 e 1º na categoría a 4.18´´. Eu 36.49´´ (3.53´´) 38 de 391, 10 na categoría de m+40.

Fotos de Juan  e de Suka.

3/5/15

XII Carreira P.P. concello de O Pino


E para rematar este fin de semana, terceira proba en tres días “XII Carreira Pedestre Popular concello de O Pino”. Ben lembro como foi a do ano pasado e con que re-gusto amargo quedárame. Levamos tres días con previsións meteorolóxicas de moita auga mais venres e sábado non nos molláramos nada durante as probas atléticas. Hoxe semellaba imposible. Toda a noite chovendo mesmo ata que cheguei a Pedrouzo (O Pino) non deixou caer auga. So cando restaban uns quince minutos para o inicio da proba o ceo decidiu pechar as billas.

Fago pouco quecemento pois notaba as pernas realmente cansas. Saímos con algo de retraso e en dirección contraria ao ano pasado. Son uns centenares de metros costa abaixo onde moita xente me pasa. Cando iniciamos a primeira subida recupero algunhas posicións e axiña nos metemos polo Camiño de Santiago: fermoso traxecto pero… cheo de lama. Os corredores aínda imos moi agrupados polo que faise difícil escoller o mellor lugar onde pousar as zapas. Saímos todos realmente enlamados. Baixamos, subimos, asfalto e lama. O percorrido gústame un montón. 

Iniciando a segunda volta. Grazas pola foto, Florentino

Cambio moi pouco de posicións. Ao inicio da segunda volta dous rapaces (xa todos parécenme rapaces) pásanme pero na baixada enlamada os adianto. Pásame algún outro corredor pero tamén adianto algunhas posicións. A segunda volta fáiseme longa e dura.

Resultados:  31.51´´ e de 46 na xeral (280 en meta) e de 5º na categoría. O ano pasado fixera 31.35´´. A parte positiva é que tanto venres como o domingo entrei diante dalgunha persoa coa que tiña malas experiencias. Debo recoñecer que competir tres días seguidos non é bo: o venres o ritmo foi de 3.44´´, o sábado de 3.49´´ e o domingo de 3.56´´. Pero había que aproveitar a oportunidade.

Agora toca descansar e facer poucos quilómetros no mes de maio.

2/5/15

IV Carreira Solidaria: corre con Implicadas


Creo que é a primeira vez que compito dous días consecutivos pero as circunstancias son as que son e, neste caso, era, ademais unha acción solidaria pois A recadación resultante de cada inscrición irá destinada a apoiar e dar continuidade aos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que Implicadas No Desenvolvemento ten na India: “ERRADICACIÓN DO INFANTICIDIO FEMININO” en Salem e “EMPODERAMENTO DE MULLERES II” en Tiruchy. Máis información: www.implicadas.net

Foi tamén a ocasión de compartir sensacións con grupo de mulleres de María e Raquel, moitas delas estrenándose unha carreira. É impresionante ese grupo de mulleres. Parabéns a todas.

O percorrido é por onde adestro moitas veces. Saída rápida e subindo ata As Galeras. Nos primeiros metros pásame moita xente pero xa á altura do INEF (500 metros) recupero posición. No primeiro quilómetro creo que debe ir de 15 aprox. Posición que case non modifico ata o remate (creo que so fago un adiantamento. Na primeira volta fago unha baixada ata Bastiagueiro rápida e cómoda con quilómetros por baixo de 3.50´´.
Rematando a primeira volta

Na segunda volta teño a sensación de que non fago a subida tan cómodo nin tampouco tan rápida a baixada… mais o datos contradinme.
Rematando a segunda volta

Resultados: 19,34´´, de 12 na xeral e de 2º na categoría (volveume gañar Fernando Pérez –oito anos máis novo ca min- que xa o fixera no Trail da Coruña).

O CAS volveu facer varios pódiums.

Grazas polas fotos Raquel e Alberto.