11/6/12

Campionato Galego de Veteráns en pista: 10.000


Tras a proba de Ordes, comecei a semana moi canso e con molestias no piramidal dereito (isto de non estirar despois dunha carreira non está nada ben…). Deste xeito, o luns só fixen 30 minutos de abdominais no ximnasio (abandonado polos colegas), o martes trotei 15 km con catro intentos de series de 1000m. entre 4.01 e 3.47 (patético). O mércores só fixen 5 km para logo poder estirar moito tempo e con 30 minutos de abdominais. O xoves xa fixen unha hora de ximnasio (GAP e abdominais) para facer o venres 17 km e 60 minutos de ximnasio (Gap e abdominais) e xa ben acompañado.

Sopresivamente, o sábado, teórico día de repouso, fixen 14 km (12 deles con Pili) rematando realmente canso.

E o domingo? Pois a miña estrea nunha proba de pista: 10000 no Campionato de Veteráns en Lugo. Previamente teño que dicir que o sábado para o xantar houbo mariscada familiar (cervexa,viño e cava), para a cea: adega en Betanzos (viños branco e  tinto) e o domingo xantar con callos. Así non se pode…

Tras recoller a Jesús en Sada, dirixímonos a Lugo a participar nos campionatos galegos de veteráns en pista no 10000. Para Jesús era a segunda experiencia na pista, para min a primeira. Tras unha viaxe curta e agradábel, chegamos ao estadio. Estando previsto que saíramos en series distintas, os xuíces deciden, que saiamos todas as categorías xuntas: no podo facer o quecemento como me gustaría.

Escusas (tan típicas do paquete que escribe):
1ª O nocello esquerdo continua sen estar ben.
2ª Ando falto de gañas, sen facer series e facendo poucos quilómetros semanais.
3ª Primeira experiencia en pista (e sen tacos)

Na carreira (25 voltas de 400 metros), saímos cómodos na parte traseira do grupo. Jesús tirando. Na segunda volta xa estamos posicionados polo noso ritmo. Pégasenos un atleta. Jesús sigue marcando o ritmo. Na quinta volta collo eu a corda pero na sexta volve Jesús a tirar. Pouco a pouco vaise indo. Quere agardar por min. Dígolle que tire e que se vaia. Nas costas levo pegado a un atleta de A Gandara. É a miña permanente sombra. Só da un relevo de catrocentos metros. É curioso ver como nos adiantan os primeiros e comprobar que tamén adiantamos varias veces a outros corredores. Desde as bancadas, o C.A.S non deixa de animarnos en cada paso.

Cando anuncian a última volta subo o ritmo porque sei que non teño sprint e quero intentar deixar a mochila antes da recta de meta. Cóllolle uns metros pero na última curva volvo telo pegado. En canto iniciamos a derradeira recta, adiántame coma un foguete. Nunca fixen tanta forza nun sprint pero foime imposible impedir o adiantamento. Felicítoo ao cruzar a meta. Quedou de primeiro na categoría e eu segundo. A diferencia foi dun segundo e medio. Fago 36.57 (a 3.42´´ o quilómetro) Jesús: impresionante: 36.24´´.

Atención: subcampión galego de veteráns en pista en 10000 na categoría de 50 a 55 anos.

A partir da entrada en meta, caos absoltuto na organización. Prefiro non comentalo e lembralo como unha anécdota.

Resume semanal: tres horas de ximnasio e 61 quilómetros. Continúo sen amañar o nocello esquerdo polo que non hai moitas gañas de trotar, facer series…

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión