16/9/12

I Carreira Nocturna Concello de Ferrol



Tras a malleira do domingo pasado, o luns descansei mais ao final da tarde achegueime ao ximnasio con Juan para facer unha hora de GAP e abdominais. O martes, aínda canso, só 15 km ao trote. O mércores un dos adestramentos que peor levo: 13 km con 15 series de 300 metros entre 1.07´´ e 1.01´´ con 45´´ de recuperación. Xoves fun á miña quiro-práctica por unha contractura no pescozo e costas. Venres 17 con 5x2.000 e cometín un tremendo erro ao trabucarme de ritmo na primeira serie pois tiña que ser en 8.45´´ e fíxena en 8.08´´, entón a manter o tipo e baixar tempos: 7.57; 7.47; 7,45 e 7.40´´ Rematei realmente canso. 

O previsto para o domingo era participar no dez mil de Riveira mais como non puido ser, fixen, o sábado, a I Carreira Nocturna Concello de Ferrol a onde cheguei con tempo pero sen o meu chip amarelo. Non fago moito quecemento e aproveito para saudar aos atletas do CAS presentes: Alberto, Raúl e Mónica.

Cunha alta temperatura, ás 21.30 deuse a saída desde a Praza de España polo barrio da Magdalena e ata o porto regresando ata completar as dúas voltas de catro quilómetros. Nos primeiros metros adiántame moita xente e sobre todo na costa da rúa san Francisco ao pasar por onde casa, en lamentable estado de abandono, de don Francisco Carvalho Calero. E é que as costas abaixo non se me dan nada ben. No porto damos volta e permíteme comprobar que vou en torno á posición 35. Vou cómodo e rápido. 

No primeiro paso pola meta hai moitísima xente. Da gusto correr así.

Na segunda volta empezo adiantar a corredores chegando ao punto máis lonxano na posición 30 aproximadamente.  Continuo pasando xente e mesmo á primeira muller. Non forzo no último quilómetro posto que vai picando para arriba. Tras cruzar a meta, saudar aos amigos, agardar pola entrega de trofeos e polas cañas e pinchos.

Resultados: posición 26 (sobre 542 chegados á meta), 3º na categoría de máis de 45 e cun tempo neto de 29.49´´ a 3.44´´ quilómetro.

O domingo estaba prevista a tirada longa da semana. Aos catro quilómetros comecei notar molestias no piramidal esquerdo (a primeira vez que protesta ese lado) e como non ían a menos decido ser prudente (alucinante, eu prudente) e facer só 15 quilómetros. Mais teño que estar contento polos resultados da semana a pesar de que non foron moitos quilómetros (70) pero houbo dous días con series e unha competición curta. O luns descanso e a facer estiramentos dos piramidais sen falta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión