Case sen adestrar na semana (34 quilómetros e unha hora de
ximnasio) o sábado pola mañá saíu un vehículo desde Montrove con destino Donostia.
No automóbil van dous veteráns da Behobia-San Sebastián (Raúl e Antonio) e dous
novatos (Paloma e o que escribe) Tras case 700 quilómetros e certos problemas
para atopar aparcamento en Donostia, recollemos os dorsais no velódromo de Anoeta
coa compaña de Luís Pardo. Houbo certos problemiñas co meu dorsal... “ah… pero
es tu sales muy adelante...”. Na pequena feira do corredor fixemos provisión de
camisetas para os amigos e a oficial para dona Teresa. O Mariscal fixo acopio
de calcetíns. Tivemos ocasión s de saudar a Jorge Valdés e desexarlle sorte.
Cando nos dirixiamos a tomar a primeira caña o ceo descargou sobre nós varias
toneladas de auga como presaxio do que sería o día da carreira.
Achegámonos ata o hotel, preparamos a equipación para o día
seguinte e baixamos ao centro a degustar os ben afamados pintxos donostiarras
onde tamén saudamos a Manute (Manuel Hurtado)
O
domingo levantámonos moi cedo e almorzamos no hotel mais non na habitación
senón no comedor (xa sabedes como é o Mariscal…) Pillamos o topo e un bus que
nos deixou en Hendaia (Oh, la France…). Foi chegar a Francia e principiar a
chover, chover, chover… milleiros de toneladas de auga sobre nós…Tras deixar as
mochilas nos camións, que fixemos? O quecemento? Protexernos da chuvia nunha
gasolineira como todos os milleiros de corredores e corredoras.
Como a
organización era moi previsora, separou a saída dos distintos grupos de
atletas case unha hora. Marchei para o
meu caixón cos mellores desexos de Paloma, Antonio e Raúl. Metinme no meu grupo
so 30 segundos antes da saída ben tapadiño baixo o chuvasqueiro e unha gran
bolsa do lixo do xardín. Asumo que será a primeira vez que corra tan tapado… A
intención é saír detrás do grupo, sen présa, probándome, tratando de ir cómodo
e pensado que xa habería tempo para correr. Cruzo a liña de saída na posición
2.168.
Os
primeiros metros son unha constante fuxida dos
charcos e tratando de nun ser tirado e de non tirar a ninguén.
Van
pasando os minutos e comezo a ir pasando xente. No quilómetro dous tiro a bolsa
de plástico. Atopo ao Rama, dos Taninos de Ponteareas. Saúdoo e mándolle
recordos para Xosé e Edu. Desexámonos boa sorte. De súpeto vexo o bandeirola do
quilómetro 4… xa van catro e non me decatara dos 20.12´´ transcorridos. Paso o
km 5 en 20.14´´ (a 4.03´´ o km.) e na posición 1.371 . Vou tranquilo e paréceme un tempo de paso
estupendo.
Teño a
sensación de que toda a carreira será un sube-baixa polo que paréceme estupendo
ser moi prudente e ver como se comportan os piramidais e os abductores.. Cada
vez que hai unha subida, e hai moitas, quedo abraiado coa cantidade de xente
que vai diante… non lembro ningunha outra proba na que saía tan atrás… tamén é
certo que é a proba con máis participantes (25.000 inscritos) da miña vida.
Chego á subida máis longa da proba nun tramo de autoestrada… fáiseme difícil,
vou lento pero… continuo pasando xente. Vou cambiando de carril, en zig-zag,
constantemente na busca da liña máis recta posible.
Paso o
10 en 40.16´´ (a 4.00´´/km nos últimos 5000) é dicir en menos tempo que os cinco
quilómetros anteriores. Vou na posición 1.078. Longa baixada na que aproveito
para quitarme o chuvasqueiro, Chegamos ao porto de Pasaia. No quilómetro 15 o
meu tempo é de 59.45´´… (a 3.56´´/km os últimos 5000, isto ten boa pinta) e na posición 999. Comprobo que
vou aumentado o ritmo aínda que vou algo canso… Cada metro teño menos atletas
diante… Agora toca esforzarse e correr, correr, correr.
Por fin
chega o remate do 15 e o inicio da costa máis dura subida do traxecto, O Mariscal
tenme avisado da súa dureza. Vou amodiño pero… sigo adiantando xente. Na parte
máis dura, pásame un rapaz… Pobriño, quedeime coa súa matrícula… para que na
baixada contemple el a miña.
Chegamos
a Donostia, aumento o ritmo. Forzo. O espiquer anuncia o derradeiro quilómetro
e… nese momento o ceo decide descargar outra tonelada de auga. Tanta descargou
que o fotógrafo do Diario Vasco non fixo fotos deses minutos (cachisss) e o
vento mesmo chegou tirar o arco de meta cun cronómetro. Márcome un
esprit da casa: longo e progresivo. Mirade que pintas nos últimos metros:
Entro na meta contento e empapado cun tempo de 1.18.55 ´´ a unha media 3.57´´/quilómetro, de 929 na clasificación absoluta e de 22 na categoría. (Ligazón a un vídeo coa entrada na meta no tempo de 1.21.30)
Entro na meta contento e empapado cun tempo de 1.18.55 ´´ a unha media 3.57´´/quilómetro, de 929 na clasificación absoluta e de 22 na categoría. (Ligazón a un vídeo coa entrada na meta no tempo de 1.21.30)
Como
fago nas probas especiais, pídolle á rapaza que me da a medalla dous bicos.
Recollo a mochila e os abundantes alimentos e marcho aos fisios. Danme unha
masaxe de corenta minutos. Camiño ata o hotel onde temos previsto volver xuntar
o grupo. Doume unha ducha longa, longa, longa e quente, quente, quente. Chega
Raúl moi contento pois mellorou moitos minutos. Tamén Paloma (e Antonio) está
moi contenta. Rematou o seu primeiro vintemil, nas peores condicións metereolóxicas
posibles. Guiada por Antonio, foi moi prudente ata que no quilómetro 10, co
corazón ben colocado, empezaron a recoller cadáveres… Entraron na meta en pouco
máis de dúas horas. Parabéns, campiona.
Cando
chegamos a Donostia, Luís preguntáranos que tiña de especial esta carreira Non
o sabía. Non cría o que tiña contado Raúl. Que, que ten de especial…? Que por
que é proba máis afamada? Pois pola xente, polo público. Milleiros de persoas,
de nenos e nenas, de familias completas, de aitas… Foi impresionante. Xente e
xente nas cunetas, nas rúas, baixo a a infatigable choiva, ofrecéndonos froita,
auga, bebidas isotónicas. É realmente incrible. Por iso é a mellor proba.
Tras
outros pintxos para o xantar, iniciamos o regreso na hora prevista (ordenada)
polo Mariscal. Sete horiñas ata casa.
NOTA FINAL: Agora si toca descansar, recuperar os piramidais, isquios e curar o inicio de pubalxia.
Eskerrik asko
Gero arte
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Grazas por deixarme a túa opinión