Principiei
a semana descansando do asfalto e facendo unha sesión de abdominais no ximnasio
(a nova monitora agótame en tan so trinta minutos). O martes fixen 16 km e o
mércores modifiquei os hábitos ao pasar a este día a tirada longa. Fixen 20 km
pola beira do río Mero, desde A Barcala ata pasado algo o encoro de Cecebre e
regreso. Foi unha delicia compartir algún quilómetro con Dani quen anda
preparando o ironman de Huelva. Está coma un touro. Sorte.
O xoves
foi outro día de repouso pois tocaba ir á quiropráctica. Había dous meses que
as pernas non pasaban polas mans de Paloma e… canta falta lle facían. Tiña todo
o lado dereito do corpo moi sobrecargado, desde a pranta do pé, o nocello, o
xeonllo, o vasto interno, adutores, isquiotibiais, o piramidal, ata a cadeira.
A malleira foi completa. Tan completa foi que o venres case non puiden trotar.
Tiña pensado facer unhas series pero foi imposible. Só houbo 12 km máis, a
trote, para o peto.
O
sábado volvín á II edición da carreira nocturna de Ferrol. O domingo non fixen
nada polo acontecido o sábado… Os quilómetros semanais só foron 58.
II
Carreira Nocturna corre por Ferrol. Memorial Lolete.
Debido
ás obras na Praza de España (outra vez?) a saída e chegada trasladouse á Praza
de Armas. Alí foi o punto de encontro do Clube de Atletismo Sada. Cando estamos
a facer o quecemento comezou a orballar e non pararía ata mediada a proba. Repaso con Jose as subidas da proba
mentres quentamos. O ano pasado correra a 3.44´´ o quilómetro. Creo que me será
difícil acadar ese ritmo. O obxectivo non é o tempo senón controlar a
clasificación de veteráns B (máis de 45 anos)
A saída
é un pouco caótica: cara a onde partimos… colocación da liña de meta… Total que
cando iniciamos a proba non podo poñer o cronómetro en marcha. Saio rápido na
subida cara a Praza de España. O grupiño dianteiro vaime collendo metros e na
baixada da Praza de Armas, tomo unha curva moi pechada e cáiome. O trompazo foi
de película. Fágome dano no xeonllo dereito e no oso da cadeira. Sempre no lado
dereito…Levántome axiña, case sen pensalo. Durante a proba noto un corte con
sangue no xeonllo. O golpe da cadeira foi contundente pero non me impide
correr. Vexo que só me adiantaron tres
corredores e penso que son moi poucos posto que levamos uns 800 metros.
Trato de coller de novo o ritmo pero o grupiño que estaba a controlar cólleme
demasiado metros.
Cando
estamos a chegar ao primeiro xiro, fago a curva demasiado aberta, xa que a
anterior a tomara demasiado pechada… e non piso a alfombra de control de chips:
estaba mal sinalizada e a escuras. Outro contratempo.
Xa non
me pasa ningún corredor. Creo que vou na posición 34. Vou con forza, algo
cabreado pola caída e pasando, de cando en vez, algún atleta. Tamén me adianta
José Angel Pita (1º en veteráns C, máis de 55 anos). Este home é todo un
fenómeno.
No
primeiro paso por meta non me fixo no tempo pero creo que levo un bo ritmo.
Sigo pasando algún compañeiro máis. Rematado o quilómetro cinco, xa non chove,
achégome a Javier e dígolle que teño interese en coller ao grupo que nos leva
uns cen metros. Facemos un quilómetro fantástico e achegámonos algo pero nos
seguintes metros asumimos que non os pillaremos.
Tras
pasar o quilómetro sete e no inicio da subida, Javier cambia de ritmo e
váiseme. Trato de manter a posición na subida. Vexo que non vou coller a
ninguén e que ninguén vaime adiantar. Diante só teño a Javier. Na recta de meta
véxome molestado por unha ambulancia mesmo teño que frearme detrás dela.
Resultado: fago
meta en 29.47´´ (tempo bruto) a 3.43´´ o quilómetro, é dicir, dous segundos
menos ca o ano pasado. Entro de 29 na clasificación xeral sobre 485 atletas e
de 7º na categoría (de onde diaños saíu tanta xente?), mais ledo porque estou
satisfeito polo xeito de correr e polo ritmo acadado. Tras seis semanas consecutivas competindo, por fin non subo ao pódio. Regresamos á normalidade.
Tras a
ducha comprobamos as clasificacións e o CAS, en féminas, volve arrasar. De
cinco participantes, tres pódiums: dous primeiros (Inés e Bea) e un terceiro
(Montse) Parabéns.
O
concello agasállanos con cervexa e empanada.
Durmo
mal por mor do golpe da cadeira, a agardo que o moratón, sexa, cando menos,
espectacular.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Grazas por deixarme a túa opinión