21/10/13

II Carreira Popular "Os Rosais"

Outra semana estraña. Despois do dez mil de Sada, o luns fixen 15 km a un ritmo decente. O martes non tiven gañas de facer as series que tocaban e o mércores non puiden saír. O xoves volvín facer a tirada longa: 26 km con mellores sensacións que nas semanas precedentes pero desde o km 20 as molestias nos ísqueos e no pube impídenme manter o ritmo. Chego a casa realmente preocupado e con malas ideas respecto da maratona de Porto. Sorpresivamente déixanme ir á quiropráctica (pensaba ir na vindeira semana) polo que non teño case tempo de facer os alongamento. Chégolle a Paloma bastante pesimista polas abondosas molestias. Despois de pasar polas súas fortes e positivas mans saio con outro outro ánimo. Dinme que só son sobrecargas que non hai ningunha inflamación. Repouso o venres (fixen GAP no ximnasio e alongamentos) e o sábado fixen as series que tocaban o martes: 15x400 entre 1.36´´ e 1.24´´. As seis primeiras foron por riba de 1.30´´ e as restantes por baixo. As dúas últimas en 1.24´´. Contento pero con poucas forzas
 para o regreso, onde saúdo a Pili e Julio. Remato a semana con 68 incluíndo os 12 km do domingo.

O Domingo participei na II Carreira Popular dos Rosais dentro do Circuíto Coruña Corre.

Quixen achegarme cedo para facer un longo quecemento e compensar que a proba era só de 6.450 metros. Decátome que o percorrido é un continuo quebra-pernas. Primeiro sube , logo longa baixada ata chegar ao Paseo Marítimo onde principia unha dura subida. Despois bordease o Monte de san Pedro onde sopra un forte vento en contra durante un quilómetro e ademais é de adoquín. Ao chegar ao Portiño inicio a longa subida, primeiro moi dura, logo vai suavizando a cando está a piques de rematar volve endurecerse para afrontar unha longa e pronunciada baixada. Fago o quecemento a trote suave.

Uns minutos antes da saída teño tempo de saudar a amigos e facer os últimos trotes con Jesús. Dáme a explicación de porque hai tan pouca xente do CAS: andan repartidos por toda Galicia competindo.

Poñémonos xuntos na liña de saída e segundo iniciamos a proba, Jesús vaime collendo uns metros. Na primeira subida (300 metros) hai xente que me pasa e tamén no inicio da longa baixada (uns 1000 metros) mais ao chegar ao Paseo Marítimo comezo a gañar posición sempre con Jesús a uns segundos. Fago detrás del dous quilómetros e ao chegar ao Portiño póñome ao seu carón: dígolle que se me enganche na longa subida que nos agarda e que logo tire na baixada. Na metade da subida vexo que se me queda e eu sigo tirando (paso a cinco persoas) e ao iniciar a baixada creo que eses cinco compañeiros pasaranme na baixada pero… non acontece así. Só ao chegar ao remate da baixada pónseme en paralelo un atleta pero na curva da entrada á zona urbana, outra vez en subida, continuo tirando a os douscentos metros, na derradeira rotonda miro para atrás e vexo que lle saco moitos metros aos que veñen detrás. Non o podo crer, ninguén me colleu na baixa e ninguén vaime esprintar.


Resultados: fago meta en 24.40´´ para unha distancia de 6.450 metros polo que o ritmo ao quilómetro foi de 3.49´´. A sorpresa chegou ao ver as clasificacións: de 20 na xeral, sobre 821 atletas, e de 1º na de veteráns 3.

1 comentario:

Grazas por deixarme a túa opinión