Esta
foi una semana especial. Pois si xa que só trotei dous días e o domingo fixen
una proba ben cortiña. En total 28 km. Ademais houbo tres boas novas: Pili
retornou á competición en Lugo, aos meus adutores parece que lles senta ben o
repouso xa que as molestias van a menos e o xoves recibimos un trofeo.
Efectivamente
o pasado xoves recibín o trofeo correspondente ao terceiro posto de Veteráns 3 do
I Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña. Foi toda una honra
compartir galardón con dous auténticos fenómenos, como son José Luís Bouza e
Emilio Martínez. Ademais o Club de Atletismo Sada literalmente arrasou neste
circuíto posto que recibiu 23 premios, o que supón
máis do 30% dos mesmos. Creo que a Federación quedoulle ben clara a importancia deste club, a pesar de ter tan só catro anos de antigüidade.
O
domingo participei na I Carreira Popular de Sada-Gran Premio de Nadal
organizada pola Federación e que contou coa axuda do CAS. Esta proba servíu como homenaxe ao atletismo popular feminino ademais de ser benéfica posto que todo o recadao foi para Cáritas. Sobre un circuíto de
pouco máis de dous quilómetros polo paseo marítimo ao que había que dar dúas
voltas ata acadar unha distancia de 5.600 metros.
Cheguei
non con demasiado tempo a Sada. Comparto minutos coa xente do club e saúdo a
corredores.Con pouco quecemento e con serios problemas nas costas debido a un
mal movemento no sábado pola mañá, decido afrontar esta proba con calma posto
que sei que o estado de forma vai xa a menos. Se non se fan quilómetros pola
semana non se pode render nas carreiras, como ben sabemos.
Colocámonos
diante: Roberto, Jesús e máis eu. Xa nos primeiros metros Roberto vaise marchando
e tamén Jesús. Aos trescentos metros parece que as posicións xa se van
consolidando. Jesús pouco a pouco vai collendo metros. Ao remate da primeira
volta pásanme tres corredores. Máis non os deixo marchar, engánchome a eles e
axiña collemos a Julián J. Gesto, compañeiro de categoría. Dos tres, un vaise quedando e dous
marchando. Dígolle a Julián que se enganche. Respóndome que, coma sempre, vaino xa
dando todo. O seu neto anímao ao velo pasar.
Facemos
xuntos case toda a segunda volta. Nos derradeiros trescentos metros subimos un
pouco o ritmo e xa na liña de meta pídolle que me dea a man para entrarmos xuntos.
É a terceira vez que entro coa man dalgún compañeiro collida. Nas dúas ocasións
anteriores colléronma (Ourense e Sada 2012) e nesta pedina eu. Creo que é un xeito de gozar das probas, de
esforzarse en correr todo o que se poda mais non se trata de derrotar a ningún
rival senón de compartir quilómetros dándoo todo.
Creo
que nunca esprintei para ganarlle a ninguén. Creo que sempre o fixen para
mellorar marca ou para que non me adiantaran. Foi toda una satisfacción entrar
así na meta.
Resultados:
fixemos meta nas posicións 21 e 22 na
clasificación xeral e de 7 e 8 na da categoría cun tempo de 20.15´´ polo que o ritmo foi de 3.37´´/km.
Tras
pasar a meta, coincido con Jesús e Roberto no posto de fisioterapia. Vexo as
feridas de Roberto pola caída que tivo o que explicaría o seu tempo.
Tu es vraiment tout un exemple...
ResponderEliminar