29/12/13

IX Carreira Popular Fin de Ano Mugardos-Ares-Mugardos

Continúan as boas novas. Semella que as molestias dos abdutores están case desaparecidas. Resta una consulta co trauma o vindeiro luns e continuar co tratamento regular co osteópata.

Como as molestias son case inexistentes, esta semana trotei seis días. Non me coincidiu ningún para ir ao ximnasio. Nun deles saín con Pili (que grande) e neste domingo participei, por quinta oportunidade, na IX Carreira Popular Fin de Ano Mugados-Ares-Mugardos. En total foron 78 quilómetros. Había moito tempo que non facía tantos.

Despraceime ata Mugardos con Raúl. Con tempo, recollemos dorsais e puidemos charlar con outros atletas: sempre queixándonos das nosas dores. Como somos!. Fixemos pouco quecemento. A temperatura era ben fría. O Club de Atletismo Sada enviou una boa representación, como sempre.

Saímos en descenso en dirección ao porto. Sempre hai rapaces que se fan un sprint nos primeiros cincocentos metros. 

En canto comezamos a subir, achégaseme  Álvaro, quen tras saudarnos, vaise marchando ao igual que un colega de Boimorto, da miña categoría e con quen coincido nas probas do verán. Logo colleume Pedro Caro, do blog irmán Las zapatillas del 42. Tras presentarnos, tiramos xuntos. Cando principia a segunda subida, parece que se me marcha pero, como sei que ultimamente non se me da mal tirar para arriba, acabo colléndoo. Son quilómetros nos que charlamos sobre os blogs e especialmente sobre o amigo que temos en común, o gran Blas Pura Vida ademais da machada que se fixeron o día anterior, un espectacular trail polas terra de Aranga de tan só 29 km.

Tras rematar a gran subida xuntos, iniciamos o descenso cara a Ares. Cando rematamos a baixada un terceiro atleta ponse onda nós e mesmo considero que me estorba un pouquiño tendo que deixarme caer un metro por detrás deles. Mais xa polo paseo de Ares imos tirando de novo os dous. Collo auga e pásolla a Pedro. Saíndo de Ares vén xa a gran subida. Nos primeiros metros vaime collendo distancia, parece que leva un ritmo realmente mellor ca o meu. Cruzámonos coa xente que está chegando a Ares. Vexo realmente ben a Raúl. Saudámonos.

Tras os primeiros trescentos metros da subida, achégome de novo a Pedro. Póñome en paralelo e a subir. Mediada a costa vexo que xa non vai tan ben. Anímoo e mesmo cando xa está a rematar, trato, de novo de animalo aínda máis. Insísteme para que me marche pero na miña cabeciña xurde a idea de entrarmos xuntos.

Despois da subida, cóllolle uns metros pero trato de continuar animándoo. Cando fago o derradeiro xiro, colócome o gorro do Nadal e párome uns metros antes da meta para agardar por Pedro. Vexo que o colleron outros catro atletas. Entramos xuntos.

Resultados: entro de 16, cando en realidade ía de 13 detrás do grande José Leis. En Ares pasei de 17. O tempo foi de 40.04´´. Non había premios pero creo que entrei de segundo de categoría detrás de José Leis.

E con esta proba van xa 105 probas rematadas… quen o diría. Ben lembro a primeira, unha Pedreste de Santiago con Pili, Juan e Julio e, logo, a nosa primeira Vig-Bay... Grazas amigos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión