1/5/14

XVII Carreira Popular Concello de Arteixo

Imos afinando. Despois do dez mil da Coruña, o luns houbo unha malleira no ximnasio, o martes tocaba só trotar pero caeron 16 km e boa parte deles a bo ritmo polo que o mércores tiña as pernas realmente cargadas. Escaqueime da cita de pesas cos amigo e só fun a pilates. Rematei o mes de abril con 253 km. Xa é unha cantidade importante. O xoves… a Arteixo. 

 XVII Carreira Popular Concello de Arteixo

Sen facer moito quecemento, mais ben case nada pero facendo moita relación social… que cantidade de amigos e amigas atopámonos nestes lugares…. Por suposto, sei que falta, quen non pode estar. 

Antes da proba absoluta hai unha festa do atletismo infantil e sobre todo de persoas discapacitadas. Foi realmente emociónante facerlles un corredor para aplaudirlles. Que grandes. 

Sitúome ben na liña de saída. Hai unha enorme recta nos primeiros cincocentos metros. Non hai présa. Creo que saio ben, nin demasiado rápido nin demasiado lento. Vexo que teño diante a unas catro ou cinco persoas da miña categoría. Despois de pasar pola Ponte dos Brozos, pásame xente. Dígome que non hai présa que a proba é dura dabondo. Axiña collo á primeira muller. Vou uns centos de metros con ela. Antes do terceiro quilómetro ven a primeira subida, e a rapaza se queda. 

Sei que hai dúas grandes e duras costas. Vou mentalizado. Cando iniciamos a primeira (quilómetro catro) vexo que paso xente. É dura pero… gústame. Na baixada seguinte perdo algunha posición mais voume atopando a gusto, ben. Que pracer volver correr… 

Paso o quilometro cinco un pouco por riba dos 19 minutos. Paréceme fenomenal pois o perfil non é precisamente plano. Vexo a Julian José Gesto que me leva 45´e a José Manuel R. Tajes a 25´. Teño a esperanza de ter forzas e collelos ao final. 

Na seguinte subida collo a un rapaz e anímoo. Pégaseme e logo a un compañeiro do Castro de Lobariz de Ferrol. Anímoo e tamén se me pega. Tiro deles dous quilómetros. En canto ven a longa baixada, póñome detrás deles e vanme collendo metros, especialmente o rapaz. Cando entramos no Paseo Fluvial xa estou de novo co de Ferrol pero irase quedado. Paso o km 10 nun 37 longo. Quedo sorprendido agradablemente pois o domingo anterior fixera 38.39 na Coruña e este perfil é realmente duro (logo Alberto diríame que en realidade sería o 9.700 ou 9.800). 
Grazas pola foto, Suso

Collo ao rapaz e teño á vista a José Manuel. Mais xa non hai forzas para esprintar. Paso a un atleta e entro en meta despois do gran José M. Rguez. Tajes. 

Resultados: 45.22´´ de 38 na xeral (726 en meta) e 4º na categoría a 3.47. Se foran 11.800 sería a 3.50´´. Tajes sacoume (3º cat.) sete segundos e Julián (2º cat.) 50´´.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas por deixarme a túa opinión