20/8/11

Carreira a Pé de Lira e das Areas de Carnota




A pesares de que semella este club ser, ultimemente, un grupo de festeiros e festeiras, a nosa actividade atlética continúa. Por unha banda seguen os adestramentos pola Ría do Burgo do grupiño máis numeroso, o noso montañeiro PURA VIDA, continúa subindo e baixando montañas; o TRIATLETA anda rematando a súa tempada, e o CRONISTA, volve correr. Mentres, todos agardamos polo regreso da nosa KENIATA.

Coma en anos anteriores, en Agosto toca participar na Carreira a Pé de Lira e na das Areas de Carnota. Son as primeiras competicións en seis me
ses do CRONISTA. Na de Lira, pena de nubes que impediron ver o solpor sobre Fisterra, participou tamén Blas. Fixen o mesmo tempo que hai catro anos. Foron uns 7.300 metros. A organización, coma sempre, familiar e perfecta. Churrascada final. Noveno na xeral e cuarto na categoría. Boas sensacións.
Na Carreira das Areas de Carnota tivemos a marea a medio baixar polo que foi máis dura do habitual. A organización tenta sempre mellorar aínda que non sei se a colaboración de Cronotec é o mellor xeito. Na meta, bebidas, roscón e camisetas. Oportunidade de saúdar os participantes habituais destas probas e de coñecer o nacimento do Club Praia de Carnota Runners. Quedei primeiro da categoría e 19 na xeral.

15/8/11

Trotando por Louro



Nestes días de verán continúo facendo quilómetros por Louro (Muros). Debido á abundante presenza de cans tiven que modificar os recorridos habituais por este que vedes na ilustración: subidas suaves a ritmos suaves. Son 9.400 metros que repito dúas ou tres veces.

21/3/11

III Media Maratón de León: unha carreira con copyright


A perseveranza é unha calidade innata aos fondistas e a perseveranza no desexo de que o club estivera presente na III Media Maratón de León por parte do Tesoureiro da nosa institución, levou a que dous atletas inscribíranse nesta proba. Ademais estiveron acompañados por Antonio, gran colega de Sobrinoff, a súa esposa Paloma así como polo imprescindible Fernando.

Tras unha vi
axe tranquila e agradábel, dirixímonos á retirada dos dorsais, recollida da fermosa camiseta e a visitar a feira de deportes para logo tomar posesión dunha habitación tripla (as escasa, ou nula dietas do club impediron a contratación de tres cuartos individuais). Observade, por favor, a que tipo de hoteis vémonos obrigados a frecuentar. Isto non é un club nin ná de ná.

Posteriormente, as nosas pernas encamiñáronse polo Barrio Húmedo de León na procura dos seus afamados fiambres. Os viños magníficos, a cena impresionante. Neste apartado gastronómico-etílico debemos salie
ntar os gin-tónics do hotel Conde Luna, uns combinados con copyright. O seu barman, Manolín, experto e curtido mestre da noite leonesa, non quixo desvelar, pese as insistencias de Paloma, un compoñente das bebidas que nos preparou. Combinados con distintos tipos de xenebra en función do gusto do cliente: máis ou menos secos, máis ou menos suaves.

Na noite do sábado ao domingo, o lugués amigo Fernando, foi o garante do soño dos atletas ao erguerse ás 05,30 horas e enfrontarse no corredor do hotel a un nutrido grupo de rapaces alcolizados. Estivo duro, duro, duro. A iso das 8,00 horas Sobrinoff decidiu que xa era hora do tomar o almorzo
que trouxera desde Montrove: froita, queixo fresco, pan integral e zume. Este home está en todo.

Con tempo dabondo dirixímonos á saída, t
iramos unhas fotos con Bernando e o seu grupo. Mentres Paloma e Fernando tirábannos fotos pola carreira, o Cronista decidiu que ese domingo non era o seu día e decidiu probar unha nova sensación, a da retirada. Mentres Antonio e Raúl, saíndo de menos a máis foron aumentando o seu ritmo e adiantando ao grupo das dúas horas e ao do 1.50´ para entrar na meta por debaixo da hora e corenta e nove minutos. Acadaron os seus mellores rexistros na distancia. Terán límite estes atletas?


O circuíto é magnífico e fermoso. A meta é espectacular: nun estadio de atletismo ateigado de xente. A recepción aos participantes inmellorable (
canto temos que aprender…) e moi agradábel: campo de herba, animación, bolsa do corredor con múltiples agasallos… Tras a carreira gozamos dunha enchenta a base de embutidos, sopa de troita (xenerosa e fantástica) e outros manxares. A sobremesa que case ninguén quería (verdade Fernando) foi… uhhhhhmmmmm. Ao xantar estivemos invitados, en parte pola xenerosidade do noso anfitrión leonés e en parte porque as finanzas do noso club non dan para máis.

Foi un fin de semana cheo de todo: bebida, xantares, deportes, sol… Ata o vindeiro ano.

Relato da proba no xornal La Crónica de León e no Diario de León.


7/3/11

Maratón de Barcelona 2011: vai por ti, Pili

Isto de correr non é para persoas solitarias. É para correr con outras persoas, compartir os desexos e as expectativas con compañeiros/as de quilómetros. Correr significa, tamén, comentar con paixón o desenvolvemento das probas nas que participamos… Pois ben esta Marató 2011 foi moi distinta á como a pensamos, en plural, desde hai meses, creo que xa en setembro. Foron moitos quilómetros con Pili, moitas saídas en venres, varias tiradas longas en domingo, moitos luns compartindo abdominais e pesas no ximnasio para, a dúas semanas da proba, saber que a nosa Keniata de Montrove non ía poder participar. Fóisenos o seu desexo de facer 3.20´´ (eu creo que estaba para baixar comodamente das 3.15´´) mais ten que quedarnos a ilusión de poder seguir compartindo as vivencias cos amigos. Sei que ela ía correr comigo e sei que eu corría con ela. VAI POR TI, PILI.

Tras os problemas aparecidos febreiro de 2010, e tras tres meses de parón (abril, maio e xuño) volvín pouco a pouco a facer quilómetros. De xullo 2010 a febreiro 2011 estes foron os quilómetros por mes: 100, 186, 198, 234, 260, 314, 309, 302. En progresión e, sobre todo, nas dez últimas semanas seguindo estrictamente un plan de adestramento: aumentando as distancias e mellorando nos tempos das series. Como non hai maratón na que non me aconteza algo nos días-semanas previas, nesta ocasión apareceu unha gran ampolla no pé dereito e, sobre todo, collín unha gripe a cinco días da proba: martes, mércores, xoves, o venres e ata o sábado continuaron as dores de cabeza así como a sensación permanente de ter unhas décimas de febre...

Este ano sería miña quinta maratón e a primeira con 50 anos. O corpo e a cabeza quedaran cansos dos adestramentos e me pedían que esta sexa a última que preparamos para mellorar marca persoal. O ano pasado fora de 2.57´. Tal e como se comportaron as pernas, cría posible baixar algúns segundos das 2.55´. Co esta idea marchei a Barcelona, acompañado por Isa, sen que nada disto sería posible: o apoio, comprensión e o seu cariño son fundamentais.

En Barcelona, a rutina: chamadas á familia. O sábado, turismo bibliotecario por Sabadell e xantar con Jordi. Café con Angels. Sesta, preparar a equipación do día seguinte (dorsal 1289), teléfono, cea. Durmir.


1ª Media Maratón para correr: 1.23.16
Cheguei con calma á liña de saída con tempo para sacar a foto dedicada a Pili. Fago un pouquiño de quecemento e de estiramentos. Cinco minutos antes da nosa saída saen os das cadeiras de rodas e, tras dous minutos, o grupo elite. Ás 8.30 saímos o resto. Trato de ir amodo pero vexo como os globos de 2.45 e 3.00 van moi rápidos. Tardo quilómetro e medio en coller ao de 3 horas. Fago os dous primeiros quilómetros por baixo de 3.40´. Teño preto o globo de 2.45´, decido non ir por el. Son consciente de que estou facendo un ritmo por baixo de 4.00´´o quilómetro. Fágome ilusións dunha marca magnífica… Saúdo a Montse e ao grupo de animadores do Club de Atletismo Sada. Celia tira esta foto (grazas). Trato de ir máis amodo pero as pernas non queren. Paso a media maratón moi, pero que moi, rápido: 1.23.16.


2ª Media Maratón para camiñar: 1.39.08
Voume deixando caer. A cabeza empeza a traballar mal, mais quedan moitos obxectivos por cumprir. Ao igual que o ano pasado, paro a evacuar líquido no 26. A partir de aquí o cansazo, ou o virus da gripe, derrótame. Voume parando cada pouco. Trato de correr polo menos un quilómetro de cada vez (e non sempre o consigo). Non sufro, párome, camiño, troto... No 40, adiántame o grupo das 3 horas. Fago os dous últimos quilómetros en 12 minutos. 3.02.32, entro de 738 (sobre un total de 12526 chegados) e de 101 na categoría. Na primeira media, falláronme as pernas, na segunda, a cabeza. A única mágoa que teño é non poder dedicarlle unha mellor marca a Pili. Síntoo.


5ª Maratón rematada
É o maratón que menos canso remato e case sen sufrir. En ningún vídeo saio camiñando (menos mal). O parte de guerra é ridículo: unha zapatilla foi apretada de máis para que a miña gran ampolla non sufrira; o cuadríceps dereito foise agarrotando desde o 15. O resto sen novidades. En canto pasan uns minutos o corpo recupera. Estou menos perxudicado ca outras veces. Na liña de meta agárdame Isa. Esta vez tampouco puido tirar a foto. Dígolle, ao cabo duns minutos, que a carreira fíxome curta, que non sufrín que só tiven cansazo pero que vou mellor. Tras a ducha, recollemos a Aina (tres fermosos meses) e tomamos unhas cañas, logo o xantar con Iria e Xavi. Chamadas telefónicas e mensaxes de ánimo e parabéns. Grazas a todos e todas.

Un día despois, a cabeza xa está a pensar como debo correr a seguinte maratón…


20/2/11

Dúas semanas para a Marató de BCN: última tirada longa

Como xa vos supoño enterados, Pili non poderá participar na Marató. Fáiseme difícil asumir que non estaremos xuntos na liña de saída: tantos quilómetros compartindo esa ilusión, tantos quilómetros xuntos…

Baixo de moral, adestrei este fin de semana sen moitos folgos: 19 km o venres con 4x3000 (a última serie non saíu tan ben como era desexable), o sábado trotei 15km e hoxe domingo tocou facer a última tirada longa antes da proba de Barcelona. A pesar do cansazo acumulado e das poucas gañas que recibía o corpo desde o cerebro, rematei contento co tempo realizado. Poño , a continuación, os tempos das tiradas longas feitas desde xaneiro (as semanas que faltan foron por precaución por unas dores nun pé)

2-I-11: Ida: 58.47´´ Regreso 54.58´´: 113.45´´
9-I-11: Ida: 56.08´´ Regreso 53.20´´: 109.30´
6-II-11: Ida: 54.40´´ Regreso 52.18´´: 106.58´
13-II-11: Ida: 54.55´´ Regreso 54.05´´: 10
20-II-11: Ida:55.04´´ Regreso 52.04´´: 107.08

11/1/11

Eses tolos que corren

En agosto do 2009 puxéramos un vídeo de Nike. Agora veño de velo no blog dos correlegas dos Afilados Runners. Non ten desperdicio. Escoitádeo ata o seu remate. É fantástico porque estamos, de verdade, tolos e tolas.

8/1/11

Tirada longa: 25 quilómetros

Abandonado por Pili (segundo domingo consecutivo) fixen a tirada máis longa das programadas nos adestramentos para a Maratón de Barcelona: 25 quilómetros. A idea é saír lento e moi cómodo, en descenso, ata a rotonda do dolmen en Santa Cristina, e regresar algo máis alegre (segundo o noso querido Comensal Austero dando as zancadas un pouco máis grandes e con algo máis de velocidade), especialmente nos cinco últimos quilómetros. Teño que recoñecer que no final da tirada non acado os ritmos marcados no plan de adestramento.

O domingo pasado fixen 58,47´´ (ida) e 54,58´´ (regreso) a 4,33/qm.
Hoxe, os tempos foron 56,08´´ (ida) e 53,20´´ (regreso) a 4,21/qm.






31/12/10

I San Silvestre da Coruña

Por fin tivemos unha san Silvestre na Coruña. E non podíamos faltar.

Mentres algúns traballaban para que outros puideramos cear, catro membros do club quixemos deixar constancia do noso quefacer atlético participando na I San Silvestre da Coruña. Mesmo houbo quen se levantara ás catro da mañá no centro de Europa e presentouse na liña de saída sen desfacer as malestas (habería que engadir que tampouco as fixera el) Saímos da praza de María Pita, cheganmos ata o Breogán da Torre para logo regresar e facer meta na praza da heroína coruñesa (lembrade que esa viúva negra que foi María Pita non naceu na Coruña nin está enterrada neste concello) En total uns 7.700 metros.

A organización foi estupenda, con moi bo recibimento na para meta: líquidos en abundancia e sólidos (roscón de reis) tamén con posibilidade de repetir (e de case non cear) Dos cincocentos inscritos fixeron meta 469 (segundo A Voz de Galicia correron máis de oitocentos atletas). Non obstante houbo moita xente que correu sen dorsal.

O ano que ven, volveremos, non si?


Os resultados foron
Antonio: 28,10, posición 24 categoría 6, a 3,40
Alberto: 32,40
Blas: 34,58
Raúl: 37,22, posición 327 categoría 20, a 4,53.


13/12/10

XXV Volta á Ría: unha carreira de 12 horas


Nós non participamos na Media maratón, Volta á ría, Memoria Adolfo Ros en Ferrol. Nós non. En realidade tivemos unha maratón dividida en dúas partes. A primeira comezou ás 8,30 da mañá e a segunda rematou ás 8,30 da tarde.

Efectivamente, ás 8,30 sonou o despertador de case todos os membros do Club que íamos a Ferrol. E digo de case todos porque houbo alguén que quixo madrugar un pouquiño máis…

Ás 9,30 iniciamos a viaxe a Ferrol, para logo retirar os dorsais e facer algo quecemento, algúns correndo e outros tomando o sol na Praza de España. Ás 11 tomamos a saída. Cada quen facendo a súa carreira:

-Os tres tenores, dando o cante: dous a pasalo ben e outro a amosar o seu poderío na busca de partes corporais atractivas entre os e as participantes. Causaron fortes depresións entre os asistentes. Comentaron reiteradamente o suave perfil da proba pola ausencia de costas.
-Os dous triatletas, iniciando a súa posta a punto. Os dous sufrindo pero achegándose, perigosamente, aos noventa minutos. Nun mes poderán baixar comodamente da hora e media na distancia (1,30,17´´ e 1,31,54´´).
-Os dous maratonianos, facendo un test para marcarse os retos na Maratón de Barcelona. Os dous melloraron os seus cronos (1,30,46´´ e 1,20,56´´).

Por suposto que a “estrela e capitana” (President dixit) acadou premio, fermoso por certo, ao quedar segunda da súa categoría. Ás 14,15 horas regreso a Oleiros.

Resultados.




Ás 15 horas iniciouse a segunda parte do noso maratón dominical.

Cervexas. De seguido, empanadas por agasallo do señor Presidente (bonito e bacallau), cogolllos con atún e pementos. Despois un abundante cocido: patacas, repolo, garavanzos, botelo, lacón, acompañado dun excelente viño do Alentejo. E para rematar sorbete de mandarina, flan de queixo, tellas de améndoa, torta de améndoa e torta de mazá, regados con fino viño de Porto.

Rematou a sesión con café e degustanción de gins-tónics.

Esgotados, e con dúbidas sobre o noso peso (a báscula dos anfitrións era de dubidosa calidade) e lamentando as ausencias…, rematamos o noso particular maratón ás 20,30 horas. Retornamos ás nosas vivendas realmente feitos po. Foi un domingo duro, duro, duro. 12 horas de carreira.




Outras crónicas en Khenesfera, Afilados runner, A carreira dun kan.
As fotos da carreira están tirads de Correr en Galicia.

6/12/10

Adestramento: Montrove-Santa Cristina

Como os profesionais non facemos "ponte" deportiva, saimos hoxe ás 9,15 desde a Urbanización Montrove ata a rotonda de Santa Cristina, baixo unha constante chuvia. Foron 44,40 minutos para 9,2 qm. a un ritmo de 4,51´´. A idea era facelo lento, lento. Ao regreso, Pili confesa problemas estomacais e nos cuádriceps. A pesar do cal e de que regresamos subindo (200 metros de ascenso acumulado no regreso), facemos 44,11´´ a un ritmo por quilómetro de 4,48´´. A seguinte tiranda longa será na media maratón de Ferrol.

As ilustracións teñen un quilómetro máis que o adestramento comentado.
Podedes ver a ruta polo miudo e en varios tipos de mapas en Strands.

28/11/10

Adestramento: Montrove-faro de Mera

Mentras algúns membros do clubs curaban as feridas da noite anterior na cama, os maratonianos do club (a Keniata e o Cronista) decidimos pasar algo de frío indo ata o faro de Mera en 45 minutos xustos. O regreso foi baixo unha intensa e fría chuvia, nun tempo de 42,16´´.




Como poderedes observar, son 9,2 quilómetros de ida e outros tantos de volta. O desnivel acumulado tampouco está nada mal: 431 metros de ascenso e outros tantos en descenso. A ruta está feita e publicada en Strands.

10/11/10

Maratón de Nova York 2010

Este ano non nos coincidiu nada ben (cachissss…) ir á Maratón de Nova York mais non por iso temos que privarnos de contemplar o alucinante espectáculo que se produciu o pasado domingo, 7 de novembro, cando os miles de maratonianos e maratonianas cruzaron a ponte de Verrazano-Narrows.




Noticia dos resultados.

1/11/10

XXXIII Pedestre de Santiago

Tras unha noite de vento e chuvia, case todo o equipo desprazouse ata Santiago para participar na XXXIII edición da Pedestre (seguimos notando moito a ausencia do Mestre). Se o tempo invitaba a ficar na casa, a nova equipación do club, financiada coa contabilidade B manexada polo Presidente e polo seu asesor fiscal, o señor Tesoureiro, era un enorme aliciente para lucila na carreira máis populosa de Galicia: camisetas brancas con tiras azuis e forro polar tamén en tons azuis. Como se pode comprobar na seguinte fotografía parecíamos os papás e as mamás dos pitufos.

A proba foi pasada por auga. A organización agasallounos coa costa de san Francisco (e que Vite é pouca cousa…) e algún centos de metros máis que en edicións anteriores. Corremos como sempre e quedamos como nunca. RESULTADOS.


O xantar foi en Casa Ana (excelente elección Álvaro) e compartímolo co señor Presidente (gran oportunidade para pasear o Osedo Force One ata Santiago) e as súas dúas, espléndidas e fermosas, damas acompañantes. Durante o xantar, o señor Tesoureiro (tamén coñecido como o Comensal Austero) informounos dos avances técnicos, mediante dispositivos de almacenaxe de memoria conectados a un porto USB dun ordenador, e que van incorporados a próteses (pernas, ollos…) Ficamos abraiados polos seus coñecementos científicos e desexando adquirir, e programar en modo carreira, ese tipo de próteses para as nosas extremidades inferiores. Hai quen chegou dicir que ten un cerebro tan grande que dificilmente lle colle no cráneo.