Continúan
as malas sensacións. Semana con 60 km. Remateina con algo de piscina, trote por
Louro con Iago (un pracer que repetiremos nas vindeiras semanas) e un paseo coa
canoa. O sábado achegueime ata Cee para participar na
II
CARREIRA PEDESTRE CONCELLO DE CEE 2015
Como
facía demasiada calor case non fixen quecemento. Tiven tempo de saudar e
charlar con moitos amigos e mesmo a gran Manu Mariño.
Non
eramos moitos os participantes e pero semellaba haber un bo nivel masculino.
Primeiro quilómetro picando para arriba a 3.46´´ o segundo tamén por baixo dos
catro minutos, terceiro e cuarto a 4-4.05´´. O percurso consistía en tres
voltas a un circuíto para facer 10.200 metros con dúas zonas picando ben para
arriba. As posicións quedan moi estables en toda a carreira. Zonas de vento a
favor e outras onde o nordés facía
estragos. Basicamente fun só, agás na terceira volta que case a fixen cun
colega ata os douscentos metros finais.
En cada
paso por meta, Manu ou Juan Carlos tiraron as seguintes fotos:
Como me
está a acontecer nos dous últimos meses, atopeime mellor na segunda parte da
proba.
Paso o
km 3,6 a 3.49´´ e o km 6,8 a 3.55´´.
Resultados:
40.19´´ a 3.58´´, entro en meta de 25 sobre un total de 129 e de 3º na
categoría detrás José Suárez e de José Río. Despois da ducha, Manu tira as
fotos de rigor, tanto no podio como con Abdelkader Bouguerroudj, campión
absoluto da proba.
Continúo
con malas sensacións. As molestias estomacais non remiten no adestramentos das
tardes. Na primeira quincena de xuño saíron 122 km na terceira semana 51 cun día
de 6x500 entre 1.58´´ e 1.47´´. O domingo Pili (tampouco ten boas sensacións
estas semanas) participou na carreira de Carballo acompañada polas dúas
parellas, a atlética e a oficial xa que participamos nos
10 km
Carballo
Chegamos
con tempo para a retirada de dorsais. Vai tanta calor que fixemos pouco
quecemento. A temperatura non nos motiva nada para competir. A pesares de haber
moita xente do CAS non tiramos a foto oficial. Este anos modificaron o
percorrido, quitando a dura subida que ficou convertida en case un quilómetro
suave en ascenso.
Fago a saída acompañado por Luís e Toni. No primeiro
quilómetro xa se me foron. Falo con Raquel (hoxe vai cómoda pois competira na
noite pasada). O segundo quilómetro é en baixada (ritmo moi rápido) e pola
sombra. Cando chegamos á zona de sol rato de coller o ritmo que me permita
sufrir dun xeito controlado e sen mirar o cronómetro. De cando en vez paso a
algún atleta. Vou non grupiño duns seis corredores.
No paso
polo quilómetro cinco estamos de novo na liña de saída. Toca volver subir… Vou
mal e mesmo, outra vez, trato de vencer aos pensamentos negativos para non
abandonar. Na subida non forzo e, sorprendentemente, non me pasa ninguén. Vou
moi a desgusto. Non gozo destes quilómetros.
No inicio da segunda volta
No
inicio da baixada cólleme un rapaz e farei con el mil metros ata que se me
quede (entraría moi preto de min na meta). Como confirmación do mal que ía, o
cronómetro dime que o primeiro quilómetro de subida fíxeno en 4.02´´ e na
segunda volta saíume en 4.23´´, metres que o segundo (3.33´´) e o sexto
(3.39´´) xa se parecen máis posto que comecei a atoparme algo mellor.
Polo km 8 antes de coller a Vanessa e ao seu grupo
Tras a
baixada viña unha zona de sol e na que adianto á primeira muller, Vanessa. Agora toca
pensar en positivo… se adianto a esta rapaza, que é das boas, quere dicir que xa
non vou tan mal. No quilómetro oito collo a outro trío de corredores. Fago con
eles case un quilometro pero ao iniciarse o derradeiro vánseme quedando a
pesares dos meus ánimos. Teño a poucos segundos a Luís. Doulle un berro de ánimo
para que force. Cando faltan cincocentos metros collo a outro atleta a quen
tamén animo para que se me pegue… pero tampouco o consigue. Sorprendentemente
non me pasa ninguén nos derradeiros metros.
Resultados:
Pili e Julio fixeron 44.27´´ (1ª de categoría
e de 257 na xeral) Eu entrei en meta en 39.31´´ a 3.58´´ de 62 na xeral (fixeron meta 826) e
de 4º na categoría (parabéns José, Emilio e Julián)
A pesar
de facer 55 km na semana as sensacións son pésimas. Nos adestramos síntome moi
pesado, coas pernas realmente cansas, mesmo dous días regresei a casa camiñado
e nunha ocasión so fixen 5 km. O sábado trotei con Pili e o domingo
participamos na
IV
Carreira pola Ría do Burgo
Día moi
caloroso (25 graos ás 11 horas). Son dúas voltas a un percorrido que facemos de
xeito cotián para facer 13,720 metros. Por fin íamos participar nesta proba. Trato de non saír rápido pero o primeiro
quilómetro foi 3.46´´. No segundo charlo con Diego Álvarez, colega na Maratona
de Porto. Vén con forza e fai grupo. Váiseme pouco a pouco. Ata o km 5 continúo
por baixo de 4´pero a menos (3.46´´; 3.52´´; 3.55´´; 3.57´´).
Chegamos ata a
Ponte do Burgo e na volta comprobo a posición de Pili. Son momentos nos que
sufro un montón mesmo plantéxome abandonar cando pasemos polo punto de partida.
Se non o fago considero que será unha vitoria. Vou mal. Polo km5 adiántame Toni
e polo km 7 cólleme Juan.
Teño que facer un apuntamento sobre este home:
onte fixera 90 km en bici; hoxe, antes da carreira fixera outras dúas horas en
bici. Ten o ironman das Pontes en tres semanas. Está fenomenal. Moita sorte.
Trato
de engancharme. Vou detrás del uns dous quilómetros. O ritmo de 4.05´´. Vou
mellor e comezamos a darnos relevos. Baixo pulsacións e comezo a deixar de
sufrir. Tiramos xuntos ata meta e entramos da man.
Son
consciente que o resultado de hoxe é todo mérito de Juan.
Os
ánimos do público son sempre moi queridos e máis cando veñen de todo un mestre
coma Bernardo.
Resultados:
Pili de 103 e 2ª na absoluta feminina con 1.00.32´´ (bruto) sendo 1ª na categoría. Eu fago 54.36´´ entrando de 34
(528 en meta) e de 3º na categoría. O ritmo, finalmente foi a 3.59´´. Os dous
temos algunhas molestias nos pes. O CAS tivo catro pódiums na proba de adultos.
Remato
o mes con 237 e xa traballando en dúas sesións semanais no ximnasio. Na última semana de
maio so fixen 37 km. O domingo participei na
XI
Carreira Popular Pedestre A Silva
Chegada
con tempo para café compartido con Pili, Karina e Jose. Tempo para tirar unha foto coa xente do Club.
Quecemento polos
últimos metros da proba pois queríamos lembrar a dureza do asfalto. O obxectivo
era tratar de mellorar o resultado de anos pasados (2013: 41.30´´; 2014:
40.11´´) Saída puntual e a correr. Rematando o primeiro quilómetro xa me pasa
un rapaz. No segundo outros dous. No terceiro un máis e polo cuarto, a primeira
rapaza (Raquel Suárez). Logo outro máis e nos últimos trescentos outro.
A proba
consiste, basicamente en baixar e logo subir, como podedes comprobar neste
perfil.
Desde o
quilómetro cinco noto molestias no isquiotibial dereito. Desde que regresei ao
ximnasio non paro de queixarme destes músculos pois o traballo co cabrón de
Toni fainos fortalecer pero, polo de agora, están cargados de máis. Nas duras
subidas non me pasa ninguén pero fánseme moi duras. Teño o corazón con gañas de saír pola boca.
Na meta
agardo por Pili e saúdos a algúns membros do CAS pois as obrigas familiares fanme
regresar inmediatamente.
Resultados:
Pili entra de 67, de 3ª muller na absoluta e 1ª na categoría. Eu entre de 31 con 40.45´´ a 4.04´´ ao quilómetro (ritmo patético) e de 3º de categoría detrás dos grandes José Suárez e Emilio Martínez. Non podemos agardar
polos trofeos.
O sábado pola parte,
compartindo vehículo coa familia Papín,fomos ata Rois para participar na “I
Carreira pedestre Terra de Iria” entre Dodro e Rois. O argumento para a
participación eran uns excelentes callos que poderíamos degustar no
postcarreira cun percorrido algo superior aos 14 km e cun perfil interesante:
Estas
probas populares na súa primeira edición teñen o encanto do agarimo que pon a
organización así como as peculiaridades típicas dun estreo: ausencias de baños
na saída, atraso no inicio, cruces sen cortar, coches polo circuíto e entrega
de trofeos na porta dunha igrexa… Nada que non se poda solucionar nas vindeiras
edicións. Pero, insisto, o cariño da organización fai que estas
“peculiaridades” sexan meras anécdotas.
Chegamos
a Rois con tempo (outros non pois adiantaron uns minutos as probas dos
cativos), retirada de dorsais e traslado en autobús ata Dodro onde ficamos
abandonados nunhas brañas. Sería aquí a saída? Fago pouco quecemento. Mentres
evacúo líquido observo preocupado o animal dun 15 centímetros e alongado que
teño baixo os pes. Temos que agardar pola chegada dun segundo autobús así como,
uns vinte minutos, pola ambulancia preceptiva. Son minutos de trote lixeiro e
de estar sentado, cousa que nunca fixera antes dunha proba.
Xa tiña
decido saír amodo pois noto as pernas moi cansas. Efectivamente saio atrás coas
nosas rapazas, pouco a pouco vou collendo ritmo. Fago o primeiro km en 4.04 o
cal debe ser unha das miñas saídas máis lentas. Ben. Collo un grupo numeroso
coa primeira muller. Teño a sensación que se me pegan por detrás. Antes do
quilómetro dous póllome á par de Paco Sanmarco (que grande e en proceso de
recuperación). Facemos xuntos outro quilómetro.
Hai
moito sol e tamén moito vento. Comezo a ir so. Alguén ben por detrás e me pasa
pero nunha das subidas se me queda. Tiramos cara Padrón. Máis vento e sol.
Continúo so a ritmo de 4.05´´ Desde o primeiro quilometro xa non son adiantado por ninguén ,
vaia alguén me pasa pero adiantareino logo. Son as vantaxes de saír lento.
Tras
deixar Padrón, síntome algo mellor, parece que vou collendo ritmo e baixando
pulsacións. Os que teño diante cada metro semellan estar máis preto. Irei
pasando a uns catro atestas aos que, seguindo co meu costume, animo para que se
me enganchen. Despois de pasar o km 10
tiñamos que subir ata meta. Pero as duras subidas non aparecen. É unha
pendente suave pero constante. Sorpréndome a min mesmo adiantando xente pois
creo que vou canso e a ritmos superiores a 4.15´´.
Resultados: Distancia 14.210 metros, tempo 59.24´´, de 25 na xeral de 3º na categoría, a un ritmo de 4.11´´
Ducha
con auga quente e entrega de trofeos. Debe ser a cerimonia no que mellor o
pasei (non a máis emocionante pero si a máis divertida) O Club Atletismo Sada,
literalmente, arrasou. Creo que subimos unha ducia de veces aos podio. E
subimos todas e todos e en moitas categorías (algunha para esquecer, non si
Montse). A salientar que fomos o club con máis participantes e que acadamos o
segundo posto por club.
Semana
con 57 km semanas e dúas sesión de ximnasio. Continúo nese chamado “período de
descarga”, reducindo o volume e intensidade dos adestramentos en asfalto e
aumento o tempo de ximnasio.
Cando
algunha persoa benquerida te invita a correr no seu concello, facéndote a
pelota para coñecer previamente un misterio (Soandres) con orixe no século IX e
igrexa de feitura románica e cabeceira gótica, indo ademais acompañado por
Pili… que facer? Pois cumprir.
Efectivamente,
e con tempo suficiente para tirar unhas fotos en Soandres, partimos desde
Montrove o vello trío. Non sen discusión para decidir onde aparcar, retiramos
dorsais, toma un café (invitados polo lugareño) e fixemos algo de quecemento. Intres
para compartir coa ducia de membros do CAS presentes na proba. Oportunidade
para tirar unha foto do grupo (non estamos todos pero si somos todos os que
estabamos) e para lembrar por onde anda-andivo a xentiña do club: no Trail do
Río Lor (valentes, abofé) e no campionato da Estrada.
Na liña
de saída comparto uns minutos con Jorge, do Castro de Lobariz, para poñérmonos
ao día (esquezo activar o GPS). O percorrido son dúas voltas para facer 9,5
km.Trato de non saír moi rápido. Saúdo a Mario e fillos de Manuel Ferreira
(menudo club de fans temos) e axiña cólleme Luis Hermida, do club, que cando pasamos
o quilómetro dous dime que imos a 3.40´´ polo que decido baixar o ritmo.
Sei
que se non se adestra non se pode correr e que se mantivera ese ritmo o final
seríame realmente duro. Pequena subida e na longa e pronunciada baixada, quédome
so.
Desde o
quilómetro tres, máis o menos, non me adiante ninguén e paso a un par de
corredores. Vexo ao lonxe á xente da miña quinta (José Manuel e Julián). Vánse
marchado. Falo da “quinta” posto que a categoría confeccionárona a partir de 40
anos… Subida en dirección ao núcleo da poboación. Fotos dos Mestre.
Iniciamos
a segunda volta. Sempre so. Baixada, subida, baixada e subida final. Antes de
iniciar a recta de meta comprobo como o club de fans encheu o
asfalto cos nomes da xente de club. Estes rapaces son tremendos. Grazas.
Vexo
cada vez máis preto a José Manuel e a Julián pero non son quen de collelos… sei
que para facelo teño que estar “realmente fino”.
Resultados:
Pili 40.45´´ de 104 e 1º na categoría a 4.18´´. Eu 36.49´´ (3.53´´) 38 de 391,
10 na categoría de m+40.
E para rematar este fin de semana, terceira proba en tres días “XII Carreira Pedestre Popular concello de O Pino”. Ben lembro como foi a do ano pasado e con que re-gusto amargo quedárame. Levamos tres días con previsións meteorolóxicas de moita auga mais venres e sábado non nos molláramos nada durante as probas atléticas. Hoxe semellaba imposible. Toda a noite chovendo mesmo ata que cheguei a Pedrouzo (O Pino) non deixou caer auga. So cando restaban uns quince minutos para o inicio da proba o ceo decidiu pechar as billas.
Fago pouco quecemento pois notaba as pernas realmente cansas. Saímos con algo de retraso e en dirección contraria ao ano pasado. Son uns centenares de metros costa abaixo onde moita xente me pasa. Cando iniciamos a primeira subida recupero algunhas posicións e axiña nos metemos polo Camiño de Santiago: fermoso traxecto pero… cheo de lama. Os corredores aínda imos moi agrupados polo que faise difícil escoller o mellor lugar onde pousar as zapas. Saímos todos realmente enlamados. Baixamos, subimos, asfalto e lama. O percorrido gústame un montón.
Iniciando a segunda volta. Grazas pola foto, Florentino
Cambio moi pouco de posicións. Ao inicio da segunda volta dous rapaces (xa todos parécenme rapaces) pásanme pero na baixada enlamada os adianto. Pásame algún outro corredor pero tamén adianto algunhas posicións. A segunda volta fáiseme longa e dura.
Resultados: 31.51´´ e de 46 na xeral (280 en meta) e de 5º na categoría. O ano pasado fixera 31.35´´. A parte positiva é que tanto venres como o domingo entrei diante dalgunha persoa coa que tiña malas experiencias. Debo recoñecer que competir tres días seguidos non é bo: o venres o ritmo foi de 3.44´´, o sábado de 3.49´´ e o domingo de 3.56´´. Pero había que aproveitar a oportunidade.
Agora toca descansar e facer poucos quilómetros no mes de maio.
Creo
que é a primeira vez que compito dous días consecutivos pero as circunstancias
son as que son e, neste caso, era, ademais unha acción solidaria pois A
recadación resultante de cada inscrición irá destinada a apoiar e dar
continuidade aos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que Implicadas No
Desenvolvemento ten na India: “ERRADICACIÓN DO INFANTICIDIO FEMININO” en Salem
e “EMPODERAMENTO DE MULLERES II” en Tiruchy. Máis información:
www.implicadas.net
Foi
tamén a ocasión de compartir sensacións con grupo de mulleres de María e
Raquel, moitas delas estrenándose unha carreira. É impresionante ese grupo de
mulleres. Parabéns a todas.
O
percorrido é por onde adestro moitas veces. Saída rápida e subindo ata As
Galeras. Nos primeiros metros pásame moita xente pero xa á altura do INEF (500
metros) recupero posición. No primeiro quilómetro creo que debe ir de 15 aprox.
Posición que case non modifico ata o remate (creo que so fago un adiantamento.
Na primeira volta fago unha baixada ata Bastiagueiro rápida e cómoda con
quilómetros por baixo de 3.50´´.
Rematando a primeira volta
Na
segunda volta teño a sensación de que non fago a subida tan cómodo nin tampouco
tan rápida a baixada… mais o datos contradinme.
Rematando a segunda volta
Resultados:
19,34´´, de 12 na xeral e de 2º na categoría (volveume gañar Fernando Pérez –oito anos máis novo ca min- que xa o fixera no Trail da Coruña).
Rematei
abril con 314 km. Despois da marabillosa experiencia de Coruña-42, iniciei a
recuperación das pernas con catro saídas na semana seguinte (43 km a ritmos moi
suaves coa panda de Montrove e Pili). Na última semana de abril regresei ao
ximnasio (tarefa para o mes de maio) e fixen un trote de 9 km (con 8x500 entre
1.47´´ e 1.42´´)
Debino
a circunstancias familiares que non son para comentar públicamente, o venres
pola tarde participei na
II
Carreira Pedestre Popular Concello de Frades
Tiven
que aparcar realmente lonxe da saída e comprobei a dureza dos dous primeiros
quilómetros. A participación do CAS, coma sempre, numerosa. Quecemento
suficiente e saída con retraso. Saio con Luís Pinedo. As douscentos primeiros
metros son case plano e a partir de aí, tres quilómetros picando para arriba.
Luís váiseme xa no primeiro quilómetro, que paso en 3.50´´. O segundo foi a
4.00´´. Desde o quilómetro 1 xa non me pasa ninguén e eu pasaría a uns cinco
atletas ata o quilómetro 4.
Despois
da longa subida, uns quilómetros mais o menos planos para logo facer outra
subidiña na que collo a Luís. Tiramos xuntos
uns dous quilómetros e cando comeza a longa baixada vaime collendo
metros. Vexo que non temos ninguén por diante a quen poidamos coller e que por
detrás tampouco ninguén se nos achega. Son quilómetros nos que me sorprendo o
rápido que tiramos, costa a baixo, iso si: 3.40´´, 3.30´´.
Resultados:
32.11´´ a un ritmo de 3.44´´ (que o diría), de 29º sobre 164 chegados á meta.
De 2º na categoría. Sorprendido polo ritmo. O CAS acaparou premios: tres
masculinos e catro femininos (tres individuais e outro polo mellor equipo). O equipo de homes é tan malo que non pasamos, supoñemos, do 4º posto.
Teño
que recoñecer que foi un pracer ir ata Frades pola ilusión, cariño e esforzo
que a organización puxo para o desenvolvemento da proba. Da gusto correr así.
Esta
crónica e esta proba dedicámola ao noso Presi, a don Francisco Martínez.
Os
amigos sempre están onde deben estar, onde teñen que estar.Os amigos están nos
corazóns. Tamén poden estar noutros lugares pero só os mellores están
no corazón.
En
febreiro asumín definitivamente que non podería adestrar ao meu gusto para a
maratona da Coruña. Pero, coa axuda dunha pantasma, xurdiu unha idea: proporlle
a Pili facela xuntos. Esta distancia debíanos unha a Pili e a min.
Desde
setembro de 2010 esta parelliña de veteráns acordáramos preparar a maratona de Barcelona que se desenvolvería no marzo seguinte. Moitos quilómetros xuntos coa
ilusión dela de baixar de 3.20´e a miña das 3 horas. Pero non puido ser: da case a desesparación á ilusión por poder estar no asfalto de novo. Esta distancia
debíanos unha… e a maratona Atlántica foi o intre de saldar a débeda.
Non
adestramos moito. Ela só tres días por semana. Eu en xaneiro fixen 190 km, en
febreiro 128 para subir ata os 344 en marzo. Ata o 14 de abril levaba 156 km. Desde
finais de febreiro tratamos de facer varios adestramentos xuntos, especialmente
as tiradas longas para practicar, sobre todo, o beber correndo e a inxesta de
xeles (canto nos deu de si este tema) entre a Torre e o Milenium. A
contrapartida ao escaso adestramento foi a ausencia de presión. Adestramos
tranquilos e confiados en facer todo o que puideramos.
Por
obxectivo a acadar, ademais de chegar á meta, pensamos en baixar das 3.30´ pero
saíndo a ritmo de 3.25´. E iso por varias razóns, en primeiro lugar as
obxectivas: Pili estaba capacitada para conseguilo (Coruña-10: 43.44´´
Coruña-21: 1.34.27´´), en segundo lugar polas afectivas: na súa primeira
maratón (Mapoma 2008) xa fixera 3.30´ e na súa segunda (Mapoma 2009) fixera
3.26.12´´… E, ademais, o pantasma andaba
a lembrar que neste temporada ela acadara o primeiro posto da categoría tanto en
Coruña-10 como en Coruña-21, faltando Coruña-42.
NOTA DE
RESPONSABILIDADE: o sábado anterior á proba, esta parelliña saíu trotar uns
escasos quilómetros. Foi unha media hora na que aproveitamos para poñernos de
acordo en toda a intendencia da maratón (horarios de recollidas, aparcamentos,
duchas…) Mais xurdiu unha dúbida á hora de falar do ritmo de saída e durante a
proba: déixame toda a responsabilidade, que tire ao ritmo que considere… Que
farei? Tirarei para ir pola súa MMP ou deberei ser prudente e marcar un ritmo
de 5´/km?
Chegamos
con tempo para tirar a fotos cos maratonianos e maratonianas do CAS e de pasar
polo control de chamada. Non facemos quecemento. Con puntualidade deuse a
saída. O tempo foi estupendo: fresco e cuberto. Saimos xuntos pero aparentemente demasiado rápido, mesmo adiantamos ao
globo de 3.15´ porque era moi numeroso e incordiábanos para correr. Cando
vemos o paso polo km 1 (4.25´´) decidimos irnos deixando caer detrás globo.
Axiña cruzámonos por vez primeira con Juan á altura da Fábrica de Tabacos.
Creo
que é de xustiza facer xa un apuntamento sobre a xente que animaba. En primeiro
lugar, agradecer a Juan o seu cariño e perseveranza en seguirnos durante toda a
proba. Foi un apoio constante. Ben sabe el canto Pili e eu o botamos de menos nas
tiradas dos venres. Non son iguais.
En
segundo lugar, os membros do Club de Atletismo Sada que non participaron na
proba e que foron A CAÑA. Sempre, sempre, sempre, constantemente berrando os nosos
nomes, con tanta ilusión por nós… GRAZAS DESDE O CORAZÓN, COMPAS.
Non sei
en que momento un compañeiro do Car Marisqueiro sumóusenos. Foi unha compaña
moi agradábel. Unha mágoa que alá polo km 30 os isquios non o respectaran
porque tíñase merecido entrar con nós na meta. Grazas pola compaña Jorge Lamas.
Xa
desde o km 2 voulle comentando a Pili que imos rápidos de máis pois son
quilómetros 4.41´´, 4.42´´, 4.37´´. Díxenlle unha e mil veces que debíamos ir
máis lento. Pero ela atopábase moi ben polo que decidimos tirar tratando de
manternos entre 4.40´´ e 4.50´´ e a agardar que pasaran os quilómetros.
Pasamos
polo túnel, pola rotonda de Lonzas (en todas as pequenas subidas díxenlle que
non había que forzar), por Ministerios. No km 9 tomamos o primeiro xel, segundo
o previsto. No km 10 bebemos, ou iso intentamos. Imos cara a Oza. Imos na
posición 372. Cómodos, cómodos, charlando, non moito pero relaxados.
Continúamos coa compaña de Jesús do CAR Marisqueiro. En cada cruce cos coñecidos
animámonos mutuamente. Así da gusto correr. Imos a ata a Praza de Mina para
rematar a primeira volta. Na segunda mantemos o ritmo fenomenal. Vou convencido
de que Pili non vai fallar. Non vai aparecer o muro porque… para iso vou eu.
Desde o
primeiro momento temos a sensación de que non deixan de pasarnos corredores.
Dígolle que se somos constantes, desde a media, seremos nós os que adiantemos
xente.
Acompañados por Jorge, iniciando a segunda volta.
Na
segunda volta, e despois de tomar o segundo xel (km 19) destacar que no
avituallamento de Oza estaba a miña alumna Noa. Foi moi graciosa a súa
reacción. Pasamos a Media Maratón en 1.38.57, na posición 385, cando o previsto era en 1.42´ e a un ritmo inferior a 4.42´´. Seríamos uns inconscientes?
Cando
chegamos a Riazor xorden os berros da pantasma dando ánimos. Que bozarrón. No km
25 xa imos de 368. Mantemos moi ben o ritmo e pasamos xente. É o territorio por
onde temos adestrado moito e esa é a nosa forza. Coñecemos cada subida, cada
baixada, onde hai que forzar e onde non. Temos as cabeciñas preparadas para o cansanzo e o sufrimento.
Imos
acumulando quilómetros pero a cabeza non envía sinais de esgotamento. No km 29
tomamos o terceiro xel, no meu caso é o primeiro con cafeína. Seguimos
fenomenal. Esta muller non deixa de sorprenderme. Subimos ata a rotonda da
Torre, facémolo con forza. Subimos ritmo na baixada. Tiramos ata Riazor. Sabemos que cada vez falta menos. Estamos lembrando sensacións dos adestramentos. Nada pode fallar. Imos convencidos de que a meta xa está agardando por nós.
É o meu
momento. Para algo me paga. Comezo a falarlle moito. Ata ese intre non o fixera excesivamente. Trato de que non pense.
Unha perna tras outra. Unha perna tras outra. Na subida ata a Casa da Auga non
forzamos pero recuperamos moito na baixada. Juan continúa ao seu, grabando. Comezamos pasar corredores que
van pola primeira volta. Pasamos a Natalia e a Marisa (son unas auténticas
heroínas estas ironwomen). Dígolle a Pili que na subida ata san Roque que non force.
Pasamos o km 33,1 na posición 348. Sabemos que a cada quilómetro que pase, menos xente temos diante. Sempre en positivo.
Comeza
a ir cansa. Pero seguimos con ritmos por baixo de 5´. Tiñamos comentado que
esta última volta sería fantástico poder manter o ritmo de 5´. Pero nós… coma
foguetes. No km 34 tomo o último xel, Pili non o quere. Facemos Riazor, pasamos
a fonte dos Surfistas e Pili da os primeiros síntomas serios de esgotamento. Muda
a faciana, xa non vai relaxada, semella que deixou de suar, que leva frío.
Coñecémonos
moi ben. Ela sabe que sinais debe transmitirme e eu, creo, seille responder.
Déixolle que faga a subida a ata a rotonda da Torre como queira, sen presión. É o momento no
que somos adiantados por Juan e Fernando. Dobramos a rotonda e baixamos. Tarda en
recuperar. Son os únicos tres quilómetros que superamos o ritmo de 5´ (de
5.10´´ a 5.02´´) Á altura do Surfistas recupera. Hai moita xente na beirarrúas.
Os ánimos do público danlle novas forzas. Melloramos ritmos. Estamos rematando.
Vou convencido de que vai facer Mellor Marca Persoal. É tempo de insultala e tirarlle
gabanzas (agardo que máis o segundo co primeiro). Cámbialle a cara. Volve
sorrir.
No km 40. Caras de ledicia
Praza
de Pontevedra, km 41. Fenomenal. Tiramos. Tramos de forzar aínda máis. Cantóns:
todos os berros de ánimo son para ela. Pásannos dous asturianos no Obelisco e…
oh marabilla: Rúa Real ateigada de xente. Berros, de ánimo por doquier. Trato
de que force pero non creo que me poida escoitar con tanta xente. Baixada para
Rego da Auga e… María Pita.
Collémonos da man.
Que
grande.
Resultados:
3.22.16´´, de 340 e 341 sobre un total de 1073. Ela fai 5ª muller na absoluta e
1ª na súa categoría. Eu de 22. Media de 4.48”/km.
Ficamos
abraiados polos premios acadados: 2ª absoluta no Campionato Galego de Maratón. 3ª
muller galega, 1ª na categoría e 1ª na categoría do Campionato Galego. E, como
colofón, as mulleres do CAS, primeiras.
Os
quilómetros semanais xa van a menos. Coruña-42 é o vindeiro domingo. Esta
semana foron 67, con dúas sesións de series 2x4000 e 2x5000 (con Pili), a
anterior, 75, e a de finais de marzo, 92. O domingo non fixen a tirada que
tocaba pois participei no
Campionato
Galego de Milla de Veteráns en Sada
Teño
dito moitas veces que non sei como se corre unha milla. Ben é certo que
tampouco adestro velocidade. Tocoume saír no grupo de máis de 45 anos. Nos
primeiros cincuenta metros as posición xa están marcadas. Non me pasará
ninguén. Convénzome de que fixen boa saída, nin moi rápido nin moi lento. Os
grupos de diante vánseme marchando ata os cincocentos primeiros metros. Desde
entón vou achegándome aos atletas que me preceden. Antes da rotonda que marca a
metade da proba, adianto a un, e ao saír dela estou con presidente do club. Por
ser quen é, dígolle que se me pegue ata que faga o sprint. Dame ánimo para que
tire. De aí a meta: a fume de carozo. Creo que vou subindo o ritmo mesmo nos
derradeiros metros. Vou pendente de Fernando para entrar con el.
Resultados:
5.30´´. Non é boa marca pero fixen 3º da categoría.