28/10/13

XXXVI Carreira Pedestre de Santiago

Cos adestramentos practicamente rematados para a maratón de Porto, esta semana non fixen nin tirada longa nin series porque o corpo xa non me aguanta. Nin a fisio nin a osteópata son quen de quitarme as molestias que me impiden facer e gozar das tiradas longas. O total semanal de quilómetros foi de 69 e así non hai que teñas garantías para Porto. 


XXXVI Pedestre de Santiago

Despois de moitos anos volvín a Compostela co seu percorrido máis clásico (só houbo pequenas modificacións) Tras recoller a un fato de heroes en Montrove, chegamos a Compostela para atoparnos con Juan e familia (¿) e para tirar unhas fotos co Club de Atletismo Sada.

 Fago pouco quecemento e colócome axiña no caixón de saída para estar situado ben adiante. Paso eses minutos de espera con Edu, dos Taninos de Ponteares e colega das maratóns de Madrid e Barcelona. A saída foi coma sempre: multitudinaria. Fago a subida sen présa na busca nun carril sen xente. Tardo case un quilómetro en coller un ritmo e sen molestar nin ser en molestado. Na primeira cambio de percorrido (creo que xa paramos por esta rúa hai uns dez anos) e en subida paso xente. Baixada ata Porta da Mámoa e tirada ata a Praza de Galicia onde son pasado por Roberto quen viña desde atrás posto que saía moi mal colocado. Foi toda una ledicia volver velo no asfalto galego tras o seu curto exilio salmantino. 

Na baixada polo Ensanche son adiantado pero na subida por Santiago de Chile vou recuperando posición ao igual que en todo o percorrido polo campus pero na seguinte baixada polo Pombal perdo algún posto. Por fin vemos que melloraron a posición do avituallamento (Galeras), lugar onde compartimos auga. Continuo pasado xente pero posicionándonos para a subida de Vite. Nos primeiros centos de metros da mítica subida non hai cambios nas posicións pero nos derradeiros cen metros paso a un grupo importante de corredores (algún deles volveríame pasar na baixada) En cada subido achégome a Roberto pero en canto hai baixada… 

Tras coller algo de folgos, tiro o que podo ata a meta. Na Algalia vou desatando a bandeira republicana. Trato de subir o ritmo. Case ninguén me colle por detrás ata que no Obradoiro aparece Javier. 

Resultados Fago meta en 46.25´´, creo que o mellor rexistro nesta proba. Entro de 208 sobre un total de 3.595 e de 10º na categoría. O ritmo por quilómetro saíu a 3.52´´. Despois de cruzar a meta e compartir minutos cos amigos do CAS, céntrome na busca de Juan e Chema. Entraron na meta coma heroes, con emoción. Que grandes. Que inmenso pracer velos de novo correndo. Despois da proba, o típico ducha, xantar en Arzúa. Os incidentes do día non se comentan aquí.

21/10/13

II Carreira Popular "Os Rosais"

Outra semana estraña. Despois do dez mil de Sada, o luns fixen 15 km a un ritmo decente. O martes non tiven gañas de facer as series que tocaban e o mércores non puiden saír. O xoves volvín facer a tirada longa: 26 km con mellores sensacións que nas semanas precedentes pero desde o km 20 as molestias nos ísqueos e no pube impídenme manter o ritmo. Chego a casa realmente preocupado e con malas ideas respecto da maratona de Porto. Sorpresivamente déixanme ir á quiropráctica (pensaba ir na vindeira semana) polo que non teño case tempo de facer os alongamento. Chégolle a Paloma bastante pesimista polas abondosas molestias. Despois de pasar polas súas fortes e positivas mans saio con outro outro ánimo. Dinme que só son sobrecargas que non hai ningunha inflamación. Repouso o venres (fixen GAP no ximnasio e alongamentos) e o sábado fixen as series que tocaban o martes: 15x400 entre 1.36´´ e 1.24´´. As seis primeiras foron por riba de 1.30´´ e as restantes por baixo. As dúas últimas en 1.24´´. Contento pero con poucas forzas
 para o regreso, onde saúdo a Pili e Julio. Remato a semana con 68 incluíndo os 12 km do domingo.

O Domingo participei na II Carreira Popular dos Rosais dentro do Circuíto Coruña Corre.

Quixen achegarme cedo para facer un longo quecemento e compensar que a proba era só de 6.450 metros. Decátome que o percorrido é un continuo quebra-pernas. Primeiro sube , logo longa baixada ata chegar ao Paseo Marítimo onde principia unha dura subida. Despois bordease o Monte de san Pedro onde sopra un forte vento en contra durante un quilómetro e ademais é de adoquín. Ao chegar ao Portiño inicio a longa subida, primeiro moi dura, logo vai suavizando a cando está a piques de rematar volve endurecerse para afrontar unha longa e pronunciada baixada. Fago o quecemento a trote suave.

Uns minutos antes da saída teño tempo de saudar a amigos e facer os últimos trotes con Jesús. Dáme a explicación de porque hai tan pouca xente do CAS: andan repartidos por toda Galicia competindo.

Poñémonos xuntos na liña de saída e segundo iniciamos a proba, Jesús vaime collendo uns metros. Na primeira subida (300 metros) hai xente que me pasa e tamén no inicio da longa baixada (uns 1000 metros) mais ao chegar ao Paseo Marítimo comezo a gañar posición sempre con Jesús a uns segundos. Fago detrás del dous quilómetros e ao chegar ao Portiño póñome ao seu carón: dígolle que se me enganche na longa subida que nos agarda e que logo tire na baixada. Na metade da subida vexo que se me queda e eu sigo tirando (paso a cinco persoas) e ao iniciar a baixada creo que eses cinco compañeiros pasaranme na baixada pero… non acontece así. Só ao chegar ao remate da baixada pónseme en paralelo un atleta pero na curva da entrada á zona urbana, outra vez en subida, continuo tirando a os douscentos metros, na derradeira rotonda miro para atrás e vexo que lle saco moitos metros aos que veñen detrás. Non o podo crer, ninguén me colleu na baixa e ninguén vaime esprintar.


Resultados: fago meta en 24.40´´ para unha distancia de 6.450 metros polo que o ritmo ao quilómetro foi de 3.49´´. A sorpresa chegou ao ver as clasificacións: de 20 na xeral, sobre 821 atletas, e de 1º na de veteráns 3.

13/10/13

III Carreira da Auga de Sada

Semana cutre en quilómetros e en sensacións.

Tras rematar contento o Coruña-10 iniciei a semana con 5 km a trote para quentar, algo de T.C. e xa no ximnasio unha hora de GAP e  Fitball. O martes recuperei tempos nun adestramento de 15 km mais as molestias no pube e nos isquios fixéronse moi presentes. O mércores xa tiña a gorxa mal e non me atrevín a pisar o asfalto. O xoves fixen a tirada longa semanal con 27 km e pouco máis de dúas horas. Pero a última media hora foi penosa. Sen forzas, sen pernas. Realmente preocupante. O venres e o sábado, como a gorxa e o malestar xeral foron moi claros non saír trotar, gardando forzas para a competición do Domingo. O total semanal foron só 58 quilómetros.



III Carreira da Auga en Sada

Esta é unha das probas que organiza o CAS. Canto traballo, canta dedicación, cantas horas e canto agarimo posto… IMPRESIONANTE.

Cando cheguei a Sada, case de noite, xa había moitísima xente traballando na organización do evento. Botei unha man onde me mandaron e ata que me mandaron. Logo, compartín un café con Jesús.

Cando iniciaba o quecemento chegou Raúl S., único representante do Panadería d´Osedo na proba (menos mal que a proba é en Sada…). Trotamos un pouco xuntos e nos fomos ata os caixóns de saída. O quecemento foi demasiado breve e non coma na Coruña-10 que teño que cualificar de perfecto.



Saio ben, diante. Polo paseo marítimo o grupo vaise estirando. Vexo o paso polo quilómetro dous en 7.10 polo que penso que Jesús non mediu moi ben as distancias. Durante a saída de Sada aínda me pasa algún corredor e eu tamén vou pasando a algún. Na longa subida (do km 3 ao 6) gaño algunha que outra posición e voume achegando a Javier e a Luis (do club de Bernardo). 

Paso o quilómetro 5 en 18.00´´ e sigo crendo que está mal sinalizado. Cada vez que hai unha baixadiña, vánseme algo e pásame alguén pero nas subidas recupero.  Nos últimos metros da subida miro para atrás e xa non vexo a ninguén. Fago con Javier e Luis o último quilómetro da subida e en canto principia a baixada, voume quedando. Non é que aminore o ritmo, trato de facer o contrario, pero é que os de diante, deixándose caer, vanme sacando 5, 10, 20, 40 metros. 

Cando está a rematar a baixada (km 8) noto a presenza dun corredor detrás de min. O obxectivo será que non me pase. No derradeiro quilómetro e medio vou achegando, de novo, aos dous amigos de diante. Pero cando eles fan o seu sprint, xa sei non teño nada que facer, tan só agardar que o ven por detrás non sexa máis rápido ca min.

Resultados: fago meta en 38.10´´ (dezaseis segundos por detrás de Javier) e con vintetrés segundos máis ca o ano pasado (como notei a ausencia de Jesús e de Bernardo) A media foi de 3.49´´ ao quilómetro. A posición foi 27 sobre 526 e de 3º na categoría de máis de 45 anos. Tamén, o primeiro grupiño do CAS  quedamos primeiros na clasificación por equipos.

Axiña vou ao coche para coller a cámara e poder tirarlle algunhas fotos a Raúl entrando en meta.

Estou contento pola magnífica organización do meu club e polo constante ritmo que mantiven na proba. Ao pouco tempo marcho para a casa sen poder quedarme á entrega de trofeos.

Foron entregados a UNICEF, 4.250 euros. Grazas a todos e todas.

11/10/13

II Circuito Corre Coruña

No video de presentación da segunda edición do circuito Corre Coruña, O Club de Atletismo Sada... gran protagonista.

6/10/13

A Coruña-10: copiando resultado

A semana foi distinta debido a que o domingo desexaba voltar á competición na Coruña-10, polo que houbo que modificar o plan de adestramentos. O luns  so ximnasio, sen Juan nin Pili, facendo abdominais e GAP. O martes regresei ao osteópata (nesta oportunidade con Raquel) para tratar de aliviar as molestias nos abdominais inferiores. Non quero que de novo a pubalxia me volva impedir gozar da maratona de Porto. Polo serán tocou facer dúas series de 5000, sendo o planificado en 22.00 e 20.40; os resultados foron en 21.50 (freándome os últimos metros) e 20.25´´ (sen forzar  ao final). É dicir que os tempos saíron mais coma vén sendo frecuente, regresei moi lento a casa. O mércores trote e o xoves fixen a tirada longa: 24 km en 108 minutos. Nunca a fixeran tan lenta…. O venres só 9 km para estirar as pernas e algo de técnica de carreira. O sábado repouso.

Despois de tres semanas volvín competir na Coruña-10… e xan unhas cantas veces no asfalto coruñés… O total semanal foi de 77 kms.

Un pracer ver todo o despregue do Club de Atletismo Sada nos cantóns… cantos nenos e nenas e canto adulto…IMPRESIONANTE. É unha ledicia compartir os intres previos á carreira cos amigos e coñecidos: Blas, Carlos, Braulio, saudar ao mestre Bernardo, a xente do CAS.



Tras facer un bo quecemento, coloqueime moi atrás no meu caixón de saída. Non está Roberto G. Pazos e… fáiseme raro. Vexo diante a uns  cantos amigos e a moitos rivais de categoría. Saio moi cómodo porque é imposible apurar máis pola xente que hai. Penso que así é mellor porque irei de menos a máis. Non miro o cronómetro. Decido correr sen miralo e agardar resultados. 
Despois do primeiro quilómetro, teño a unhas ducias de metros a Bernardo cos seus colegas (que trío!), a Javier e a algúns atletas da miña categoría. Trato de pensar que non teño présa por ir onda eles. Continúo collendo ritmo e ao chegaren ao alto de Adormideiras (km3) póñome ao carón de Bernardo. Cruzamos algunhas verbas e continúo para diante (sei que volverei ver ao mestre…) 


Canta xente vén por detrás...
 
Á altura de Riazor (km6) falo cun atleta e comentamos a posibilidade de tirar xuntos e marcámonos un quilómetro rapidísimo mais ao chegaren á rotonda do Pazo de Deportes déixoo ir uns metros. Tamén pola praia chego á altura de Sole Castro a quen paso na Casa da Auga, e de Javier cos seus problemas de flato.

Ao chegaren aos Cantóns, desprego a bandeira republicana e Almudena tírame algunhas fotos (grazas)

Nos derradeiros tres quilómetros non me sinto con moita forzas mais volvo ir co compañeiro ata o quilómetro final, facemos xuntos a rotonda de Porta Real e comezan a pasarme corredores. Trato de manter a posición. Cando faltan cen metros escoito berros de ánimo para Bernardo quen entra diante de min. É todo un fenómeno.

Na meta aproveito para facer comentarios e saudar aos compañeiros dos derradeiros quilómetros, especialmente con Baltasar (increíble progresión) tamén a Barca e Paula e, finalmente, cos amigos e amigas do CAS. Todos temos moito que contar, son 10.000 metros (hai que dí que en realidade superaban os 10.100) de vivencias, sensacións e experiencias.


Resultados: Fago 37.38´´ (tempo bruto 37.47´´), a 3.46´´ o quilómetro. Entro de 146, sobre 2.400, e de 9 na categoría. Curiosamente é o mesmo tempo ca hai un ano pero con peores posicións (antes foran 94 e 4º) o que indica que a xente que vén por detrás corre moito. Estou ledo polo xeito de correr, sen sufrir. Asumo que non teño sprint (esta semana non traballei velocidade) pero parece que os ritmos están a saír. Ademais, despois de tantos meses parado, dos menos quilómetros que estou a facer... fantástico.

Xa dixen que votei en falla a Roberto e, como non, á miña Rabudiña (tiña permiso). Sei que eles tamén estaba na Coruña...