29/9/13

Chegarei a bo porto?

O luns fixen descanso de asfalto pero non de ximnasio: abdominais e GAP, unha sesión con Juan e outra con Pili.

O martes foron 14 km con 13 series de de 500 metros planificadas entre 2.05 e 1.47´´. A primeira saíu a 2.15 e as restantes por baixo dos dous minuto, sendo as tres últimas en menos de 1.50´´. Confeso que non fixen as 14 senón, sendo os culpables Raúl e Álvaro cos que corrín dous minutos rápidos. O mércores houbo que cumprir con tristes compromisos sociais. O xoves foron outros 17 km con 3x4000 pero se o planificado eran a 17.20´´; 17.00 e 16.30´´, a primeira foi en 17.15´´ pero na segundo trabuqueime de ritmo e fixen a terceira (16.15´´) e mantiven o ritmo na última (16.15´´). O venres Pili deixoume só, pola chuvia e tirei uns 12 km mentres pensaba na entrega de premios do circuíto da Coruña, onde o CAS arrasou. Parabéns compañeiras e compañeiros.

O sábado, antes da enchenta de entrantes, callos e sobremesas na casa de Eva e Pepe…, fixen 8 km máis a un ritmo tan cómodo que tentado estiven a aumentar a tirada, pero a cabeciña ordenou parar e gardar forzas para a prevista sesión longa do domingo.

A tirada longa? Outro desastre. Nunca fixen unha tan lenta: 27 km en 2.07´ a 4.42´´/km. E aínda por riba os últimos quilómetros foron os máis lentos. 

Remato a semana con 78 kms e mes en 319. Creo que con estas sensancións non chegarei a un bo porto (colledes o chiste, non? porto-Porto)

22/9/13

Sen competir e adestrando con malas sensacións

Tras mes e medio competindo en tódalas fins de semana... por fin tocou descanso.
Despois da caída na Nocturna de Ferrol pasei toda esta semana cun moratón ben fermoso na cadeira dereita e cunha postilla interesante no xeonllo do mesmo lado. O luns so fixen a sesión de abdominais no ximnasio. O martes probei como estaba o corpo e puiden facer 15 km a trote polo paseo do Burgo. Quedei abraiado pola gran cantidade de mulleres correndo. Había máis ca homes. A causa? A carreira da muller da Coruña do domingo 22. Cando cheguei a casa comprobei que non podía estirar porque o xeonllo non permitía ser dobrado. 
O mércores quixeren respectar o plan de adestramento e fixen dez series de 500 metros. O planificado era entre 4.07´´ a primeira e 3.50´´ a última. Pois ben a primeira, e única por riba dos catro minutos, foi a 4.04´´ e a última a 3.44´´. Cando as rematei tamén rematei coas forzas. Regresei a casa arrastrándome polo asfalto.
O xoves só 12 km. E o venres, gran ledicia, compartín asfalto con Pili e Julio. Había meses que non o facíamos. Parecíamos a banda dos lisiados contándonos as nosas desgrazas … en realidade foi ao revés, contándonos como íamos progresando, é dicir, saíndo das nosas lesións… Que malo é cumprir anos.
O sábado tocaba facer cinco series de 2000 metros entre 8.50 e 8.00. A primeira saíu en 8.37´´, outra en 8.04 e as demais por baixo de catro minutos ao quilometro. A última foi en 7.37´´. De novo o regreso a casa foi arrastrándome polo asfalto. Comento con Julio que probablemente deba cinguirme aos tempos planificados e non forzar tanto nas series.
O domingo tocou tirada longa, en 105 minutos. Fixen saída lenta, modifiquei o percorrido. Ida en 55 minutos. Aos minutos do regreso atopeime con Noé e trotamos xuntos uns minutos. Lembrade que Noé foi o primeiro español en entrar na meta na pasada edición da Maratón de Boston. Logo retomei o meu camiño e pouco a pouco fóronse acabando as forzas polo que decidín acurtar a tirada. O regreso foi de 37 minuto e a tirada de 20 tristes quilómetros.
O total semanal chegou ata os 90 (non está mal) pero as sensacións continúan a ser negativas. Nesta ocasión polo golpe de Ferrol que me impediu estirar ben. A parte positiva foi a social xa que o mércores trotei un pouquiño con Marta que andaba a preparar a carreira da muller, o venres con Pili e Julio e o domingo saudei a Noé.

15/9/13

II Carreira nocturna corre por Ferrol

Principiei a semana descansando do asfalto e facendo unha sesión de abdominais no ximnasio (a nova monitora agótame en tan so trinta minutos). O martes fixen 16 km e o mércores modifiquei os hábitos ao pasar a este día a tirada longa. Fixen 20 km pola beira do río Mero, desde A Barcala ata pasado algo o encoro de Cecebre e regreso. Foi unha delicia compartir algún quilómetro con Dani quen anda preparando o ironman de Huelva. Está coma un touro. Sorte.

O xoves foi outro día de repouso pois tocaba ir á quiropráctica. Había dous meses que as pernas non pasaban polas mans de Paloma e… canta falta lle facían. Tiña todo o lado dereito do corpo moi sobrecargado, desde a pranta do pé, o nocello, o xeonllo, o vasto interno, adutores, isquiotibiais, o piramidal, ata a cadeira. A malleira foi completa. Tan completa foi que o venres case non puiden trotar. Tiña pensado facer unhas series pero foi imposible. Só houbo 12 km máis, a trote, para o peto.

O sábado volvín á II edición da carreira nocturna de Ferrol. O domingo non fixen nada polo acontecido o sábado… Os quilómetros semanais só foron 58.
  

II Carreira Nocturna corre por Ferrol. Memorial Lolete.
Debido ás obras na Praza de España (outra vez?) a saída e chegada trasladouse á Praza de Armas. Alí foi o punto de encontro do Clube de Atletismo Sada. Cando estamos a facer o quecemento comezou a orballar e non pararía ata mediada a proba. Repaso con Jose as subidas da proba mentres quentamos. O ano pasado correra a 3.44´´ o quilómetro. Creo que me será difícil acadar ese ritmo. O obxectivo non é o tempo senón controlar a clasificación de veteráns B (máis de 45 anos)

A saída é un pouco caótica: cara a onde partimos… colocación da liña de meta… Total que cando iniciamos a proba non podo poñer o cronómetro en marcha. Saio rápido na subida cara a Praza de España. O grupiño dianteiro vaime collendo metros e na baixada da Praza de Armas, tomo unha curva moi pechada e cáiome. O trompazo foi de película. Fágome dano no xeonllo dereito e no oso da cadeira. Sempre no lado dereito…Levántome axiña, case sen pensalo. Durante a proba noto un corte con sangue no xeonllo. O golpe da cadeira foi contundente pero non me impide correr.  Vexo que só me adiantaron tres corredores e penso que son moi poucos posto que levamos uns 800 metros. Trato de coller de novo o ritmo pero o grupiño que estaba a controlar cólleme demasiado metros.

Cando estamos a chegar ao primeiro xiro, fago a curva demasiado aberta, xa que a anterior a tomara demasiado pechada… e non piso a alfombra de control de chips: estaba mal sinalizada e a escuras. Outro contratempo.

Xa non me pasa ningún corredor. Creo que vou na posición 34. Vou con forza, algo cabreado pola caída e pasando, de cando en vez, algún atleta. Tamén me adianta José Angel Pita (1º en veteráns C, máis de 55 anos). Este home é todo un fenómeno.

No primeiro paso por meta non me fixo no tempo pero creo que levo un bo ritmo. Sigo pasando algún compañeiro máis. Rematado o quilómetro cinco, xa non chove, achégome a Javier e dígolle que teño interese en coller ao grupo que nos leva uns cen metros. Facemos un quilómetro fantástico e achegámonos algo pero nos seguintes metros asumimos que non os pillaremos.

Tras pasar o quilómetro sete e no inicio da subida, Javier cambia de ritmo e váiseme. Trato de manter a posición na subida. Vexo que non vou coller a ninguén e que ninguén vaime adiantar. Diante só teño a Javier. Na recta de meta véxome molestado por unha ambulancia mesmo teño que frearme detrás dela.

Resultado: fago meta en 29.47´´ (tempo bruto) a 3.43´´ o quilómetro, é dicir, dous segundos menos ca o ano pasado. Entro de 29 na clasificación xeral sobre 485 atletas e de 7º na categoría (de onde diaños saíu tanta xente?), mais ledo porque estou satisfeito polo xeito de correr e polo ritmo acadado. Tras seis semanas consecutivas competindo, por fin non subo ao pódio. Regresamos á normalidade.

Tras a ducha comprobamos as clasificacións e o CAS, en féminas, volve arrasar. De cinco participantes, tres pódiums: dous primeiros (Inés e Bea) e un terceiro (Montse) Parabéns.

O concello agasállanos con cervexa e empanada.


Durmo mal por mor do golpe da cadeira, a agardo que o moratón, sexa, cando menos, espectacular.

8/9/13

XXXII Maratón Popular san Xoán de Piñeiro (Mugardos)

SEMANA PREOCUPANTE
 O luns  foron 16 km con abdominais no ximnasio acompañado polo mestre Juan. Logo houbo saídas o martes, mércores e venres (con 6x.1000 entre 4.14´´ e 3.40´´). O sábado fun ata Mugardos e o domingo tocaba tirada longa pero non tiña o corpo (moi canso e con varias molestias) para a mesma e só fixen 11 km con moitos alongamentos posteriores. A semana foi preocupante porque reaparecen unhas leves molestias, como as da fin da primavera e mesmo o nocello dereito estálame cunha certa frecuencia e prodúceme molestias durante os primeiro minutos dos adestramentos. O piramidal dereito comeza a cargarse con demasiada facilidade. En total foron uns 67 quilómetros na semana (non son moitos pero…)


XXXII MARATON POPULAR SAN XOAN DE PIÑEIRO
Pois efectivamente o sábado volvín participar nesta proba autenticamente popular: o cariño que pon no asfalto a SCRD san Xoán de Piñeiro é realmente espectacular. Parabéns.

Nesta ocasión houbo unha nutrida participación do Club de Atletismo Sada, especialmente na proba de adultos.

Despois de compartir o quecemento e de poñernos ao día dos estados de forma de cada un/unha, iniciouse a proba. Non saín moi rápido e ademais o grupo de diante tampouco o fixo polo que estiven preto deles os primeiros cincocentos metros. Pouco a pouco o pelotón foise estirando (no meu caso perdendo de vista a José A. e a Roberto). Durante o primeiro quilómetro pásame algún atleta e tamén no segundo (Javier entre eles). O nocello dereito estaloume en catro ocasións polo que fiquei realmente preocupado. Unha vez ben quente non volveu protestar.

Coas posicións moi estabilizadas, rematamos as subidas da primeira parte da proba. Vexo que o ritmo é por baixo dos catro minutos ao quilómetro.

Iniciando a segunda parte, unha longa, longa, longa baixada, os catro que levo diante parece que se van indo, mais cando a estamos a rematar collo a Javier que baixara algo o ritmo por mor do seu flato. Falamos algo.

Iniciamos a longa, longa, longa subida xuntos pero no primeiro repeito duro, Juan frénase. Anímoo e reemprende a marcha, mesmo con forza. Ante do primeiro “descansillo” collemos a un corredor que ao pouco se nos queda. Noto como o piramidal dereito vaise cargando (teño que darlle unha boa sesión de alongamentos) Chegamos ao quilómetro dez (con tres de subida) por baixo dos corenta minutos. Estamos contentos polo ritmo. Neste último quilómetro collemos a outros dous atletas e cando estamos a piques de rematar a subida, Javier vólvese parar.

Remato a subida sen moita forza e trato de facer rápido os derradeiros trescentos metros. Antes da liña de meta aparece Javier coma un lóstrego e adiántame.

Resultado: 10.400 metros en 41.33´´ (a 3.59´´) na posición 23 de 208 e de 3º na categoría.

O club histórico de fans (Isa, Eva e Pepe), coma sempre, non son quen de tirarme unha foto na liña de meta…
Os membros do CAS cos seus trofeos

1/9/13

IX Cross de Broña

O luns tocou repouso absoluto. Martes  foron 14 km e o mércores outros tantos pero con 2x3000 a 12.20´´ e 12.08´´. Xoves só 10 km con técnica de carreira e o venres 21 km. Modifiquei a tirada longa dos domingos porque ese día ía participar no fermoso e duro Cross de Broña. Sábado 1.200 metros de piscina e domingo … ata a praia de Broña. En total 69 km na semana.



O IX Cross de Broña (creo que xa é a cuarta ocasión na que participo) foi toda unha ledicia, tanto pola organización (erros sobradamente corrixidos polo esforzo e cariños postos) como pola xente coa compartín os sete quilómetros da proba:

-Nada máis chegar vin a Julio Vázquez e estiven con el uns minutos. Contoume que o día anterior fixera a de Noia e tamén xa levaba moitos quilómetros acumulados na semana.

-Logo vin a Karina e a José cos que fixen unha boa parte do quecemento. Percorremos algo da proba para lembrar como era o final da mesma.

-Despois con Javier, tamén do CAS, e José Suárez, quen para a miña esperanza competitiva, fixera o sábado a proba de Noia con duras condicións climatolóxicas.

-Tamén compartín o remate da proba uns minutos con Baltasar con quen ademais doutras historietas, comentámonos os nosos males deportivos.

-E, finalmente, a sorpresiña da Rabuda. Como me gusta vela de corto de novo. Tremenda ilusión vela e estar un bo anaco de tempo con ela, e, para ser malo, sen a súa parella.

Saín cómodo e rápido mais vexo que non vou diante. Mesmo ao rematar o primeiro quilómetro (3.45´´) aínda me pasa xente. Cando vou no segundo continúame pasando algún atleta. Nese segundo quilómetro (7.35´´), nunha das incontables subidas da proba, vexo que me vou achegado a José Suárez e a Javier, pero na baixada vánseme moito. Vou collendo un ritmo cómodo e vivo e no terceiro quilómetro para miña sorpresa adianto, por vez primeira neste verán, a José Suárez e a Javier.

Principiando as subidas de verdade, continuo mellorando posicións. Como outras probas… por atrás chégame Baltasar, falamos un ratiño e quedamos para cando remate a proba. Imos xuntos uns centos de metros pero na parte máis dura da durísima costa, váiseme. Lembro canto sufrín o ano pasado nesta subida e sen embargo, nesta ocasión ía tan mentalizado que case se me fixo curta (que barbaridade veño de escribir…) Na baixada non collo a ninguén e mesmo un rapaz que pasara na subida ponse ao meu carón ata os últimos metros nos que se me vai.

Entro na meta contento polas boas sensacións na proba. Creo que fago un tempo de 28.10´´, é dicir, algo peor que os outros anos pero sen tanto sufrimento. Remato, outra vez, de terceiro na categoría de máis de 45 anos. Creo, de novo, que ninguén de máis da miña idade entrou diante  de min. Aínda non temos as clasificacións oficiais...


Teño que facer un parágrafo especial á actuación do Club de Atletismo Sada. Fumos catro persoas e levamos catro premios. Karina por partida dobre (2ª na clasificación absoluta e tamén 2ª na da categoría), José A. (3º na categoría) e máis eu (3º na categoría). Javier non o puido facer mellor por diversos problemas estomacais padecidos na semana e que non é pertinente detallar.