30/9/12

Que mes tan tremendo: 387 quilómetros

Que mes tan tremendo. Efectivamente, menudo mes. Pero vaiamos por partes, é dicir, contando como foi esta semana. 

O luns tocaba descansar do asfalto e fixen no ximnasio (onde coincidín con Mónica) abdominais e Gap. O martes fixen 17 km e había que traballar con dúas series de 5.000 metros a ritmos previstos de 22.00´´ e 20.40´´. Os resultados foron: 20.47´´ e 19.47´´. Rematei contento e non especialmente canso. O mércores trote de recuperación de 17 km. O xoves descanso revisión muscular na quiropráctica ¡As pernas levaban máis de dous meses sen pasar polas mans de Paloma!. 

A fin de semana merece un punto e aparte. O venres fixen un quecemento de 7 km logo trotei con Pili 12 e outro máis para regresar á casa, en total 20 km. O sábado fixen outros 17 km pero con 10 series de 1.000 que en realidade eran para o venres. Nada máis saír da casa notei que as pernas ían moi lentas, probablemente polos 20 km do día anterior. Como o planificado era facer as series comezando en 4.20 e rematando en 3.40´´, decidín que o mellor sería tratar de facer cinco por riba dos catro minutos e outras cinco por baixo. E así saíron: a primeira a 4.15´´ e a última a 3.44´´. Estas series son as que máis gozo, ou se queredes, onde menos sufro, e é a primeira vez que non melloro o templo planificado. O domingo érgome pensando en Antonio Álvarez e tamén en Pedro Nimo que hoxe “actúan” na maratón de Berlín. Agardo que acaden os seus obxectivos. Os meus era facer unha tirada de 30 km desde a casa e polo río Mero, saíndo moi lento e tratando de rematar forte. Como saín cedo pasei frío (11 graos) e polo paseo fluvial, coma sempre, néboa. Fago a ida en 1.10.30´´, un minuto máis lento ca hai un ano. Principio o regreso a bo ritmo pero con problemas de paso por culpa dos ciclistas que xa andan nun número considerable, mesmo cheguei cruzar insultos cun deles!. Tras deixar A Barcala, sae o sol e creo que empezo a ir máis lento. Nos quilómetros 25 e 26 controlo o tempo (remato o paseo do Burgo) e sorpresa é estupenda, fágoos a ritmo de 4,04´´, cando as sensacións eran outras moi distintas. Incluso no último quilómetro, subindo, trato de darlle caña. Remato en 1.02.10´´. Oito minutos máis rápido que a ida. 
O total semanal foron 101 quilómetros e unha hora de ximnasio Pero o sorprendente é o total de quilómetros do mes. Se en agosto batira a miña marca con 376, este mes de setembro fixen 387. Creo que nunca máis farei tantos.

26/9/12

II Carreira da Auga en Sada


Xa temos o fermoso cartel da II Carreira da Auga de Sada a prol de Unicef. Tedes toda a información no Club de Atletismo Sada.

23/9/12

Adestramentos pensando na Behobia?, Non, home, non.


Outra semana sen competición: ía sendo tempo. O luns descansei de todo tras o susto do piramidal esquerdo do domingo anterior. O martes fixen a trote 17 km: empecei notar molestias no piramidal á media hora pero foron pasando pouco a pouco. Ao chegar á casa fixen unha boa sesión de alongamentos dos piramidais e fascia lata. O mércores tocaban 14 series de 500 metros entre 2.05´´ e 1.47´´ con recuperación dun minuto. A primeira serie saíume en 2.09´´, as seguintes xa por baixo dos dous minutos e as sete últimas por baixo do1.50´´. A última foi a 1.42´´. As recuperación foron de 50´´. Fiquei contento co resultado mais o regreso foi a un trote moi lento.

O xoves tocaba descanso… pero achegueime ata Sada para compartir un adestramento cos compañeiros/as do CAS: quecemento, estiramentos, técnica de carreira, cambios de ritmo e estiramentos… Un día perfecto.

O venres tras un quecemento de 25 minutos, trotei con Pili unha hora: menuda malleira me deu: costas, costas, costas.

O sábado tocaban 25 minutos de quecemento e tres series de 4.000 a 17.20´´, 17.00 e 16.30´´ con 90´´ de recuperación. Como me parecía moito despois de catro días continuados de adestramentos, fixen só 13 minutos de quecemento tomando a primeira serie como parte do mesmo. Os tempos das series foron: 17.15´´; 16.50´´; 15.59´´, sempre por baixo do programado, especialmente a última xa que nos dous últimos quilómetros dinlle un pouco máis de caña. Mentres a miña Rabudiña pillando trofeo en Corcubión.

O domingo tocou unha tirada longa en progresión de 25 km. O resultado non foi malo pero as sensacións non foron boas pois noteime canso e sen forza.

Total de quilómetros semanal 104… por iso ando canso.

Ademais chegou un correo da organización da Behobia-San Sebastian comunicando a súa presenza nas redes sociais. Estou inscrito pero moi probablemente non vaia e se vou non a dispute.

16/9/12

I Carreira Nocturna Concello de Ferrol



Tras a malleira do domingo pasado, o luns descansei mais ao final da tarde achegueime ao ximnasio con Juan para facer unha hora de GAP e abdominais. O martes, aínda canso, só 15 km ao trote. O mércores un dos adestramentos que peor levo: 13 km con 15 series de 300 metros entre 1.07´´ e 1.01´´ con 45´´ de recuperación. Xoves fun á miña quiro-práctica por unha contractura no pescozo e costas. Venres 17 con 5x2.000 e cometín un tremendo erro ao trabucarme de ritmo na primeira serie pois tiña que ser en 8.45´´ e fíxena en 8.08´´, entón a manter o tipo e baixar tempos: 7.57; 7.47; 7,45 e 7.40´´ Rematei realmente canso. 

O previsto para o domingo era participar no dez mil de Riveira mais como non puido ser, fixen, o sábado, a I Carreira Nocturna Concello de Ferrol a onde cheguei con tempo pero sen o meu chip amarelo. Non fago moito quecemento e aproveito para saudar aos atletas do CAS presentes: Alberto, Raúl e Mónica.

Cunha alta temperatura, ás 21.30 deuse a saída desde a Praza de España polo barrio da Magdalena e ata o porto regresando ata completar as dúas voltas de catro quilómetros. Nos primeiros metros adiántame moita xente e sobre todo na costa da rúa san Francisco ao pasar por onde casa, en lamentable estado de abandono, de don Francisco Carvalho Calero. E é que as costas abaixo non se me dan nada ben. No porto damos volta e permíteme comprobar que vou en torno á posición 35. Vou cómodo e rápido. 

No primeiro paso pola meta hai moitísima xente. Da gusto correr así.

Na segunda volta empezo adiantar a corredores chegando ao punto máis lonxano na posición 30 aproximadamente.  Continuo pasando xente e mesmo á primeira muller. Non forzo no último quilómetro posto que vai picando para arriba. Tras cruzar a meta, saudar aos amigos, agardar pola entrega de trofeos e polas cañas e pinchos.

Resultados: posición 26 (sobre 542 chegados á meta), 3º na categoría de máis de 45 e cun tempo neto de 29.49´´ a 3.44´´ quilómetro.

O domingo estaba prevista a tirada longa da semana. Aos catro quilómetros comecei notar molestias no piramidal esquerdo (a primeira vez que protesta ese lado) e como non ían a menos decido ser prudente (alucinante, eu prudente) e facer só 15 quilómetros. Mais teño que estar contento polos resultados da semana a pesar de que non foron moitos quilómetros (70) pero houbo dous días con series e unha competición curta. O luns descanso e a facer estiramentos dos piramidais sen falta.

9/9/12

Vaia semana!!!: De Dexo a Louro pola costa

Unha semana ben rara. Hai uns días pensei que esta semana sería medio perdida, que podería saír trotar pouco e que algunhas probas médicas deixaríanme tirado… E ao final foron uns cantos quilómetros: exactamente 103. Probablemente a semana na que máis teño rodado. Un bo feixe de quilómetros para a mochila aínda que poucos de calidade. 
O luns foron tan só 16; o martes 13 con 6x1000 (4.07; 3.52; 3.58; 3.50: 3.45; 3.39´´). O mércores fixen unha tiradiña especial, desde hotel Porto Cobo de Santa Cruz ata Dexo pasando por Seixo Branco, o portiño de Dexo e subindo a Rúa da Costa (dura, non si, Juan e Pili?): 19 km. Gocei un montón dese percorrido e das súas fermosas vistas. A ida foi en 46 minutos e o regreso en catro menos. Rematei o día facendo unha hora de pesas (Body Pump).  Mirade o percorrido e o seu perfil:

O venres, imos retomando vellos costumes, 14 km con Pili (“Todo un pracer”). O sábado 15km. Rematei a semana trotando por Louro. Primeira tirada longa a ritmo tranquilo: 26 quilómetros en 123 minutos. Estou cómodo facendo moitos quilómetros mais, pola contra, cústame un mundo facer series. Mirade tamén o percorrido e o seu perfil (non é exactamente o que fixen pois o ampliei un pouquiño):

2/9/12

Cross de Broña: 8ª edición


Dúas semanas sen poñer nada. Isto no pode ser e a continuación darémoslle remedio.

Na semana do 20 ao 26 de agosto fixen 72 quilómetros e unha hora e media de ximnasio(GAP e abdominais) Houbo un intento de series de mil metros pero as pernas non responderon. O venres e o sábado non fixen deporte mais si actividade social posto que os amigos de Montrove viñeron pasar o fin de semana a Louro. Deste xeito, os que aínda están en condicións de trotar andivemos por Monte Louro e comprobaron porque me gusta tanto ese percorrido. Ademais foi toda unha honra trotar con esas mulleres de tanta forza e con Raúl e Álvaro (por suposto)
 Fixádevos nas camisetas: Maratón de Madrid; Behobia-San Sebastian; Marató de Barcelona... E na praia de Area Maior.

Na semana seguinte comeceina con 17 km e unha hora con Pili no ximnasio (GAP e abdominais) onde coñecín esta fermosísima versión:


(Dádelle ao play para escoitala mentres ledes a crónica) 

O martes xa tocou 15 km con 10x500 entre 2.00 e 1.41´´, mais case todas por baixo de 1.50´´ (o que tocaba era entre 2.07´´ e 1.5.0´´). O mércores 17 km e 30´de abdominais.O xoves, cambio de plans e tirada longa: de Santa Cruz –Mera-Seixo Branco- Castro de Subiña  e regreso. En total uns 20 km1.28´. Levaba case 30 anos sen estar nese castro e o pasado domingo non me saía o seu nome polo que tocou subir ata el. Fermoso percorrido cheo de costas. 

Rematei o día con 30 minutos de GAP. O venres 15 km a trote. Así rematei agosto cun total de 376 quilómetros (nunca tantos fixen nun mes). Son moitos quilómetros pero noto que me falta forza e velocidade. A vindeira semana xa será outra cousa...Tamén xubilei o cuarto modelo de Asics Cumulus con 1.140 quilómetros. Agradecido lles quedo.
 
SETEMBRO: sábado de repouso e facendo unha sardiñada. Domingo volvín participar no Crosde Broña, na súa oitava edición (fixérao tamén na terceira). A sorpresa foi a aparición, case máxica, da miña Rabudiña, sempren ben acompañada, que anda iniciando a temporada, con permiso dos seus médicos. 

A proba é dura, dura, dura. Tras os primeiros metros só me adianta unha persoa. Trato de ir adiantando xente a medida que a carreira vai subindo, subindo, subindo. É máis dun quilómetro onde a pendente vai progresivamente en aumento ata acabar sendo unha tortura. A xente que teño por diante non parecen da miña categoría (1966 e anteriores) polo que non forzo a marcha. Os últimos metros son fermosísimo pois van ao carón do mar con Ría de Muros de fondo. Entro a uns 4 minutos por quilómetro nos case sete mil de que consta o cross. Entro contento pois souben sufrir na subida e non forzar nas baixadas para protexer os nocellos.

Tras cruzar a meta vou pola miña Rabudiña. Ven coma unha campiona e entra na meta marcándose un fenomenal sprint.

Rematamos os dous no podio ao acadar senllos terceiros postos. Parabéns, Sandra. A organización: de luxo.

Que se era dura a proba? Mira o perfil:

19/8/12

XXI Carreira das Areas (Carnota, A Coruña)

Non me gustan os cambios. Por que cambiar algo ao que xa estamos afeitos e gozamos del? 

Pois ben, despois de 20 anos, o concello de Carnota decidiu trocar o punto de saída e de chegada da súa Carreira das Areas. O cambio consistiu en poñer a saída e a chegada nas portas do concello, É dicir, a 1.400 metros da area da praia. E para colmo a 41 metros de altitude (os douscentos primeiros/últimos cunha pendente de coidado). Ademais, e sen previo aviso, retrasouse a saída media hora. 

Como cheguei con tempo, e a proba foi retrasada e como non levo nada ben as subidas, decidín tirar para arriba pola pista que hai sobre o concello para volver o petroglifo de Pedra Escrita. Había xa varios anos que estivera alí. Agora está sinalizado e conta cun panel informativo. Mágoa que a información que contén proveña de quen provén (non penso citar o seu nome) 

Iniciei a proba amodo, sen acelerarme na baixada inicial. Ao chegar á area, calculo que vou de sétimo na miña categoría (de 45 a 54 anos). Tamén cambiaron a a dirección do percorrido, indo, inicialmente cara Maceiras. A marea está moi baixa pero hai moita auga na dura area. Ao chegar á primeira baliza, xa estamos os tres primeiros da categoría xuntos. Tras uns minutos de trote conxunto, equivócome e penso que axiña iniciaremos a subida ao concello, polo que cambio o ritmo e acelero para deixar aos meus compañeiros un pouco por detrás. Pouco despois decátome do erro e vexo que temos que ir ata Boca do Rio e trato de manter o ritmo e a distancia. A vista é impresionante, toda a Praia de Carnota, coa súa inmensidade de sete quilómetros de lonxitude e a vista sempre fixa na Moa, o cume do Monte Pindo. A area está agora máis branda e hai moitas pozas e regatos que ás veces podemos saltar e outras non. 
FOTO: Tirando cara a Boca do Río, con Lira ao fondo

Na segunda baliza, Blas e Raquel danme ánimos e inicio o regreso vendo que os da miña categoría vanse quedando. Ao chegar á area seca e coller a pasarela de madeira, sufro un pouco e os que tiña diante vánseme algo. Cando pisamos o asfalto de novo, gaño unha posición e afrontamos a subida final. A humidade é altísima e a temperatura é xa de 25 graos. Menos mal que o día está cuberto. Vexo que ninguén forza e todos mantemos os nosos lugares na costa final. Entro exactamente en 40 minutos, pensando que foron uns sete quilómetros pola area, non está mal. Confeso que voume atopando cada día mellor. 

Ao pouco de rematar, Ángel Carracedo, ordena aos de Louro unha foto conxunta. Entre os que vedes hai catro premios nas distintas categorías. Falo cos atletas coñecidos, especialmente cos que vexo na temporada de verán. 

Parte de guerra: tíñalle medo ao comportamento do nocello esquerdo pola area, especialmente pola branda e irregular da zona de Boca do Río. Durante a proba portouse moi ben pero logo en frío e pola tarde comecei a notar molestias, distintas das habituais desde hai xa catro meses, mais molestias. Tras a proba tratei de estirar os piramidais e o dereito, sempre o dereito, ameazou con contracturarse: estaba moi cargado. 

Finalmente entro na meta de 20 e de 1º na categoría. O premio consiste nunha pequena e fermosa bandexa feita por Nacho Porto

 Semana iniciada con 90 minutos de ximnasio acompañado por Pili e Marta. O martes fixen, por fin, unha tirada de 21 km (lento pero seguro: 1.35.35´´). Mércores: 15 km con 6x1000: 4.08; 4.02; 3.58; 3.50; 3.45; 3.38´´ (xa mellor ca semana pasada). Xoves: tres horas de andaina polas Fragas do Eume e 10 km de trote. Venres: 17 km. Sábado a proba de Carnota e o Domingo rematei a semana trotanto tan só sete quilómetros (chovía, chovía, chovía) e dándome unha boa sesión de alongamentos que dirían os irmáns portugueses. 

Outros 81 quilómetros semanais para o peto.

16/8/12

13/8/12

XIX Carreira a Pé de Lira


Esta semana fixen unha tirada en bici e 71 km correndo, entre eles houbo un día con intento de series (6x1000 en 4.10´´: 4.05´´; 4.04´´; 4.00´´; 3.55´´; 3.50´´). Teño que seguir buscando as sensacións na series (a velocidade e a resistencia chegarán algún día). O venres descasei pois, repasando os meus apuntamentos, vin que desde o 2004 (1ª participación) non mellorara o crono a Carreira a Pé de Lira (7.350 metros). O sábado era o día da proba mais tamén o día que a miña irmá decidiu celebrar un inventado “Patrón” en Louro. E como celebramos as cousas en Galicia?: con callos, xamón asado e sobremesas para un rexemento. Pois co bandullo ben cheo funme para Lira.

Oportunidade de tirar unas fotos para Iniciarte e saudar aos amigos da temporada de verán, como xa fixera na proba de Vimianzo e farei na de Carnota. Como vou só desde Louro teño tempo dabondo de facer o quecemento e comprobar, como fago sempre, como é a costa de asfalto duns 600 metros que hai no quilómetro 5-6.

A primeira sorpresa veu da man de Blas, regresado das súas montañas e con el  a fotógrafa máis guapa das carreira: Raquel.  A segunda é que teño un club de fans máis numeroso da competición. Os comensais (chegáramos a pasar do trinta) tras a longa sobremesa decidiron darse un paseo ata Lira. Non sabían que terían que esperar 90 minutos pola foto da entrega de trofeos… (mentres picaron pementos e cervexas)

O ambiente magnífico, como sempre. O número de participantes en aumento. 

Na saída a xente nova empeza con moita présa. Adiántanme moitos. A saída en subida e polo piñeiral é estreita e duns 300 metros. Cando remato o primeiro quilómetros case teño a miña posición natural. Adiante a moita xente. No segundo quilómetro pásanme dous atletas, un deles da miña categoría. Vou detrás deles polos camiños de terra e con pedras soltas. Vou incómodo pero consigo que non se me marchen. Dous quilómetros máis tarde, aumento o ritmo e pásoos (o da miña categoría ficaría lesionado nun xemelgo e tería que abandonar) Ao dar a volta, tras pasar a Praia de Ximprón (lembraredes o seu nome pola desfeita do Prestige) noto que vou pagar o esforzo realizado con/contra os dous atletas. Levo uns quince segundos de marxe sobre o grupiño que ven detrás onde hai unha persoa da miña categoría. Ao iniciar a subida, fágoo con malos presentimentos mais vou con calma. Ao pouco de rematar a subida voume recuperando e mesmo son quen de facer uns últimos minutos con forza e impedir que ninguén me pase na baixa final, tal e como acontecerá nalgunha outra ocasión. Comprobo o cronómetro e vexo que é posible mellorar a marca pero… esquecín paralo na meta.

Entrei, co apoio do club de fans, de 12 na xeral e de 1º na categoría.

Rematei a semana trotando o domingo uns 13 km.

5/8/12

1ª Carreira pedestre Concello de Vimianzo


Semana de iniciar a posta a punto: Luns só 30 minutos de abdominais. Martes 15 km con 6 series de 1.000 metros: as tres primeiras por encima de catro minutos e a tres seguintes en torno a 3.45´´. Mércores 17 km, xoves 15 km con outras seis series (só dúas por baixo de catro minutos pero todas en progresión). Venres17 km, sábado 15 e domingo 12 km. Total semanal: 91 km.

Un apuntamento sobre o mes de xullo: fixen un total de 311 km. É o oitavo mes, desde que troto, no que supero os trescentos quilómetros. Levo acumulados nestes sete primeiros meses do ano un total de 1.752 km. Son moitos ao pensar nos problemas do nocello esquerdo que apareceu unha semana antes da maratona da Coruña.

E para rematar a semana participei na I Carreira Pedestre Concello de Vimianzo. A idea era gozar da proba, non forzar para non rematar sufrindo. En Vimianzo atopeime con Julio Vázquez e cos seu fillos. Tamén tiven a oportunidade de saudar aos coñecidos da miña temporada de verán pola costa.

Saín cómodo, tratando de facelo non rápido. Paso o primeiro quilómetro só un pouco por baixo de catro minutos. Adiántame Julio e pouco despois ven desde atrás o rapaz de 16 anos co que xa coincidira en Ordes de Muros arqueolóxico. Tras trotar onda el uns metros, fálolle e tiraremos xuntos uns oito quilómetros. O percorrido non é moi duro pois só hai unha costa pronunciada duns douscentos metros. Cando falta algo máis dun quilómetro o rapaz váiseme uns metros. Non teño forzas para esprintar pero entro contento en 38.28´´, a 3.51´´ o quilómetro. Non está mal para o momento da temporada na que andamos. Na meta agradecéndolle o rapaz o seu traballo e teño a oportunidade de falar co seu pai, José Ramón Mayo (1º en M40)

Finalmente, entrei de 17 na xeral e 2º na categoría (RESULTADOS). Había xa moito tempo, en concreto desde a Vig-Bay de marzo 2012 que non gozaba dunha proba. Xa ía sendo hora de non sufrir. O premio é pequeno é fermoso.

Foto do podium: Un José Manuel entre dous José Antonio.

29/7/12

Iniciándome no triatlón?


O luns, día de repouso de trote, fixen 90 minutos de ximnasio (abdominais e AF) acompañado de Pili. Martes 17 km. O mércores tocou rota marítima pola ría de Arousa. O xoves 15 km con amago de catro series de 1.000 metros, todas algo por baixo de catro minutos (a vindeira semana tratarei de facer máis e mellor). O venres outros 15 km. O sábado, xa nas terras muradáns tocou 15 km e seguidos de 1.000 de natación nunha das piletas máis fermosas que coñezo, con vistas á ría de Muros (algún día terei que tirar alguhnas fotos). E pola tarde 80 minutos de Bici polas montañas de Louro. É dicir un triatlón.

Por certo, o obxectivo do paseíño (40 minutos de subida) de BTT era chegar ata a Torre dos Mouros, xacemento arqueolóxico situado sobre Lira, nun lugar espectacular, pois mirado ao sur vese a cabo de Corrubedo e, mirando ao norte, o de Fisterra. Deste lugar darei conta en Iniciarte pero se queredes algo máis de información visitade Capítulo Cero.

O domingo, coas pernas derrotadas polo traballo do día anterior, fixen só 17 km (tocarían 21) trotando pola estrada ata Lira e regreso.

En resume: 79 km, hora e media de ximnasio, 1.000 metros de natación e 80 minutos de bicicleta. Non está mal, eh?

22/7/12

Semana completa

Semana na que amanezo todos os días coas pernas moi pesadas e cansas polo que decido non trotar cedo e deixar os adestramentos para as tardes. 

Fixen dúas sesións (luns e sábado) de bici en total dúas horas e vinte minutos. Tratei de que a zona onde rematan as costas se vaia acostumando ao sillín ao tempo que busquei coller cadencia de pedaleo. Non hai présa. Traballo basicamente con 42/15, sen forzar. Aínda non me atrevo a andar pola estrada (dáme vergoña ir tan amodo) polo que fago do Paseo do Burgo o meu particular Tour de France. O sábado subo a costa de Liáns con menor esforzo do previsto. Noto unha certa febleza no vasto interno das dúas pernas. Pola contra, as molestias no nocello esquerdo practicamente desapareceron ao remate da semana.  A fascia lata: non consta como vai ata que a quiropráctica lle metas as mans.

Case non fixen ximnasio, tan só o venres media hora de abdominais. 

Trotei un total de 74 quilómetros en cinco días. Boa cantidade pero xa vou necesitando facer máis cambios de ritmo ou principiar coas series… e dáme unha preguiza tremenda… Xa vos contarei. 

Serve como actividade deportiva o paseo en barco (grazas Pepe) pola ría de Pontedeume?

15/7/12

Semana variada


Este semana estivo marcada pola realización de diversas probas médicas (a finais de mes veremos os resultados, ou sexa que tranquilidade) incluíndo a miña primeira sesión de sedación completa. A pesares do cal a actividade deportiva foi a seguinte:
O luns 15 km e unha hora de GAP e abdominais. Martes: 17 km. Sábado 13 km pola mañá e unha hora e media de bici de montaña polas terras muradáns. Non me resisto facer o percorrido que vai de Louro a Taxes, bordear a enseada de Muros, chegar casa ata Paxareiras (600 metros de altura), regresar vendo toda a praia de Carnota ata o Ancoradoiro e Louro. É un percorrido espectacular.

O domingo repetín, para espantar vellos demos, o adestramento do 7 de abril cando aparecerán os problemas no nocello esquerdo. Foron 20 km en 90 minutos. O nocello aguantou.  O percorrido foi: praia de san Francisco, volta por Monte Louro  estrada ata Lariño (tempo atrás facíao polas praias de Area Maior e Lariño) e regreso.


En total: unha hora de ximnasio; noventa minutos de BTT e 65 km.