22/4/12

Percurso da Maratón de Madrid

Hoxe é o día do MAPOMA, ou mellor dito do Rock´n´Roll Madrid. Como non imos participar, poño este vídeo onde non se aprecia moi ben a dureza dos últimos quilómetros. Ao velo, sorpréndeme o ben que lembro este percorrido. 
Canto teño gozado e canto teño sofrido no asfalto madrileño!!!. Sorte a todos e todas os participantes.




15/4/12

Maratón A Coruña 42: chegou o descanso


ADICATORIA
Hai case un ano, meu  pai deixou estes mares para ir navegar por outros máis tranquilos.
Pola contra, Sara está a piques de coñecer as ondas da ría Muros (xa ten lista a táboa de surf, a vela de wind-surf, e a cometa de kite-surf), mentres o seu pai ten corazón tan grande que as veas non son quen de soportar a súa forza.
Para eles tres ía esta maratón, e, para eles tres, vai esta crónica.

Tres maratóns en trece meses… quen o diría hai uns anos. Efectivamente en marzo de 2011 fixen o Marató de BCN, en novembro, para recobrar sensacións, a de Porto e, agora, en abril de 2012 o da Coruña. 

Como sempre fixen unha preparación específica seguindo un plan de dez semanas.

En xaneiro andiven con varios catarros que me deixaron sen forzas polo que tomeime a miña primeira participación na Media Maratona Manuela Machado en Viana do Castelo como un adestramento, para ir de menos a máis. En febreiro, fixen a I Media Maratón do Ribeiro cun tempo inesperadamente bo. Logo, a tres semanas da maratón, a Vig-Bay, onde o tempo que tiña que saír, saíu. Despois viñeron uns días de repouso e masaxes por molestias nun isquio; molestias que non deixaron de existir completamente. Na semana anterior, volvín a estar con molestias na gorxa e algo acatarrado.

Fixen os adestramentos, primeiro con moita tranquilidade, sen presión, gozando deles. Mais, logo, apareceu o cansazo psicolóxico, a falta de gañas, o desexo para que  pasara pronto  o 15. Para tratar de combater esas malas sensacións fixen un par de tiradas longas (menos longas de que me gustaría) cos amigos do C.A. de Sada. Todo un pracer.

Os quilómetros feitos por semanas, foron os seguintes (de luns a domingo): 81, 70, 91, 92, 79, 94, 59, 47,  Por meses: xaneiro con 253 ; febreiro con 325, marzo con 335. Como veredes non fun moi regular. Nos adestramentos os tempos da series saíron case todos agás, como sempre, o test de 2x6000.

Na última fin de semana aparaceu unha molestia tras cada adestramento no nocello esquerdo. Mesmo como ía  máis (chegou a ser dolorosa) modifiquei os entrenos. Só saín a trotar o martes. Logo, coxeei un pouco, repouso ata o sábado para probar o nocello. O sábado pola mañá o nocello aguantou quince minutos sen protestar. Mais eu sei que non está ben. Decido facer a proba pero co risco de abandonar se aparece a dor.

Durante os días previos, as charlas coas amizades danme moito ánimo: coma sempre corro por e con eles.  Juan e Pili estarán, seguro, no percorrido. A Rabudiña tamén. Conto cuns berros exclusivamente para min. É a vantaxe de correr na casa.

O domingo amenceu como dicían as previsións: forte treboada ás 7.15. Un rato despois, tiramos as primeiras fotos co CAS, logo con Raúl e despois eu só. Case sen quecemento facemos a saída moi puntual.

Inicio a proba moi comodamente. Sorpréndome ao ver o tempo no primeiro quilómetro: 3.59´´. Como parece ser que se fai un grupo que quere baixar algúns minutos das tres horas, vou con eles ao pensar que é a mellor forma de protexerse do vento. Facemos o Orzán e Riazor. Cruzamos por Xoana de Vega e Linares Rivas, ao entrar, por vez primeira no porto, cáenos unha gran cantidade de auga e granizo, acompañado por forte vento. Foron tan só dous minutos. Pero estamos empapados e as miñas zapatillas son un puro charco.

O ritmo do grupo é bastante irregular: tiróns e paróns. De súpeto, véxome no final de Oza con cinco corredores só, posto que o gran grupo quedárase atrás. Como nos da un forte vento de cara en dirección á Casa do Mar, baixo o ritmo e deixo que o grupo me colla. Primeiro paso polos Cantóns: parece que o público está decidíndose a animarnos. Rematamos a primeira volta en 56 minutos, case un mellor do esperado, pero sigo cómodo. 

Iniciamos a segunda volta con todo o vendaval polo Orzán e logo pola zona do Milenium. Ao pasar pola Casa da Auga (20,5 km.) o grupo comeza a marchárseme. Non me importa, vou ben. Paso a media maratón en 1.25. Case no tempo deseñado. Dous quilómetros despois xa estou de novo co grupo. Imos de novo por Oza. Parada técnica a evacuar líquido (perdo 40 segundos). Váiseme o grupo. O regreso á Casa do Mar fáiseme duro polo forte vento en contra. Desde Linares Rivas ata os Cantóns hai moita xente animando pero aínda non aparecen os grupos anunciados pola organización. 

Na Mariña, Pablo e logo Ángel, saúdanme. Aos dous fágolles movementos negativos coa cabeza. Remato a segunda volta (quilómetro 28 en 1.54.11´´, a menos de 4.05´´) Tempo estupendo e… abandono.

O nocello dixo basta. Non teño gañas (perdón) para quedarme a anirmar aos amigos e amigas, nin aos outros participantes. Saúdo a varios amigos e marcho para casa.

É o meu primeiro abandono nunha maratón… e foi tocar xusto no da casa…. Unha mágoa. É síntoo de verdade porque varios amigos achegáranse ata a proba para animarme (Juan, Pili, Julio, Chema, Sandra, Pablo, Ángel...). Laméntoo moitísimo por eles. Pero cando non se pode, non se pode.




DESPEDIDA
Toca agora unhas semanas de repouso e, coma sempre, unhas sesións de chapa e pintura para tratar de amañar algo o corpiño. E para despedirse, nada mellor que facelo dun xeito explosivo, ou non?



14/4/12

Maratón da Coruña: o Home do Mazo

Mañá será o gran día: comentarei esta última e desgraciada semana. Pero por agora déixovos este vídeo, agardando que non apareza pola Coruña,  visto en Os Patukos:


8/4/12

Maratón da Coruña: penúltima semana de adestramentos

Que semana máis rara. Teño cansancio mental, de adestrar, correr… 

Esta semana tocaba pouco traballo, mais para compensar (si xa sei que non se debe facer) o da pasada, fixen algún adestramento de máis. Ademais, tocaba ao test de 2x6000. Un adestramento que nunca me sae. Tiñan que as dúas series a 25.00´´ e a 22.20´´. Saíron a 24.32´´ e 23.17´´ (ben é certo que a última fíxena en progresión rematando a 3.40´´). En outubro saíran a 24.40´´ e 23.50´´ pero hai un ano, pensando na maratón de Barcelona, fixéraas a 23.20´´ e 22.31´´. 

Continúan as molestias en todo o lado dereito (piramidal, isquio e fascia lata) pero só en repouso. Agardo que aguanten a carreira. Curiosamente tamén hai algún problemiña no nocello esquerdo. Mais fisicamente creo que non vou mal. 

En resume, fixen esta semana: 17, 18, 17, 14 e 20 hoxe domingo, é dicir, 86 quilómetros cando no plan de adestramento tocaba facer só 60. O sábado e o domingo trotei ao redor do Monte Louro. 

Pero o peor de todo son as horribles previsións metereolóxicas para o domingo 15: vento forte e chuvia.

2/4/12

Fragas do Eume

Impactado polo incendio da Fraga do Eume, deixo aquí unha fotos tiradas hai uns meses para tratar de lembrala sempre así.

1/4/12

Maratón da Coruña: a tres semanas


O pasado domingo  25 de abril fixen a Vig-Bay: contento. Mais despois de entrar na meta, volvín en dirección Vigo para animar aos coñecidos facendo, de novo, os tres últimos quilómetros acompañando á miña gabachiña preferida. Esprintando con ela, o isquio dereito protestou.  Mirade como entramos os dous na meta (unha por dentro e outro por fóra):

O isquio non se deixou estirar en todo o día. O martes saín a probalo e… houbo que parar aos quince minutos. Case desesperado, tratoume o xoves a miña quiropráctica de cabeceira, dándome permiso para volver ao asfalto o sábado. Mais o venres volvín saír outros quince minutos para quecer os músculos e, logo, darlle unha boa sesións de estiramentos. Despois media hora de abdominais no ximnasio (co Pili e Juan, que ledicia!!!). O sábado, con máis medo ca ilusión, fixen unha tirada normal de 17 quilómetros. O regreso foi especialmente rápido. Houbo molestias por todos lados pero non especialmente no isquio.

O domingo, sumeime ao adestramento polo paseo do Mero dos amigos do CAS. Antes da  hora convida, fixen uns quilómetros para ir quecendo… Cando chegaron, tivemos oportunidade de comentar a pasada Vig-Bay. Fixen a tirada de ida ata Cecebre con Bea a un ritmo de 5.30. Regresei só a un ritmo de 4.02, indo de menos a máis. Chegado á Barcala, regresei por Bea. En total  24 quilómetros.

Unha vez na casa preparei o sobremesa da xornada “Flans glaseados á mandarina”… unha auténtica BOMBA (prefiro poñer unha foto antes que o vídeo de King Africa)

O resume semanal é un desastre: só 47 quilómetros, saltándome tres días de adestramentos, dos que dous eran de series. Creo que xa estou a buscar escusas por se os resultados da maratón non son os agardados, ademais desde hoxe pola mañá teño molestias  na gorxa... cachissss.

26/3/12

Vig-Bay 2012: pensando na maratón da Coruña


Tras dúas semanas malas de adestramentos, e cos correlegas da Panadería de Osedo (Pachuco, Raúl e Roberto), participamos na Vig-Bay 2012. A temperatura foi de 14 graos na saída e ceo cuberto. Cando chegamos á meta eran xa 17. Non houbo vento polo que as condicións climatolóxicas foron excelentes. Nunca tanta xente vira nunha media maratón de Galicia: 4.400 inscritos. Case somos unha potencia no atletismo popular. Aínda lembro ben a primeira vez que corremos por Samil: chegáramos aos oitocentos?

Sei que nesta proba, como xa noutras, fáltame alguén preto de min. Voume afacendo a iso, pero cústame non ter compaña nos minutos previos ao inicio da carreira.

Antes da saída puiden saudar aos amigos do C.A. Sada para desexarlles moita sorte, especialmente a Bea e a Montse.

O obxectivo marcado era, segundo o plan de adestramento baixar de 1.23´. Tiña, ademais. o precedente de febreiro da media do Ribeiro en que baixara de 1.22. No caixón de saída compartín uns minutos con algúns colegas de Sada. Con eses datos na cabeza e con tres minutos de quecemento (nunca chegamos con tempo) tomei a saída.

Sendo bastante estraño en min, non saín moi rápido. Aguantándome, pasei o primeiro quilómetro en 3.50´´. Deixei que fora marchando a xente. Manteño un ritmo cómodo. Ao chegar ao quilómetro cinco, trato de buscar escusas sobre o ritmo peor do agardado: a costa. Cando chego ao dez pensei que iría baixando máis o tempo (39.08´´). Gustaríame ter baixado de 39´. Pero nada, busco outra vez a mesma escusa, a costa. Desde alí trato de subir o ritmo, amodiño pero constante, sei que debe ser o tramo máis rápido. Saúdo a Xosé dos Taninos, desexándolle moita sorte para a súa maratón de París. Non deixo de adiantar xente. Ao chegar ao 15, por vez primeira adiántame un rapaz. O paso por ese quilómetro non foi malo: 57.50´´. Non me gusta nada o paso por Praia América, é unha avenida longa e vese o remate da proba. Para compensalo, motívome na baixada á Ramallosa. De alí ao final toca sufrir. Trato de manter o ritmo. No último quilómetro desprego a miña bandeira republicana. Sempre hai algún berro de ánimo para ela. Forzo un pouco nos últimos douscentos metros. Sei que non fixen uns bos tres quilómetros finais.

Resultado:  1.21.27´´ a 3.52´´ , 5º na categoria e de 162 na xeral sobre un total de 4.100 atletas. Parece que podo manter o obxectivo na maratón do 15 de abril: continuar baixando das 3 horas. Os ritmos medios foron: ata o 5 km a 3,54´´. 
Do 5 ao 10 km a 3,50´´.
Do 10 ao 15 km a 3,45´´.
Do 15 a meta a 3,51´´.


Tras cruzar a meta, bebo, como e volvo saír en dirección a Vigo. Tócame animar aos amigos. Vou ao trote en dirección contraria á meta. A xente alucina. Saúdo e animo a Roberto. Despois collo a Montse e a acompaño uns metros para darlle ánimos. Logo vexo a Bea: na súa primeira media vai fenomenal, dime que vai cansa (entrarían en meta as dúas cuns tempos extraordinarios: 1.43 e 1.49.) Logo vexo a Antonio e axiña ao meu obxectivo: a Rabudiña. Ven fenomenal, sen suar. Dime que o pasou moi ben. Trato de animala constantemente nos tres últimos quilómetros (as palabras que alí nos dixemos nunca se farán públicas). Do 40 ao 41 pasa a máis de sesenta atletas. Non sei que máis podo facer por ela. Entra soa na meta por baixo do seu obxectivo. Parabéns campiona.


Fíxome moita ilusión, saber que Pablo Nieto tamén rematou a carreira. Parabéns Pablo.

Outra crónica colectiva en Panadería d´Osedo.
Foto en carreira de AlexhaPhotos.

24/3/12

Preparando a Vig-Bay?


Que facer o día anterior á Vig-Bay? 

Que facer o día anterior a unha proba na que hai un obxectivo moi claro pensando na maratón de tres semanas despois?

Pois no meu caso, facer 400 quilómetros para ter unha enchenta de lamprea e un concerto en directo de dúas horas.

Efectivamente, se admito que correr é xa unha paixón, tamén o é (o é ou foi?) a biblioteca escolar. E como unha parte máis da biblioteca escolar, as xuntanzas gastronómicas coas responsables dalgunhas das mellores bibliotecas escolares galegas que, para o caso, é como dicir, das mellores do Estado. Este sábado tocaba repetir experiencia culinaria en As Neves para lembrar o sabor da lamprea en rolo (seca e cortada coma se fora fiambre). Mais este ano abandonamos o restaurante e dirixímonos, tras visitar a escola unitaria deVide, á Casa da Auga, na parroquia de Vide, concello de As Neves. 

A mestra, as mestras e as súas nais (as da escola, se entende) preparánronnos, con todo o amor do que se posible agasallar, un eterno xantar a base de canapés, tortillas (ovos caseiros, con patacas, con xamón, con chourizo…) tortas de verduras, queixo e logo, a lamprea con diversos tipos de ensaladiñas. De sobremesa: , ademais duns fenomenais biscoitos, un licor café inconmensurable.

Tras o xantar, principiou a festa: dúas horas de música ao vivo a cargo das Pandereteiras de Vide. Impresionantes… cada ano fano mellor aínda que nos pareza incrible. Como agradecer tanta xenerosidade?, tanta paixón polo "público"?, polo colectivo?

E que dicir desa mestra… desa FUNCIONARIA (así en maiúsculas, con orgullo do que somos, do noso traballo, e de para quen facemos o que facemos) que non sabe onde remata o seu traballo e principia a súa vida… que  neste sábado parece que traballa e cando é luns abra o local de traballo seguro que parece que está de vacacións e feliz de convivir cos cativos na súa escola… E que escola…. Se hai que facer (¿) recortes que, por favor, a esta unitaria que non a toquen.

Grazas Sabela. Grazas Lourdes. Grazas pandereteiras. Mañá na carreira seguro que me lembrarei dos biscoitos e do licor café.

18/3/12

Adestramento: un domingo máis, unha tirada menos

Estando a unha semana da VIG-BAY, e tendo xa moitos quilómetros acumulados nas pernas, decidín que hoxe domingo non ía facer unha tirada longa e dura coma os domingos pasados (29, 31 e 29 quilómetros). Aceptei, xa que logo, a invitación dos novos amigos do Club Atletismo de Sada para trotar con eles uns vinte quilómetros (ao final fixen algúns mais posto que antes da cita xa estivera trotando para sacarme a friaxe do corpo) polo paseo marítimo de Sada. 

Fixemos tres voltas, pensando nas tres voltas da maratón da Coruña.

Xuntámonos un bo feixe de xente e tiven a oportunidade de saudar a vellas amigas e de coñecer a outros membros do club. Durante case as dúas horas do adestramento, a auga tivo a ben ser respetuosa con nós e case non fixo acto de presenza. Nos últimos tres quilómetros subimos un pouco o ritmo para rematar cun nivel alto de pulsacións.

Un domingo máis e unha tirada menos ata chegar á maratón da Coruña.

19/2/12

Un castrexo na Media Maratón do Ribeiro


     

A cero graos, con néboa… segunda proba pensado na Maratón da Coruña: só falta a Vig-Bay.

Acudín como valente castrexo disposto a derrotar as xélidas temperaturas e amosar o valor dos ártabros norteños.

Saudei a Blas e ás súas fadas que ían participar na andaina de 18 quilómetros. O sábado, para ir quecendo as pernas, xa fixeran máis de trinta. Sáqueilles esta foto na súa saída.
 
A idea era facer mellor tempo ca en Viana, saíndo algo máis alegre e rematar por baixo de 1.24.

Saín, case, con Bernardo, a ritmo de 3.48´´ os dous primeiros quilómetros. Sígoo desde o quilómetro tres. Do oito ao doce vou paralelo a el. Logo váiseme amodiño pero constante. Baixo o ritmo. O percorrido é duro polas constantes subidas e baixadas, ningunha moi dura pero é que case non hai nada plano. Mirade o perfil que collo de Furacán do Ribeiro:


 Ao final trato de aumentar o ritmo pero xa non hai forzas. O resultado foi fantástico (1.21.47´´ e segundo na categoría), moito mellor do esperado e todo grazas ao ritmo constante marcado polo mestre Bernardo.


 Á chegada, bebida e froita. Duchas impresionantes (canto ten que aprender na Vig-Bay!!!). Percorrido polas adegas e xantar atlético a base de caldo, viño, empanada, queixo e xamón cocido. Finalmente entrega de trofeos (3 botellas de viña Costeira). Moitísima xente, moitísmo voluntario, increíble organización e un ambiente magnífico. Teremos que volver.




22/1/12

XIV Media maratona Manuela Machado: Viana fica no corasao


O noso club participou, outra vez, nunha proba fóra do “telón de grelos”. Nesta oportunidade na media de Viana. Foi unha escusa perfecta para baixar ata o país irmán e degustar as súas exquisiteces culinarias (Casa Pasto María de Perrelda), especialmente as súas sobremesas: toda Viana do Castelo está chea de confitarías, tendo coma doce máis sobranceiro as “bolinhas de Berlín” da confeitaría Natario. Creo que Isa, Eva Pepe e un servidor viñemos con algún quilo de máis.  Como non todo ía ser correr, collemos un magnífico hotel con SPA.

Viana do Castelo está, sinxelamente, espectacular. Que envexa. Como coidan o territorio, o urbanismo, o “público”. A organización case perfecta (mágoa de consigna). A bolsa do corredor é moi xenerosa por tan só cinco euros de inscrición (20 na Vig-Bay deste ano). A proba moi fermosa pero non para facer marca.

Como o meu estado físico (semanas con doenzas e poucos entrenos) non era o mellor, decidín ir de menos a máis, coa idea dun adestramento rápido buscando o control do ritmo. 

Fago a saída moi atrás conscientemente. No primeiro quilómetro vou falando con Quique, un amigo de Carnota, e, logo, paseniñamente, aumentado o ritmo. Paso o quilómetro 5 a unha media de 4,30´. Cómodo e contento por saberme controlar. O 10 fágoo en 42,12 (neto)  Desde o segundo quilómetro só me adianta unha persoa no 12. Paso a moitísima xente. A estrada está ateigada de corredores que vou esquivado xente facendo un slálom de moitos quilómetro (eu que gosto tanto de facer sempre unha liña recta buscando o percorrido máis curto...). Desde o 15  fago un ritmo por debaixo de 4 minutos por quilómetro. Entro na meta con forza e á par dun vigués ("ei vigués non te deixes adiantar na meta por un coruñés", dígolle). Sonrimos conxuntamente.

Resultados: Neto 1.25.20 (bruto 1.25.42) no 10 km 42.12. Segunda parte máis rápida. Na xeral de 223 sobre 1.783 e na categoría de 33.

31/12/11

San Silvestrre de A Coruña 2011




O Comensal Austero, O Cronista, Alberto, Dani, Antonio A., Paloma, Sandra… participaron na San Silvestre de A Coruña. Para algunha foi a súa primeira carreira pero nun territorio moi coñecido (verdade Paloma?) e ademais foi moi ben acompañada por un maratoniano (Antonio A.) e por un proxecto de maratoniano (Raúl). Sandra, puro glamour, vai mellorando na súas marcas e xa ten a tiro baixar das dúas horas na Vig-Bay. O Cronista foi un coñazo e fixo esperar aos amigos á entrega de premios. Resultados.