3/6/13

Galicia non é unha mina

A idea da semana era ir preparando a proba da Ría do Burgo, lugar onde fago a metade dos meus quilómetros anuais. Eran case 14 km, dando dúas voltas ao percorrido. Pero non puido ser. Despois de liar a Raul para que se inscribira, a última hora decidiuse ir á manifestación en Santiago contra as novas concesións mineiras que fixo a Xunta de Galicia, e, en especial, contra a mina de Corcoesto. 


Foto da axencia EFE
 
Fixen 69 km na semana, dúas sesión de abdominais no ximnasio e outra de pesas (fitpower) ademais de mil metros na piscina. Auténtica variedade deportiva. Mais a sensacións non foron boas. As pernas están descansadas pero resulta que tamén moi pesadas, cústanlles facer quilómetros, nas series non teñen velocidade, os tempos das tiradas son peores cos das semanas pasadas, e, para colmo, remato moi canso… parece que en vez de ir collendo a forma imos retrocedendo. A parte positiva foi que superei os 200 quilómetros mensuais, cousa que non acontecida desde o outubro pasado...

 Como o domingo había que ir á manifestación de Santiago fixen moi cedo una tirada de 15 e polo serán outra de 11 pola beira do río Mero, nesta ocasión moi ben acompañado por Elisa. Ademais tivemos a oportunidade de saudar a Paloma e Antonio. Había anos que facía unha tirada dobre.

27/5/13

"III Carrera contra el cáncer" na Coruña

Unha semana ben pobre, case sen quilómetros, vamos o que un friqui diría unha semana de asimilación do traballo realizado:
Foron 34 quilómetros, dúas sesións de abdominais no ximnasio e 90 minutos de pesas (fitpower). Mais houbo unha fermosa novidade: o regreso de Pili ao ximnasio.

O sábado estaba inscrito nunha proba en Carral… mais non puido ser. Neses poucos quilómetros están incluídos os da participación na III Carreira contra o cáncer da Coruña sobre un percorrido de 5.000 metros (máis ben serían uns 4.800).


A verdade que foi toda unha sorpresa ver tanta xente na zona coruñesa de Riazor. Entre unhas probas e outras superaríanse, con moito, as mil persoas. Todo sexa por unha boa causa.

Desde Montrove baixamos á capital todo un equipazo e en Riazor agardaba por nós unha parella imprescindible. Por fin volvemos moitos a participar xuntos: o Mestre Juan quixo deleitarnos coa súa emblemática presenza (grazas… contigo nada é igual) Tamén Pili fixo o esforzo de tratar de trotar con nós (xa falta menos para o teu regreso…)

Houbo oportunidade de saudar á xente do Club de Atletismo Sada, xa un grupo máis que consolidado en calquera proba atlética que se celebre en Galicia, así como a outros amigos e amigas.

O quecemento foi escaso o que non é nada estraño neste grupo de Montrove.
No quecemento bailando mentres outros trotan

Con só dez minutos de retraso deuse a saída. Coloqueime diante tendo coma referencia a Roberto García pero sen présa por coller o ritmo de carreira. Os primeiros mil metros son de adiantar xente (por que non se colocarán segundo o seu ritmo e deixarán de empeñarse un facer un sprint na saída…?) sempre polo lado máis longo das curvas. Ao chegar á rotonda do Milenio vexo que xa vou bastante adiante, aínda así trato de coller un ritmo algo máis alto e continuar pasando xente ata o Pazo dos Deportes. Na segunda volta só manteño o ritmo e a posición. Despois do segundo paso polo Milenio pásame Félix e case na liña de meta outros dous atletas.

Entro con pulsacións moi altas… pero recupero axiña e felicito a Roberto, Félix e Alberto. Fixeron uns tempazos. Entrei de 34 (sobre un total de 915) en 17.38 a 3.32´´ o quilómetro segundo os resultados oficiais da Federación mais sei que o ritmo no era tan bo porque a distancia sería algo menos. Comprobando as idades dos participantes na meta vexo, con certa satisfacción, que non entrou ninguén de máis idade ca min por diante…

Contento porque non apareceron as molestias… Semella que tras oito meses, a pubalxia e as dores complementarias van ficando atrás.

Despois da carreira houbo un reagrupamento do grupo e as cañas no lugar seccionado por Raúl: O 21 onde nunha mesa hai unha foto de dous rapaces xogadores de hoquei a patíns…

19/5/13

Facendo quilómetros


Quince días sen competir… mais fixen serios intentos de participar no Trail de Dexo e nunha proba da Serra de Outes. A proba da Serra de Outes foi trocado por unha viaxe artística-gastronómica polas terras de Quiroga.
San Estevo de Ribas de Miño

Estas dúas semanas foron de facer quilómetros, a primeira (do 6 ao 12 de maio) foron catro saídas cun total de 52 km. Como novidade fixen as miñas primeiras series da temporada: 5x1000 entre 4.15 e 3.45´´. Poucas e lentas mais idea é ir progresando moi lentamente. Tamén fixen unha sesión de ximnasio con abdominais e pesas (fitpower)

Na segunda semana ( do 13 ao 19 de maio) aumentei os días de saída, agora xa foron cinco para un total de 64 km, tamén un deses días foi das mesmas series e cos mesmos tempo. Igualmente repetín a sesión de ximnasio acompañado por Raúl.

5/5/13

III Media Maratón de Xixón



Cun adestramento o luns de 6 km e outro o xoves de 15, sorpresivamente marchei facer a III Media Maratón de Xixón o sábado. No total semanal foron 42 km.

Pois efectivamente, despois dunha chamada telefónica para desexarlle sorte a Raúl na media de Xixón, sorpréndeme ao dicir que vai so. Que ninguén o acompaña, nin tan sequera Chema que fixera a inscrición. Tras contarllo á xefa da casa, recibín a orde, que cumprín con moito gusto, de acompañar a Raúl ata Xixón, non fora ser que fixera algunha loucura.

Da viaxe mellor non contar moito, fica no segredo do sumario. Xa sabedes como é Raúl, pura improvisación…

Despois de recoller os dorsais e pasearnos pola feira do corredor, desprazámonos ata o centro para xantar nun italiano. Aproveitamos a ocasión para encher o coche de sidra e outros produtos tipicamente asturianos. Rexeitou a miña idea de xantar unha estupenda fabada.

Fixemos a sobremesa no estadio de Las Mestas, nas bancadas, tomando o sol. Como non había posibilidade de chegar tarde, fixemos o quecemento dun xeito moi rigoroso o profesional. Momento no que lle digo á miña parella que dáme unha preguiza tremenda poñerme a participar nunha proba ás seis tarde dun espléndido sábado, que aínda non teño a cabeza para esa distancia.

Colocámonos no caixón de saída de 1.45´ xa que este era o tempo que tiña previsto facer Raúl. Tiven que soportar as súas queixas pois quería que me fora para máis diante. Despois do minuto de silencio polas vítimas de Boston, iniciamos outra media máis.

Creo que nunca saíra tan atrás nunha media. Despois dos primeiros trescentos metros acompañando ao Mariscal, iniciei a miña andaina con obxectivo ben claro: ir de menos a máis e sen agotar nunca as reservas. Desde a Behobia de novembro non voltara ao asfalto na distancia e os adestramentos realizados en abril son de iniciación de temporada tras varios meses lesionado.

Fago o primeiro quilómetro en case seis minutos (debe ser o meu quilómetro en competición máis lento). No quilómetro un, collo ao globo de 1.45', no dous e medio ao de 1.40' e no cinco ao de 1.35'.  Vou contento coa progresión.Vou comodamente adiantando xente por onde podo (mediana, beirarrúa…) Imos protexidos do forte vento do Cantábrico e baixo un sol de importancia. Ao chegar á praia de san Lourenzo collo ao grupo de 1.30. O nordés sopra cunha forza do carallo. Sen présa pero sen pausa continúo adiantando corredores. Creo que paso o quilómetro 10 en 42.30´´. Sorpréndome pola miña exactitude xa que era ise tempo o que quería facer. Tocaba agora comprobar se había forzas para manter o ritmo ata meta.

Ao seren unha proba netamente urbana, había moitísimo público e como ademais é absolutamente plana, fai que sexa unha carreira moi fermosa e recomendable.

Continúo pasando corredores pero cada vez son menos. Fago o macarra todo o que quero: saúdo ao público, toco as palmas con canto cativo hai…

A partir do 17 pasaranme catro corredores. Penso, só catro, que ben!. A meta é no estadio de Las Mestas. Non teño forzas para aumentar o ritmo pero si para defender a posición e pasar aínda a máis corredores. Fermosa meta.

Venceu Chema Martínez con 1.06.06´´.

Fago 1.29.36´´ de tempo neto, regreso a tempos do 2004 na Vig-Bay, já, já... Entro de 380 sobre os 1.800 chegados e de 19 na categoría.

Recollo a bolsa do corredor de Chema e facendo os alongamentos agardo por Raúl. Non conseguiu a marca desexada.

Tras a ducha e as chamadas telefónicas ás familias iniciamos o regreso cunha parada técnica en Mondoñedo para cear. O xefe deixome tomar dúas cañas.

Fermosa experiencia de regreso á media, moito antes do previsto.

28/4/13

IX Carreira de A Silva (Cerceda): regresando ao pódium



Tras unha semana moi pobre en adestramentos (unha sesión de natación e dúas de trote) e coa presenza da alexia primaveral, fun ata A Silva en Cerceda para darlle gustiño ao corpo no seu dez mil e tratar de aumentar o ritmo en carreira. Lembrade que o domingo pasado fixera a 4.24´´ o km con Inés.

Pois nunha mañá fría e con vento, no campo da feira das Nenas de A Silva e despois dunha boa cantidade de probas dos cativos e cativas, tocábanos ao adultos. Compartín liña de saída con Inés e con Mónica que xa fixera o sábado a de Oroso e o unas minutos antes a proba de Implicadas en Oleiros (esta rapaza non para)

Saín uns metros con Inés con desexos de aguantar con ela uns centos de metros pero… foime imposible. Na primeira e suave costa xa fun aumentando o ritmo. Trato de contar visualmente en que posición vou e calculo que na 25. Cando vexo o rótulo do primeiro quilómetro leveime unha boa sorpresa: ía por baixo de catro minutos. Vou pasado xente a o quilómetro 3 onde fico na posición 20.
O percorrido, como veredes na imaxe, é un autentico quebra-pernas. Como ata o quilómetro cinco pica máis para abaixo, o ritmo é bo, e paso por baixo do 20 minutos, mais xa me adiantaron un par de corredores. Coas posición moi estabilizadas chega a subida no quilómetro  sete e medio…cajo na cona, que subida!!!, parece a nosa de Liáns e pero aínda máis longa. Semella que vou coller a alguén… mais nada. De aí ata a meta gardo a posición. 

Entro en 41.30´´ a 4.09´´ o quilómetro (a Federación publica que a 4.22´´ nos resultados). Contento porque a proba é moi dura e aínda non estou para sufrir na subidas.

Axiña chegou Inés, e logo Mónica.

O ambiente foi estupendo e na meta tíñannos preparado chocolate, biscoito froita e bebida. Unha organización boa e feita con moito agarimo.

Tivemos que agardar polos trofeos xa que Inés quedou de 3ª na absoluta e eu de 18 e de 3º na categoría.

As pernas están cansas e a pubalxia case desaparecida. Isto comeza a ter boa pinta.

21/4/13

A Coruña 10 e A Coruña 42: grazas compañeiros/as do CAS


Hoxe vén de celebrarse a segunda edición do Coruña 42, maratón Atlántico, acompañado dun dez mil.

Hoxe regresei ao asfalto da competición e fíxeno rodeado do cariño e apoio de todo o Club de Atletismo de Sada. Que sorte e que pracer. Moitas grazas por compartir o voso cariño.

Vaiamos por partes.

A semana foi moi pobre en adestramentos por unas molestias nas costas que me impediron descansar polas noites. Unha sesión de ximnasio e 26 km ata hoxe domingo, onde fixen outros 21…. En total 47 km na semana.

O venres anterior achegámonos ata a Jamonería La Leonesa para compartir uns intres co mestre Bernardo. Ten por obxectivo as tres horas na maratón. Coma todas as persoas grandes é pura humildade. Todo un mestre.
A familia maratoniana do CAS... con algún engadido

Despraceime, ben cedo, á liña de saída do maratón para facer a foto cos maratonianos do CAS. Así tiven a oportunidade de saudar a xente coñecida que ven doutras partes, maioritariamente galegos mais tamén algunha amiga de Madrid coa que coincido nos veráns. Deséxolle sorte a todos pero especialmente a Montse, abandonada por Fernando, quen irá facer o MAPOMA a vindeira semana, e a Jesús. 
Algúns dos que fixemos o dez mil

Tras as fotos regreso ao coche para deixar todo o innecesario e colócome na saída do dez mil sen atopar a Inés. A idea era saber como me atopaba e cría que sería unha boa opción tratar de ir con Inés (hai alguén que a denomina “A gacela da Barcala”). Despois do minuto de silencio en homenaxe ás vítimas do atentado de Boston, comeza a proba. Non sei onde vai Inés. Tardo uns trescentos metros en atopala.

Fago a carreira cómodo, sorprendentemente cómodo ao carón de Inés. Ela vai mirando os tempos de paso. O seu obxectivo era facer 45 minutos. A facemos o primeiro cinco mil en 22.30 aproximadamente (outra vez esquecín poñer o cronómetro en marcha na saída) Parece que a compañía váiseme cansando. Trato de falarlle e que non pense moito. No quilómetro seis vemos a Karina, outra nova fichaxe do club, moi preto. Dándolle ánimos Inés, e saudando a Blas, máis ou menos no quilómetro oito poñémonos á par de Karina. 

Trato de animar ás dúas pero Karina váisenos quedando. Quédome uns metros con ela para animala. Decido volver con Inés, e con algo de irresponsabilidade, máis gozando das sensacións, márcome un cambio de ritmo para collela. De aí a meta non paro de animala.

Na meta entramos en 43.58'', a súa mellor marca na distancia. Está moi contenta, eu tamén tanto por participar da súa marca como polas boas sensacións persoais.

Alongamentos, bebemos e comemos un pouquiño e… a seguir correndo na busca dos maratonianos.
Montse recibindo auga de alguén moi especial...

Funme cara a Oza para ir animando á nosa xente. Troto con Montse os tres quilómetros da súa segunda volta maratoniana por Oza. O seu obxectivo son as catro horas. Vai sola. Fálolle todo o que  podo. Paréceme que vai baixando algo o ritmo. Fernando dime que non, que vai moi ben, controlando os tempos. No seu quilómetro 28 deséxolle moita sorte. Finalmente entrou na meta en 3.59.54´´. Impresionante. Agardo por Jesús.

Aí ven o meu heroe. No paso anterior ía a ritmo de 2.50. Impresionante. Cólloo no 36. Trato de que non me fale moito. Vai canso e sufrindo. Anímoo todo o que sei e podo. Chega á meta na súa mellor marca: 2.51.31´´. Que tío. Coma son os vascos do CAS.

Persoalmente estou contento, moi canso pero contento. Canso porque no día faría uns 21 quilómetros (a miña tirada mási longa desde novembro) e contento porque as molestías da pubalxia son mínimas.

14/4/13

Saíndo do túnel



Pois si, semella que desta oportunidade vai...

Tras unha infiltración con bos resultados, o traumatólogo decidiu non poñer unha segunda (“sempre estamos a tempo”) Xa que logo tocaba continuar trotando e fortalecendo toda a zona pélvica. Un día ximnasio (abdominais, GAP ou traballo con pesas) e outro día trote. Así neste primeira quincena do mes xa levo uns 78 quilómetros.  Hai xa cinco meses que non facía tantos. As tiradas andaron entre os 7 km e os 15 km. A primeira ocasión en que superei os 10 km resentinme nos abdutores pero cun día de descanso foi suficiente para que desaparecerán as molestias.

Trotei sempre moi lento máis xa me vou atopando con forzas para, nalgún momento, baixar dos cinco minutos por quilómetro (meu ritmo de recuperación)

Para culminar a recuperación, tiven a sorte de que dúas boas amigas (Elisa e Inés) me permitirán que as acompañara polo paseo do río Mero… Ficoume demostrada a constancia e gañas de Elisa e a boa forma de Inés. Toda unha honra e un pracer.

27/3/13

Rematando coa pubalxia?


Pois non sei se xa estou rematando coa pubalxia ou non.

Tras facer unha gammagrafía ósea os seus resultados non foron concluíntes polo que o traumatólogo decidiu infiltrarme (antiinflamatorios localizados no pube). Despois do pinchazo as molestias permanentes ata entón desapareceron ás poucas horas. O médico pediume (non o podo crer!!!) que fixera actividade deportiva, incluíndo o trote, para saber como respondía o corpo. Despois dunha semana da infiltración a actividade foi a seguinte: tres días de trote (en total 19 km) dous días ximnasio para fortalecer abdominais e abdutores e outro día de natación para relaxar toda a musculatura.

Como me atopo? Canso, moi canso pero esperanzado. Toda o relacionado coa cadeira (desde os isquios ata os piramidais) está bastante tenso polo que decidín voltar ao osteópata… As molestias no pube aínda non regresaron. Moi moi amodiño, paseniño, paseniño. Con moita prudencia, cousa que sabedes, non é unha das miñas cualidades.

Quédanme seis días máis de suave actividade deportiva antes da segunda inflitración...

4/3/13

Cousas que nunca hai que dicirlle a un runner

O seguinte texto está traducido de Avance intermitente:


Se coñeces algún afeccionado ao running (footing para os nostálxicos), virache ben saber que hai cousas que, aínda que as penses, é mellor non preguntar:

“Gañaches a carreira?” Imos ver, alma de cántaro, a gran maioría dos practicantes de running fanno porque quere superarse a si mesmo, mellorar físicamente ou levar hábitos saudables. Se me apunto a unha carreira con 15000 participantes non me preguntes se gañei, a non ser que naza en Kenia e adestre 6 días á semana.

“Outra vez vas saír a correr?” Si, outra vez vou saír ás presas. Non me basta con correr un día á semana, dáme igual que faga frío, neve, vento ou 40ºC á sombra.

“Estaste quedando moi delgado, non adelgaces máis” Non adelgazo porque queira, é o efecto secundario de levantarse do sofá e saír ás presas á rúa no canto de fartarse a comer cal Obélix en ramadán ao poñerse o sol.

“21 quilómetros?, iso non é nada” Sempre está o típico que di “21 quilómetros?, iso non é nada, eu cando mozo corría maratóns sen adestrar nin despeinarme”. Dáme igual o que fagas no teu mundo imaxinario, eu son feliz correndo 5, 10, 21 ou 42 quilómetros e pódocho demostrar cando queiras. Se todo o mundo fixese de verdade o que di que facía cando mozo, o mundo sería bastante distinto.

“Non corras moito. Se te cansas, para” Típica frase de nai ou parella. Creo que cada vez que saímos a trotar imaxínannos tirados nunha cuneta, agonizando coa lingua de fóra e sen ninguén en 2 quilómetros á redonda. Non vos preocupedes, se noto que me atopo mal, o primeiro que vai parar son eu. Son runner, non masoquista.

“Non me creo que ti poidas correr iso” Levo 2 anos saíndo a correr 3 días á semana unha media de 10 quilómetros ao día. Pois si, son capaz de correr iso e máis. É o que ten o esforzo e a constancia, que pode facer que consigas calquera cousa.

“Correr é moi aburrido” Poida que penses que correr é aburrido, ti o perdes, máis rúa para  min. Só o que foi capaz de correr máis de 1 hora seguida é capaz de entender o gratificante que pode chegar a ser o running. Deixa que cada un faga o que lle de gana e “se aburra” como queira, xa sexa vendo a tele ou levantándose ás 6 da mañá para correr 30 quilómetros.

“Ir de compras cánsache pero correr 15 quilómetros non?" Que sexa capaz de correr durante 2 horas seguidas porque me gusta, non significa que sexa un ser místico superior incansable e poida (queira) aguantar tardes interminables de compras.

“Correr é malo, esnaquízache os xeonllos” Grazas polo consello, cando che pregunte e interéseme, contéstasme. Agora resulta que tonificar o corpo, liberar estrés, producir endorfinas e manter corazón e pulmóns sans é malísimo para a saúde. O peor é que estas cousas adóitanas dicir xente que fuma como carreteiros e inxéctase alcol en vea. O que si que é malo de verdade é moverse menos que os ollos de Espinete e non vou dicíndollo a todo o mundo.

En fin, isto é só unha pequena mostra do que todo runner que se preciar ten que aguantar de cando en vez.

23/2/13

Que é a pubalxia?

Mentres estou agardando para facer unha nova proba, en concreto unha gammagrafía, e tendo malas espectativas... o benquerido amigo Jesús agasállame con este vídeo:

17/2/13

Pubalxia? Maldita pubalxia


Levo tempo sen dar conta neste blog da miña actividade física.

As últimas novas era que andaba cunha pubalxia desde uns días antes á Maratona do Porto, alá polo outubro e 2012. Pois ben, tras o diagnóstico do traumatólogo, o descarte doutras posibles doenzas pola ciruxana, semanas de repouso absoluto e despois de vinte sesións de fisioterapia, catro de quiro-práctica e mes e medio de tonificación no gimnasio (natación, GAP, abdominais, tono, bodypump, e tamén volvín coller a bicicleta de estrada): continúo coa maldita pubalxia. E iso a pesares de que teoricamente todo está ben.

Fixen varias probas trotando uns trinta minutos e a resposta foi sempre a mesma en canto os músculos se enfrían: molestias no pube. A desesperación e o desánimo é grande. A temporada de inverno e de primavera está perdida. Cando veñan novos folgos continuarei informando.