28/4/13

IX Carreira de A Silva (Cerceda): regresando ao pódium



Tras unha semana moi pobre en adestramentos (unha sesión de natación e dúas de trote) e coa presenza da alexia primaveral, fun ata A Silva en Cerceda para darlle gustiño ao corpo no seu dez mil e tratar de aumentar o ritmo en carreira. Lembrade que o domingo pasado fixera a 4.24´´ o km con Inés.

Pois nunha mañá fría e con vento, no campo da feira das Nenas de A Silva e despois dunha boa cantidade de probas dos cativos e cativas, tocábanos ao adultos. Compartín liña de saída con Inés e con Mónica que xa fixera o sábado a de Oroso e o unas minutos antes a proba de Implicadas en Oleiros (esta rapaza non para)

Saín uns metros con Inés con desexos de aguantar con ela uns centos de metros pero… foime imposible. Na primeira e suave costa xa fun aumentando o ritmo. Trato de contar visualmente en que posición vou e calculo que na 25. Cando vexo o rótulo do primeiro quilómetro leveime unha boa sorpresa: ía por baixo de catro minutos. Vou pasado xente a o quilómetro 3 onde fico na posición 20.
O percorrido, como veredes na imaxe, é un autentico quebra-pernas. Como ata o quilómetro cinco pica máis para abaixo, o ritmo é bo, e paso por baixo do 20 minutos, mais xa me adiantaron un par de corredores. Coas posición moi estabilizadas chega a subida no quilómetro  sete e medio…cajo na cona, que subida!!!, parece a nosa de Liáns e pero aínda máis longa. Semella que vou coller a alguén… mais nada. De aí ata a meta gardo a posición. 

Entro en 41.30´´ a 4.09´´ o quilómetro (a Federación publica que a 4.22´´ nos resultados). Contento porque a proba é moi dura e aínda non estou para sufrir na subidas.

Axiña chegou Inés, e logo Mónica.

O ambiente foi estupendo e na meta tíñannos preparado chocolate, biscoito froita e bebida. Unha organización boa e feita con moito agarimo.

Tivemos que agardar polos trofeos xa que Inés quedou de 3ª na absoluta e eu de 18 e de 3º na categoría.

As pernas están cansas e a pubalxia case desaparecida. Isto comeza a ter boa pinta.

21/4/13

A Coruña 10 e A Coruña 42: grazas compañeiros/as do CAS


Hoxe vén de celebrarse a segunda edición do Coruña 42, maratón Atlántico, acompañado dun dez mil.

Hoxe regresei ao asfalto da competición e fíxeno rodeado do cariño e apoio de todo o Club de Atletismo de Sada. Que sorte e que pracer. Moitas grazas por compartir o voso cariño.

Vaiamos por partes.

A semana foi moi pobre en adestramentos por unas molestias nas costas que me impediron descansar polas noites. Unha sesión de ximnasio e 26 km ata hoxe domingo, onde fixen outros 21…. En total 47 km na semana.

O venres anterior achegámonos ata a Jamonería La Leonesa para compartir uns intres co mestre Bernardo. Ten por obxectivo as tres horas na maratón. Coma todas as persoas grandes é pura humildade. Todo un mestre.
A familia maratoniana do CAS... con algún engadido

Despraceime, ben cedo, á liña de saída do maratón para facer a foto cos maratonianos do CAS. Así tiven a oportunidade de saudar a xente coñecida que ven doutras partes, maioritariamente galegos mais tamén algunha amiga de Madrid coa que coincido nos veráns. Deséxolle sorte a todos pero especialmente a Montse, abandonada por Fernando, quen irá facer o MAPOMA a vindeira semana, e a Jesús. 
Algúns dos que fixemos o dez mil

Tras as fotos regreso ao coche para deixar todo o innecesario e colócome na saída do dez mil sen atopar a Inés. A idea era saber como me atopaba e cría que sería unha boa opción tratar de ir con Inés (hai alguén que a denomina “A gacela da Barcala”). Despois do minuto de silencio en homenaxe ás vítimas do atentado de Boston, comeza a proba. Non sei onde vai Inés. Tardo uns trescentos metros en atopala.

Fago a carreira cómodo, sorprendentemente cómodo ao carón de Inés. Ela vai mirando os tempos de paso. O seu obxectivo era facer 45 minutos. A facemos o primeiro cinco mil en 22.30 aproximadamente (outra vez esquecín poñer o cronómetro en marcha na saída) Parece que a compañía váiseme cansando. Trato de falarlle e que non pense moito. No quilómetro seis vemos a Karina, outra nova fichaxe do club, moi preto. Dándolle ánimos Inés, e saudando a Blas, máis ou menos no quilómetro oito poñémonos á par de Karina. 

Trato de animar ás dúas pero Karina váisenos quedando. Quédome uns metros con ela para animala. Decido volver con Inés, e con algo de irresponsabilidade, máis gozando das sensacións, márcome un cambio de ritmo para collela. De aí a meta non paro de animala.

Na meta entramos en 43.58'', a súa mellor marca na distancia. Está moi contenta, eu tamén tanto por participar da súa marca como polas boas sensacións persoais.

Alongamentos, bebemos e comemos un pouquiño e… a seguir correndo na busca dos maratonianos.
Montse recibindo auga de alguén moi especial...

Funme cara a Oza para ir animando á nosa xente. Troto con Montse os tres quilómetros da súa segunda volta maratoniana por Oza. O seu obxectivo son as catro horas. Vai sola. Fálolle todo o que  podo. Paréceme que vai baixando algo o ritmo. Fernando dime que non, que vai moi ben, controlando os tempos. No seu quilómetro 28 deséxolle moita sorte. Finalmente entrou na meta en 3.59.54´´. Impresionante. Agardo por Jesús.

Aí ven o meu heroe. No paso anterior ía a ritmo de 2.50. Impresionante. Cólloo no 36. Trato de que non me fale moito. Vai canso e sufrindo. Anímoo todo o que sei e podo. Chega á meta na súa mellor marca: 2.51.31´´. Que tío. Coma son os vascos do CAS.

Persoalmente estou contento, moi canso pero contento. Canso porque no día faría uns 21 quilómetros (a miña tirada mási longa desde novembro) e contento porque as molestías da pubalxia son mínimas.

14/4/13

Saíndo do túnel



Pois si, semella que desta oportunidade vai...

Tras unha infiltración con bos resultados, o traumatólogo decidiu non poñer unha segunda (“sempre estamos a tempo”) Xa que logo tocaba continuar trotando e fortalecendo toda a zona pélvica. Un día ximnasio (abdominais, GAP ou traballo con pesas) e outro día trote. Así neste primeira quincena do mes xa levo uns 78 quilómetros.  Hai xa cinco meses que non facía tantos. As tiradas andaron entre os 7 km e os 15 km. A primeira ocasión en que superei os 10 km resentinme nos abdutores pero cun día de descanso foi suficiente para que desaparecerán as molestias.

Trotei sempre moi lento máis xa me vou atopando con forzas para, nalgún momento, baixar dos cinco minutos por quilómetro (meu ritmo de recuperación)

Para culminar a recuperación, tiven a sorte de que dúas boas amigas (Elisa e Inés) me permitirán que as acompañara polo paseo do río Mero… Ficoume demostrada a constancia e gañas de Elisa e a boa forma de Inés. Toda unha honra e un pracer.

27/3/13

Rematando coa pubalxia?


Pois non sei se xa estou rematando coa pubalxia ou non.

Tras facer unha gammagrafía ósea os seus resultados non foron concluíntes polo que o traumatólogo decidiu infiltrarme (antiinflamatorios localizados no pube). Despois do pinchazo as molestias permanentes ata entón desapareceron ás poucas horas. O médico pediume (non o podo crer!!!) que fixera actividade deportiva, incluíndo o trote, para saber como respondía o corpo. Despois dunha semana da infiltración a actividade foi a seguinte: tres días de trote (en total 19 km) dous días ximnasio para fortalecer abdominais e abdutores e outro día de natación para relaxar toda a musculatura.

Como me atopo? Canso, moi canso pero esperanzado. Toda o relacionado coa cadeira (desde os isquios ata os piramidais) está bastante tenso polo que decidín voltar ao osteópata… As molestias no pube aínda non regresaron. Moi moi amodiño, paseniño, paseniño. Con moita prudencia, cousa que sabedes, non é unha das miñas cualidades.

Quédanme seis días máis de suave actividade deportiva antes da segunda inflitración...

4/3/13

Cousas que nunca hai que dicirlle a un runner

O seguinte texto está traducido de Avance intermitente:


Se coñeces algún afeccionado ao running (footing para os nostálxicos), virache ben saber que hai cousas que, aínda que as penses, é mellor non preguntar:

Gañaches a carreira?” Imos ver, alma de cántaro, a gran maioría dos practicantes de running fanno porque quere superarse a si mesmo, mellorar físicamente ou levar hábitos saudables. Se me apunto a unha carreira con 15000 participantes non me preguntes se gañei, a non ser que naza en Kenia e adestre 6 días á semana.

Outra vez vas saír a correr?” Si, outra vez vou saír ás presas. Non me basta con correr un día á semana, dáme igual que faga frío, neve, vento ou 40ºC á sombra.

Estaste quedando moi delgado, non adelgaces máis” Non adelgazo porque queira, é o efecto secundario de levantarse do sofá e saír ás presas á rúa no canto de fartarse a comer cal Obélix en ramadán ao poñerse o sol.

21 quilómetros?, iso non é nada” Sempre está o típico que di “21 quilómetros?, iso non é nada, eu cando mozo corría maratóns sen adestrar nin despeinarme”. Dáme igual o que fagas no teu mundo imaxinario, eu son feliz correndo 5, 10, 21 ou 42 quilómetros e pódocho demostrar cando queiras. Se todo o mundo fixese de verdade o que di que facía cando mozo, o mundo sería bastante distinto.

Non corras moito. Se te cansas, para” Típica frase de nai ou parella. Creo que cada vez que saímos a trotar imaxínannos tirados nunha cuneta, agonizando coa lingua de fóra e sen ninguén en 2 quilómetros á redonda. Non vos preocupedes, se noto que me atopo mal, o primeiro que vai parar son eu. Son runner, non masoquista.

Non me creo que ti poidas correr iso” Levo 2 anos saíndo a correr 3 días á semana unha media de 10 quilómetros ao día. Pois si, son capaz de correr iso e máis. É o que ten o esforzo e a constancia, que pode facer que consigas calquera cousa.

Correr é moi aburrido” Poida que penses que correr é aburrido, ti o perdes, máis rúa para  min. Só o que foi capaz de correr máis de 1 hora seguida é capaz de entender o gratificante que pode chegar a ser o running. Deixa que cada un faga o que lle de gana e “se aburra” como queira, xa sexa vendo a tele ou levantándose ás 6 da mañá para correr 30 quilómetros.

Ir de compras cánsache pero correr 15 quilómetros non?" Que sexa capaz de correr durante 2 horas seguidas porque me gusta, non significa que sexa un ser místico superior incansable e poida (queira) aguantar tardes interminables de compras.

Correr é malo, esnaquízache os xeonllos” Grazas polo consello, cando che pregunte e interéseme, contéstasme. Agora resulta que tonificar o corpo, liberar estrés, producir endorfinas e manter corazón e pulmóns sans é malísimo para a saúde. O peor é que estas cousas adóitanas dicir xente que fuma como carreteiros e inxéctase alcol en vea. O que si que é malo de verdade é moverse menos que os ollos de Espinete e non vou dicíndollo a todo o mundo.

En fin, isto é só unha pequena mostra do que todo runner que se preciar ten que aguantar de cando en vez.

23/2/13

Que é a pubalxia?

Mentres estou agardando para facer unha nova proba, en concreto unha gammagrafía, e tendo malas espectativas... o benquerido amigo Jesús agasállame con este vídeo:

17/2/13

Pubalxia? Maldita pubalxia


Levo tempo sen dar conta neste blog da miña actividade física.

As últimas novas era que andaba cunha pubalxia desde uns días antes á Maratona do Porto, alá polo outubro e 2012. Pois ben, tras o diagnóstico do traumatólogo, o descarte doutras posibles doenzas pola ciruxana, semanas de repouso absoluto e despois de vinte sesións de fisioterapia, catro de quiro-práctica e mes e medio de tonificación no gimnasio (natación, GAP, abdominais, tono, bodypump, e tamén volvín coller a bicicleta de estrada): continúo coa maldita pubalxia. E iso a pesares de que teoricamente todo está ben.

Fixen varias probas trotando uns trinta minutos e a resposta foi sempre a mesma en canto os músculos se enfrían: molestias no pube. A desesperación e o desánimo é grande. A temporada de inverno e de primavera está perdida. Cando veñan novos folgos continuarei informando.

31/12/12

III San Silvestre da Coruña



Como os dous anos anteriores rematei o 2012 participando na san Silvestre da Coruña. Mais fronte ás carreiras de novembro e decembro o ánimo foi moi distinto posto que a miña quiropráctica de cabeceira amañárame os problemas coa miña pubalxia e dérame permiso para reiniciarme na actividade atlética. Fun a esta san Silvestre pensando que era a última proba sen adestrar e que o ano 2014 iniciaríao trotando pola mañá.

Tras saudar aos amigos e tirando as fotos pertinentes busquei na liña de saída ao meu compañeiro de carreira, Alberto Morlán. Tiña a intención de tentar facela con el mais a sorpresa foi que sentíase moi machacado pola súa avultada actividade física dos días anteriores.

Saímos moi adiante e xa desde os primeiros cincocentos metros moitos atletas fóronnos adiantando. Nolos dous, tranquiliños, dándonos ánimos mutuamente. Cando baixamos por Adormideiras vexo que o Alberto faino moi ben pero na seguinte subida dime que me vaia... decido ir con el e tratando de animalo vendo a longa baixada que tiñamos por diante.


Á altura da Hípica, cando debían faltar uns dous quilómetros e medio, pásannos tres atletas que semellaban ser da miña categoría polo que digo a Allberto que vaiamos con eles. Dime que non pode e que me marche. Así o fago.

Inicio unha nova carreira en solitario. Sen dificultades adianto a ese grupo de Veteráns-C. Vou cómodo, como toda a proba. Pásame Alberto Antelo, quen fixo unha magnífica proba indo de menos a máis. Teño forzas no último quilómetro… debeu ser o máis rápido da proba. Na meta facemos unha foto coa xente do Cas: Alberto, Juan, Raúl, Roberto…


O fornecemento de bebidas e sólidos foi estupendo e axiña trato de buscar a Raúl para cambiarnos, posto que tiñamos moita auga enriba.

Foi unha proba distinta ás anteriores (2010: 28.14´´; 2011: 27.29´´) posto que non sufrín nada. O resultado foi fantástico para levar dous meses sen adestrar, 30.03´´: 75 na xeral e 4º na categoría (outra vez 4º, a dez segundos do 3º, como na Coruña-10 e no Cross dos Menhires) a unha media de 3.55´´ o quilómetro.


Tamén foi distinta porque faltábame a miña Rabudiña, a miña gabachiña. Ánimo campiona.

28/12/12

2012: déixao ir

Creo que o 2012 non foi un bo ano. Participei en 19 probas e corrín máis quilómetros ca nunca: 2.912 pero non acadei as metas desexadas: na semana anterior aos grandes obxectivos do ano, en abril (maratón da Coruña) e en outubro (maratona de Porto) o corpo non aguantou, primeiro cunha inflación dos ligamentos do nocello esquerdo e, logo, cunha pubalxia de cabalo.

A lección creo, estache ben aprendida, facer menos quilómetros e marcarse uns obxectivos menores.

En xaneiro (253 km) participei por vez primeira na fermosa media maratón Manuela Machado en Viana do Castelo.

En febreiro (325 km) estrei, en pleno Entroido, a I media maratón do Ribeiro e federeime co Club de Atletismo Sada (o CAS).

En marzo (335 km) no pico de forma fixen a Vig-Bay.
En abril (154 km) abandonei na Maratón da Coruña no km 28.

En maio (230 km) colaborei con Julio ao regreso de Pili á competición na media maratón da Coruña.

En xuño (144 km) coa forma perdida, fun á XVII de Ordes, ao campionato galego de veteráns en pista e ao dez mil de Carballo.

En xullo (311 km) só trotei para iniciar a recuperación.

En agosto (376 km), xa collendo de novo a forma, participei na I Pedestre de Vimianzo, na XIX Carreira a Pé de Lira e na XXI das Areas de Carnota.

En setembro (387 km) participei no VIII Cross de Broña e na II nocturna de Ferrol.

En outubro (266 km), en boa forma fixen os dez miles da Coruña e de Sada, Carreira da Auga.

En novembro (114 km) fixen a II C.P. de Novo Mesoiro e logo gocei da Behobia-San Sebastián.

En decembro (26 Km) inicieino coas 3 Millas solidarias Inditex-Arteixo, continuei co II Cross dos Menhires e rematarei o ano coa san Silvestre da Coruña.

23/12/12

II Cross dos Menhires na Torre de Hércules


NOTA PREVIA: Que a galego fobia do concello da Coruña pasara tamén á federación… isto ben a conto polo nome da proba: Cross do Menhires cando en galego temos unha verba tan fermosa como é pedra-fita… Que lle imos facer.

Continúo lesionado. A pubalxia está diagnosticada por un traumatólogo e, ademais, unha  ciruxá confirmou que non hai nada máis afectado. Repouso absoluto… ou case. O pasado xoves, farto de non facer nada trotei cinco quilómetros. Ao día seguinte os abdominais non soportaban o esforzo de levantarme da cama.

Farto de estar farto, o pasado sábado 22 participei (que non competín) no II Cross dos Menhires da Coruña, aproveitando que se retarsara a proba por mor da treboada do 15 de decembro. O ambiente foi estupendo e ao ter que dar varias volta a un circuíto podíase animar repetidamente a todos os e as participantes. Previa á proba absoluta masculina foi a feminina onde o Clube de Atletismo Sada contou cunha exitosa participación. O circuito pareceume ben fermoso e non moi duro.

Tras facer un pouco de quecemento, decidín saír case de último. O primeiros centenares de metros mantiven a posición e no primeiro descenso comecei a pasar xente. Aumentei prudentemente o ritmo e ao remate da primeira das catro voltas das que constaba a proba, xa estaba ao par de xente do CAS (de Juan, en concreto). Cando se estaba na zona máis lonxe da Torre, é dicir, na zona das pedras-fitas, tiña a Alberto a uns 12 segundos. O obxectivo era chegar onda el e tratarlle de aguantar o ritmo. Ao rematar a segunda volta vexo que mantemos as distancias. Cando iniciamos a última volta Alberto váiseme distanciando (na meta sacoume todo un minuto, parabéns, campión) e trato de manter a posición, cousa que non consigo con dous atletas que me adiantan nos derradeiros douscentos metros. Iso si, foron os únicos que me pasaron en todo o cross.

Con pouco tempo de saudar os amigos, tras cruzar a meta tiven que marchar rápido para o xantar familiar.

A pubalxia…? Pois peor. Era sabido. Sen non podo adestrar polas molestias constantes… despois dun esfrozo de oito quilómetros, teño máis molestias e mesmo dificultades para camiñar. Día a día vai a menos pero sen chegar a desaparecen as molestias. Continuo agardando polo fisio.

Resultados: a distancia era de 7.973 e a fixen un tempo de 34.12´´ a un ritmo de 4.17´´. Entrei na meta na posición 42 e de 4º na categoría de veteráns B.

Fotos son de Lihto e miñas.