22/12/13

I Carreira Popular de Sada-Gran Premio de Nadal

Esta foi una semana especial. Pois si xa que só trotei dous días e o domingo fixen una proba ben cortiña. En total 28 km. Ademais houbo tres boas novas: Pili retornou á competición en Lugo, aos meus adutores parece que lles senta ben o repouso xa que as molestias van a menos e o xoves recibimos un trofeo.

Efectivamente o pasado xoves recibín o trofeo correspondente ao terceiro posto de Veteráns 3 do I Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña. Foi toda una honra compartir galardón con dous auténticos fenómenos, como son José Luís Bouza e Emilio Martínez. Ademais o Club de Atletismo Sada literalmente arrasou neste circuíto posto que recibiu 23 premios, o que supón  máis do 30% dos mesmos. Creo que a Federación quedoulle ben clara a importancia deste club, a pesar de ter tan só catro anos de antigüidade.

O domingo participei na I Carreira Popular de Sada-Gran Premio de Nadal organizada pola Federación e que contou coa axuda do CAS. Esta proba servíu como homenaxe ao atletismo popular feminino ademais de ser benéfica posto que todo o recadao foi para Cáritas. Sobre un circuíto de pouco máis de dous quilómetros polo paseo marítimo ao que había que dar dúas voltas ata acadar unha distancia de 5.600 metros.


Cheguei non con demasiado tempo a Sada. Comparto minutos coa xente do club e saúdo a corredores.Con pouco quecemento e con serios problemas nas costas debido a un mal movemento no sábado pola mañá, decido afrontar esta proba con calma posto que sei que o estado de forma vai xa a menos. Se non se fan quilómetros pola semana non se pode render nas carreiras, como ben sabemos.

Colocámonos diante: Roberto, Jesús e máis eu. Xa nos primeiros metros Roberto vaise marchando e tamén Jesús. Aos trescentos metros parece que as posicións xa se van consolidando. Jesús pouco a pouco vai collendo metros. Ao remate da primeira volta pásanme tres corredores. Máis non os deixo marchar, engánchome a eles e axiña collemos a Julián J. Gesto, compañeiro de categoría. Dos tres, un vaise quedando e dous marchando. Dígolle a Julián que se enganche. Respóndome que, coma sempre, vaino xa dando todo. O seu neto anímao ao velo pasar.

Facemos xuntos case toda a segunda volta. Nos derradeiros trescentos metros subimos un pouco o ritmo e xa na liña de meta pídolle que me dea a man para entrarmos xuntos. É a terceira vez que entro coa man dalgún compañeiro collida. Nas dúas ocasións anteriores colléronma (Ourense e Sada 2012) e nesta pedina eu.  Creo que é un xeito de gozar das probas, de esforzarse en correr todo o que se poda mais non se trata de derrotar a ningún rival senón de compartir quilómetros dándoo todo.

Creo que nunca esprintei para ganarlle a ninguén. Creo que sempre o fixen para mellorar marca ou para que non me adiantaran. Foi toda una satisfacción entrar así na meta.

Resultados: fixemos meta nas posicións 21 e 22 na clasificación xeral e de 7 e 8 na da categoría cun tempo de 20.15´´ polo que o ritmo foi de 3.37´´/km.

Tras pasar a meta, coincido con Jesús e Roberto no posto de fisioterapia. Vexo as feridas de Roberto pola caída que tivo o que explicaría o seu tempo.

15/12/13

III Cross dos Menhires. A Coruña 2013

Despois de tres semanas sen competir, vou actualizar datos:

Continúo con serias molestias en abdutores e abdominais inferiores (pube). Sigo con citas pendentes de osteópata e traumatólogo. Xa fixen una ecografía con resultados non especialmente malos (tampouco bos). Estou tratando de facer máis ximnasio e tratando de gañar flexibilidade na cadeira (posible orixe dos males).

Estou a facer menos quilómetros. Trato de saír pouco a trotar posto que despois de cada saída as molestias van a máis. Rematei novembro con 145 km e nesta primeira quince de decembro levo 103 en gran parte grazas ás saídas con Pili… sen non fora por ela… Recoñezo que tamén compartín quilómetros con Julio. Só trote e algo de T.C. nada de series.

Pois ben, o sábado 14 participei no III Cross dos Menhires ao carón da Torre de Hércules. A verdade que é una auténtica gozada correr en medio do parque escultórico (no meu blog de arte,INICIARTE, tedes máis información). Coma sempre o Club de Atletismo Sada presentou una notabilísima representación. É todo un pracer compartir eses minutos con tan boa xente.

Cando cheguei ao circuíto xa se disputaran as probas dos cativos e das cativas. Tiven a oportunidade de presenciar a das mulleres onde o CAS está a colleitar enormes éxitos Entre as 12 primeiras houbo 4 do club. Tratei de animalas e de tirarlles unas fotos. Cando estaban na segunda volta creo que non lle gustou especialmente os “ánimos” que dirixín a Montse: “Cando queiras podes empezar a correr”. Non lle gustarían pero deron resultados, avanzou algunha posición e acadou o terceiro posto na categoría.

Tras un breve quecemento acompañando a Jesús, e case sen querer, vinme colocado na segunda liña no caixón de saída (ben lembro que o ano pasado saíra no último lugar). Ao comprobar como se vai estreitando o percorrido, alegreime de estar tan diante. Nos primeiros trescentos metros vou cómodo pero ao carón de xente que corre máis ca min polo que decido conservar a calma e non tratar de seguilos. 

Ao chegar ás pedras-fitas (un terzo do percorrido ao que había que dar tres voltas) xa deixa de pasarme xente e as posicións vanse asentando. Vexo que os de diante vánseme marchando. Paso a primeira volta en 8.56´´. A segunda fáiseme longa, algún atleta adiántame na baixada pero nas subidas recupero posición. Nalgunha curva pechada miro para atrás.

Fago a segunda volta máis lenta en 9.17´´. Cando chegamos por terceira vez ás pedras-fitas e miro para atrás vexo a coñecidos que me foron collendo metros. Desde ese momento trato de subir o ritmo e forzar todo o que podo. Paso a varios compañeiros. O grupo infantil e feminino do CAS animan con paixón (ata case darme vergonza diante dos outros atletas que andan comigo).

No último quilómetro paso a outra atleta e anímoo a que se enganche e tirar xuntos pero váiseme ir quedando. Na penúltima curva miro para atrás e parece que o perigo desapareceu.

Forcei moitísimo meses últimos mil metros. Pensei que o corazón íame saír pola boca.

Resultados: Fago meta en 27.28´´, bastantes minutos menos ca o ano pasado pero… entro na mesma posición 42 na clasificación xeral e na da categoría (a partires de 45…) onde fago 4º.

Fiquei realmente contento posto que estou adestrando moi pouco apesares do cal, os ritmos non se resinten aínda moito.

Despois da meta, case sen tempo, charlo con amigos e co club de fans feminino. Que delicia.

NOTA: Supoño que o circuíto non pode ser de 8.032 metros. Non estou para facer ese tempo de 27.28´´ nesa distancia e nun cross.

As fotos en carreira son de José A. Rey e de  Alberto Reboredo.

24/11/13

III Legua Solidaria Malawi, A Coruña-2013: repetindo erros

Despois da proba de Dorneda, na semana seguinte só trotei 23 km e unha sesión de ximnasio. Nesta semana xa foron 53 km e dúas sesión de ximnasio. Ti ven a oportunidade de trotar con Elisa e con Pili (cantos meses sen facelo…) As molestias en abdutores e abdominais continúan. Nin con sesión de osteopatía  nin coa quiropráctica amañei nada. Ambas as dúas especialistas coinciden no mal funcionamento da miña cadeira dereita. Se troto as molestias en repouso son notables e non troto son algo menores. Vamos que feito una merda. 

Sen a compaña de Raúl participei na III Legua Solidaria Malawi na Coruña de 7.300 metros. E que burriño son… cometín o mesmo erro ca o ano pasado.

Hai xa un ano decidirá participar nesta proba despois de non ir á Maratona de Porto 2012 posto que a pubalxia estábase a facer notar.


Tras o escaso quecemento, a foto co Club de Atletismo Sada, e a espera rodeado de amigos, fixen una saída moi tranquila, deixando que Jose e Roberto se me foran marchando. Collo un ritmo moi tranquilo na baixada ata o Oceanográfico. 

Vexo como o grupo vaise estirando e localizo a un compañeiro de categoría uns metros por diante (xa sei que Emilio Martínez vai por diante) Na subida cara á rotonda de Adormideiras vou moi cómodo e case detrás do atleta da miña categoría. Pouco a pouco van ficando detrás compañeiros.

Na primeira baixada cara a hípica reflexiono detrás de compañeiro-rival de categoría: corro para ganarlle a unha persoa ou para gozar da proba. Nese intre, adiántoo e esquezo a idea de ir detrás del gardando forzas.


Hai moita xente animando na zona da Hípica e fico abraiado polo ánimo constante que recibo da xente do CAS.

Chego ben ao segundo e último xiro no Oceanográfico. Na dura subida seguinte trato de alonxarme dos rivais que veñen por detrás e mesmo vou aumentando o ritmo durante un quilómetro ata que me decato que aínda non estamos na meta, que aínda falta unha volta: o mesmo erro ca hai un ano. Non pode ser. Non o podo crer. Dobremente burro.

Como vexo que non hai cabeciña espero ter pernas para manter a distancia. Agradezo un montón os folgos e consellos do mestre Bernardo que hoxe non participou.

Trato de manter o ritmo ata a alta e lonxana rotonda de Adormideiras e alí, vendo á xente que ven por detrás, valorar a situación. Teño a Roberto cada vez máis preto, parece que a tirada estáselle facendo longa de máis.

Para a miña sorpresa, teño una vantaxe de bastantes segundos, polo que sen confiarme e gardando algo de forzas. Inicio, agora si, a derradeira baixada. Adianto a algún atleta máis a quen animo para que se me enganche e veña detrás, mais non o conseguirá. Na derradeira curva, subindo cara á Hípica, vexo que por detrás non hai risco de sprint e déixome ir ata a meta.

Resultados: 27.23´´ nos 7.300 metros da proba, 24 na clasificación xeral (fixeron meta 722 atletas) e 3º na da categoría. O ritmo foi de 3.46´´ ao quilómetro, non o podo crer. Fixen 20 segundos máis ca hai un ano.

10/11/13

XXX Carreira Popular san Martiño (Dorneda, Oleiros)

Despois da 10ª Maratona de Porto, aínda conservo na faciana o sorriso…, esta semana foi de descanso, mais non sei se foi de recuperación. O luns e o martes os xemelgo aínda estaban cargados. O mércores, con Juan e Raúl, fixen fitpower (pesas) no ximnasio escaqueándome dos exercicios de pernas. O xoves trotei 8 km moi lentos pero sorprendentemente ben. O sábado fixen una hora con Elisa pola beira do Mero (esta muller cada día está máis enganchada…)

O domingo, sen a compaña de Raúl (mágoa de non poder ir a Donostia…) fun ata Dorneda. Por fin ía correr na casa. Desde que levo vivindo en Oleiros nunca participar en ningunha das probas que discorren polo meu concello: nin na de Oleiros, nin na de Santa Cruz, nin esta de Dorneda. Xa ía sendo hora.



Na miña cabeza están os compañeiros e compañeiras do Club de Ateltismo Sada que hoxe participan na Behobia-San Sebastián e na de Negreira, pero tamén éramos moitos do club en Dorneda. Non puidemos tirar una foto porque chovía, chovía, chovía.

Compartir os instantes previos á saída é máis se hai tantos amigos e como responsable da ceremonia actúa Julio Vázquez.


A saída foi cara arriba, logo baixada, logo subida e xa unha longa e pronunciada baixada. Saio detrás de Bernardo pero se ánimo de collelo. Vereino en toda a proba como una referencia de ritmo. Na pronunciada baixada pásame algún atleta pero en cando comeza a subida de máis dun quilómetro retomo a posición. Ultimamente case ninguén me adianta subindo… 


Coas posicións practicamente inamovibles, adiantoume Chema, un exalumno, achegámonos ao remate da primeira volta. Xa na segunda volta, dubido se forzar ou non na derradeira subida. Teño preto un grupo numeroso. Paréceme que ninguén é da miña categoría. Gardo forzas. Penso que cando a subida fágase máis dura, tratarei de collelos. Pero sorpresa. Non se  fai o mesmo percorrido que na primeira volta. Meta.

Resultados: entro na posición 27 sobre un total de 247. Fago 2º da categoría a catro segundos do primeiro. O crono foi de 28.06´´ sobre una distancia de 7.300 co que o quilómetro saíu a 3.51´´ Entro contento posto que non houbo máis molestias das habituais. Creo que non corrín con tanto ritmo polo que a distancia debeu ser algo menor.

O Cas volve coller moitos trofeos. Parabéns.




A salientar o esforzo da parroquia de Dorneda na organización do evento deportivo. Calquera pequeno despiste queda esquecido polo cariño e traballo posto para que uns cantos tolas e tolos poidamos correr polo asfalto ocupando a zona dos automóbiles. Moitas grazas.

As fotos da proba son de ROQ-Adán R.

4/11/13

10ª Maratona de Porto: coragem e força

Despois de moito tempo regresei á maratón. A última vez que entrara na meta dunha maratón fora en Porto, alá polo outubro de 2011. Lémbrovos que adestrara moi ben para a segunda edición da da Coruña (abril 2012) pero una lesión aparecida na semana anterior obrigárame a abandonar no quilómetro 28 (como doe aínda ese abandono). Despois preparei a do Porto 2012 pero varios motivos, como unha pubalxia e alguén nun quirófano, convencéronme de que era mellor non ir. Esa pubalxia deume moito a lata ata que, por fin a finais de marzo de 2013, regresei ao asfalto. Desde entón o volume de quilómetros foron os seguintes:
 
Abril: 164
Maio: 216
Xuño: 251
Xullo: 233
Agosto: 311
Setembro: 319
Outubro: 281

Gardo na cabeza as boas sensacións que foron aparecendo en agosto, polo que decidín tratar de adestrar pensando nesta maratona de Porto. Desde setembro as tiradas longas non me saíron porque regresaron as molestias no pube, nos isquios e abductores. A pesares dos tratamentos de quiropráctica e osteópata as molestias, sen non foron a máis tampouco foron a menos. Fixen ben todos os adestramentos agás, como xa dixen, as tiradas longas.


Na liña de saída, estreando o chandal do CAS

Marcho para Porto cos ánimos que recibín no Facebook e Whatsapp. Grazas benqueridas e benqueridos. O obxectivo ben claro: saír a ritmo de tres horas: adiantar a ese globo, parar a evacuar líquido entre o 16 e o km 20, reengancharme ao grupo e aguantar ata onde houbera forzas.

Chegamos a Porto na noite do sábado co tempo xusto para coller o dorsal na Casa da Música (moitísima grazas Juan polo enorme favor), cear algo (un pouco de pasta) e para o hotel. Faime moita ilusión atoparme no recibidor do hotel con María Fernández (meta en 3.42´) do C.E.A. Majadahonda, con quen coincido nos veráns e quen me recomendara esta maratona hai tres anos. 

Como xa é una tradición esa noite durmín fatal. Almorzo dúas horas antes de proba e, tras equiparme, dirixinme ata a saída. Por fin coincido con Javier Fernández, o outro membro do CAS nesta maratona. Tiramos unha foto, compartimos uns minutos e, axiña cada quen foi para o seu caixón.


Con Javier Fernández, minutos antes da saída

Sen facer nada de quecemento agardo o tempo ata as nove con Xosé Carrera e outro colega dos Taninos de Ponteareas así como cun colega do Castro de Lobariz de Ferrol con que xa teño coincidido varias veces no último ano. Creo que se chama José Antonio Tembras. Comentamos as expectativas: Xosé, prudente quere facer sobre 3.05´, José Antonio que só leva dous meses de tempada quere facer un adestramento longo.


Na saída perdo de vista aos meus compañeiros e antes do quilómetro dous collo ao grupo das 3 horas.  Nos primeiros metros o xeonllo dereito estaloume unhas cinco veces. Vendo que o grupo é demasiado numeroso, adiántoo e vou uns metros por diante. En torno ao quilómetro 7-8 comparto uns minutos con outro compañeiro do Runaways (Luis Naya meta en 3.03´), do club de Bernardo, ata que o deixo ir porque leva un ritmo demasiado forte para min. Estamos en Matosinhos, onde alguén me saúda. Quen é? Pois nin máis nin menos que Baltasar, de Muros, quen se achegou a Porto para facer a Family Race. Que grande. Desexámonos sorte.

Paso o km 10 en 41.49´´, e o 14 por baixo da hora (primeiros obxectivos cumpridos). Noto algunha molestia no piramidal dereito. Penso que é aínda moi cedo para ter ningún problema. Trato de non facerlle caso porque sei que, máis adiante, terei molestias por todos lados. Xa estamos de novo en Porto.
Polo km 4, con grupo das 3H detrás e a bandeira na muñeca.

Antes de que me chegue o cansazo decido evacuar líquido no km 17. Pásame o grupo pero axiña me incorporo no grupo das 3 horas. Para collelo fago un pequeno cambio de ritmo. Sorpréndome ver o ben que me atopo. Aproveito para tomarme o primeiro xel. Aquí volvo compartir uns quilómetros con José Antonio ata que no avituallamento do km 20 fórmase un caos e quédase atrás. Eu continuo co grupo, paso o km 20 en 1.25.26´´ e a media maratona en 1.29.58´´, intre no que se produce un relevo na persoa que leva o ritmo do grupo. Continuo con eles, cruzamos a Ponte de Dom Luis e iniciamos a percurso por Vilanova de Gaia. Curiosamente todo o grupo abandona a estrada adoquinada e imos pola beirarrúa.



No regreso desde Gaia (km 25) voume quedando do grupo pero téñoo a poucos metros. Na beira do Douro vou perdendo contacto moi amodiño mais paso polo 28 por baixo das dúas horas: outro obxectivo conseguido, "todo vai ben, ánimo", dime a cabeciña. Noto serias molestias no xemelgo dereito. Tanto tempo sen que se me cargara un xemelgo e vai ser hoxe… Pero polo menos non son os abdutores e esa será a miña forza. Os quilómetros non realizados nas semanas anteriores á proba polas enormes molestias nos abdutores e nos abdominais inferiores (polas noites non era quen de darme a volta na cama) non aparecen. Sei que vou derrotar a distancia.

Nos avituallamentos, a partir do km 25, trato de coller algo sólido (medio plátano) ou de chupar cuartos de laranxa. Tamén collo auga e powerade. Antes do km 30 tomo o segundo xel. A piques de entrar por segunda vez na Ponte de Dom Luis, Arturo saúdame ao cruzarnos, vai fresco coma una rosa. Desato a bandeira republicana para que me dea forzas e póñoa no pantalón.

Paso o km 30 en 2.09.05, moi pouco máis alto do tempo desexado.

Na subidiña polo túnel abandono a idea de forzar para chegarme ao grupo sub 3 H.  Cando iniciamos o pequeno descenso (km 36) empezo a comprobar que o depósito está na reserva. Vou contando os quilómetros ata o 40 en dúas metades polo que penso que restan 4 máis 2. O obxectivo é chegar ata o 40 porque de aí a meta non haberá quen me pare. Pásame Xosé Carrera, vai coma un tiro. Este tío é una máquina, pon unha velocidade no corpo ao inicio da proba e así ata a meta. Incrible.

Son quilómetros en solitario. Ven xente por detrás que me vai pasando. Os galegos saúdanme por ver a camiseta do C.A. Sada. Se paso a alguén tamén trato de animalo. A beira do Douro faise dura. Un rapaz (Bruno Muiños, meta 3.12´) do CAR Marisqueiro vaino pasando fatal. Tratamos de animarnos mais ten que parar nun par de ocasións para estirar. No km 37 adiántame una rapaza moi nova. Cando chegamos ao océano o vento danos de cara. Son os momentos máis lentos, máis difíciles, mais non me importa sei que chegarei á meta, sei que cabeza pode máis ca o corpo. Vou feliz, canso pero feliz.

En canto paso o km 40 (2.58.26´´) sei que falta moi pouquiño para xirar á esquerda e subir pola avenida Boavista. Gardo forzas. O vento da de costas. Cólleme José Antonio animándome a ir con el. Quédase uns metros comigo pero insístolle que se marche. Despois da subidiña xa está meta. Vou moi ledo. A marca non importa. Entro cun enorme sonriso na meta.


Fago meta en 3.10.33´´ tempo bruto e 3.10.13´´ tempo neto. Teño a posición 253 e a 23 na categoría.
















A cabeza derrotou ao corpo. Xa non hai medos. Xa está outra maratona rematada. Sei que podo coa distancia. Sei que se a cabeza quere, o corpo responde. Ben, ben, ben. Non houbo pensamentos negativos de derrota durante os 42.195 metros. A cabeza sempre enviou estímulos positivos. Fenomenal. Non sei como a cabeciña quere este corpo e como este corpo soporta a esta cabeciña.


Con Xosé Carrera, todo un mestre controlando ritmos.

Cruzo meta. Non hai ningunha molestia, ningunha rozadura, nada. Isa está agardando por min dentro do recinto de atletas (pasouse una hora na zona vip: cadeira, café, pastas…) Saúdo a Xosé Carrera e felicítoo pola magnífica proba realizada. Coñece o seu estado de forma e márcase un obxectivo axeitado. Eu non sei correr así. Tiramos una foto. Tamén saúdo a José Antonio. Impresionante. Collo unha cervexa negra. Nova medalla (seguindo coa miña tradición pídolla a una rapaza con bico incluído). Nova mochila con camiseta técnica e una botella de reserva de Porto. Saúdame Pablo do Runaways que está en Porto en representación de Coruña-42. Mentres agardo polos físio falo con Noelia, a irmá de Inés. Agarda comigo uns 20 minutos. Moitísimas grazas. Isa ten toda a paciencia do mundo.
 Xa de regreso no hotel

A proba tivo moito máis público ca hai dous anos. A organización mellorou moitísimo. Só una pega: había tres prazas para as fisios…
O público berraba : corragem e força… Pois iso.

Non quero rematar esta crónica sen lembrarme do regreso ao asfalto do Mestre, Juan e de Pili e Julio pola data coincidente desta maratona. Parabéns.

28/10/13

XXXVI Carreira Pedestre de Santiago

Cos adestramentos practicamente rematados para a maratón de Porto, esta semana non fixen nin tirada longa nin series porque o corpo xa non me aguanta. Nin a fisio nin a osteópata son quen de quitarme as molestias que me impiden facer e gozar das tiradas longas. O total semanal de quilómetros foi de 69 e así non hai que teñas garantías para Porto. 


XXXVI Pedestre de Santiago

Despois de moitos anos volvín a Compostela co seu percorrido máis clásico (só houbo pequenas modificacións) Tras recoller a un fato de heroes en Montrove, chegamos a Compostela para atoparnos con Juan e familia (¿) e para tirar unhas fotos co Club de Atletismo Sada.

 Fago pouco quecemento e colócome axiña no caixón de saída para estar situado ben adiante. Paso eses minutos de espera con Edu, dos Taninos de Ponteares e colega das maratóns de Madrid e Barcelona. A saída foi coma sempre: multitudinaria. Fago a subida sen présa na busca nun carril sen xente. Tardo case un quilómetro en coller un ritmo e sen molestar nin ser en molestado. Na primeira cambio de percorrido (creo que xa paramos por esta rúa hai uns dez anos) e en subida paso xente. Baixada ata Porta da Mámoa e tirada ata a Praza de Galicia onde son pasado por Roberto quen viña desde atrás posto que saía moi mal colocado. Foi toda una ledicia volver velo no asfalto galego tras o seu curto exilio salmantino. 

Na baixada polo Ensanche son adiantado pero na subida por Santiago de Chile vou recuperando posición ao igual que en todo o percorrido polo campus pero na seguinte baixada polo Pombal perdo algún posto. Por fin vemos que melloraron a posición do avituallamento (Galeras), lugar onde compartimos auga. Continuo pasado xente pero posicionándonos para a subida de Vite. Nos primeiros centos de metros da mítica subida non hai cambios nas posicións pero nos derradeiros cen metros paso a un grupo importante de corredores (algún deles volveríame pasar na baixada) En cada subido achégome a Roberto pero en canto hai baixada… 

Tras coller algo de folgos, tiro o que podo ata a meta. Na Algalia vou desatando a bandeira republicana. Trato de subir o ritmo. Case ninguén me colle por detrás ata que no Obradoiro aparece Javier. 

Resultados Fago meta en 46.25´´, creo que o mellor rexistro nesta proba. Entro de 208 sobre un total de 3.595 e de 10º na categoría. O ritmo por quilómetro saíu a 3.52´´. Despois de cruzar a meta e compartir minutos cos amigos do CAS, céntrome na busca de Juan e Chema. Entraron na meta coma heroes, con emoción. Que grandes. Que inmenso pracer velos de novo correndo. Despois da proba, o típico ducha, xantar en Arzúa. Os incidentes do día non se comentan aquí.

21/10/13

II Carreira Popular "Os Rosais"

Outra semana estraña. Despois do dez mil de Sada, o luns fixen 15 km a un ritmo decente. O martes non tiven gañas de facer as series que tocaban e o mércores non puiden saír. O xoves volvín facer a tirada longa: 26 km con mellores sensacións que nas semanas precedentes pero desde o km 20 as molestias nos ísqueos e no pube impídenme manter o ritmo. Chego a casa realmente preocupado e con malas ideas respecto da maratona de Porto. Sorpresivamente déixanme ir á quiropráctica (pensaba ir na vindeira semana) polo que non teño case tempo de facer os alongamento. Chégolle a Paloma bastante pesimista polas abondosas molestias. Despois de pasar polas súas fortes e positivas mans saio con outro outro ánimo. Dinme que só son sobrecargas que non hai ningunha inflamación. Repouso o venres (fixen GAP no ximnasio e alongamentos) e o sábado fixen as series que tocaban o martes: 15x400 entre 1.36´´ e 1.24´´. As seis primeiras foron por riba de 1.30´´ e as restantes por baixo. As dúas últimas en 1.24´´. Contento pero con poucas forzas
 para o regreso, onde saúdo a Pili e Julio. Remato a semana con 68 incluíndo os 12 km do domingo.

O Domingo participei na II Carreira Popular dos Rosais dentro do Circuíto Coruña Corre.

Quixen achegarme cedo para facer un longo quecemento e compensar que a proba era só de 6.450 metros. Decátome que o percorrido é un continuo quebra-pernas. Primeiro sube , logo longa baixada ata chegar ao Paseo Marítimo onde principia unha dura subida. Despois bordease o Monte de san Pedro onde sopra un forte vento en contra durante un quilómetro e ademais é de adoquín. Ao chegar ao Portiño inicio a longa subida, primeiro moi dura, logo vai suavizando a cando está a piques de rematar volve endurecerse para afrontar unha longa e pronunciada baixada. Fago o quecemento a trote suave.

Uns minutos antes da saída teño tempo de saudar a amigos e facer os últimos trotes con Jesús. Dáme a explicación de porque hai tan pouca xente do CAS: andan repartidos por toda Galicia competindo.

Poñémonos xuntos na liña de saída e segundo iniciamos a proba, Jesús vaime collendo uns metros. Na primeira subida (300 metros) hai xente que me pasa e tamén no inicio da longa baixada (uns 1000 metros) mais ao chegar ao Paseo Marítimo comezo a gañar posición sempre con Jesús a uns segundos. Fago detrás del dous quilómetros e ao chegar ao Portiño póñome ao seu carón: dígolle que se me enganche na longa subida que nos agarda e que logo tire na baixada. Na metade da subida vexo que se me queda e eu sigo tirando (paso a cinco persoas) e ao iniciar a baixada creo que eses cinco compañeiros pasaranme na baixada pero… non acontece así. Só ao chegar ao remate da baixada pónseme en paralelo un atleta pero na curva da entrada á zona urbana, outra vez en subida, continuo tirando a os douscentos metros, na derradeira rotonda miro para atrás e vexo que lle saco moitos metros aos que veñen detrás. Non o podo crer, ninguén me colleu na baixa e ninguén vaime esprintar.


Resultados: fago meta en 24.40´´ para unha distancia de 6.450 metros polo que o ritmo ao quilómetro foi de 3.49´´. A sorpresa chegou ao ver as clasificacións: de 20 na xeral, sobre 821 atletas, e de 1º na de veteráns 3.

13/10/13

III Carreira da Auga de Sada

Semana cutre en quilómetros e en sensacións.

Tras rematar contento o Coruña-10 iniciei a semana con 5 km a trote para quentar, algo de T.C. e xa no ximnasio unha hora de GAP e  Fitball. O martes recuperei tempos nun adestramento de 15 km mais as molestias no pube e nos isquios fixéronse moi presentes. O mércores xa tiña a gorxa mal e non me atrevín a pisar o asfalto. O xoves fixen a tirada longa semanal con 27 km e pouco máis de dúas horas. Pero a última media hora foi penosa. Sen forzas, sen pernas. Realmente preocupante. O venres e o sábado, como a gorxa e o malestar xeral foron moi claros non saír trotar, gardando forzas para a competición do Domingo. O total semanal foron só 58 quilómetros.



III Carreira da Auga en Sada

Esta é unha das probas que organiza o CAS. Canto traballo, canta dedicación, cantas horas e canto agarimo posto… IMPRESIONANTE.

Cando cheguei a Sada, case de noite, xa había moitísima xente traballando na organización do evento. Botei unha man onde me mandaron e ata que me mandaron. Logo, compartín un café con Jesús.

Cando iniciaba o quecemento chegou Raúl S., único representante do Panadería d´Osedo na proba (menos mal que a proba é en Sada…). Trotamos un pouco xuntos e nos fomos ata os caixóns de saída. O quecemento foi demasiado breve e non coma na Coruña-10 que teño que cualificar de perfecto.



Saio ben, diante. Polo paseo marítimo o grupo vaise estirando. Vexo o paso polo quilómetro dous en 7.10 polo que penso que Jesús non mediu moi ben as distancias. Durante a saída de Sada aínda me pasa algún corredor e eu tamén vou pasando a algún. Na longa subida (do km 3 ao 6) gaño algunha que outra posición e voume achegando a Javier e a Luis (do club de Bernardo). 

Paso o quilómetro 5 en 18.00´´ e sigo crendo que está mal sinalizado. Cada vez que hai unha baixadiña, vánseme algo e pásame alguén pero nas subidas recupero.  Nos últimos metros da subida miro para atrás e xa non vexo a ninguén. Fago con Javier e Luis o último quilómetro da subida e en canto principia a baixada, voume quedando. Non é que aminore o ritmo, trato de facer o contrario, pero é que os de diante, deixándose caer, vanme sacando 5, 10, 20, 40 metros. 

Cando está a rematar a baixada (km 8) noto a presenza dun corredor detrás de min. O obxectivo será que non me pase. No derradeiro quilómetro e medio vou achegando, de novo, aos dous amigos de diante. Pero cando eles fan o seu sprint, xa sei non teño nada que facer, tan só agardar que o ven por detrás non sexa máis rápido ca min.

Resultados: fago meta en 38.10´´ (dezaseis segundos por detrás de Javier) e con vintetrés segundos máis ca o ano pasado (como notei a ausencia de Jesús e de Bernardo) A media foi de 3.49´´ ao quilómetro. A posición foi 27 sobre 526 e de 3º na categoría de máis de 45 anos. Tamén, o primeiro grupiño do CAS  quedamos primeiros na clasificación por equipos.

Axiña vou ao coche para coller a cámara e poder tirarlle algunhas fotos a Raúl entrando en meta.

Estou contento pola magnífica organización do meu club e polo constante ritmo que mantiven na proba. Ao pouco tempo marcho para a casa sen poder quedarme á entrega de trofeos.

Foron entregados a UNICEF, 4.250 euros. Grazas a todos e todas.

11/10/13

II Circuito Corre Coruña

No video de presentación da segunda edición do circuito Corre Coruña, O Club de Atletismo Sada... gran protagonista.

6/10/13

A Coruña-10: copiando resultado

A semana foi distinta debido a que o domingo desexaba voltar á competición na Coruña-10, polo que houbo que modificar o plan de adestramentos. O luns  so ximnasio, sen Juan nin Pili, facendo abdominais e GAP. O martes regresei ao osteópata (nesta oportunidade con Raquel) para tratar de aliviar as molestias nos abdominais inferiores. Non quero que de novo a pubalxia me volva impedir gozar da maratona de Porto. Polo serán tocou facer dúas series de 5000, sendo o planificado en 22.00 e 20.40; os resultados foron en 21.50 (freándome os últimos metros) e 20.25´´ (sen forzar  ao final). É dicir que os tempos saíron mais coma vén sendo frecuente, regresei moi lento a casa. O mércores trote e o xoves fixen a tirada longa: 24 km en 108 minutos. Nunca a fixeran tan lenta…. O venres só 9 km para estirar as pernas e algo de técnica de carreira. O sábado repouso.

Despois de tres semanas volvín competir na Coruña-10… e xan unhas cantas veces no asfalto coruñés… O total semanal foi de 77 kms.

Un pracer ver todo o despregue do Club de Atletismo Sada nos cantóns… cantos nenos e nenas e canto adulto…IMPRESIONANTE. É unha ledicia compartir os intres previos á carreira cos amigos e coñecidos: Blas, Carlos, Braulio, saudar ao mestre Bernardo, a xente do CAS.



Tras facer un bo quecemento, coloqueime moi atrás no meu caixón de saída. Non está Roberto G. Pazos e… fáiseme raro. Vexo diante a uns  cantos amigos e a moitos rivais de categoría. Saio moi cómodo porque é imposible apurar máis pola xente que hai. Penso que así é mellor porque irei de menos a máis. Non miro o cronómetro. Decido correr sen miralo e agardar resultados. 
Despois do primeiro quilómetro, teño a unhas ducias de metros a Bernardo cos seus colegas (que trío!), a Javier e a algúns atletas da miña categoría. Trato de pensar que non teño présa por ir onda eles. Continúo collendo ritmo e ao chegaren ao alto de Adormideiras (km3) póñome ao carón de Bernardo. Cruzamos algunhas verbas e continúo para diante (sei que volverei ver ao mestre…) 


Canta xente vén por detrás...
 
Á altura de Riazor (km6) falo cun atleta e comentamos a posibilidade de tirar xuntos e marcámonos un quilómetro rapidísimo mais ao chegaren á rotonda do Pazo de Deportes déixoo ir uns metros. Tamén pola praia chego á altura de Sole Castro a quen paso na Casa da Auga, e de Javier cos seus problemas de flato.

Ao chegaren aos Cantóns, desprego a bandeira republicana e Almudena tírame algunhas fotos (grazas)

Nos derradeiros tres quilómetros non me sinto con moita forzas mais volvo ir co compañeiro ata o quilómetro final, facemos xuntos a rotonda de Porta Real e comezan a pasarme corredores. Trato de manter a posición. Cando faltan cen metros escoito berros de ánimo para Bernardo quen entra diante de min. É todo un fenómeno.

Na meta aproveito para facer comentarios e saudar aos compañeiros dos derradeiros quilómetros, especialmente con Baltasar (increíble progresión) tamén a Barca e Paula e, finalmente, cos amigos e amigas do CAS. Todos temos moito que contar, son 10.000 metros (hai que dí que en realidade superaban os 10.100) de vivencias, sensacións e experiencias.


Resultados: Fago 37.38´´ (tempo bruto 37.47´´), a 3.46´´ o quilómetro. Entro de 146, sobre 2.400, e de 9 na categoría. Curiosamente é o mesmo tempo ca hai un ano pero con peores posicións (antes foran 94 e 4º) o que indica que a xente que vén por detrás corre moito. Estou ledo polo xeito de correr, sen sufrir. Asumo que non teño sprint (esta semana non traballei velocidade) pero parece que os ritmos están a saír. Ademais, despois de tantos meses parado, dos menos quilómetros que estou a facer... fantástico.

Xa dixen que votei en falla a Roberto e, como non, á miña Rabudiña (tiña permiso). Sei que eles tamén estaba na Coruña...

29/9/13

Chegarei a bo porto?

O luns fixen descanso de asfalto pero non de ximnasio: abdominais e GAP, unha sesión con Juan e outra con Pili.

O martes foron 14 km con 13 series de de 500 metros planificadas entre 2.05 e 1.47´´. A primeira saíu a 2.15 e as restantes por baixo dos dous minuto, sendo as tres últimas en menos de 1.50´´. Confeso que non fixen as 14 senón, sendo os culpables Raúl e Álvaro cos que corrín dous minutos rápidos. O mércores houbo que cumprir con tristes compromisos sociais. O xoves foron outros 17 km con 3x4000 pero se o planificado eran a 17.20´´; 17.00 e 16.30´´, a primeira foi en 17.15´´ pero na segundo trabuqueime de ritmo e fixen a terceira (16.15´´) e mantiven o ritmo na última (16.15´´). O venres Pili deixoume só, pola chuvia e tirei uns 12 km mentres pensaba na entrega de premios do circuíto da Coruña, onde o CAS arrasou. Parabéns compañeiras e compañeiros.

O sábado, antes da enchenta de entrantes, callos e sobremesas na casa de Eva e Pepe…, fixen 8 km máis a un ritmo tan cómodo que tentado estiven a aumentar a tirada, pero a cabeciña ordenou parar e gardar forzas para a prevista sesión longa do domingo.

A tirada longa? Outro desastre. Nunca fixen unha tan lenta: 27 km en 2.07´ a 4.42´´/km. E aínda por riba os últimos quilómetros foron os máis lentos. 

Remato a semana con 78 kms e mes en 319. Creo que con estas sensancións non chegarei a un bo porto (colledes o chiste, non? porto-Porto)