6/7/14

I Carreira solidaria Parque Oleiros

Rematei abril con 241 km. Non está mal pero creo que debo ir aumentando o número de quilómetros mensuais. Esta semana fixen  80 e iso xa é outro cantar. Ademais houbo un día de fitpower con Toni (seguen valendo por dúas as súas clases?) e un amago de 6 series de 500 metros. O sábado probei as novas zapas para esta temporada, unhas Adidas Energy Boots-2. Tiven boas sensacións con elas mais vounas gardar so para as competicións ata que non esgote as Asics. Dáme algo de pena cambiar de marca e modelo… pero tamén teño ilusión por probar o famoso boots. 

O domingo trotei 15 km con Pili despois de teren participado na I Carreira Solidaria Parque de Oleiros



Xa que esta finde non fun ata Muros, non había escusa para non participar nunha proba na que colabora o meu club e que me queda a uns quilómetros da casa. Ë unha proba rara para min pois ten unha distancia de 4.700 metros aproximadamente (¿). No reparto de dorsais atópome con moitos coñecidos, facendo un corto quecemento con Álvaro.
A "pequena" representación do Clube de Atletismo Sada na proba

A saída era dende o aparcamento tendo que baixar dous andares pola rampla dos coches. Neses metros iniciais adiantoume moitísima xente. Baixo mal e se hai curvas moi pechadas aínda peor. Cando deixamos de baixar pásanme Felipe e Alberto quen me pregunta, “Alguén está fóra de sitio, ou ti ou nós?

Dirixímonos polo parque industrial ao que temos que dar dúas voltas. Comezo a mellorar posición. Calculo que vou de 20. Axiña aparece unha dura subida. Pásame algún corredor máis. No inicio da segunda volta empezo a recuperar posicións e na repetición da subida adianto a Julián J. animándoo e lembrándolle que eu non teño sprint para que force ao final. 

Despois collo a Toni. No último quilómetro e medio trato de manter (forzar) o ritmo para que os de atrás non me collan e seguir achegando aos que teño diante. É a zona con máis público. A sección infantil do CAS anima un montón e achégome para chocarlles a man.


Rematando a segunda volta ao polígono

O derradeiro quilómetro fáise longo e duro pois é unha recta de ida e volta. Na última rotonda comprobo visualmente que lles será complicado collera os que veñen por detrás. Non sprinto.

Resultado: 18.05´´, de 13 na clasificación absoluta sobre un total de 351 e de 4º na categoría de máis de 45 a un ritmo de 3.37´´ o quilómetro.

Tras cruzar a meta, e sen deixar de suar, collo o coche e vou ata Montrove para facer os quilómetros prometidos con Pili. No Paseo do Burgo cruzámonos con Paloma, Antonio, Álvaro…Onde estará o Raúl?

As fotos da carreira son de Félix.

Unha boa e esgotadora semana

22/6/14

II C.P. Ruta da Construción Naval, Ferrol

Outra semana cansado. Os cuadríceps semellan que non se dan recuperado do Trail do Mandeo. So fixen unha sesión de ximnasio e trotei cinco días cun total de 61 km. Sempre tiven a sensación de ir lento, de cansazo. O mércores fixen 6 series de 500 metros en 2.00 a primeira e 1.40´´ a última. O domingo participei na:

II CP Ruta da Construción Naval en Ferrol

Convencín a uns cantos de Montrove para írmonos o domingo ata Ferrol e correr por dentro do Arsenal, auténtica xoia da arquitectura militar neoclásica. Alí estábamos o Chema, Raúl, Paloma e Antonio.  Foi un auténtico pracer ver de novo no asfalto ao noso Farmacéutico Veloz. Non hai dores que podan coa súa forza mental. 


Contaba con que do Club de Atletismo Sada iríamos moi pouco posto que celebrábase o VI Triatlón Infantil Sada.

Tras recoller os dorsais (pequeno despiste no meu) saudar ao grande mestre de cerimonias Jabalí do Sacho, prepararámonos para a proba: vaselina por aquí, crema calentorra por alá.

No quecemento fun saudando aos amigos e amigas do CAS. Finalmente non fomos tan poucos, uns catorce.

A saído foi realmente novidosa. Saímos uns trescentos metros antes do control de chips, facendo unha saída neutralizada. Uns membros da organización impedían unha saída rápida porque diante ían un grupo de atletas duns dez anos. Tras cruzar o arco de saída empezamos correr.

Saio bastante adiante. Axiña escoito a Paula Mayobre quen parece que hoxe non vai disputar a proba posto que lle aguanto uns centos de metros (que tempos aqueles nos que lle aguantaba moito máis). Vai cun rapaz noviño. Pouco a pouco iranse marchando. 

Imos cara ao porto. Son dous quilómetros nos que me adiantan uns quince atletas. Corro só, cun grupo numeroso diante e outro aínda máis numeroso a unha ducia de metros por detrás. Damos volta no porto e entramos na zona militar. Vou cómodo co meu ritmo mais tratando de ir algo máis forzado que nas probas precedentes. Nunha viraxe de 180 grao visualizo a rivais e a amigos. Saímos do Arsenal, non se meterme con dous guapos oficiais da Armada, nunha costa duns douscentos metros e pasamos pola meta. Vexo que Jaime non lle da tempo a tirar unha foto. Tiramos cara a Caranza dando a volta e volvendo a situar mentalmente a miña posición. Iniciamos o regreso de novo cara a meta, Jaime tampouco tira a foto e iniciamos a segunda volta.


Paso o quilómetro cinco en 19.00. Paréceme un bo tempo e anímome para trata de manter o ritmo. Esta vez imos por riba do mercado. Pásame un atleta cun ritmo moito mellor co meu. Cando entramos de novo no Arsenal, vexo moi preto a Suso Blanco, con quen levo coincidido bastante nestes meses. Cando o collo, anímoo para que veña comigo. Dime que vai canso pero aínda así, pégase. Por detrás ven José Glez Bañobre. Tamén anima a Suso pero cóllenos uns metros. Suso vaise quedando.

Sorpréndome cando vexo o cartel do quilómetro 9. Xa pasou a carreira. Collo aos dous que van diante, o que me pasara pola zona do mercado e o rapaz que ía con Paula. Estamos moi preto de Bañobre. Na última subida paso ao rapaz mais dígolle que non teño sprint. Na saída do Arsenal os tres que tiña ao meu carón esprintan e déixanme realmente cravado.
No sprint, vánseme...

Foi unha auténtica faena ter un sprint despois dunha subida.

Tras cruzar meta, collemos a bolsa do corredor (pedinlla á filla de Pedro) e a agardar polos amigos.


Resultado: 37.31´´ no posto 29 dun total de 484 en meta e de 8º na categoría (+ 45) Houbo xente que dicía que eran 9.700 metros cousa que creo posto que non estou para facer ese tempo nun dez mil. Polo que debín facer a proba 3.52´´.

Tras cruzar a meta, máis fotos.
Parabéns pola organización e polo bo traballo.
Foto en carreira de Jmdobarro e de Ramón Rguez.

18/6/14

Agasallo da Rabudiña



Que que son estas fotos? Que que clase de medallas son? Que de que carreira?

Vaiamos por partes.

Hai un ano alguén agasallárame cunha empana tras rematar a carreira de Carballo. Este ano, facendo un grande esforzo coa familia e a estrada, volveu achegarse ata a meta da mesma proba para agasallarme con detalles traídos desde a propia cidade de Maratón. Si, si. A auténtica cidade de Maratón, esa que está a só corenta quilómetros da capital grega.

Teño a inmensa sorte de gozar entre as miñas amizades con Sandra R., a miña Rabudiña. Estando de traballo por Grecia tivo tempo para mercarme unha réplica da medalla entregada na primeira maratón da Idade Contemporánea, aquela que fora gañada, o 10 de abril de 1896, polo grego Spyridon Louis,  cun tempo de 2:58:50, tras percorrer a distancia entre a chaira de Maratón e o estadio olímpico de Atenas.

Que alguén se lembre de ti en Grecia, non está mal pero que alguén se lembre dos teus vicios a tantos quilómetros non ten prezo.

Moitísimas grazas, campiona.

15/6/14

IV Carreira Popular Concello de Carballo: que cansazo

Total de  quilómetros semanais: 64 e unha sesión de ximnasio (as de Toni tiña que valer por dúas) e competín en Carballo.

Esta semana tiña que ser de relax pero… Efectivamente, despois da malleira da fin de semana pasada (sábado o trail do Mandeo e o domingo a tirada longa con Pili) tiña os cuadríceps para deixalos en remollo por moitos días mais… o luns non me resistín a non ir ao ximnasio e comprobar como as pernas estaban realmente esgotadas. O martes, con Javier, adestrei en Sada ás ordes do ditador Fernando. Menos mal que so nos abrigou a facer 6x200 metros… Como sufro nas series curtas (todas en 35´´) Polo demais, un pracer compartir esa tarde con outros vinte compañeiros e compañeiras do CAS. O mércores tirada de 14 km para seguir comprobando que os cuadríceps aínda non estaban recuperados. Xoves sesión de recuperación nas mans de Paloma e para comprobar que todo vai ben. Venres tirada de 17 km con Pili mentres que o sábado, tamén con ela foron 11km O domingo… a Carballo. Toda a semana cunha gran sensancion de cansazo.


Nesta ocasión a viaxe foi con Javier P. onde entre outras cousas falamos dos nosos males atléticos. Tras aparcar fomos a polos dorsais saudando amigos. Regresamos ao coche con Luis C. (o pobre non durmira esa noite, jé, jé) Para facer o quecemento levei a Javier, pois non coñecía o percorrido mentres que para min xa era a terceira oportunidade, polo primeiro quilómetro para que vira a difícil saída e a costa dos primeiros centos de metros.

Cando regresábamos ata a liña de saída ficamos abraiados polo que vimos: unha marea azul. Varias ducias de corredores e corredoras do Club Atletismo Sada enchendo todo a estrada. Impresionante. Saudámonos e compartín uns minutos con Montse e Inés (que ledicia vela de novo no asfalto). Logo e xa ás ordes de Fernando, tocou facer unhas progresións por diante do cuartel da Garda Civil. Foi das pouca ocasións nas que antes da saída xa tiña a espalda empapada da suor. Foto de grupo feita por Lina (mágoa non vela no asfalto tamén a ela)

Sol e máis de 25 graos. Vai ser unha proba dura. Quen tivera só os meus benqueridos 15 graos…

Coloqueime moi adiante na liña de saída pois eses metros eran moi complicados. Ía ben escoltado por Toni e Roberto. Como ven sendo habitual tiven problemas para poñer o cronómetro en marcha e ademais había que estar moi atento para non caer entre tantos corredores.

Tras as dúas primeiras curvas, sinto a presenza de Toni e Rober. Fago a primeira subida con eles detrás e cando rematamos o primeiro quilómetro comeza a tirar Rober. Toni avísao de que controle máis o ritmo posto que parecía que se ía quentando… Baixada e xa recta pola estrada de Fisterra. Vou tratando de abrirme para que alguén do público poda localizarme doadamente. Ando a buscar á miña Rabudiña. Toda a proba andiven pendente dela case máis ca de correr… non a ía atopar ata o final… pero con sorpresa, vaia sorpresa…

Polo quilómetro tres é Toni quen se pon diante. Parece que facemos grupo pero a realidade é que hai moitos corredores buscado o seu ritmo (houbo máis de mil inscritos pero so 664 chegados á meta) Fago a pequena subida para regresar cara o centro detrás deles. Como teño medo de que se marchen forzo o ritmo para collelos. Non miro o cronómetro, sei que non vou moi rápido pero creo que mellorarei o resultado do pasado ano (38.50´´) Case ninguén nos pasa durante toda a proba. Nada máis iniciar a segunda volta parece que Rober  vaise quedando mentres que Toni vaime collendo uns metros.

Xa desde o quilómetro tres andamos facendo a goma cun atleta de Noia polo que decido á altura do seis falar con el (a escusa é a proba que teñen na súa vila a finais de agosto) coa idea de facer grupo. Na pequena baixada alguén nos adianta cun ritmo fantástico e cando imos pola estrada de Fisterra escoitamos unas zapatillas que nos veñen gañando terreo, son as de Luís P., tamén do CAS. Colleranos uns metros.
No inicio da segunda volta

Son uns centos de metros nos que vou animado ao meu compañeiro de Noia. Antes da curva que marca o regreso cara ao centro de Carballo (km 7) collo a Luís P., falo con el e anímoo a que se veña por Toni quen segue uns metros por diante. Dígolle a Toni que corra que vou por el. Axiña  o collo e vexo preto a Luís C., do Runaways. Animo a Toni para que se me pegue. Vai cun colega. Dígolles que hai que forzar, que non queda nada, que vou a tope para deixarlles a eles o sprint. Collemos a Luís. Tivo un mareo polo que parou uns minutos mais agora anímoo para que se veña con nós. Cando faltan cincocentos metros trato de todos suban o ritmo. Váiseme Luís e logo o colega de Toni.

Facemos meta cun sol do carallo, perdón, digo do Carballo.

Na liña de meta escoitei un berro “Ánimo, campión”. Tiña que ser da miña Rabudiña.

Resultado: De 56 (sobre un total de 664) con 39.49´´ e de 7º na categoría. Sorpréndeme o mal rexistro pois corrín ben, controlando as forzas e mesmo creo que fixen os dous últimos quilómetros a bo ritmo. Entraron na meta 27 atletas do CAS.


Tras cruzar a meta e saudar aos amigos xa chegados e aos que o están facendo (recibo algúns parabéns polo xeito de animalos durante a proba) falo coa Rabudiña. Poñémonos ao día e... sorpresa. Se o ano pasado fora unha empanada, neste... É tan boa que teño que facer outro post para agradecerllo como ela merece. Bicos mil, ma chère.

Fotos na proba de Roberto.

8/6/14

II Trail do Mandeo

Semana cunha tirada menos da prevista pero cun total de 77 kms (canto tempo había que non facía tantos quilómetros nunha semana!!!) . Isto xa parece outra cousa. Unha sesión de pesas no ximnasio acompañado polo mellorciño de Montrove: Juan, Raúl e Pili. O domingo fixen 17 con Pili (menuda caña me deu baixo a chuvia) e o sábado participei no meu primeiro trail, o do Mandeo. 


Pois imos probar isto dos trails. Tanta xente falando ben deles que tocaba facer un, e si é preto da casa con non moitos quilómetros (18 km. aprox.) sen atravesar ningún regato e tamén con pouco desnivel positivo (590 metros) mellor que mellor.

O día ameazaba chuvia… temperatura fresca (mellor para min). Facemos foto do CAS e o quecemento con Jesús e Roberto (parabéns por ese cumpre…).

A saída, desde a Praza García Irmáns, é ampla polo que non tocaba forzar. Os primeiros cincocentos metros son en baixada. Teño preto a Jesús e a Javier. Vou moi cómodo. Teño diante uns vinte corredores. É un percorrido que coñezo de camiñar e trotar por el. No segundo quilómetro comezamos a subir e subir. Vexo ao lonxe a Javier xa camiñando mentres que eu sigo trotando e case non lle recorto. A subida é longa e vaise facendo realmente dura. Despois dun descansiño outra subida dun quilómetro na que agora collo a Javier. Facemos xuntos a difícil baixada cara a Chelo. Hai un momento que paso medo pola dificultade técnica e pola velocidade. Decido non arriscar. 

Nesta primeira gran baixada xa vexo como hai auténticos expertos (para min case suicidas) nas baixadas. Alucino.

No avituallamento de Chelo non collo auga e Javier párase. Cruzamos o río e principia a parte máis técnica e fermosa. Un percorrido que grazas a Juan e Pili coñezo ben. Despois duns cincuenta metros vemos un ferido (gran corte na cabeza e abundante sangue). Avisamos a alguén da organización que estaba ben preto. Estes quilómetros polo  río son preciosos mais hai que ir con coidado.

Teño camiñado bastantes veces polo lado contrario do río, case sempre con Pili e Juan. É un lugar dunha beleza extraordinaria mais hoxe non tocaba admirala pois había que apurar e avanzar con moito ollo.

Vou detrás doutro corredor tendo moito coidado de facer outro percorrido para poder ver ben onde pisar. Creo que me vai ralentizando… Cando se ofrece a deixarme pasar, sorprendentemente, dígolle que non. Que vou ben así.

COMENTARIO: Quen me ía dicir a min que co paso dos anos e dos quilómetros volveríame tan educado nas carreiras…

Cando deixamos o río (km 8) iniciamos a que figuraba como a gran subida. Parece que vou manter a posición e mesmo adiantar algunha pero co paso dos metros, cóllenos un grupos de cinco persoas que ven por detrás, entre eles Javier.

Nesta subida, Javier sufre e faina camiñando mentres que eu trato de trotar aínda que tamén camiño algo. En canto non pica para arriba recupero posición. Mais cando no 10,5 volve a costa… outra vez para atrás.

No avituallamento do 12 bebo e iniciamos a baixada con Javier por diante.

Outra vez toca ver como hai xente que descende moitísimo mellor ca min. Que velocidade, que forma de saltar os troncos… Danme medo.

Cando no 13 remata a gran baixada volvo recuperar algunha posición. Mesmo trato de facer grupo. Tiro de dous colegas. Nunha pequena subida, tropezo e caio. Os dous colegas páranse para axudarme a levantar. Non foi nada pero lles quedo moi agradecido. Seguimos tirando e iranse quedando.

No quilómetro 15 hai outra baixada. Esta vez tamén é moi técnica e mesmo perigosa. Adiántame (deixo pasar) outros dous corredores. Calculo que nas baixadas e nas subidas teríanme adiantado unhas quince persoas. Confío que en canto chegue o asfalto poida recuperar as posición. Cruzamos un regato (había un, cachisss). Levarei o resto da proba molestias nunha zapatilla por non tela apretado moito.
Chegando a Betanzos

Os dous últimos quilómetros son en asfalto. Achégome ao último que me adiantara pero non podo con el. Vemos Betanzos. Entramos no casco histórico e, de novo, toca subir. Empezo a sorrir. Últimos metros. Ningún percance serio (una caída e unha rozadura cunhas silveiras). Póñome guapo para as fotos da meta.

Resultado:  na xeral de 36 (sobre 299 chegados á meta), na categoría de máis de 45, 6º cun tempo de 1.37.55´´. Boa e familiar organización. Parabéns agradecidos.

Na meta saúdos aos meus predecesores do club (Jose, Jesús e Javier) e sen agardar para coñecer os resultados nin para saudar aos amigos que aínda restaban por entrar, regreso a Montrove.

Cando chego a casa, chamada de Alberto (este home sempre pendente de min, sempre facéndome favores) para comunicarme que teño un premio por ser o primeiro con máis de 50 anos… Que lle imos facer… isto de cumprir anos é o que ten. Moitas grazas Bea e Alberto polo detalle de facermo chegar ata a porta da casa.


Outra experiencia. Outro xeito de correr.

Nota curiosa: O premio consiste nunhas berzas, unhas herbas de san Xoán e nunha botella de viño coa foto dunha escultura de Pepe Galán.

2/6/14

Campionato Galego de Veteráns en pista: 10.000 metros

Semana de tan só 38 km, unha de pilates e unha sesión no fisio. Rematei abril con 233 km. Son poucos pero as expectativas para xuño son boas. O domingo participei no Campionato Galego de Veteráns en pista no complexo da Malata de Ferrol.

A viaxe foi con Jesús (é xa unha tradición?). Cando chegamos á Malata informáronnos de que o club probablemente chegue á ducia de medallas. Como é e como está o CAS. So puidemos animar aos Javieres que, previamente a nós, fixeron o 5.000. Na nosa proba poucos, pero que moi poucos, corredores e moito vento.
Facendo o quecemento con Jesús e un compañeiro de Mera

Xa na saída vou deixando que Jesús e o compañeiro de Mera se me vaian. O meu obxectivo é que Jesús tan só acade dobrarme unha vez. Trato de ir cómodo. En cada paso por meta vannos cantando as voltas que nos falta a cada un. Eran un total de 25….

Polo terceira vexo que podo coller a un do Celta e xa na cuarta dóbrame o primeiro que é da miña categoría. Que espectáculo velo correr. Creo que finalmente pasaríame tres veces é dicir que sacoume máis dun quilómetro.


Vou ben coa cabeza, non penso nas voltas que faltan, non me agobio. Comprobo que paso o segundo quilómetro en 7.45´´. O cal quere dicir que realmente tiña que ir cómodo. Fago toda a proba só. Pasarei a tres corredores e dobraranme catro, incluído Jesús quen cando me pasa intenta quedarse comigo cousa que non tolero e ameázoo con pararme se o fai, mesmo tiven que abrirme para demostrarllo.

Durante toda a proba os colegas do CAS non deixaron animarnos en cada volta. Gras Felipe, Montse, Javieres, Fernando…
Na última volta trato de aumentar un pouco o ritmo.

Resultado: 39.41´´, 6º na xeral e 2º na categoría. Repito subcampionato galego de veteráns de +50 pero cun tempo peor en case tres minutos ca hai dous anos. Jesús tamén fixo segundo.

25/5/14

X Carreira Pedestre A Silva

Semana con un pouco de todo. Veredes o por que. Dúas sesións de ximnasio porque aínda non me atrevo coa terceira. Un día de series: 12x500 a primeira en 2.05´´ e a última a 1.40´´. Ademais da saída do día das series fixen outras catro saídas sendo a máis longa de 15 km. En total 59 quilómetros semanais,incluíndo os dez en A Silva.

X Carreira Pedestre de A Silva

Por fin volvín lear a Pili para outra proba (creo que cada semana que pasa esta rapaza deixase lear máis doadamente). Como a nosa carreira era moi tarde (12.40) saímos de Montrove con calma. Chegamos con tempo de retirar os dorsais e facer o quecemento, pois facía algo de friaxe, polo último quilómetro da proba (un de ida e outro de volta) Saudamos a amigos e coñecidos para instantes antes do inicio repasar o perfil da proba: insisto aos amigos que están ao noso carón (especial saúdo para os ferroláns do Castro de Lobariz) a dureza da subida do quilómetro 7,5. É unha subida moi longa cos cincocentos metros iniciais durísimos (ben lembro que o ano pasada camiñara os cinco últimos).

Saída co retraso habitual de cinco minutos. Facemos unha volta ata o magnífico Centro de Saúde. Aproveito esa pechada curva para calcular a miña posición (23 como o meu dorsal) No quilómetro dous iniciamos  a tendencia descendente da proba. Adiántame un atleta e poso a outros tres,  Non haberá máis cambios de posición nos seguintes oito quilómetros.

Imos con sol e mesmo agradecese algunha zona de sombra. Gústame o percorrido: moitas curvas, tramos en descenso e outros en ascenso pero sempre polo rural: campos recén sementados de millo, algunha que outra fraga. Paso o quilómetro cinco en 18.38´´. Ten explicación pois o perfil é descendente. Cando chegamos ao quilómetro seis a proba vai picando para arriba.

Comeza a chover, primeiro con poucas gañas mais logo, e ata o remate, non houbo queixa da abundante  auga que caeu sobre nós.
Teño preto a tres corredores. Xa temos algún repeito realmente esixente pero é curto. No quilómetro sete e medio chega o noso Angliru. Vou a ritmo, os de diante non se me van pero tampouco me acerco onda eles. Aínda hai que subir case outro quilómetro máis. Os tres de diante vanse definitivamente e o que ven por detrás parece que non pode collerme.

Ben coñezo o último quilómetro e medio. Forzo.

Tras cruzar a meta vou rapidamente a por unha camiseta seca, froita, auga e, sobre todo, chocolate quente e biscoito. Grazas. Baixo unha gran carpa agardo pola chegada de Pili. Entra a so seis segundo da primeira fémina. Trae boa cara (que ben). Mentres agardamos polo seu chocolate (e o meu segundo) a terceira muller dille que corría coma se fora adestrando, case sen esforzo….

Resultados: Pili de 2ª na absoluta e de 1ª na categoría, eu de 21 e de 4º na categoría (de onde carallo saíron o 1º e o 2º), cun tempo de 40,11´´ mellorando case minuto e medio con respecto ao ano pasado.

Chegamos a Montrove pasadas as 15.15´.
Fotos en carreira desde Atlética A Silva.

18/5/14

Do regato de Sisalde ao río Mero

Semana variada: dúas sesións de ximnasio (AF e Fitpower), unha andaina de 20 km e 55 km trotando.

Do ximnasio aínda saio esgotado. Non teño forzas para meterme nas clases de abdominais. A camiñata foi fantástica. Pola costa de Barrañán e polo regato Sisalde. A contorna deste regato paga realmente a pena. Auga, muíños, bosque… A compañía: a mellor: Pili e Juan. Camiñar non ten sentido se non é con eles.

Trotando foron 55 km. A salientar que o martes fixen as primeiras series 8x500, saíndo a primeira en 2.06´´ e logo progresando ata 1.41´´. Foron poucas pero…

O domingo tocou trote con Pili polo noso paseo de Río Mero. Fixemos a ida en 44.31  e o regreso en 43.43´´. Cada día a miña colega está mellor. Empeza a dar medo

11/5/14

XIX Carreira Popular Concello de Ordes 2014

Tomei esta semana coma se fora de repouso. Non fixen nin moitos nin poucos quilómetros (57) mais mentalmente non foi de traballo. Houbo unha sesión de ximnasio e a tirada máis longa foi so de 15 km. Por outra banda, varios días traballei acompañado. Creo que vai sendo hora de comezar a facer series e tamén tiradas máis longas. O xoves deixei as pernas nas mans de Paloma: boa falla lle facían. Non había nada serio pero si estaban comezando a cargarse de máis.

O domingo regresei a Ordes (creo que xa van catro ocasións)

XIX Carreira Popular Concello de Ordes
Ben acompañado por Raúl, retiramos os dorsais, repartimos xenerosamente vaselina e crema calentorra por todo o corpo e fixemos algo de quecemento. Compartimos uns minutos e unhas fotos co Clube de Atletismo Sada. Por certo, o CAS tivo unha escasa, pero digna, representación nesta proba. O compañeiros e compañeiras andan axustando a competición aos obxectivos e esta proba non viña nada ben.

Os obxectivos que tiña para esta proba non os confesarei porque non acadei ningún (covarde, cóntaos…) Na liña de saída Sabela preguntoume polo perfil da proba. Por fin: non saín moi rápido e axiña vexo como a xente do meu ritmo (…) váiseme indo. Os primeiros cincocentos metros son en baixada. Mais sei que a proba é longa e dura. A cabeza vai ben (tranquilo, hai moita subida para recuperar) Pásame máis xente pero inmediatamente estabilizamos as posicións.

Tras pasar de novo pola meta, principia de verdade a carreira. Nova baixada e tirada longa en dirección Santiago. No quilómetro dous xa temos unha curta e intensa subida. Logo baixada e, xa no inicio do tres, a longa subida duns cincocentos metros. Confío nas miñas forzas. No remate desta primeira subida adianto xente (xa ía sendo hora). Vén logo un quilómetros quebra-pernas e xiro á dereita. Un rapaz que adiantara na subida cólleme. Imos facer varios quilómetros xuntos.

Saímos dunha estrada grande e vamos xa cara a Ordes. Percorrido fermoso e sempre picado para arriba. Chegando ao remate da última costa (case no oito) collemos a un rapaz que vai tirar de nós na seguinte baixada. Forzamos. Son quilómetros nos que me atopo ben, gozando da proba, controlnado o ritmo.

Xa na explanada do remate do oito, o meu compañeiro cólleme uns metros. Subimos cara á meta. Inés está facendo de fotógrafa oficial do club (espero que sexa esta a súa última proba desde a barreira) e baixada ata a meta.

Vou onda Inés que sigue tirando fotos aos do club. Agardo por Raúl que se tomou a proba coma un adestramento.

Regreso pola estrada nacional despois de mercar o biscoito típico de Ordes. Parada en Carral (pan e empanada, grazas…) e casa.

Resultados: sobre un perfil duro de 9.500 metros, 36.24´´ de 47 na xeral sobre un total de 212 (9º cat de M45) a 3.50´´. O ano pasado fixera uns 15 segundos máis.


4/5/14

XI Carreira Pedestre Popular Concello de O Pino

Segunda carreira nunha semana. O xoves a de Arteixo e hoxe a do Pino. Quen o ía dicir hai uns meses…. Foron 51 km semanais con dúas sesións de ximnasio.


Sen madrugar moito, o domingo tocou ir a O Pino. Por fin fomos ata a mítica proba. Nunca fora e en  tres semanas dúas veces. Primeiro coa MediaSan do Camiño e agora os 8.100 metros. O percorrido tiña quilómetros comúns coa media, mais neste caso eran dúas voltas a un circuíto.


Non había moitos participantes (entramos en meta 284) pero si moitísimo nivel. Din que polos cartos dos premios. Coma sempre os membros do Clube Atletismo Sada compartimos eses intres previos á proba e ademais Inés púxome ao día da súa evolución física.
 
Saín moi adiante e tal vez demasiado rápido (outra vez) Nos  primeiros cincocentos metros pásame Javier Palomo e logo Roberto García. O primeiro quilómetro foi por baixo de 3.40´´. Penso que vou demasiado rápido mais como toca ir costa abaixo, déixome ir. Desde a saída non paran de pasarme corredores Ao chegar ao mil cincocentos, outra tanda de atletas pasan ao meu carón. Entre eles está Mela Penas do Comesaña con que compartira quilómetros na MediaSán ata que baixando do Monte do Gozo se me fora.


Xa entrando no segundo quilómetro creo que vou ao meu ritmo. Paso por contrameta e un tremendo clube de fans do CAS nos apoia. Cando iniciamos a subida para rematar a primeira volta comezo, por fin, a pasar corredores. Non serán moitos.


Na segunda volta vexo que Mela non se fora moito e que cada vez teño máis preto a Roberto. Así nunha subida, pásao e anímoo para que veña detrás. Non poderá facelo (nestas semanas hai cousas máis importantes que adestrar, verdade Roberto?) En meta só lle sacaría uns trinta segundos. Collo a Mela na contrameta e na curta baixada voume, mais adiantaríame nos derradeiros metros.

O percorrido non é moi duro (tampouco nada rápido) e ten tramos fermosos de terra xa que coincide co Camiño de Santiago. Creo que meses tramos molestamos aos peregrinos.

Resultados: fago meta en 31.35´´, catro segundos detrás de Mela, entrando de 63 na xeral e de 9 na categoría de máis de 45. O ritmo saíu a 3.54´´.

Dinlle os parabéns a Paula Mayobre polo seu éxito na Media de Xixón, co seu trunfo e unha marca de 1.16´ MMP e terceira mellor marca galega.

1/5/14

XVII Carreira Popular Concello de Arteixo

Imos afinando. Despois do dez mil da Coruña, o luns houbo unha malleira no ximnasio, o martes tocaba só trotar pero caeron 16 km e boa parte deles a bo ritmo polo que o mércores tiña as pernas realmente cargadas. Escaqueime da cita de pesas cos amigo e só fun a pilates. Rematei o mes de abril con 253 km. Xa é unha cantidade importante. O xoves… a Arteixo. 

 XVII Carreira Popular Concello de Arteixo

Sen facer moito quecemento, mais ben case nada pero facendo moita relación social… que cantidade de amigos e amigas atopámonos nestes lugares…. Por suposto, sei que falta, quen non pode estar. 

Antes da proba absoluta hai unha festa do atletismo infantil e sobre todo de persoas discapacitadas. Foi realmente emociónante facerlles un corredor para aplaudirlles. Que grandes. 

Sitúome ben na liña de saída. Hai unha enorme recta nos primeiros cincocentos metros. Non hai présa. Creo que saio ben, nin demasiado rápido nin demasiado lento. Vexo que teño diante a unas catro ou cinco persoas da miña categoría. Despois de pasar pola Ponte dos Brozos, pásame xente. Dígome que non hai présa que a proba é dura dabondo. Axiña collo á primeira muller. Vou uns centos de metros con ela. Antes do terceiro quilómetro ven a primeira subida, e a rapaza se queda. 

Sei que hai dúas grandes e duras costas. Vou mentalizado. Cando iniciamos a primeira (quilómetro catro) vexo que paso xente. É dura pero… gústame. Na baixada seguinte perdo algunha posición mais voume atopando a gusto, ben. Que pracer volver correr… 

Paso o quilometro cinco un pouco por riba dos 19 minutos. Paréceme fenomenal pois o perfil non é precisamente plano. Vexo a Julian José Gesto que me leva 45´e a José Manuel R. Tajes a 25´. Teño a esperanza de ter forzas e collelos ao final. 

Na seguinte subida collo a un rapaz e anímoo. Pégaseme e logo a un compañeiro do Castro de Lobariz de Ferrol. Anímoo e tamén se me pega. Tiro deles dous quilómetros. En canto ven a longa baixada, póñome detrás deles e vanme collendo metros, especialmente o rapaz. Cando entramos no Paseo Fluvial xa estou de novo co de Ferrol pero irase quedado. Paso o km 10 nun 37 longo. Quedo sorprendido agradablemente pois o domingo anterior fixera 38.39 na Coruña e este perfil é realmente duro (logo Alberto diríame que en realidade sería o 9.700 ou 9.800). 
Grazas pola foto, Suso

Collo ao rapaz e teño á vista a José Manuel. Mais xa non hai forzas para esprintar. Paso a un atleta e entro en meta despois do gran José M. Rguez. Tajes. 

Resultados: 45.22´´ de 38 na xeral (726 en meta) e 4º na categoría a 3.47. Se foran 11.800 sería a 3.50´´. Tajes sacoume (3º cat.) sete segundos e Julián (2º cat.) 50´´.