1/5/14

XVII Carreira Popular Concello de Arteixo

Imos afinando. Despois do dez mil da Coruña, o luns houbo unha malleira no ximnasio, o martes tocaba só trotar pero caeron 16 km e boa parte deles a bo ritmo polo que o mércores tiña as pernas realmente cargadas. Escaqueime da cita de pesas cos amigo e só fun a pilates. Rematei o mes de abril con 253 km. Xa é unha cantidade importante. O xoves… a Arteixo. 

 XVII Carreira Popular Concello de Arteixo

Sen facer moito quecemento, mais ben case nada pero facendo moita relación social… que cantidade de amigos e amigas atopámonos nestes lugares…. Por suposto, sei que falta, quen non pode estar. 

Antes da proba absoluta hai unha festa do atletismo infantil e sobre todo de persoas discapacitadas. Foi realmente emociónante facerlles un corredor para aplaudirlles. Que grandes. 

Sitúome ben na liña de saída. Hai unha enorme recta nos primeiros cincocentos metros. Non hai présa. Creo que saio ben, nin demasiado rápido nin demasiado lento. Vexo que teño diante a unas catro ou cinco persoas da miña categoría. Despois de pasar pola Ponte dos Brozos, pásame xente. Dígome que non hai présa que a proba é dura dabondo. Axiña collo á primeira muller. Vou uns centos de metros con ela. Antes do terceiro quilómetro ven a primeira subida, e a rapaza se queda. 

Sei que hai dúas grandes e duras costas. Vou mentalizado. Cando iniciamos a primeira (quilómetro catro) vexo que paso xente. É dura pero… gústame. Na baixada seguinte perdo algunha posición mais voume atopando a gusto, ben. Que pracer volver correr… 

Paso o quilometro cinco un pouco por riba dos 19 minutos. Paréceme fenomenal pois o perfil non é precisamente plano. Vexo a Julian José Gesto que me leva 45´e a José Manuel R. Tajes a 25´. Teño a esperanza de ter forzas e collelos ao final. 

Na seguinte subida collo a un rapaz e anímoo. Pégaseme e logo a un compañeiro do Castro de Lobariz de Ferrol. Anímoo e tamén se me pega. Tiro deles dous quilómetros. En canto ven a longa baixada, póñome detrás deles e vanme collendo metros, especialmente o rapaz. Cando entramos no Paseo Fluvial xa estou de novo co de Ferrol pero irase quedado. Paso o km 10 nun 37 longo. Quedo sorprendido agradablemente pois o domingo anterior fixera 38.39 na Coruña e este perfil é realmente duro (logo Alberto diríame que en realidade sería o 9.700 ou 9.800). 
Grazas pola foto, Suso

Collo ao rapaz e teño á vista a José Manuel. Mais xa non hai forzas para esprintar. Paso a un atleta e entro en meta despois do gran José M. Rguez. Tajes. 

Resultados: 45.22´´ de 38 na xeral (726 en meta) e 4º na categoría a 3.47. Se foran 11.800 sería a 3.50´´. Tajes sacoume (3º cat.) sete segundos e Julián (2º cat.) 50´´.

27/4/14

Coruña-10: a falta da maratona...

Na semana do luns 14 fixen 72 km. Non está mal. Ademais con dúas sesión de ximnasio. Case sempre acompañado/acompañando con/a Pili. Un luxo. Foron cinco saídas. O domingo 20 tiña previsto facer os 16 km da II Viquinga de Carnota mais como non foi posible, fixen con Pili os 19 km ata o faro de Mera e, como sempre, tivemos algo de chuvia. 

Na semana do luns 21 fixen 57 km e dúas sesión de ximnasio. Fixen menos quilómetros porque o corpo semella estar canso e pediume algo de repouso. Participei no Coruña-10 coincidente coa Maratona Atlántica. 

A unha hora ben cedo os do CAS quedamos para facérmonos unha foto previa ás competicións do día: maratona e o dez mil. Un pracer (e moita envexa) ver a tantos amigos e AMIGAS dispostos para os 42 quilómetros. Son uns campións e uhnas campionas. 

O meu obxectivo no dez mil era ver o estado de forma. Considerando positivo baixar do 40 minutos é un éxito baixar dos 39 (nin soñar aínda con 37... 36...) Con Pili vin a saída da maratona e con ela fomos ata a nosa saída. Por fin con Pili… Tanto tempo sen ela…. 

Tocoume un caixón moi adiante e saín moi pero que moi rápido para o meu estado de forma. En canto pasan as primeiras centenas de metros busco o meu ritmo e deixo que me pasen moitos atletas. Cando pasamos o primeiro quilómetro comprobo que non puxen ben o cronómetro. Fágoo agora. Neste novo circuíto dirixíronnos ata a Casa do Mar. 
Na saída, charlando con Baltasar, por detrás de Jose A. e ao carón de Toni.

Teño preto de min a Toni Illobre. Sigo algo alto de pulsacións. Despois de Xoana de Vega e xa polo Paseo Marítimo voume atopando mellor. Paso xente. Cruzámonos coa xente da maratona. Saúdo aos meus. Despois da rotonda do Milenio collo a Toni. 


Comezamos pasar xente da maratona. Chegado aos Salesianos creo que empeza a carreira, as pernas por fin están quentes e a cabeza fría. 
Grazas pola foto, Blas

Unha vez que enfilamos os cantóns dígolle a Toni que hai que forzar. E tiramos e tiramos. Entramos xuntos da man na meta de María Pita. Saio escopetado a por Pili. Ven moi ben. Despois da meta imos aos coches, poñemos algo seco e comezamos a animar á xente e aos amigos da maratona. Son todos uns fenómenos. Todos os do CAS e o resto. Cando un maratoniano entra en meta é todo un fenómeno e cando o fai con dificultades todo un heroe ou heroína (ou non, irmás Papín?)

Resultados: 38.39´´ de 83  sobre 1474 e 6º na categoría, a 3.53´´.

Fotos da Maratona:

13/4/14

I Media Maratón MediaSan do Camiño

Semana con 56 km. Van aumentando… O mércores o fisio deume permiso para ir aumentando a intensidade dos adestramentos. Por fin… Agora toca ter forzas para facelo.
O domingo participei na primeira edición da:

MediaSan do Camiño

Entre as localidades  de Arca (O Pino) e Santiago (Estadio de san Lázaro) polo Camiño de Santiago. Anoteime a última hora, grazas ao aumento do prazo de inscricións. A idea era ir aumentando o ritmo da VIg-Bay (4.35´´) mais cando vin o perfil da proba fiquei asustado. Era un auténtico quebra-pernas. Pero que lle imos facer…

Na saída todo moi ben organizado. Buses ata Arca. Vou mirando a paisaxe (o que habería que subir e baixar…) ao tempo que outros corredores vanme informado do quilómetros coas maiores dificultades (5, 13, 19)
No pelotón de saída, alá polo fondo

Saída foi case puntual, dando unha volta por Arca, onde pasamos o primeiro quilómetro (3.45´´) e iniciamos a tirada por terra, xa no Camiño de Santiago. O segundo quilómetro vai en baixada (sigo a 3.50´´) Comeza pasarme xente. Hai xa algunha pequena subida pero aínda así o quilómtro 4 vai por baixo dos 16 minutos. Despois do 5 principia a primeira sesión de tortura, un quilómetro e medio duro, pero duro do carallo. Vexo que na subida xa non pasa xente. Ata o dez hai algunha baixada, pasando por ese punto quilométrico en 42.20´´. Dígome que é un paso fenomenal porque a dureza do percorrido é moi grande. Desde este quilómetro vexo que xa non me pasa ninguén. Se fora así ata a meta significaría que vou collendo forma…

O percorrido ten tramos realmente fermosos. Hai abondosos peregrinos aos que sempre animo.

Pregunto varias veces cando iniciaremos a subida ao Monte do Gozo… Ata que alá polo 13 ven unha costa tremenda. Ten repeitos durísimos e dígome que mentres vaia trotando e non camiñando sentireime contento. Noto a presenza dalgún corredor nas costas que non me da ningún relevo, tamén aparece unha rapaza (Nela Penas, 4ª absoluta e 1ª da categoría). Fan varios quilómetros detrás de min. Cando por fin entramos no Monte do Gozo, a subida está a piques de rematar e principiamos a baixada, Nela váiseme. Nestes últimos dez quilómetros vanme pasar oito corredores.

Manteño o tipo cando entramos, de novo, no asfalto. Vemos o estadio da meta ao longo da pronunciada baixada mais cando iniciamos os dous últimos quilómetros volve picar fortemente para arriba. Xa non teño forzas. Faltan adestramentos. Temos case dous quilómetros na contorna exterior do estadio.

Saúdo a Félix (1.31.57´´) e a Javi (1.32.14´´) e entro no estadio. Non esprinto. Ninguén a quen coller por diante e ninguén por atrás.
Tras cruzar a meta vou directamente ao fisio (grazas Rocío) e regreso ao estadio para compartir minutos cos amigos.

Foi unha boa e dura experiencia.

Tanto na saída como na meta saudei  aos do club (Javier e Félix) e aos amigos da categoría cos que comparto a temporada, como Emilio Martínez (2º da cat), José Leis (4º cat), Francisco Sanmarco (10 cat), José A. Bermúdez (13 cat) e José A. Tembras (16 cat) ademáis de Paula Mayobre (1º absoluta) O dez mil en 42.30´´


Resultados: 1.29.11´´ posto 66 (cat 9º) sobre 336 chegados, a ritmo de 4.13´´.

As últimas fotos son de Xesús Rodríguez. Grazas.
Trío do Clube de Atletismo Sada na meta. Foto de Félix Quintáns.

6/4/14

XV Medio Maratón Gran Bahía VIG-BAY 2014: lento pero seguro

Semana ben pobre en adestramentos (52 km): martes 15 km; xoves 10 km; o venres tiven que anular a sesión prevista con Pili e o sábado só fixen 6 km. O domingo de novo á Vig-Bay e xa van sete feitas, sendo a primeira hai xusto dez anos no 2004 nun fermoso día compartindo quilómetros con Pili, Julio e Juan. Que ben lembro aquela primeira vez (os problemas polo cambio de hora, o café en Samil, a compaña de Julio nos primeiros oito quilómetros, o xantar en Samil, as maniotas do día seguinte…)  Case non podo crer como pasou o tempo…

XV Medio Maratón Gran Bahía VIG-BAY 2014
Había moitos meses que non participaba nunha media (Xixón, maio 2014) e moitos máis desde que disputara a última (Vig-Bay 2012)

Tocaba, agora, comprobar se os adutores estaban listos para unha tirada de 21 kms. Distancia que non percorría desde a maratona de Porto no novembro pasado. Para non forzar e para colaborar co club, tiven a honra de ser acompañado por Inés quen tiña como obxectivo 1.37´e puntuar como segunda fémina do club.
Parte do 40 atletas do CAS

A viaxe foi perfecta: saímos con puntualidade de Sada no autobús. Compaña moi agradábel con parada. Jesús como compañeiro de viaxe. Que máis pedir. Chegada con tempo a Samil: tempo de preparación, fotos, aseos e algo (pouco) de quecemento. Faltando quince minutos, colocámonos nos caixóns de saída.

Comenteille á miña colega que os primeiros quilómetros iría detrás dela para non estorbar a ninguén (cinco mil inscritos) e para que ela atopara o seu ritmo. Nestes primeiros quilómetros acompañounos Juan Méndez. Desde o ano pasado cambiaron o percorrido polo que axiña deixamos Samil e iniciamos a primeira subida. Os dous primeiros quilómetros fixémolos algo rápido de máis pero Inés parece que vai cómoda. Son estes primeiros quilómetros onde o adutor dereito quere protestar como o ven facendo nas últimas semanas mais, sorprendentemente, enseguida desaparecen as molestias e non volverían aparecer. 

Tras rodar algo en plano, imos collendo o noso ritmo previsto (4.35´´ ao quilómetro). Cando chega a subida longa tratamos de mantelo coa idea de logo volver ir un pouco máis alegres. Levei unha tira de papel cos tempos de paso por quilometro. Ata o 6 aprox. imos por debaixo do obxectivo.

Non deixan de pasarnos corredores e mesmo varias rapazas. Nós imos ao noso. Non nos inquietan e mesmo Inés vainas saudando e animando.

Non lembro ben os quilómetros porque despois de moitos anos memorizando un percorrido… o actual xa non é o mesmo e cando iniciamos o descenso cara a Praia América (antes era case o dez e agora debe ser o 6) en vez de aumentar o ritmo tan só o mantemos. Cando se chega á Praia, facemos un xiro en dirección leste. Creo que son os peores momentos de Inés. Non aminora pero empeza a marchársenos a posibilidade de 1.37´.

Comézolle a falar. Transmitíndolle ánimos. En canto de saímos de Praia América (antes 15,5 agora 13 aprox.) descoñezo de novo a ruta. Vai máis pola costa por adoquinado. Cada metro que pica para arriba, Inés recupera posicións aumentando o ritmo. Empeza a súa mellora. Hai xente que nos pregunta ritmo e obxectivo ao escoitarme falar con Inés. Formamos grupo… pero un grupo grande de carallo.

Antes de chegar á Ramallosa xa pasamos algunha rapaza. En cada subida pasamos máis xente. No descenso á Ramallosa sigo tendo medo de non acadar o obxectivo. Faltan catro quilómetros e imos para 1.37´ longo. Mais… apareceron os adestramos de Inés. Nos últimos quilómetros subimos a velocidade. Pasamos xente. Adiantamos mulleres. Vai fenomenal. Meta en 1.36.46´´. Impresionante.

Resultados: entramos de 1.211e 1.212. Ela fixo 10 de categoría e eu 76. Por suposto acadaron pódium: segundo equipo feminino. Karina baixou do 1.35 e Bea fixo 1.42´por culpa de dúas paradas técnicas.

O resto do clube… pois un feras.

Se as molestias non regresan... feliz. Lento pero seguro.

30/3/14

IV Carreira Popular Torre de Hércules

Se na primeira quincena de marzo fixera 53 km nesta segunda xa foron 103 (58+45). Poderíamos pensar que as cousas van mellorando mais creo que non é así. Efectivamente o volume de quilómetros aumentou significativamente pero non así as boas sensaciónS. Se ben é certo que fixen tiradas que superaron os 10 kms (varias de 12 km e mesmo unha de 16) as molestias voltaron. De feito un día tiven que regresar a casa camiñando e coxeando ostensiblemente.

Mais vaiamos por partes. Na terceira semana de marzo saín cinco días e fixen 58 km case todos eles con Pili quen xa vai collendo un fondo. Un día fomos ata Mera. Na cuarta semana so saín 4 días cun total de 45 km.O xoves, despois de catro quilómetros de quecemento fixen outros seis por baixo de 4,30´´ pero xurdiron unhas molestias tremendas no adutor dereito que me levaron coxeando ata casa. O sábado polo serán regresei á competición.

IV Carreira Popular Torre de Hércules

Ben acollido polo club, participei na popular da Torre dento do circuíto Coruña Corre. Tras saudar aos amigos, fixen o quecemento con Jesús. Na liña de saída non me coloquei tan atrás como pensara porque había moitísimos participantes (entraron en meta 1.217). Deixo que grupo do club se me marche e axiña localizo a Inés. Sen telo pensado previamente, decido facer a carreira con ela.
Nos primeiros metros da proba, antes de coller a Inés.
Grazas pola foto, Lupe

Baixamos por Adormideiras e vemos o paso polo primeiro quilómetro en 3.40´´. Dígome que non pode ser, que non imos tan rápido (sería imposible para min a estas alturas de adestramentos). Cando vemos o letreiro do segundo km o ritmo é o mesmo polo que decidimos ir máis tranquilos. En estes dous primeiros quilómetros non deixan de pasarnos atletas pero case ningunha muller. No público está Blas e tamén Bernardo. Temos sempre á vista á Karina. Cando estamos no km 3 xa na volta preto do Castelo de san Antón, noto as molestias no adutor dereito. Malos pensamentos inundan o cerebro. Pero hai que seguir correndo…

Cando vexo a cara de Inés non sei que facer… semella que vai moi forzada de ritmo pero tampouco aminora. Iniciamos o regreso polo paseo marítimo. Cando estamos a subir, de novo, cara a rotonda de Adormideiras, comezo a falarlle máis para animala. Xa non perdemos postos. Na baixada polo barrio de Adormideiras recuperamos respiración e propóñolle comezar a forzar o ritmo. Só restan dous quilómetros. Recuperamos algunha posición. Na subida de saída da barriada continuamos recuperando pero cando nos diriximos, xa en plano, cara á Torre nos pasan dúas mulleres… Na durísima subida á Torre, anímoa sen parar, para, no último metro deixala pasar diante (non o consigo). Cólleme a man en entramos xuntos.

Os dous contentos ela coa súa MMP e eu de novo na competición.

Resultados: 225 e 226, na categoría ela de 4ª  na categoría e de 11 das mulleres;  eu de 13 na categoría, cun tempo de 29.38´´ sobre un total 6.515 metros (os GPS marcaron case os 6.900 m.) A mágoa foi que ata a 6ª muller (a nosa Karina) só houbo 30 segundos e ata a 2ª da categoría de Inés só 14´´. Pero se ela está contenta pois eu tamén.

15/3/14

Da tendinopatía crónica de adutores á punción seca

Hai que actualizar o blog… 

Como lembrades desde setembro teño molestias nos adutores e no pube a pesar diso fixen a Maratona de Porto e participei en moitas probas nos últimos meses do 2013, mais case sen adestrar. 

Desde a San Silvestre da Coruña decidín parar e pasar por todas as mans que se ofreceran para tratar de rematar coas molestias e poder voltar ao asfalto. Deste xeito fixen unha ecografía ("tendinopatía crónica de entidade moderada-severa a nivel de tendón proximal dos adutores...)", pasei polo traumatólogo (“pódeste operar cando queiras”), podólogo, quiropráctica, osteópata e fisioterapeuta. 

Despois desa viaxe polo mundo da bata braca cheguei/chegamos á seguinte conclusión: teño unha brutal contractura nos adutores que como di Nacho Muro:

"… Os adutores son o grupo de músculos funcionais que forman a parte interior da coxa. Estes cinco músculos, o adutor longo, o adutor curto, o adutor maior, o pectíneo e o recto interno, orixínanse nos ósos que forman o pube e insírense na morna (recto interno). Cando estes músculos contráense, aducen ou tiran da perna cara á liña media do corpo. En case todos os deportes, estes músculos traballan para estabilizar a perna e para desacelerar o movemento. Pénsase que as contracturas dos músculos adutores prodúcense cando estes músculos non son capaces de soportar as tensións excéntricas aplicadas durante os movementos de aceleración. Dentro deste grupo de músculos o que máis frecuentemente aféctase é o tendón do músculo adutor longo.

Cando é sometido a sobrecargas repetidas prodúcese unha inflamación na súa inserción (ancoraxe) no óso da pelves, máis concretamente na zona do pube. Adoita aparecer dor o pube ou na cara interna da coxa que se intensifica ao realizar exercicio que implique separación de ambas pernas ou ben ao pechar as pernas contra resistencia". 

Despois das masaxes da quiropráctica e das “posturiñas” do osteópata, rematei empregando, desde finais de febreiro, a chamada punción seca que é: 

"... unha técnica moi efectiva no tratamento da dor miofascial, especificamente no tratamento dos chamados puntos gatillo miofasciales (PGM). Os PGM son puntos de máximo acurtamento dun músculo e son os causantes dunha dor referida (a distancia).


A técnica consiste nunha punción do músculo (nunha banda tensasituada dentro do PGM) cunha agulla estéril de acupuntura co obxectivo de destruír a placa motora, estimular o receptor muscular (huso neuromuscular) diminuíndo de forma inmediata a dor que ten o paciente e producindo unha relaxación muscular reflexa con aumento da elasticidade muscular. A característica de ser unha técnica local coa que chegamos ata o PGM de forma directa, fai da mesma una das técnicas máis efectivas no tratamento das deficiencias (…) relacionadas con problemas musculares". 

Tras catro sesións (faltan dúas) desta punción seca (técnica se ben non é moi doorosa, si resulta un tanto desagradable) e exercicios para fortalecer abdominais a base de isométricos e de traballar cos glúteos medios (temos diso?), as molestias reducíronse moito: desaparecidas se fago trote a ritmo lento e regresan a ritmo “normal”. Afortunadamente teño compaña para estes trotes de regreso ao asfalto: Elisa, Raúl, Pili… Grazas a todos e todas.

Nesta primeira quincena de marzo fixen un total de 53 km coas novas Acsis Cumulus-15 e tamén estreando as novas plantillas.

8/2/14

As feridas do Xallas

Estes días sen deporte e, probablemente, de inicio da recuperación, andando pola rede, atopei no blog amigo Trafegando ronseis esta curta de María Redonda premiada por ADEGA co Primeiro premio de Curtas polo Territorio 2013. Son terras e augas que coñezo ben. Dunha beleza extraordinaria e dunha ocupación terrible:

19/1/14

Sanitas Marca Running Series A Coruña

Semana ben pobre, so 33 km. A decisión está tomada. Hai que parar. As molestias persisten despois de cada saída polo que hai que facer a cura: repouso, pilates, ximnasio, agardar uns días para ir ao osteópata e para estrenar as novas plantillas e as novas zapas. Neses 33 km meto os dez da carreira de Sanitas Marca Running Series na Coruña.

Sen moita ilusión, con pouco adestramento e coa idea de non sufrir, participei na I edición da Sanitas Marca Running Series na Coruña. Fixen o quecemento con CAS e uns metros coa gran Paula Mayobre (1ª absoluta) Saúdo a Rilo e a outros amigos. Tiramos a foto de rigor con algún do Club de Atletismo Sada (que mágoa non estar hoxe en Viana con Jesús, Manuel, Félix…)

A ameaza de chuvia era constante e agardo a comezar a que estivéramos no caixón de saída. Van ser uns tres quilómetros pasado por auga así como os últimos metros. Canto me alegrei de levar unha camiseta técnica por debaixo da do club… porque xa me chegara a molladura da semana pasada na san Xiao.



Saio demasiado preto dos primeiros, esa non era a idea, e axiña van pasando moitos atletas e os compañeiros, primeiro Alvaro, logo un colega da Escola de Idiomas, despois Rilo… Pero teño a cabeza tranquila. Sei que non ten que ser hoxe o meu día e que hai que ir amodo.

Durante os dous primeiros quilómetros son moitos os atletas que me van pasando. Incluso na subida cara a Adormideiras non recupero posicións. Teño sempre a Rilo e a Alvaro a uns metros. Saio de Adormideiras achégome un pouco aos amigos pero ao pe da Torre de Hércules vólvense a marchar. Ía gardando forzas pensando que teríamos que subir ata o pe do faro mais a organización meteunos polo Paseo Marítimo  uns cincocentos metros. Case mellor así.

No regreso vou con un tal Marcelo. Semella ser da miña categoría (45-54) Tiraremos xuntos un par de quilómetros. Ímonos cruzando con outros corredores e recibimos os seus saúdos e tamén nós facemos o mesmo.

O mestre Bernardo anda facendo o seu adestramento e saudámonos en dúas ocasións. Que grande.

Na subida de Adormideiras, saíndo do polígono, Marcelo parece que ten dificultades. Mais na baixada recupérase e tiramos. Á altura da Hípica, (km 8) vaise quedando. Trato de aumentar o ritmo. O cambio é case ridículo. Non hai forzas, non hai quilómetros de adestramento. Volve chover.

A entrada na Praza de María Pita continúa tendo algo de emocionante. O recinto é ben espectacular.

Como non puxen en funcionamento o cronómetro (hoxe non tocaba facer bo tempo), sorpréndome na meta: 37.59´´. Din os colegas que o percorrido en realidade non chegaba aos dez mil metros. Xa me parecía que eu non estou para facer esa marca e menos con este día día de auga e vento e con este perfil.


Resultado (provisorio): meta en 37.59´´, de 48 na clasificación xeral e de 5º na de categoría (que sorpresa) e so por detrás de Emilio Martínez (case recuperado da súa lesión da Sin-Son) de José Luis Bouza (hoxe debeu ir tranquilo), de Fco. Javier Correo, e de José Rilo.

12/1/14

XXXI Carreira Popular de san Xiao. Ferrol 2014

Despois da visita ao traumatólogo, esta semana tocou coñecer ao podólogo co que traballa o Club de Atletismo Sada: estou feito unha merdiña (prono dun xeito peculiar, arco elevado, unha perna máis longa ca outra, as plantillas vellas non serven). Agardo que a finais de mes ter xa as novas plantillas nas novas Cumulus 15. Mentres: iniciarme en pilates, aumentar alongamentos e a flexibilidade na zona da cadeira.

Nos últimos oito días fixen 58 km. Non podo facer máis de 10-12 km por sesión. En caso contrario, como o intentei hai oito días, os abdutores protestan moito. Neses quilómetros conto a participación nunha proba en Ferrol.

XXXI Carreira Popular san Xiao de Ferrol
Outra vez voltei correr en Ferrol. Que ben coñezo ese asfalto, ese adoquinado e ese enlousado do barrio da Magdalena… Inicialmente ía ir con Chema mais a súa cabeciña non o deixou…

As previsións meteorolóxicas daban chuvia a partir das 12.30 horas mais esa xa empezou caer media hora antes da proba pero como o CAS ía preparado… sen problemas. Que carpa máis chula temos.

Tras coller o dorsal, un café, a foto co club (non estaban os 37 participantes do club), cambieime, e fixen o quecemento con varios amigos, especialmente con Luís (segue mellorando) e con Blas (benvido).

Agardo a saída con Luís (meta en 37.19¨¨) e con Baltasar (meta en 36.34´´). Saio cos primeiros mais como sei que non teño que estar ben, non me preocupo ao ver como a xente vaime pasando. Charlo con Javier (meta en 38.56´´) quen por fin curou a rotura de fibras, tamén con Pedro (meta en 39.16´´) quen me propón tirar xuntos como en Mugardos (dígolle que non podo e que tire el). Rematando o primeiro quilometro xa non me pasa case ninguén.

Desde o terceiro quilómetro o ceo abriu as portas e decidiu baleirar sobre nós todas as súas reservas de auga. Creo que empezo a sentirme mellor pois voume achegando a xente que teño diante, como José (meta en 39.52´´) con quen sempre coincidido en Ferrol e tamén en Porto. Así desde o catro, polo barrio da Magdalena, vou cómodo e tirando. Levo ao meu carón a dous rapaces.
Tirando polo Arsenal

Paso o 5 en 18.42´´. Bo tempo, dígome. É para baixar de 38 minutos. Son quilómetros baixo toneladas de auga e vento así como nadando sobre os regatos que se van formando. 

Ao saír do barrio, pásame Alvaro (meta en 39.09) e quedo preocupado porque vaime metendo distancia con moita facilidade. A pesares de que por detrás non ven ninguén empezo notar que baixo o ritmo. 

O derradeiro quilómetro fáiseme eterno: non para de chover, hai moitísima auga na estrada. Na subida pola avenida de Esteiro collo a un compañeiro e anímoo a ir polo  que temos diante. Non pode e tiro. 
Subindo pola avenida de Esteiro

Vexo o crono na meta. Decepción pero hai que ir asumindo o estado de forma. Se non se adestra non se corre. O primeiro ten que ser mellorar o estado físico e logo xa farei os adestramentos.

Tras cruzar a meta, saudar a compañeiros, recoller algo sólido (non podo comer nada) e líquido (so tomo o caldo quente) e marchar para o coche, secarme, cambiarme e para a casa.


Resultados: sobre un percorrido de 10 km (sería algo máis?) fixen 39.32´´ entrando de 60 sobre un total de 701 persoas e de 7 na categoría (maiores de 45) a un ritmo (que pobre) de 3.58´´.

Fotos en carreira de Adrián R. e de José Antonio Paz

1/1/14

IV San Silvestre Rialto A Coruña 2013

Por fin remata outro ano. Outro período con moito tempo lesionado pero tamén con moitas carreiras realizadas. Foron 2.238 quilómetros. Non son moitos mais se lembrades que o primeiro terzo do ano estiven parado… pois non están tan mal. Ademais participei nun total de 24 probas.

Tras a malleira recibida o luns no ximnasio (dúas horas con Toni son terroríficas), o martes rematei o ano na san Silvestre da Coruña, proba que vai x apola cuarta edición e que realmente está consolidada no magnífico circuíto de carreiras populares da cidade.

Despois de tirar una fotos con Raúl e familia, buscamos ao completísimo equipo presentado polo Club de Atletismo Sada: case 50 participantes. Sen facer practicamente quecemento, coloqueime ben diante na liña de saída ao carón do Roberto e de Jesús. Saídos desde a avenida da Mariña e non desde a Praza de María Pita. Busquei saír diante posto que a participación ía ser moi alta (2000) e coa intención de tirar rápido nos primeiros metros para logo buscar o meu ritmo.

Axiña facemos case una única liña de corredores. O mestre Bernardo está no seu lugar de sempre para animar aos participantes (chocamos as mans) e a tirar. Durante o primeiro quilómtro o xeonllo dereito non para de estalar. Faime correr dun xeito raro e preocupante. Despois de chegar ata o Náutico, iníciase a primeira subida. Ata aí fóronme pasado corredores, mais sabía que desde aí iniciábase a miña carreira. Vexo preto a José Rilo (compañeiro de categoría e de anos de estudo). Téñoo preto mais non son quen de chegar onda el. Pásanme Roberto e Jesús. Vexo ao lonxe a Jose A. Pouco a pouco vanme collendo metros.

Cando rematamos a subida  do Club do Mar teño a Rilo realmente cerca pero aínda non o collo. Na baixa por Adormideiras non me pasa ninguén e iso si que é unha noticia. Cando imos subindo cara a Torre e abandonado Adormideiras, póñome detrás de Rilo e case cruzamos xuntos o control de tempos.

Cando iniciamos a baixada de volta xa teño a oportunidade de saudalo e falar algo con el. Tiramos xuntos. Cruzámonos cos participantes que van cara á Torre e animámonos mutuamente. Á altura da Hípica para que o meu colega vaise quedar. Trato de animalo para que manteña o ritmo nas miñas costas pero non é quen de facelo polo que me toca tirar para diante en solitario. Os cambios de posición son mínimos aínda que vou pasando a algún que outro atleta. Volvo saudar a Bernardo e fágolle o último quilómetro a un rapaciño que me esprita e gáñame. Antes de entrar en María Pita póñome o gorro de Nadal e sorrío para a foto.

Grazas pola foto, Ana

Na meta vexo que entro xusto detrás Alvaro e xa axiña Rilo. Saúdamos. Xa teño sentados a Roberto (sacoume 14´´) e a Jesús (sacoume 38´´) a Jose A. nin o vexo (sacoume 1.25´´).
Foto de Ciudad de Cristal, (Grazas, Carlos)

 
Despois de entrar na meta, medei a camiseta, collín a cámara de fotos e iniciei de novo o percorrido na busca dos amigos. Vou tirando fotos polo camiño ata chegar onde Raúl e familia. Fago con eles outro quilómetro, animando ás súas fillas e tirando fotos. Despois de ir ata María Pita, regreso para ver ao grupo mellor disfrazado, os Picapedra co seu troncomóbil, por suposto  do CAS.

Resultados: fixen meta en 27.59´´ (30 segundos peor ca hai dous anos), de 33 na xeral e coa sorpresa de seren o primeiro da categoría, a un ritmo de 3.38´´ o quilómetro. O trofeo é dos poucos que me gusta: unha reprodución do cartel da proba feito por Cabezas, un dos artistas coruñeses que máis aprecio e do que teño na casa algún óleo.


29/12/13

IX Carreira Popular Fin de Ano Mugardos-Ares-Mugardos

Continúan as boas novas. Semella que as molestias dos abdutores están case desaparecidas. Resta una consulta co trauma o vindeiro luns e continuar co tratamento regular co osteópata.

Como as molestias son case inexistentes, esta semana trotei seis días. Non me coincidiu ningún para ir ao ximnasio. Nun deles saín con Pili (que grande) e neste domingo participei, por quinta oportunidade, na IX Carreira Popular Fin de Ano Mugados-Ares-Mugardos. En total foron 78 quilómetros. Había moito tempo que non facía tantos.

Despraceime ata Mugardos con Raúl. Con tempo, recollemos dorsais e puidemos charlar con outros atletas: sempre queixándonos das nosas dores. Como somos!. Fixemos pouco quecemento. A temperatura era ben fría. O Club de Atletismo Sada enviou una boa representación, como sempre.

Saímos en descenso en dirección ao porto. Sempre hai rapaces que se fan un sprint nos primeiros cincocentos metros. 

En canto comezamos a subir, achégaseme  Álvaro, quen tras saudarnos, vaise marchando ao igual que un colega de Boimorto, da miña categoría e con quen coincido nas probas do verán. Logo colleume Pedro Caro, do blog irmán Las zapatillas del 42. Tras presentarnos, tiramos xuntos. Cando principia a segunda subida, parece que se me marcha pero, como sei que ultimamente non se me da mal tirar para arriba, acabo colléndoo. Son quilómetros nos que charlamos sobre os blogs e especialmente sobre o amigo que temos en común, o gran Blas Pura Vida ademais da machada que se fixeron o día anterior, un espectacular trail polas terra de Aranga de tan só 29 km.

Tras rematar a gran subida xuntos, iniciamos o descenso cara a Ares. Cando rematamos a baixada un terceiro atleta ponse onda nós e mesmo considero que me estorba un pouquiño tendo que deixarme caer un metro por detrás deles. Mais xa polo paseo de Ares imos tirando de novo os dous. Collo auga e pásolla a Pedro. Saíndo de Ares vén xa a gran subida. Nos primeiros metros vaime collendo distancia, parece que leva un ritmo realmente mellor ca o meu. Cruzámonos coa xente que está chegando a Ares. Vexo realmente ben a Raúl. Saudámonos.

Tras os primeiros trescentos metros da subida, achégome de novo a Pedro. Póñome en paralelo e a subir. Mediada a costa vexo que xa non vai tan ben. Anímoo e mesmo cando xa está a rematar, trato, de novo de animalo aínda máis. Insísteme para que me marche pero na miña cabeciña xurde a idea de entrarmos xuntos.

Despois da subida, cóllolle uns metros pero trato de continuar animándoo. Cando fago o derradeiro xiro, colócome o gorro do Nadal e párome uns metros antes da meta para agardar por Pedro. Vexo que o colleron outros catro atletas. Entramos xuntos.

Resultados: entro de 16, cando en realidade ía de 13 detrás do grande José Leis. En Ares pasei de 17. O tempo foi de 40.04´´. Non había premios pero creo que entrei de segundo de categoría detrás de José Leis.

E con esta proba van xa 105 probas rematadas… quen o diría. Ben lembro a primeira, unha Pedreste de Santiago con Pili, Juan e Julio e, logo, a nosa primeira Vig-Bay... Grazas amigos.